martes, 5 de febrero de 2013

5 de febreiro de 2013. Agardando.


Un home só agarda na sá de espera.
Un home, só, agarda na sá de espera.
Senta nunha cadeira, érguese, senta en outra. Hai sitio de abondo. Érguese. Pasea.
Agarda.
Luz branca. Zumbidos. Revistas nunha mesa.
Colle unha e lle bota unha ollada. Non entende nada do que pon alí. Nen sequer sabe en que idioma está escrito. Deixa a revista enriba da mesa. Séntase en outra cadeira. E agarda.
Xunta as mans, coma se estivera pregando.
Descubre que se pode estar mortalmente asustado e mortalmente aburrido ó tempo.
Érguese, camiña ata o outro extremo da sá, séntase en outra cadeira. Agarda.
Chégalle o ruido do tráfico de alá baixo, na rúa. Cré ouvir voces, música. A vida segue, alá abaixo.
Desexaría máis que nada sair pola mesma porta pola que entrou hai … canto hai diso?,  premer o botón do ascensor, chegar ó portal, encender un ducados, sair á rua, empaparse do orballo que antes estaba a cair (seguirá caindo agora?), e camiñar, camiñar rápido sen deterse, sen dirección, esquivando a xente coa que se cruzara, camiñar e  seguer camiñando ata que lle estouparan os pulmóns dunha puta vez.
Cambia de sitio. Colle outra revista, pero nen sequer intenta comprender o que está escrito. Agarda.
Pódese súar e estar morto de frío ó tempo.
Un home só agardando na sá de espera.
Unha porta se abre. Unha voz sen inflexións pronuncia o seu nome.
Érguese e diríxise cara á voz. Obedente, rendido, vendido.

________
A foto de enriba (miña) recolle unha peza, sen título, colección particular, de PFM (purificacionfernandez.blogspot.com). Barro branco e gres (penso). Lévolle tirado mil fotos, e non a remato de coller.
Vos deixo cun extracto dunha obra de teatro que vin hai xa uns cantos anos, e que non me dou quitado da cabeza. A obra é "As veces sentímonos tan cansos que facemos estas cousas", da compañía teatral  Novedous. A  mín deixoume abraiado. Non sei se esta compañía existe na actualidade, nen se é posible ver esta obra nalgures.

E xa está. Se me queredes algo, pois mo decides. Vémonos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario