jueves, 14 de enero de 2016

14 de xaneiro de 2016: unha crónica emocional-musical. O mellor do 2015.

Pró voso mellor discernimento, un ano mais, me propoño elaborar a miña moi prestixiosa (e un pouco  pretenciosa, todo hai que dicilo) lista dos mellores concertos do ano, neste caso  2015. É dicir, o ano pasado, o que rematou. Porque xa  sabedes que estamos en outro ano (o 2016), non?.
Esta lista vai cun pouco de retraso, por varios motivos, que o amable lector comprenderá. Por unha banda, non quería que outros medios (o New Musical Express, El País de las Tentaciones, Rolling Stone ou Radio Mariana, por citar so uns cantos) me copiaran a lista; son moi capaces de explotar o meu merecido recoñocemento no mundo da crítica musical no seu proveito, e sen compensación económica ou afectiva, ademáis. Por outra banda, esquecinme, as cousas como son. E por último, cando me lembrei pois que non tiña como gañas. Facedevos cargo. Vou maior. En fin.
Esta parte cha podes saltar (o resto tamén):
(Antes de nada, agradecer a inestimable colaboración de unamigomeu, sen o cal esta entrada non tería visto a luz. Unamigomeu é un nome suposto dunha persoa mais ou menos real. Boeno, o caso é que unamigomeu é un entusiasta seguidor de todo o que eu fago, e celebra todas as miñas accións creativas ou artísticas, dende tirar unha foto a comerme un bocata de calamares. Sen dúbida, o home non carece de gusto e sensibilidade. O feito de que a sua saude mental estea seriamente perxudicada polo consumo masivo de sustancias non sempre legais dende moi temprana edade, ou de que teña costumes que a moitos lle poden parecer extravagantes, non desmerece para nada o que veño de dicir.
O caso é que Unamigomeu ten a boa costume de me felicitar por algo, sempre que me ve. Me felicita polo meu corte de pelo, polo recta que levo a espalda cando camiño,  polo meu cumpreanos (varias veces ó ano), por unha serie de fotos miñas moi chulas que viu no folleto do Corte Inglés (?), ou pola boda da miña filla maior(!). Eu, por suposto, agradezo as suas felicitacións e convidoo a fumar.
O outro día Unamigomeu felicitoume pola meu artigo referido ós mellores concertos do ano 2015. Manifestou a grandes voces que a miña opinión lle merecía moito respeto, polo informada, ponderada, ecuánime e acertada que era, e retou a unha señora que por alí pasaba a que dixera algo en contra. A señora, afortunadamente para todos, coincidiu plenamente con él,  sumou os seus eloxios os de Unamigomeu e aproveitou un momento de distracción para liscar. Cando lle preguntei onde fora que lera a miña (magnífica) crítica, manifestou que non estaba seguro de se fora na páxina dixital de La Razón ou nunha cousa  á que é moi aficionado e que se chama “grandes heroes del hard rock” ou algo semellante. En todo caso, tiven que interrumpir unha nova serie de festas e felicitacións, porque xa ía sendo hora de comer e o primeiro é o primeiro. )
Fin da parte que che podes saltar. Agora segue outro trozo que, boeno, tamén cho podes saltar.
Con todo, este festivo encontro deixoume algo inqueto, e  levoume a meditar sobre a responsabilidade que eu tiña, e teño, cos meus fieis lectores (os tres ou cuatro que me deben quedar, segundo os meus cálculos). Imaxineinos perdidos e desorientados, presas do desánimo, preguntándose como ían saber eles cais foran os mellores concertos habidos no 2015, e, polo tanto, que criterio ían poder seguer pra ir a algún concerto durante o 2016. Así, pois, como vos dicía, meditei profundamente nisto durante tres ou cuatro minutos, quizais menos, e tomei a decisión de escribir esta crónica. Esto foi o 22 de decembro, pero as miñas moitas e importantes ocupacións, a miña axitada vida social, emocional e intelectual, o meu precario estado de saude e outras cousas impedíronme ata agora afrontar este escrito.
 E, despois deste longo pero necesario preámbulo, que te podías ter saltado sen problema, entramos en materia.
A pesares de moitos incovenentes (de saude, de capacidade de desprazamento, de cartos, de preguiza, de vaivens anímicos varios… eu que sei), tiven este ano 2015 a fortuna de disfrutar de moita e de moi boa música en vivo. Porque creo, francamente, que estamos a vivir unha das mellores épocas en canto a música feita neste país, e a cantidade de talento que hai agora mesmo espallado pola terra adiante é incrible. E o digo moi en serio.
 A miña intención é facer unha selección dos cinco mellores concertos nos que estiven de corpore insepulto este ano; tarea non doada, porque, como os digo, asistín a un feixe de actuaciones, e moitas delas pódense considerar, como mínimo, moi boas.
Reseñar, pois, o concerto de Javier Marcos co seu quinteto na Taberna O Rincón, de Cangas, presentando o seu primeiro disco Ten Dez; o de Virxilio da Silva pechando o Festival de Jazz e Blues en Pontevedra; o de Caxade na Festa da Poesía en Salvaterra; o de Kepa Junquera, no Festival Folk de Vilariño; Kin García na Quintana, no Festival 1906, ou Felipe Villar, o mesmo día, Isga Collective na rúa do Príncipe, en Vigo… Calquera deles podería estar na lista do top five (ou top faif). En realidade, somente ía pór tres, pero xa foi bastante chungo seleccionar cinco, así que alá vai.
4º Concerto de Trilitrate, na Galería Jazz, de Vigo, a principios de decembro, por aí. Éste é un magnífico trío o que poderíamos calificar de folk, mais que nada por non comerse moito o tarro. En todo caso, son unha máquina de crear melodías perfectas. Soen acompañalas suas actuacións con proxeccións alucinantes. Todolo que rodea ó grupo (cartelería, edicións de disco, sonido, as proxeccións de marras) está feito cun coidado e un gusto excepcionais. Non fan un concerto malo, pero éste que vos digo na Galería, por algún motivo, gustoume especialmente.
 4º.- Caspervek Trío, na Taberna o Rincón. Esta xente fai, cun bó gusto e unha calidade enormes,  bandas sonoras en directo pra grandes clásicos de cine mudo, que se proxectan simultáneamente co concerto . Vinnos varias veces, pero como na Tabena o Rincón, de Cangas, a peli escollida foi “Amencer”, de Murnau, unha peli maravillosa, mais grande ca vida  (con diferencia), pois me quedo con éste. Hai pouco este grupo celebrou o seu 2º aniversario, do cal me congratulo (palabra fea onde as haxa).
  2º.- Mónica de Nut, na Pinacoteca de Vigo (agosto). Mónica, soa contra o mundo, co único acompañamento dun harmonium (moito gusto en coñocelo) e unha caracola, fixo unha actuación incrible, pasando con naturalidade da música lírica ó canto tradicional e a outras cousas que somente ela sabe como se chaman. Cristal puro. Eu non me explico como hai xente que non se conmove con concertos coma este, a verdade.
  2º.- FILO, na Taberna o Rincón (marzo). Esta é a única actuación que vin desta xente. FILO  é as iniciais de algo; é ruido; é creatividade; é enerxía; é ruido; é intensidade sonora; é algo que non é jazz, nen rock, nen música industrial, nen experimental.  É a ostia. Ata é bó prá saude  (polo menos o foi prá miña, crédelo).
  1º.- Germán Diaz, en Redondela (agosto). Uns amigos dixéronme de parar en Redondela de volta de Pontevedra, que tocaba o home éste da zanfoña. E eu, na miña iñorancia, supuxen un concerto de música tradicional, viño tinto e empanada.  Xa dende a presentación decateime (ou dinme de conta, que tamén se dí)  que a cousa ía por unha moi diferente vía. En formato trío (zanfoña e dous metáis), e con múltiples obxectos sonoros (xoguetes de música antigos, cacharros varios, un fonógrafo que reproducía ritmos cardíacos…),  Díaz foi quen de crear un mundo  emocionante, extraño, cheo de sensacións (non todas elas agradables). Impresionante. 


