viernes, 25 de enero de 2013

25 de xaneiro de 2013. Apuntes sobre Palestina. Hadeel.


Hai uns anos era un motivo de discusión ou de diálogo habitual o de “sabían os alemans ou non o qué estaba ocorrendo nos campos de concentración?” (Os alemáns que non eran guardiáns dos tais campos, nen membros das SS ou altos cargos do partido nazi, se entende). E, no suposto de que sí o souberan, “como é que non fixeron nada pra intentar impedilo?” Xa vos digo, era un tema do que se falaba bastante; mesmo hai algunha película e algunha obra de teatro que tratan do asunto.
Dende logo era un xeito ben tonto de plantexar un problema moi complexo, pero que daba pé a, ás veces,  rematar falando de cousas moi interesantes (a responsabilidade persoal, a “obedencia debida”, o dereito a rebelión, e outras). Por suposto, a maioría das veces a cousa quedaba nun par de lugares comúns sen maior alcance.
“E, se o sabían, como é que non fixeron nada para intentar impedilo?”
Hoxendía, sabemos, se queremos, o que está pasando en Palestina. Sabemos dos asasiñatos, selectivos ou aleatorios. Sabemos das casas derrubadas, da terra roubada, da auga desviada pra que non chegue as aldeas, dos cultivos arrincados. Sabemos das mulleres esterilizadas á forza. Sabemos dos muros de seguridade que parten vilas pola mitade. Sabemos dos controles de seguridade diarios pra ir ó traballo, á compra, á escola, e para voltar á casa. Sabemos dos detidos sen xuizo e en condición inhumanas. Sabemos do bloqueo a Gaza, e do que pasa cando alguén intenta rachalo. Sabemos dos milleiros de refuxiados que non voltarán o seu país, dos milleiros que  xa morreron lonxe do fogar.
Sabemos que nas campañas electorais de Israel se prometen mortos palestinos para subir nas enquisas. Sabemos que se incumplen, unha tras outra, as resolucións da ONU, e que á “comunidade internacional” lle da o mesmo. Sabemos que a constante implantación de novas colonias ultraortodoxas no territorio palestino é unha mensaxe clara do goberno israelí: isto vai continuar así mentres nos queiramos.
Sabemos, ho, sabemos. Claro que sabemos. Dende hai moitos anos, dende hai moitos abusos, dende hai moitos mortos.
Quero pensar que haberá xente no futuro que se preguntará “E cómo é que non fixeron nada para intentar impedilo? Como se podían mirar no espello? En qué estaban pensando?”
E qué poderíamos argumentar no noso favor?   
Pouca cousa, a verdade.
A chamada “comunidade internacional” podería facer algo, pra variar. Podería, por exemplo, conxelar as contas de Israel no extranxeiro; podería ditar orde de busqueda e captura contra todolos integrantes dos sucesivos gobernos israelís, e dos mandos das suas forzas armadas; podería suspendelo comercio con dito país; podería afastar a Israel de todo evento deportivo ou cultural internacional;  poderíase aplicar a Israel o mesmo control sobre armamento nuclear que se lle quere impor a Irán; podería crear un corredor humanitario cara Gaza … poderíase, en fin, intentar facer cumprir as resolucións da ONU. Pra variar.
            O pobo xudeu ten sufrido moitísimo. Habería que ser moi miserable pra iñorar ou menosprezar este feito. Pero de nengún xeito pode esa tremenda dor xustificar a política de apartheid e opresión que leva a cabo o Estado de Israel sobre o pobo palestino dende hai seis décadas. Penso que esa política é un insulto á memoria dos seis millóns de persoas xudeas asasiñadas polo réxime nazi e os seus aliados.
           
            Pódese facer algo agora e dende eiquí (tendo en conta que os nosos “representantes” non van facer nada ó respecto)? Pois algo sempre se pode facer.
            Un pódese unir ó boicot ós produtos israelís que están traballando numerosos colectivos e organizacións de todo o mundo (algúns dos cais, hai que recoñocelo, son moi pouco recomendables; hai de todo). Os produtos israelíes identifícanse cos números 729 no código de barras. O certo é que é ben doado non consumir estes produtos, xa que a meirande parte deles son directamente superfluos ou remplazables sen dificultade algunha. Hai centos de páxinas en Internet que tratan sobre esta campaña, algunhas das cais incluen listas de productos concretos.
Hai en marcha, tamén, a nivel mundial, un boicot cultural. Neste enlace (se funciona), vos queda o manifesto galego e a lista de asiñantes, que segue en aumento día a día: .www.tk.saramaganta .
(Hai xente que está en contra destas actuacións. O prestixioso (?) filósofo (??) e pensador (¡!) Bernard Henri-Levi, que ten páxina aberta no El Pais sempre que quer, que pra iso é moi listo, explica –El Pais, 30/01/2011- que non se pode boicotear a Israel en nengún senso porque Israel é una democracia; que boicoteemos mellor a Sudán. Se nota que ten estudos, o home. Tamén hai xente que está en contra e que posiblemente sexa normal e teña boas intencións.)
Pódense mover páxinas coma ésta que estás lendo, e páxinas mellores ca esta.
E, boeno, cando Israel pasa dos asasiñatos selectivos e/ou aleatorios á carnicería pura e simple, soe haber manifestacións e actos de denuncia. Non acostuman a ser moi numerosos, polo menos por esta parte do mundo. Pero qué se lle vai facer.
(E dirá alguén: “Ir a manifestacións non serve de nada”; pero, a verdade, é que nunca se sabe. A ún, cando lle pisan, berra. Qué menos. E, ademais, se ve xente, se fala, te dan folletos que dín cousas distintas das que saen na tv, e se respira un pouco.
E dirá outro: “Con todo o que está pasando neste país, e perde-lo tempo co que está pasando na outra punta do mundo”; pero, en realidade, quen dí cousas coma ésta non soe facer nada, nen eiqui, nen alí, e, ademais, a xente que participa nese tipo de actos soe estar implicada en movimentos sociais, culturais e políticos directamente relacionados co chan que pisan.)
Boeno. Imos rematando por hoxe. Por segunda vez neste blog, Rafeef Ziadah, e un poema titulado “Hadeel”, vía you tube, con subtítulos en castelán. (O vídeo ten unha posproducción, ou como se chame, non moi afortunada, pero o poema é realmente bó e o que transmite e realmente duro. Penso).
As principais armas do poder son a nosa desidia, a nosa iñorancia, e a falla de comunicación entre nós. É dicir, cas principais armas do poder están, en certo xeito, nas nosas mans. Ata a próxima.


1 comentario: