Pois mira ti que pasan cousas
últimamente, cousas importantes e tal, cousas ás que merecería a pena lles
adicar longos e profundos estudos e analises e tirar brillantes conclusións.
Por exemplo, sen ir mais lonxe, as eleccións europeas.
Así que, coa
intelixencia, a precisión e a elegancia que me caracterizan, vos ben o sabedes,
paso a desbarrar sobre a diversos temas. Espero que sexan do voso agrado.
Vou dar por
feito que sabedes e inda vos lembrades co mes pasado houbo eleccións ó
parlamento europeo. Boeno. Houbo xente que foi votar, e tiña boas razón pra
elo, e houbo xente que non fumos, e que
tamén tiñamos boas razón, ademáis dunha preguiza considerable, un certo sentido
da estética, e unha axenda moi ocupada. Non vos quero contar, pra non vos
estresar, a cantidade de couas que fago eu un domingo pola mañá.
O mais suliñable
das tais eleccións sería a perda masiva, e pronosticable, de votos por parte do
PP e o PSOE (o raro é que inda saquen algún); a participación, que non foi tan
baixa como era de esperar; e o sorprendentemente grande respaldo ó partido
denominado PODEMOS.
(Tamén é de
destacar que o día das eleccións merquei nun chino do barrio un artefacto
quita-pelusas, coa finalidade de tiralos pelos do gato que últimamente adornan
gran parte do meu vestuario. O gato é branco. A maior parte da miña roupa é
negra. O gato perde pelo a moreas. Conflicto. Hai anos ouvin a un psiquiatra, ou
un psicólogo, ou un psicoanalista, ou un deses, dicir ca roupa negra indicaba
co seu portador manifestaba de xeito inconscente un gran temor pola morte; non
che digo eu que non. O artefacto
funciona así-así, a pesares de custar setenta e cinco céntimos, ou sexa que
sigo lucindo pelos de gato albino pero menos. O chino tiña un sorriso extrano
cando me empaquetaba o artefacto. E, sí, aparteime un pouco do que estaba).
O tal partido,
cuio nome obanesco me produce unha grande repuñancia, vai ti saber por qué, converteuse na cuarta forza
mais votada do estado (home, diante da cousa de Rosa Díez, esto estivo ben), e
nalgúns sitios na terceira.
Eu, que case que
nunca exerzo o meu dereito ó voto , son, nembargantes, un gran aficionado a
seguir ós resultados electorais. A noite post-electoral é, pra mín, o
equivalente a Eurovisión ou un partido de champions ligui ou unha carreira de
Fórmula Ún pra outras persoas, mais normais do ca mín, sen dúbida. E esta
última foi descacharrante. Os caretos
dos portavoces dos partidos, que ou ben perdían votos a centos de milleiros ou
non subían todo o que tiñan que subir (a cousa de Rosa Díez, por exemplo)
desmentían as suas proclamas de euforia e triunfo (excepción feita do PSOE,
cuios resultados impedían negunha representación triunfalista; non sendo Pepe
Blanco, cuias manifestacións despois das eleccións son para enmarcar).
O único partido
que gañou-gañou foi o tal partido, cuio nome vou intentar non escribir de novo
polas confusas razóns que apuntei antes.
Qué sabía eu, ou
qué cría saber, antes das eleccións, do
tal partido? Non gran cousa, a verdade. Qué tiña un líder moi “carismático”
(bonita palabra sobre a que un día habería que falar cun coñá por medio), qué
saía moito pola televisión en programas que eu non vexo. Que fora criado ó
abeiro do 15-M e secuelas posteriores, que eu normalmente identifico con
universitarios madrileños mosqueados por non poder traballar de inxeñeiros e
levar o nivel de vida que por xustiza divina lles corresponde. Que tiña unha
organización tipo asambleario, o cal, cando hai líderes “carismáticos”,
tampouco ten gran relevancia. Que os seus militantes eran básicamente tipos
novos, modernos, informados, informatizados e guais, que probablemente non
fuman nen din palabrotas. Que se artellaba sobre todo ó redor do que se chama
“redes sociais”, xa sabedes, qué vos vou contar. E que se presentaban a sí
mesmos coma unha especie de rexeneración das institucións democráticas e de
xusticieros non enmascarados do sistema. Supoño que o tal partido ten un
programa (ata a Asociación de Veciños dos Bloques tivo un programa, unha vez),
pero o descoñezo, e vouno seguer descoñecendo porque por principio non leo os
programas dos partidos: a vida xa é de por ela triste, dura e curta de mais.
