miércoles, 9 de enero de 2013

8 de xaneiro de 2013. O 2012 non foi tan malo: un repaso a concertos. E tal.





Seica o outro día, aí atrás, non rematou o mundo, como algúns predictiran (ou predixeran). Nunca se sabe. Ó mellor sí rematou i eu non me enterei; non sería raro. Últimamente non me entero de nada.  O que é seguro é que cada día é o fin do mundo para moita xente.
O que sí que rematou foi o ano (que agora podemos chamar “ano pasado”). Diso estou case que certo.
Unha cousa que fai moita peña cando remata un ano é o tema das listas de cousas mellores do ano. Xa sabedes: as dez mellores pelis do ano, as mil cancións do ano, os quince mellores cociñeiros bizcos que non sexan nen vascos nen cataláns, os catorce políticos mais atractivos… Pódese facer listas de todo. Se lle botades unha ollada ás revistas ou páxinas de Internet ou programas de t.v.  que traten de cine ou de música ou de tendencias (?), toparedes listas de todo tipo, algunhas francamente divertidas.
O caso é que me dixen “oes, fagamos unha lista”. E inmediatamente me respostei e me preguntei, simultaneamente: “pra qué?” E é unha boa pregunta, a verdade. É o tipo de preguntas que non se deberían facer nunca. Vaia, é a típica pregunta que se cha fas a primeira hora da mañán, non te levantas da cama.
Porque, a ver, pra qué é que facemos cousas coma ésta (o blog, o das listas, escribir cousas que non lé ninguén, tirar fotos…)? Pra impresionar a alguén? Pra demostrarnos a nos mesmos que inda estamos vivos? Pra nos distraer mentras agardamos o fin do mundo particular de cada ún de nos? Por inercia? Pra deixar unha marca no transcurrir do tempo que sinale a nosa presenza nun intre determiñado?. Mexadas de can…
Pero sonche cabezón (literal e figuradamente), e convencínme a mín mesmo (“veña, tío, qué mais te da, unha lista sempre mola, mira os do El País e tal, tampouco custa tanto…”). E, por non me aturar mais, accedin. Así que acordei facer unha lista.
Vale. Pero unha lista (selección) de qué.
Porque xa sabedes que a actualidade non é o meu. Quero dicir que nunha lista cos mellores libros do 2012, por exemplo, quedaría un pouco chungo meter cousas que se editaron en 1967. E o certo é que probablemente non lín nada durante o ano pasado  que fose escrito ou publicado nese ano. Se falamos de discos ou películas, en xeral, me sucede o mesmo.
Boeno, pois todo este rollo que antecede vai para dicirvos (se inda estades aí) que a cousa vai de repaso a concertos do ano pasado. Ilustrado con bonitas fotos feitas polo autor. Clasificado por categorías. Veña.
Primeira categoría. Premio especial ó concerto decepcionante do ano: Keb’ Mo’, no Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, en xullo. Polos cravos de Cristo. Por momentos me parecía estar oindo a Eric Clapton ou un deses, pero inda mais edulcorado e tonto. Blues envolto en papel celofán para que non arañe.
Segunda categoría. Concertos ós que non fun, querendo ir (motivado). Nacho Vegas, en Santiago (entradas vendidas 15 días antes do concerto, e eu sen enterarme); Xumrrá, no Teatro Ensalle (problemas de saúde); Iago Fernández e Virxilio da Silva, no Xancarajazz (saúde); Joshua Redman, en Pontevedra (agotamento laboral); Isga Collective e Xardín Desordenado, no Concello (retraso de 4 minutos na entrada (?)); Marcos Pin, en La Pecera (saúde). E algúns outros que seguro que me esquezo. Por certo, moi mal andiven eu de saúde o ano pasado, agora co penso.
Tercera categoría. Concertos que estiveron moi, pero que moi ben: So son dous (2us), no Bar Hipólito, en novembro; Pablo Carrera (cun gripallón importante)  en La Pecera, en novembro; Alamanouche, no Xancarajazz, en outubro; Woyza e Isaac Garabatos, no Cabiria (en setembro ou outubro); Mónica de Nut Trío, no Salason de Cangas (maio ou xuño, por aí), Ruxe Ruxe, por suposto, no Festival Folc de Vilariño, Silvia Penide, en Pontevedra…
Categoría especial. Gran premio do xurado, gran premio do público, tedes un café pago:
-MBM Trío, no Bar Hipólito, en decembro. Lucía Martínez á batería, Antonio Bravo, guitarra, e Baldo Martínez, contrabaixo, fixeron un dos concertos mais intensos, imaxinativos e cun nivel de interpretación mais alto ós que eu teño asistido nos últimos anos. A revelación da noite (pra mín, que son moi iñorante) foi Bravo, a quen considero dende xa dos mellores guitarristas que se poden topar na actualidade.
- Max Gómez Cuarteto (Max, batería, Iago Fernández, batería, Paco Charlín, baixo, Mortagua, saxos), no Contrabaixo, en novembro (creo). Impecable. Intenso. Xenial.
Mención especial pró dúo Escuchando Elefantes, que habitualmente tocan, orgullosamente,  nas rúas das nosas vilas. Este ano me coincidiu miralos tres ou catro veces na Rúa do Príncipe, e sempre me alegraron a tarde.
Mellor concerto do ano. Jato douro. Café pago, e prá próxima vos axudo a cargar material, se a saude mo permite.
Exaequo (como mola pór según que palabras):
- Lucía Martínez Cuarteto, tamén no Bar Hipólito, en decembro. O cuarteto regular de Lucía (Minnermann ó contrabaixo, Brandao ó saxo e frauta, Neves o piano) explotando o magnífico disco “Soños e delirios”. Un cuarteto en plena forma, moi ben conxuntado, dos que xa vos teño falado (ben). Un grupo que hai que ver sempre que se acheguen polo pobo. Vos recomendo compulsivamente (xa sei onde van parar as miñas recomendacións, pero en fin) a escoita do tal disco. A única pega do concerto: xente de mais. Pero é lóxico. Somente para escoitar “Perto do 177 da Rua Moreiras, en Porto” pagou a pena ir ata Travesas.
- Mónica de Nut e Virxilio da Silva, agosto, na Praza da Constitución. Pra mín, un concerto ideal: unha proposta arriscada, un público heteroxéneo, ó ar libre (vaia, que se podía fumar), opinións enfrentadas,un moi bó son, espazo pra Mónica se mover (as veces da un pouco de angustia vela en sitios pequenos), un repertorio excelente defendido con solvencia,  unha moi sólida interpretación de Virxilio (pero qué bó é este tío), e ... Boeno, estaban que se saían, esa noite. De feito, se sairon. Por algún motivo,sempre que penso nesta xente a palabra que me ven á cabeza é honestidade… Pegas: un pouco curto de mais, non fixeron “Como deita o tempo”, e se me rematou a batería da cámara ós cinco minutos de empezar. De feito, a foto que vai por aí, nalgures nesta páxina, non se corresponde a esa actuación. Péro é moi chula. Porqué non hei de cantare…eso, por qué non.

E xa está. Cada vez son mais brasas, xa o sei. Sinto.
Todolos músicos mencionados están vivos e en activo, que eu saiba. É dicir, cabe a posibilidade que neste ano toquen perto de onde ti vives. Non hai actuación das reseñadas á que eu non volvería ir con gusto (agás a do Keb’ Mo’). Ou sexa, que volas recomendo todas e cada unha delas. Encarecidamente.

Ben mirado, o 2012 foi, pra según qué cousas, un ano bastante bó. Pero, xa sabedes, “The best is yet to come”.


No hay comentarios:

Publicar un comentario