lunes, 22 de julio de 2013

22 de xullo de 2013. O día da patria... mais ou menos

O 25 de xullo, en Santiago, é un día magnífico, surrealista, extrano, divertido, inquetante, agobiante… É coma unha película de Fellini, rodada en exteriores, cuns cantos actores principais e unha chea de extras.  Xa teño ido unhas cantas veces (nove ou dez, por aí), e o próximo xoves, se podo, alí estarei.
Entre outras cousas, o tal día celébrase o Día da Patria Galega, como supoño que xa saberedes.
O ano pasado asistín ó mitin do 25 de xullo do Encontro Irmandiño, na Praza de Mazarelos, baixo un sol de xustiza (curiosa expresión). Non me quedei ata ó final, e polo tanto non puiden ver ó Beiras (moito calor, a cousa durou un pouco de mais, e xa me estaba empezando a aburrir, a verdade). Pouco antes vira a chegada da manifestación do Bloque á Praza da Quintana, e semelloume ridícula: un palco enorme, como se fose a actuar U2 ou algo así, unha bandeira independentista de non sei cantos metros cadrados portado por un grupo de neniños, un equipo de orde visible de mais, unha actitude como de telo todo controlado… boeno, un amago de acto institucional, non moi distinto do que se desenrolara había poucos minutos na catedral. (A xente do Bloque repartía uns pasquins que puña “Beiras, grazas por todo. Asiñado, o PP”, he, he). Boeno, abrinme de alí, e fun ver a presentazón en sociedade do novo-non-tan-novo proxecto nacionalista.
Eu considérome, dalgún xeito, nacionalista, ou mais ben comparto co nacionalismo galego unhas cantas cousas: o amor pola lingua (crédelo, a pesares dos aldraxes que lle fago a cotío) e pola terra (nun senso literal: estou falando de árbores, ríos, paxaros, néboas ou treboadas, cousas así), e, sobre todo, o desprezo por España, polo español (e non estou falando do idioma). Non comparto a, digamos, obsesión simbólica (bandeira, himno, selección de fútbol, fronteiras, esas cousas pouco me din, a verdade), nen mitolóxicas; nen vexo a necesidade de crear un novo estado. Non son independentista, ou polo menos, non considero que a independencia sexa unha prioridade. Pra mín é evidente que Galiza é unha nación (cousa que España non é), e que non ten porqué ser un estado (cousa que España sí é). Pero o concepto de “patria” é alleo a mín; dame arrepíos. Ó mellor é que non teño capacidade de abstracción. Ou que son tonto.
(Un rapaz con quen comentei estas cousas díxome que a alternativa a ser independente é ser  dependente, e non lle faltaba razón. Boeno, algunha outra opción haberá…).
O caso é que o acto do Encontro Irmandiño (ou era de Anova?) resultoume moi interesante, e moi… ilusionante, digamos. Non pra mín (as miñas ilusións no aspecto social ou político son moi escasas, xa vos daríades conta), pero cando marchei de Mazarelos rumbo San Pedro, pra ver de tomar algo fresco e tal, fíxenno cunha certa idea de que, quizais, a narcotizada política  galega podía sufrir unha descarga de realidade e mala ostia. Un ano despois, podo dicir que

AGE non me decepcionou, non por completo ó menos; ó final resultou que o Parlamentiño servía para algo, mira ti.
Pois nada, conto con estar o 25 pateando as ruas da única cidade de Galiza que merecería ser salvada do derrubo (boeno, tamén está Lugo), entre pelegríns, independentistas, persoeiros, curas, monxas,  despistados, policía nacional-autonómica-local-da secreta, e a ben querida, detestada e sempre esquecida (por fortuna pra ela) canalla de Compos. Conto con tirar unhas cantas fotos, de recopilar uns cantos pasquíns, de ouvir fragmentos de mitins, de botar uns risos a conta dos guiris (e que algúns son francamente frikis…)  e estar de volta a tempo pra ver a Pablo Castaño, Paco Charlin e Manolo Gutiérrez en Moaña.
Pasádelo todo o ben que poidades. Como dicía o outro “a vida e ben curta e inda así nos aburrimos”.
 
ENGADIDO: 26 de xullo.
Qué cativas, que inutís, que inoportunas semellan a día de hoxe as verbas escritas mais enriba... Qué fráxil, qué pequena, qué pouca cousa é a existencia. Canta dor chovendo sobre Santiago. Quen fose forte e grande pra escribir  algo que lle sirvera a alguén pra algo...

No hay comentarios:

Publicar un comentario