jueves, 18 de octubre de 2012

18 de outubro de 2012. Fine and Mellow

O día 8 de decembro de  1957, domingo,  a cadea de televisión CBS emitiu un programa especial adicado o jazz co imaxinativo título “The sound of jazz”, grabado en directo, e que pretendía dar unha perspectiva de diferentes estilos de jazz dirixido ó gran público. A producción do programa reuniu unha cantidade de músicos considerable (32 en total), que abarcaban dende a gran época (en termos de popularidade) do jazz, o swing, coa presenza da orquestra de Count Basie, a música mais ou menos de vangarda, con Thelonius Monk ou Jimmy Giuffre.
Unha das actuacións presentaba a Billie Holiday cunha banda creada prá ocasión baixo o nome de Mal Waldron All Stars, que incluía a Ben Webster, Roy Elridge, Coleman Hawkins, Lester Young, Gerry Mulligan, Vic Dickinson, Doc Cheatham, Milt Hinton e Osie Jonson, ademais do propio Mal Waldron, pianista habitual de Holiday naquela época. A maior parte deles iniciaran a sua carreira a mediados ou finais dos anos 20 nas mellores orquestras da época (Duke Ellington, Fletcher Henderson, o propio Basie…) antes de se converter en líderes das suas propias bandas; sorprende a inclusión de Mulligan, non por ser o único branco no grupo, se non porque pertence a outra xeración posterior, a de postguerra, e normalmente se move nun parámetros distintos do resto de solistas da banda. En todo caso, expor eiquí a carreira de Hawkins, de Webster, de Dickinson, de Elridge, de Mulligan, a sua aportación á linguaxe do jazz e do blues,  superaría con moito as modestas intencións desta páxina.  Hai excelentes sitios en Internet, cantidade de material publicado e moitísimas grabacións nas que podedes afondar no coñocemento destes grandes músicos, e, sobre todo, disfrutar da súa obra.
            A idea é clara: tratabase de reunir arredor de Billie Holiday unha serie de destacadísimos músicos, que se coñecían dende había décadas e  que nos últimos anos non tiñan ocasión de tocar  xuntos en directo. E, sobre todo por parte do crítico e asesor musical do programa Nat Hentoff,  propiciar e documentar o reencontro entre a cantante e o saxofonista Lester Young, cuia relación interrumpírase moitos anos antes por motivos que inda hoxe se descoñecen.
            A Billie Holiday do ano 57 segue sendo unha figura moi popular e atractiva para o público, malia levar mais de dez anos sen ter un éxito de ventas. Graba con regularidade, sobre todo standards e medios tempos, e algunha das suas actuacións son auténticos acontecementos. Pero o consumo de drogas e alcohol, o acoso do FBI, a retirada do permiso para actuar en locais de New York onde sirvan alcohol (o que a obriga a continuos desprazamentos para contratos de, as veces, unha soa noite), e a convivencia con tipos de carácter violento, que a miudo abusan dela físicamente (suxeitos que polo visto exercen una grande atracción sobre a cantante; o seu marido naquel intre era un matón-cobrador da mafia), teñen deteriorado seriamente a sua saude, e a sua voz.
            Nunca foi unha cantante “potente”; é única e irrepetible polo xeito de frasear, polo control (e a veces desprezo) sobre o tempo da canción, pola sua expresividade, pola sua capacidade para “ler” a canción e “contarnola”. Pero agora, cada vez mais, soa extremadamente fraxil e feble. Ten a reputación de non ser “fiable”.
            Pero hoxe (o 8 de de decembro de 1957) semella estar feliz cos “seus chicos”, algúns dos cais, como Ben Webster, foi amante seu moitos anos antes. Acordan interpretar un blues composto por Billie (“Fine and Mellow”, grabado por primera vez no ano 1933, e cuia cara B era “Strange Fruit”), ensaian pola mañá, e vanse comer a casa da cantante, en Harlem, que cociña para todos. O programa está previsto que se emita ás cinco da tarde.
            A gran dúbida é Lester Young. Dubídabase se ía aceptar tomar parte no programa; despois, se ía aparecer no teatro onde se ía grabar; e, mais tarde, se ía ser capaz de tocar. O seu aspecto e atitude alarman a todos: semella moi enfermo e canso, non fala con ninguén, séntase nun curruncho, non sae a comer cos demais.
            Lester e Billie coñécense dende os primeiros anos 30, e durante moito tempo mantiveron unha relación considerada como moi estreita e moi rara. Seica os alcumes que ambos teñen (“Lady Day” e “Prezz”) foron postos polo outro. Lester é o músico preferido da cantante durante os anos 30 e 40, e os dous aparecen en cantidade de grabacións, ben ó nome do pianista Teddy Wilson, ben ó de Billie Holiday and Orchestra, ou ben na banda de Count Basie. Entre as influenzas recoñocidas por Holiday están Bessie Smith, Louis Armstrong, Ma Raney, e o propio Lester Young, en canto o fraseo e o sentido do tempo. Máis aló diso, moitos coñecidos considerannos “noivos” en certo xeito, a pesares de que cada un pola sua banda casa varias veces e ten numerosos amantes (cousa que eles nunca foron, seica). Para os críticos, aficionados e mitónamos do jazz son a parella (musical) perfecta.
            Young é dende sempre unha persoa extravagante: ultrasensible, maniático, fala moitas veces nunha especie de xerga inventada por él mesmo, móvese como a cámara lenta… A sua traumática experiencia no exército durante a II Guerra Mundial (onde pasa un ano nun batallón disciplinario por se lle ter descuberto marihuana na taquilla) convértenno definitivamente nunha figura tráxica. Inda que volta a música, e para moita xente os últimos anos da década dos 40 son a sua mellor época como músico, non volta se-lo mesmo, e xa nos 50 perde a confianza como músico, alterna grandes actuacións con noites nos que non é capaz de tocar unha soa nota, e alcoholizase completamente, deixando prácticamente de se alimentar e de coidar a sua saude.
            Ninguén sabe por qué, a relación, tanto musical como persoal, entre Holiday e Young interrúmpese nalgún intre dos anos 40.
            E agora (xa sabedes, o 8 de decembro de 1957, un domingo que rexistra nevadas espectaculares en New York ), nos estudos da CBS na 9ª Avenida, Billie Holiday e Lester Young voltan a actuar xuntos.
            A Lester, dada a sua extrema debilidade, se lle suxire que permaneza sentado durante a grabación; so se erguerá para executalo seu solo. Young e Holiday non intercambian palabra durante os preparativos da actuación. Ós cámaras se lle da unha única instrucción: que non molesten ós músicos en       ningún intre.  Billie Holiday séntase nun taburete, e os seus chicos colócanse o redor: van tocar para ela. E ela vai cantar para se mesma. Despois dos dous primeros versos, o primeiro solo é de Ben Webster, antiguo saxofonista da orquestra de Ellington, un antiguo seguidor de Hawkins que chegou a desenrolar un son propio e moi característico; seguidamente, Lester Young érguese e fai… boeno, “ese” solo. Di Hentoff: “…Lester se ergeu e tocou o blues mais puro que eu ouvira nunca, e él e Billie Holiday se miraron… Era como se ambos lembraron o que houbera entre eles –fose o que fose. No carto de control todos choramos…” O seguinte solo e o do trombonista de Chicago Dickinson (“son unha puta do jazz” era a sua frase preferida, seica); despois vai Mulligan, que semella estar bastante colocado pero que toca admirablamente. Tócalle o turno a Coleman Hawkins, o home que converteu o saxo nun instrumento solista, e pecha Roy Elridge, o explosivo trompetista eslabón perdido entre Armstrong e Gillespie. E xa está. “Fine and Mellow” remata. Holiday e Young marchan cada un polo seu lado, sen se falar, e non se  voltarán a ver nunca.
            Boeno, aí vai.
           

            E xa está. No intre desta grabación, Billie Holiday tiña cuarenta e dous anos; Lester Young, cuarenta e sete. Young foi de mal en peor; morreu ano e medio despois,  o 15 de marzo de 1959, básicamente de desnutrición e alcoholismo, se ben inda tivo algúnhas grandes actuacións. O último que se lembra del é que vagaba polos pasillos dun hotel, vestido con pixama e co sombreiro posto, abrazado o seu saxo.
            Billie Holiday inda fixo unhas cantas actuacións, e grabou algúns discos, entre eles o controvertido “Lady in Satin” Acudiu ó enterro de Young, onde non se lle permitiu cantar, e afirmou “A seguinte son eu”. Morreu de cirrose hepática  o día 17 de xullo de 1959 nun hospital de New York, non sen antes ser arrestada polo FBI no mesmo leito de morte por posesión de sustancias tóxicas.
             E vou rematando, que bastante chapa que dín por hoxe. O único que temo é que escriba tan mal sobre os temas que trato que vos afaste deles, en vez de interesarvos ou polo menos entretervos un pouco. Se saides, non esquecer o paraugas. Deica logo.

Engadido o día seguinte.
            No libro “Billie Holiday: unha biografía coral” (disponible na Biblioteca Central de Vigo) hai unha frase que alguén dí para definir a voz e o xeito de cantar de Billie que me semella moi oportuna e que onte me esquecín de incluir nesta entrada. Dí mais ou menos “cando Ella Fitzgerald canta “o meu home foise”, enténdese que baixou a por tabaco e que estará de volta nun anaco. Se é Billie Holiday quen canta “o meu home foise”, podes ver o tipo coa maleta baixando pola rúa, e sabes que non voltará máis.”
            Penso que agora queda un pouco mellor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario