lunes, 23 de septiembre de 2013

23 de setembro de 2013. Sobre a polémica lingüistica no ensino.

Sendo como sodes persoas ben informadas, xente que ve o telexornal e lé a prensa, supoñovos enterados da problemática suscitada en relación coa lingua na que se deben impartir as clases neste noso sufrido e bilingüe país. Concretamente, e por resumir e rematar pronto que está o leite ó lume, hai xente que di que os pais dos alumnos escolarizados deben poder decidir en que lingua deben ser ensinados, aprendidos, educados, adoutrinados, informados, disciplinados, socializados, uniformados, formateados e/ou reconstruidos os seus fillos. Evidentemente, quen defende este dereito é partidario de que as clases sexan impartidas en castelán, por ser éste un idioma moito mais moderno e guai e útil co galego que como todo o mundo sabe é un idioma tirando a cutre e chungo e que somente falan catro vellos na parte de Xinzo ou por aí, e que non serve pra comunicar nada (este blog é unha proba delo). Baseanse os reclamantes na Constitución, na Declaración dos Dereitos do Home, na Declaración dos Dereitos do Neno, na Carta Fundacional das Nacións Unidas, na Carta de Axuste, no Estatuto de Galicia, na Libertade de Educación, e nunha cousa que dixo unha vez Obama despois de almorzar.
Ben. Despois desta sucinta exposición, e coa seriedade que me caracteriza, paso a expor o meu particular, influinte e documentado punto de vista, que podedes aprender de memoria e soltalo na primeira ocasión que se preste, facendo ver que é voso. De nada.
Eu creo que, efectivamente, os pais teñen dereito a escoller a lingua na que deben ser educados (etc.) os seus fillos; é mais, creo que esta reclamación é ben cativeira. Xa postos, por qué limitar a elección dos pais a unha cousa tan cutre como escoller entre castelán (cabalo gañador) e galego (burro perdedor) como idioma lectivo? Ampliemos a oferta: o tailandés (do que son firme defensor), o malaio, o italiano (fino e elegante), o spanglish, o bretón, entre moitos outros, son idiomas moi adecuados, modernos, competitivos, universais, pra impartir coñocementos, como todo o mundo sabe.
Pero profundemos no asunto. Por qué demandar únicamente o dereito a escoller a lingua lectiva? Teñamos a mente aberta, o espíritu decidido e, a poder ser, o bandullo cheo. En aras da liberdade educativa, os pais deberían poder escoller tamén:
-As asignaturas que deben estudar os seus fillos. Se a un proxenitor lle ofende ca sua criatura estude, por exemplo, literatura ou física (o cal é lóxico), debería poder escoller outra asignatura sustitutoria da sua libre elección. Por exemplo, “Claves para entender el Código Da Vinci”, “Alberto Núñez Feijoo: ese hombre”, “Youtube, un universo por descubrir”, “Cálculo ultra sencillo para niños de dieciséis años”, “La Sagrada Biblia” … As opcións son ilimitadas.
-O profesorado. Moitos profesores son feos, tontos, ulen mal, non se lles entende o que din. Os pais deberían poder exercer o lexítimo dereito de escoller os profesores do seu fillo; pra elo, podería realizarse en cada centro un casting, ou un show semellante a Gran Hermano, con nominados, expulsións e outras cousas moi divertidas. Esto, sen dúbida, elevaría o nivel do ensino galego, e por extensión, do español.
-O horario lectivo, de xeito que se adapte a vida laboral, sentimental, lúdica, deportiva e alcohólica dos pais.
-Os compañeiros de clase do seu fillo. Pra elo se podería facer unha rolda de recoñecemento, como temos visto tantas veces nas películas americanas. Os pais verían ós presuntos compañeiros de clase a través dun falso espello, e irían eliminando os que molasen menos. Esto melloraría a convivencia académica, sen dúbida.
-…
Boeno, non se me ocorren máis agora mesmo, pero seguro que hai outras.
Podedes ver que é unha proposta sinxela e, ó tempo, valente e arriscada; de levarse a cabo, o noso ensino entraría por fin no século éste que estamos, e non noutro que estabamos antes e que xa non estamos.
Como xa vos indiquei antes, se estades no bar ou nun concerto especialmente aburrido ou de sobremesa dunha interminable comida familiar, e xurde o tema da Liberdade Educativa (unha conversa moi habitual), pois nada, vos mesmos, se queredes botar man dos finos argumentos apuntados mais enriba, adiante.
Boeno, se topo algún video en Youtube de Martelo, volo poño.
Boeno, ehem, vaia. Non é Martelo, que é Mercedes Peón. Ajárrate.

E xa está. As fotos de enriba e de abaixo son miñas, o texto está sen xustificar non me preguntedes por qué e cada día aprendo menos, como dicía ún que traballaba conmigo na recollida. Ata a próxima.

Ehem, vaia. Hai un festival de curtametraxes este fin de semana en Valadares (Curtocopia, chámase). Semella interesante. Informádevos e, se non tedes nada mellor que facer, que seguramente non, pois ide ata alí. O domingo haberá (haberamos) xente do Espazo Aberto Antimilitar poñendo uns videos e tal, a eso da unha. Pois eso.


No hay comentarios:

Publicar un comentario