Boeno, esto é o
que sabía do tal partido antes das eleccións; e, despois das mesmas, e do
innegable éxito obtido polo tal partido, sigo a saber mais ou menos o mesmo,
non sendo algo moi interesante dende o punto de vista sociolóxico e que
demostra o moito que me podo chegar a equivocar ás veces: no estado español non
hai tantos universitarios madrileños indiñados como votos sacaron Pablo
Iglesias II e a sua xente. Hai moitos, pero non tantos. En Vigo (grazas a Dios)
non pode haber milleiros deles. Quén, pois, votou polo tal partido?
Vaivos parecer
raro, pero eu non coñezo a ninguén. Claro que eu non teño un círculo moi amplo
de amizades, nen teño tuiter nen feibuk, e non quero perdelos poucos amigos que
me quedan interrogándoos sobre as suas actividades electorais. Pero é de supór
que xente máis ou menos normal, coma ti ou coma mín, mais ben coma ti, je, o
tal día foron e guindaron papeliños co nome do tal partido en furnas, e hai que
descartar unha intervención aliénixena (inda que estas cousas mellor non
descartalas nunca por completo), ou unha intoxicación etílica asombrosamente
profunda e extendida (o mesmo).
O mais lóxico é
pensar que os cidadáns que votaron o tal partido intentaban expresar algo: o
seu descontento cos partidos de poder tradicionais, a sua fascinación polo
marketing new deal desenrolado por, ehem, PODEMOS, a sua intención, difusa e
ambigua, de avanzar cara algures (?), a sua identificación coas ideas
expresadas polo líder do partido en tertulias televisivas, eu qué sei. Ou simplemente foi unha especie
de broma.
O Sr. Iglesias
apresurouse a declarar, pouco despois das eleccións, co partido que él lidera,
ou representa, ou o que sexa, está preparado pra se facer cargo do poder, se os
cidadáns o estimaran convinte. O cal ten mérito, tendo en conta co tal partido
prácticamente non existe. Ou polo menos non existe do xeito que eu penso que
existen as cousas.
(Tede en conta
que a miña avanzada edade, a miña escasa instrución, o consumo reiterado de
sustancias non sempre recomendables prá saude e a miña idiotez endémica son
factores nada desdeñables á hora de valorar a miña comprensión do universo e as
suas regras.)
Pero a cousa non
deixa de ser interesante. Un partido sen afiliados, sen locais, sen “cadros”,
cunha escasa implantación, e cun forte respaldo electoral, cando declara que
está capacitado prá exercelo poder, ou facer cargo dil (non lembro a frase
exacta), qué quer dicir?
Tamen é
interesante saber se o respaldo electoral vaise manter en eleccións “de
verdade”, véxase municipais (pode ser un xolgorio examinalas listas de
candidatos por Vigo ou por Cangas, mira, a este o coñezo eu, este é parbo, este
non era mao, he), ou xerais. E pode ser moi divertido velo partido facendo
real-politik, pactando ou non pactando cos partidos de todala vida, e tomando
decisións que afecten á vida de persoas de carne e oso. E, por último, porque
esto xa se está alongando de mais, tamén ten certo interés saber se o tal partido
vaise seguer sustentando única e exclusivamente no discurso, a imaxe e a
omnipresencia do Sr. Iglesias
(omnipresencia, non ovnipresencia, vale).
En todo caso, é
de agradecer ó tal partido terlle dado algo de interés á habitualmente
sumamente aburrida política estatal, e que ás próximas eleccións teñan un
aliciente engadido.
Admito que como
análese non é unha gran cousa, e que esta escritra fai moitas preguntas e non
contesta nengunha, pero xa sabedes o que hai. Agradecería se algunha persona que
teña votado o tal partido me explicara os seus motivos, sen dúbida lexítimos,
razonabeis e ponderados, pra ter feito tal cousa.
Boeno. O gato
está ben, o Sr. Iglesias está contento, hai milleiros de aspirantes a entrar
nas próximas listas do tal partido por se cae algo, o rei (o de España, non o
dos xitanos, que no meu barrio ten mais presenza e influenza) abdicou, pero xa
teñen outro preparado, en Ucrania hai guerra, dentro de pouco hai un mundial de
futbol (xa falaremos diso) e eu vos deixo o cartaz das actividades previstas pró
Espazo Aberto Antimilitar pra este mes, en conmemoración e xubilosa celebración
do 25º aniversario da declaración de insumisión por parte da MOC.
E boeno, se topo algo de música así un pouco vola pego aí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario