Hoxe é un día de gran quebranto
prós bazares chinos que abundan en gran maneira polas rúas de nosas vilas. A
(humillante) eliminación da selección española de futbol do mundial vai
ocasionar que unha cantidade inxente de
bandeiras, bandeirins e banderolas roxas e amarelas (vaia combinación) queden
sen vender á espera de tempos mellores.
A mín, no particular, a tal eliminación non me produce nengún tipo de
pesar, antes ó contrario, sinto un considerable alivio por me ter aforrado as
estúpidas, ruidosas, vulgares e moi estresantes celebracións qu soen acompañar
ós éxitos da tal selección.
Quizais os astutos comerciantes
chinos pensen que o merchandinsing español pode ser reciclado con motivo da
coronación que se vai celebrar, hum, vexamos, vaia, hoxe mesmo. Pero penso que
vai ser que non: polo menos nesta cidade o que se percibe (percebe?) é unha
certa indiferenza ante o histórico feito.
E iso que non é cousa de todolos
días o de que os reis se coronen. Eu, sen ir mais lonxe, nunca asistín a
coronación nengunha. E que conste que se me tivesen invitado tería ido a esta,
especialmente se houber comida e/ou bebidas engadidas no convite.
Ben. O caso é que dende hoxe
mesmo imos ter rei novo. Polo de pronto, non deron días festivos no curro, nen
soltaron presos, nen regalaron gominolas polas principais ruas das vilas, ou
sexa que mal empeza a cousa.
O rei novo (Filipe VI, o coñá é
cousa de homes) non se sabe qué meritos ten pró cargo (non é o mais feroz da
manada, nen o mais listo, nen ten o don da profecía, non arranca espadas
cravadas en rochas, non ten marcas de nacimento como o Damien aquel da
profecía, unha peli que molaba moito e daba moito medo que saía Gregory Peck e xa me estou perdendo, a edade non perdoa).
Retomamos. Boeno, que o rei éste novo que nos poñen vaino ser por ser fillo de
quen é, e punto.
Pouco máis hai que dicir.
Oficialmente, por decreto, porque sí, porque non quedan máis collóns, estamos
tristes pola eliminación da selección de futbol, estamos agradecidos ó rei
vello polo seu traballo durantes os últimos non sei cantos anos, estamos
felices pola coronación do seu fillo como novo rei, estamos espereranzados co
que nos depara o futuro.
Verémonos pola tele axitando
bandeiriñas (mercadas en bazares chinos, por suposto) e sorrindo coma imbecís...
.
(Pesadelo núm. 1: Unha república
galega presidida por Gayoso, o da TVG…)
As fotos son miñas. A de enrriba, por se alguén ten curiosidade, mostra un home mallando nun polbo recén capturado no Hío. Segundo afirmou, tiña co golpear 33 veces contra o chan, pra que o bicho estivese en condicións de ser plenamente comestible.
Vos deixo co meu tema preferido dos Berroguetto, que xa sabedes que se separan e tal. Ata a próxima.
No hay comentarios:
Publicar un comentario