viernes, 26 de octubre de 2012

26 de outubro. Análise postelectoral psicotico. De gaivotas e homes.

Probablemente vos teredes enterado co domingo pasado houbo eleccións ó Parlamento Galego. E mais seguro que coñecedes os resultados. Boeno.
            O caso que ía eu o outro día no Vitrasa (o cal non é raro: collo catro buses ó día, cinco días á semán, cunha media de trinta e cinco minutos por viaxe), escoitando o penúltimo traballo de Gurú (que estea na groria), cando de súpeto asaltoume unha serie de pensamentos inquetantes. Porque, nefeuto, a mín os pensamentos asáltanme, e, a miudo,  inquétanme.
            Saberedes, e se non volo conto eu, que de cada 100 galegos inscritos no censo eletoral, o outro día foron a votar uns 65, aproximadamente. Deses 65, uns 30 ou 31 votaron polo PP. Ou sexa, un pouco menos do 33 por cento. Pero imos coller un terzo, porque da mais xogo (narrativamente falando). Vaia, que  unha barbaridade enorme de xente votou polo Sr. Feijoo. Vale, hai bastante mais xente que non votou polo Sr. Feijoo, pero unha cousa non quita a outra. E nesas cousas ía matinando eu (“canta xente que votou polo Sr. Feijoo”), a bordo do Vitrasa, en dirección centro á altura da empacadora de Guixar.
            Porque, a ver, hai uns cantos milleiros de persoas (cargos públicos, xente que traballa para o partido, xente que ten empresas con contratos coa Administración, tipos con grandes fortunas, familiares, amigos íntimos, amantes e protexidos  dos anteriores) que, evidentemente, van votar polo PP de todas, todas, pola conta que lles ten. E ó mellor hai xente que fixo algún tipo de promesa a algún santo local (do tipo “San Cosme, se me curas o sarpullido son quen de facer cousas francamente asquerosas no teu nome, incluso votar o Sr. Feijoo”, por exemplo). E algún haberá que tivo algún sono premonitorio, ou escoitou voces na sua cabeza co impulsaron a votar ó Sr. Feijoo (“Se non votas o Sr. Feijoo a tua casa arderá atá os cimentos, se te morrerán as bestas,  o Celta baixará a segunda para sempre”; ouvir esto estando a soas ten que impresionar).
            Pero descontando os casos anteriores, e algún outro que agora mesmo non se me ocorre, hai que supór que a maior parte da xente que votou a candidatura en cuestión fixóo porque quixo.
            É neste intre foi cando realmente comencei a me preocupar. O bus ía xa polo Nudo. No Mp3 puxen o disco ese tan bó de Erykah Badu en directo, que sempre me anima bastante, para ver de me distraer, pero nada. Cal torrente impetuoso, a inquietude asologau  a miña ialma (toma!). Por qué un galego normalmente constituído ía querer votar polo PP? Inda mais, qué siñifica votar polo PP?
            Tal como eu o vía entón (e sigo vendo hoxe, que despois de todo só pasaron dous días), votar PP é antepór unha certa idea, moi discutible, de orde, á xustiza ou á igualdade. É situarse do lado do forte fronte ó débil: do patrón fronte ó obreiro, do caseiro fronte ó inquilino, do banco fronte ó xubilado, do policía fronte ó estudante. É pisotear ós que están por debaixo, mentres se é servil cos que están por riba. 
            O mesmo feito de votar xa é, en se mesmo, raro. Introducir un papeliño nunha furna onde están escritos os nomes das persoas que queres que te gobernen é antinatural, rídiculo, triste (porque, entendámonos, escollemos gobernantes, non representantes, o cal é unha diferenza notable). Pero votar o PP é un paso mais aló: é unha irresponsabilidade social.
            É abraiante: milleiros de galegos, alegremente, a golpe de papeleta,  dispostos a pór en perigo a sanidade e a educación  pública,  amosando un profundo desprezo pola propia cultura e lingua, manifestando a sua disponibilidade para secundar políticas surrealistas, apoiando incluso o arrasamento da propia terra se económicamente é rentable. E a cambio de qué? Pois de prolongar catro anos mais o fracaso político, a ruina económica, o deserto cultural, a mediocridade e insulsez extremas, o sometimento a  intereses alleos e extraños, a quebra moral que supón o goberno do Sr. Feijoo. Tal como eu o vexo.
            E da un pouco de medo, a verdade. Erykah Badu seguía aí, nos cascos, pero eu case que non lle prestaba atención. Porque, seguindo o fío do pensamento (que a estas alturas xa non era pensamento nen era nada), tiven unha visión, unha revelación: un terzo dos galego-censados, un exército de mais de seiscentas mil persoas, cada catro anos vanse converter en zombie-votantes, van sair das suas casas coa papeleta das gaivotas na man, van chegar o colexio electoral (non se perden, non) e van a acertar coa ranuriña da furna, onde depositarán o seu voto a favor do Sr. Feijoo ou doutro tipo semellante, e lexitimarán unha e outra vez o goberno da barbarie e o despropósito. É unha maldición, ou algo así.
            O bus chegou as Travesas, baixeime, prendín un pito, respirei un pouco, recupereime. Pensei, “qué boa que é a Badu ésta”. Pensei “teño que me lembrar de cargar a tarxeta do bus”. Pensei, “mira que es cenizo.” Pensei "pensa positivamente de cando en vez, ho". Si, por qué non...
            Tampouco é pra tanto. Porque xa sabíamos o que había, e porque o problema non é quen gañe ou perda unhas eleccións (ímolas perder todas), se non que imos facer  ó respecto. E nestas estamos.
            Confuso e longo, sen moralexa. Tedes razón.
             Vos deixo aí a continuación outra cousa de 2us, que pertence o seu primeiro disco, que, insisto, vos recomendo encarecidamente. Veñen de sacar outro, que todavía non tiven ocasión de escoltar, pero que seguro que tamén é bó. Non vos poño enlace porque non o teño. Aí vai, Jazzmine:


  
            Duas notas aclaratorias. Primeiro, se eu fago un escrito sobre o PP ou sobre as eleccións ou sobre a extinción do gato gris e a continuación poño unha foto ou un video de alguén, non estou relacionando para nada o primero co segundo; por exemplo, neste caso, é evidente que nen o duo de Santiago nen a canción teñen nada que ver coa teima que vai antes, que eu saiba.  Vale. Segundo, teredes observado que   nos videos de You Tube, cando rematan, aparecen unhas fiestras que te remiten a outros videos; boeno, eu fágome responsable, por así decilo, do primeiro, do que poño eu. Se a continuación sae  Miguel Bosé ou algo semellante, sinto. Vos mesmos.
            E xa está. Coidadevos ben, e disfrutade na compaña dos vosos animais domésticos preferidos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario