martes, 14 de abril de 2015

14 de abril de 2014. Listas.




E onde se foi a última hora, a última hora e media? Non ten a sensazón de se ter quedado durmido; se así fose, tería a boca seca. Ademais, o cinceiro está cheo, e lémbrase de telo valeirado cando chegou a casa. Ou quizais foi onte. Non é doado distinguir un día de outro, últimamente.
O caso é que xa é noite.
Cambios. Moitos cambios, pensa. E non se refire o deterioro, tanto o dil mesmo como o da casa, ambos evidentes. Ve o deterioro, o declive, como unha evolución lóxica das cousas. Os cambios, en troques,  son coma vermes que se introducen no tecido da vida sen permiso, e o convirten en algo distinto.
Agora suceden cousas que antes non ocorrían, fai cousas que antes non facía. Por exemplo, o das listas. Que él saiba, nunca foi de facer listas; agora fainas de seguido. O principio, listas da compra, xa se sabe, tantos iogures, tantos litros de leite, conxelados, área e comida pró gato, esas cousas. Logo, listas de tarefas pendentes, ir a correos, ir o banco, ir a tal ou cal sitio e facer tal ou cal cousa. Despois o tema das listas foi a mais.
O gato se espereza e o olla coma se non  o coñocera, ou, mais ben, coma se non estivese seguro de quen é ese home que fuma sentado á mesa da cociña. Desconfiado. Boeno, él, o home,  tampouco está moi seguro de seguir sendo él.
Últimamente.
Listas: os grupos musicais mais sobrevalorados da historia. Queen á cabeza. Esta era doada.
 O gato é un espléndido macho lairanxa. Góstalle o pan de molde. Tamén lle gosta vela tele, sobre todo os anuncios. Góstalle o free jazz, Pharoah Sanders, cousas así.
É moi raro.
Dase conta de que non puido valeirar o cinceiro cando chegou a casa, porque hai tres ou catro días que non sae.
Listas: a xente que marchou, que xa non está entre nos. En continua progresión.
Listas: a xente que bota en falla. Melancólicamente curta: cinco nomes.
Supostamente o gato está castrado, pero él, o home, ten as suas  dúbidas. O veterinario lle dixo co fixera, e cobroulle unha boa pasta, o ano pasado. Ou o outro. Pero él cre que se segue comportando igoal que antes, e cre que un animal debería modificar a sua actitude tras ser castrado.
Pon un disco no prato. Onette Coleman. Antes o detestaba (“antes”?).  Cada vez lle gosta mais.
Cambios.

Pensa cousas novas, distintas. Por exemplo, que a vida non é algo continuo. Que un viva cincoenta ou oitenta anos non siñifica que un esté vivo durante cincoenta ou oitenta anos. Un está vivo a veces, de cando en vez. Non é que esté morto o resto do tempo, non exactamente, pero vivo tampouco. Unha cousa intermedia.
É incapaz de seguer nengún programa de televisión que dure mais de dez minutos.
Agora chora con facilidade. Calquer anuncio no que aparece un can, un neno, un vello, móveo ás bagoas. Senilidade? Ós cincoenta e dous anos?
Listas: os sitios onde lle tería gostado ir, e nunca foi, nen irá. Esta non remata nunca.
O caso é que xa é noite, e debería cear algo. O gato lle chía. Tamén é hora de cear prá él.
Ten o móvil enriba da mesa. Se por un casual soara, lle daría un ataque ó corazón. Suponse que con esa cousa se podería conectar a Internet, pero non sabe como. Anota na lista correspondente “ir ó do teléfono pra ver como se conecta ún a internet”.
Listas: os mellores concertos ós que ten ido na sua vida. Esta varía moito, segundo o día que teña. De todolos xeitos, o concerto o que mais lle tería gostado ir non se chegou a celebrar nunca. Qué mais da.
Listas: reparacións urxentes que debería facer na casa. Cansa só de mirala. Cada día engade unha ou duas cousas mais.
Xa ceou? Pregúntalle o gato “xa ceamos?”
Onde se foi o último ano?
 

















--------

Vai un video de Sés, "Tempestades de sal", do seu primeiro disco. Non para, esta rapaza...




lunes, 2 de marzo de 2015

2 de marzo de 2015. Era esto, esto é todo.






Queríamos xustiza
impuxéronnos leis
Queríamos liberdade
puxéronnos furnas
Queríamos seguir unidos
déronnos cinco minutos pra nos disolver.

Triunfachedes, nos dín.
Tedes o que queríades ter, nos dín.
Era esto, esto é todo.

Mírome no espello, mírome na miña xente.
Enrugas comas cicatrices, ollos cansos,
mans valeiras.

Gañáchedes, nos dín.
Por isto é polo que peleachedes, nos din.
Era esto, esto é todo.

Un tipo novo, ben inda que informalmente vestido, un tipo estudado, ambicioso, preparado, un tipo que so coñoce de oidas o horror da xornada laboral de dez horas, o horror da cola de desemprego, o horror de ter que dalas grazas porque te deixan respirar un día mais, o horror de ter sempre medo, o horror das vivendas pequenas e con humidade e que nunca semellan limpas, un tipo que non coñoce o horror e que aspira a gobernarnos, nun acto público e multitudinario  di que “agradece os españois de mediana edade o ter traído a democracia a España”.

De nada, imbécil.


Deixovos unha cousa de Caxade, a ver que vos parece. Por suposto, Caxade non ten a culpa nen nada que que aparece aí enriba. Faltaría mais.
E, boeno, canto tempo sen vernos, non?

viernes, 9 de enero de 2015

9 de xaneiro de 2015. Falemos (ben) do 2014

E, máis ou menos, a cousa foi así: ía eu no vitrasa escoitando a Mingus a todo o volume que lle podo sacar o cacharro de mp3 (que tampouco é tanto), e ollando distraido pola xanela o deterioro urbano e humano modernos, cando un tipo o que apenas coñezo, o que se di ocoñezodevista, entablou conversa conmigo. Por suposto intentei iñoralo, pero ante a sua insistencia (abría moito a boca e facía xestos raros coas mans) apaguei o cacharro de mp3 e con resiñación e teméndome o peor  lle preguntei se quería algo da miña persoa. E o que sucedeu a continuación foi tan extraordinario (tan sublime) que inda a día de hoxe me pregunto se non estaría eu baixo o efecto dalgunha sustancia que alterara a miña percepción da realidade ou algo semellante: coñezodevista afirmou con total seriedade que acostumaba a ler as cousas que eu escribía; que normalmente lle gostaban e lle facían moito chiste; que sabía que eu soia escribir  un resumo de actuacións e de mellores discos do ano, e que este ano o botaba en falta; e se teña pensado facelo. Tamén me preguntou onde mercara o sombreiro que eu levaba posto, e se o C3 era o bus adecuado pra ir o Hospital Nicolás Peña (probablemente sección atención mental), pero esto non ven ó caso.
Como non podía ser doutro xeito, mireino emocionado (un tío que me lé? que se acorda despois do que leu? que “bota en falta” unha reseña miña? ostias!), mentres sentía como os meus ollos se humidaban. (se humidificaban…. se humedecían?) Dinlle unha forte aperta, como a irmán retornado, mutilado e un pouco trastornado, pero retornado ó cabo, das trincheiras da primeira guerra mundial, e tiven o impulso de invitalo a cear, cousa que non fixen porque lembrei que levaba no peto un euro con setenta e cinco céntimos, cantidade a todas luces insuficente prá unha diña inxestión de alimentos. Así que lle ofrecín un pitillo, coa indicación de que non o fumara no interior do autobús e que o gardara pra logo, e me comprometin solemnemente a, ó seu debido tempo, escribir a tal reseña. Cando ocoñezodevista tivo que baixar do bus, coa intención de facer trasbordo co C4, despedímonos con grandes demostracións de afecto e bós consellos. E eu seguín ó meu, e él, supoño, o seu.
Boeno, un compromiso é un compromiso.
Cando as miñas numerosas ocupacións (xa sabedes, a miña axenda social está repleta) me deixaron un respiro, meditei sobre o ano pasado. Porque non sei se saberedes que rematou un ano (o 2014) e empezou outro (o 2015). Un ano moi chungo en moitos aspectos, o ano pasado. Pero, dende o punto de vista da música que se fai eiquí, nesta terra esquecida, o 2014 non foi un mal ano en absoluto, especialmente en canto a actuacións en directo se refire, ata ó punto de que, prá seleccionar algúns concertos que reseñar eiquí, tiven que facer un certo esforzo, o cal me produxo una lumbalxía da que inda me estou recuperando.
A miña selección (que leva implícita a recomendación de que, se podedes, vaiades ver á xente que cito) é a seguinte:
-Tiven a fortuna de ver a Sumrrá (un dos meus grupos de cabeceira) nada menos que en catro ocasións: duas no Teatro Ensalle (magnífico sonido, magnifica luz, magnífico sitio), repasando discografía, unha na Taberna O Ricón de Cangas (Paco, tío, é incrible o que pasa nese sitio os domingos pola mañá), adiantando temas novos, e outra na Praza da Constitución, no Imaxinasons de Vigo, concerto-celebración con invitados. Os catro concertos de Sumrrá estarían nesta lista de “mellores concertos do ano segundo o tipo raro ese que escribe cando se lembra”. Se vichedes algún desas actuacións estaredes dacordo conmigo.
-A presentación que fixo Xan Campos do seu disco “Ectropía” no Rincón, en Cangas, foi espléndida, irrepetible, máxica. Co Coro de Escola Municipal de Música de Cangas, eu que seis, unhas vinte persoas, con invitados prá ocasión (Virxilio da Silva, GdJazz, Max Gómez…), cun piano Steinway (que prá meter e sacar da Rúa Cega foi un show), o tal concerto foi, sen dúbida, a ostia.
- Marcos Pin Factor E-Reset, a big-band galega dirixida polo guitarrista Pin, fixo unha outra magnífica actuación durante o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, tocando, quizais por última vez, “Barbanza”. Un dos proxectos mais intensos, de mais calidade e mais fermosos que ten alumeado o Jazz galego.
- E o de Lucía Martínez, ó frente do Berliner Project, nun repleto auditorio do Concello de Vigo durante o Imaxinasons. A ver. Lucía, ademais de ser unha batería e percusionista excepcional, de saberse rodear de enormes músicos e deixalos tocar, de ser unha magnífica compositora, de ter unha sensibilidade e unha intelixencia musical incribles, é quen de lle dar ós seus concertos unha calidez, unha humanidade, un saber estar únicos. E, ademais, é moi maja.
Reseñables tamén os dous concertos que lles vin a Crescent 4 (un na Galería, outro no Contrabaixo), o do Iago Fernández Sextet no Rincón, prepresentación de disco, Alberto Seoane trío , tamén no Rincón, Alberto Vilas en varios sitios e circunstancias, Richard Bona, Eric Bibb e Robin MacKelle no Festival de Pontevedra, Marco Mezquida e Riverside Quartet no Imaxinasons, Felipe Villar, David Regueiro (no Rincón)…
Moita música, en efecto. Posible grazas a sitios como o Contrabaixo, o Xancarajazz, a Taberna o Rincón de Cangas, a Galería Jazz Bar, o Salason, tamén en Cangas, o Teatro Ensalle… e a pervivencia de cousas como o Imaxinasons, o Festifolk de Vilariño ou o Fstival Internacional de Pontevedra. Lamentar o peche do Hipólito, bar de referencia jazzistica e cultural na zona de Travesas…
Mención especial do xurado (premio “pero estas cousas inda pasan?”) ó concerto que intentaron dar Virxilio da Silva e Mónica de Nut en Sanxenxo…
En canto a discos (non me fagades explicar outra vez que cousa é un disco…), o do ano 2014, pra mín é claramente ECTROPÍA, do XAN CAMPOS TRÍO (Xan Campos, teclado; Horacio García, contrabaixo; Iago Fernández, batera. FreeCodeJazzRecords, 2014). Volo oides e me decides.
(Aí enriba vos puxen unha foto do, insisto, magnífico concerto que Campos deu no Rincón, e un video de promoción do, reitero, magnífico disco Ectropía. De nada.)
E xa está. Era iso.
E vou rematar cun chamamento (e vos veredes se vos sentides chamados ou non): apoiade a música en directo, especialmente a realizada pola xente de eiquí, e sobre todo a xente que arrisca no creativo. E apoiade ós locais e a xente que segue a organizar concertos, en ocasións pagando do seu peto ás perdas.
E, boeno, ehem, seguer lindo esta cousa que eu fago.

 Vémonos.

martes, 30 de diciembre de 2014

30 de decembro do 2014. Un ano dá prá moito (musicalmente falando)




















Fotos tiradas ó longo do ano. Debería por un pé de foto ó lado de cada unha e tal, pero deume tanto curro subilas que xa estou aborrecido. Boeno, pois nos vemos. Feliz ano e tal. Coidadevos.

Boeno, a ver. O primeiro que sae é Xacobe Martínez Antelo, tocando con Sumrrá no Imaxinasons de Vigo; despois o batería Carlos López tocando no Xancarajazz; seguen Manolo Gutiérrez e Xacobe Martínez Antelo, Sumrrá no Ensalle de Vigo; Javier Marcos na Taberna o Rincón, en Cangas; L.A.R. Legido, Sumrrá, Ensalle; GDJazz, tocando prá Marcos Pin E Factor no Festival de Jazz de Pontevedra; Sés, na Praza da Constitución, en Vigo; o cantante de Cró!, na Taberna O Rincón; Eva, de Linda Guilala, en Santiago; unha dos membros de Why Go,  no Rincón; Richard Bona, Festival de Jazz de Pontevedra; Carmen Rosende, tocando en La Galería Jazz Bar, en Vigo; o saxofonista Vincet Macián, no Rincón; Iago Fernández, José Manuel Díaz, L.A.R. Legido, unha balea de plástico, no Rincón; Robin Mackelles, no Festival de Jazz de Pontevedra; Carme Gallego, tocando prós Cempés, en Vilariño; Virxilio da Silva, Xan Campos, no Rincón; e Eric Bibb no Fesitval de Jazz de Pontevedra. Uf.

miércoles, 24 de diciembre de 2014

24 de decembro de 2014. Bó Nadal.

Bó Nadal.
Outro Nadal.
A riqueza ofende mais, a miseria doe mais.
Luces de cores que pretenden facernos iñorar a escuridade.
Música estridente polas rúas que non ocultan o gran silenzo.
A estupidez ofende mais, as ausencias doen mais.
Outro Nadal.
Bó Nadal.
E pretender que as ilusións, a amizade, a familia, se poden mercar no Corte Inglés.
Bolsas de felicidade que se converten en bolsas de lixo.
Fagamos como que non vemos os que se tambalean pola acera, os vencidos, os esquecidos.
Os que non van poder có frío.
Críos ávidos. Comerciantes covizosos. Mozos borrachos. Alegría en lata.
Felicidade por decreto.
E non sei qué historia dun neno.
Bó Nadal.

Outro.

jueves, 16 de octubre de 2014

16 de octubre de 2014. Anotacións.

Pasea a sua tristeza polas ruas do barrio como outros pasean o can. Non é unha tristura elegante, ou distinguida. É unha especie de melancolía palleira, malfadada, esfameada, temerosa, farrapenta.
Camiña dun xeito raro, dificultoso, inclinado cara adiante, como se tivese presa e ó mesmo tempo non tivera gana nenghuna de ir a donde sexa que vaia; coma se sempre tivera unha ventoeira en contra.
Acostuma levar unha axenda ou caderno con tapas de coiro verde  nunha man, e, na outra, unha bolsa do super chea de vai ti saber qué.
Disque foi maestro, que estivo casado, que é do barrio pero botou moitos anos fora.
Afastámonos dil ó seu paso. A soidade, a tristura,  a miseria,  son contaxiosas, todo o mundo o sabe: mellor non achegarse, mellor non miralas sequer.
Mesmo os animais rexeitan ós que están enfermos.
O home vai e ven, fai as suas cousas. Un día desaparecerá e ninguén se dará conta, non sendo a dona da casa onde vive ou a señora da tenda onde merca as catro cousas coas que se mantén.
As veces se para, mira o redor de sí, abre a su axenda verde e, de xeito furtivo,  anota algo cun lápis exaxeradamente pequeno; logo continúa o seu percorrido polas rúas do barrio.
Qué haberá escrito nese caderno…  O mapa da soedade, os rexistros da demolición, o rastro da extinción, os trazos da fuxidia identidade do vello maestro… Soños, lembranzas, tolerías, apuntes, esbozos. Ou a lista da compra. O caderno desaparecerá con él, en todo caso.

As veces se para, ergue a cabeza e sorrí.






















Sen que teña nada que ver co anterior (ou sí), Sumrrá interpretando "Minoría Absoluta", un dos seus mellores temas.

miércoles, 24 de septiembre de 2014

24 de setembro de 2014. Eu non son un artista, nen nada diso.

Mais que vello (que sí), ou canso (qué tamén), síntome desgastado.

Coma as esculturas dunha vella igrexa de povo que, de tanto estar á intemperie, xa non se sabe a qué santo ou demo representa.
Ou coma unha moeda vella, que leva xa circulando tempo de mais e que xa non se sabe qué valor ten, qué se pode mercar con ela...
Ben. Seica algún sabio da antigüidade dixo que era boa cousa o coñecerse a un mesmo, agora non me lembro por qué motivo. Os sabios da antigüidade están moi sobrevalorados, crédeme. Canto mais eu me coñezo menos me gusto, maís me aburro, mais renego de mín.
Desaparecer. Non deixar rastro da memoria dun…
Boeno. Sabedes quen era Lois Pereiro. Se non volo mirades en Internet, ou lle preguntades a alguén. Pereiro escribiu o seguinte:
Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise.


Tendo en conta que Lois morreu no ano 1996 e que inda hai xente co lé e que reflexiona sobre o que él escribiu, hai que pensar que polo menos ata certo punto conquiriu o que se propuña…
Eu, pola miña banda, non teño interese algún en deixar nada tras de mín (inda que foxe quen, claro). A menos que infinitisimal e irrelevante amputación que sufrirá o mundo coa miña desaparición (e extincinción total, supoño) será doadamente esquecida. Dou por feito que estes cativos escritos, estas torpes homenaxes, estas imaxes roubadas á realidade serán dalgún xeito dispersados polo vento no seu día.


Emporiso que non son, nen serei, artista.

As fotos que acompañan son miñas, en todas sae o bateria L.A.R. Legido, e foron tomadas durante o concerto-celebración que Sumrrá ofreceu na Praza da Constitución, de Vigo, durante o pasado Imaxinasons.
E para que non sintades que perdéchedes totalmente o tempo, deixovos algo realmente especial: Voicings III , de Karolis Biveinis, compositor e pianista lituano residente en Galicia; a voz é da habitual nesta páxina Mónica de Nut.