E xa está. Se alguén chegou ata eiquí, noraboa. A mín me custou, non creas.
Se algo teñen en común toda a xente nomeada é o pouco doado que é encaixalos nalgún xénero, o aficionados que son á experimentación e á improvisación, e o doado que é disfrutar do seu traballo.
Boeno, apuntar que son músicos que actuan con relativa asiduidade, e que as entradas prós seus concertos non soen ser caras. E que chos recomendo moi encarecidamente.
En resumo,  o ano 2015 tamén foi un ano excelente prá música en vivo por esta parte do mundo, e as perspectivas para este ano son inda mellores. Do cal me alegro. Prós músicos, pola contra, non semella que as cousas vaian tan ben. Outro día, se me lembro, fago unha escrita (espero que non tan longa e farragosa como ésta) sobre o tema.
E vou ir rematando, que xa está ben. Releo a cousa ésta e nen sequer pra un tipo con tan baixo nivel de exixencia coma mín o resultado é satisfactorio, pero é o que hai. A idea era transmitir a emoción e a ilusión que me seguen provocando a música arriscada, creativa e honesta, ben feita, en concertos irrepetibles. O feito de que non fora quen de facelo, non desmerece o intento.
Creo.
Van 3 videos: de Germán Diaz, Mónica de Nut e Trilitrate. De Filo e Caspeverek non topei nada. Sinto.
 Esto é todo, amigos (hai alguén aí?)


No hay comentarios:

Publicar un comentario