Mostrando entradas con la etiqueta virxilio da silva. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta virxilio da silva. Mostrar todas las entradas

martes, 25 de agosto de 2015

25 de agosto de 2015. Tempo.

Tempo.
Se hai un ano ou así alguén me tivese preguntado qué cousa era o que mais eu desexaba, teríalle contestado sen dubidalo que “tempo”.
Tempo pra estar con vellos colegas. Tempo pra ler dunha ostia dunha vez o “Ulises” de Joyce. Tempo pra aprender a tocar un par de bluses decentemente. Tempo pra estudar algo (algún idioma, historia medieval, urbanismo…) Tempo pra clarificar o que me queda de cerebro. Tempo pra viaxar. Tempo pra escrebir.
Creo que hai un dito inglés que dí que Deus nos libre dos desexos cumpridos, ou algo así…
Porque agora, dende hai uns meses, teño tempo.
E nen Joyce, nen viaxes, nen estudos, nen vellos colegas, nen ostias. De feito, esto é o primeiro que escribo en moito tempo. Supoño que se de súpeto tivera cartos, ou amores, ou talento, me pasaría o mesmo: non sabería en que empregalos.
Así que teño tempo, e o mato (ten graza, o de “matalo tempo”, como se non soubesemos que é o tempo o que nos mata a nos), e non fago nada interesante, ou productivo, ou edificante..
Pois estou neste, digamos, retiro, case que alleo ó contacto humano, en felina compaña. Camiño, fumo, vexo xogar ós gatos, fago cafés e mos tomo, e non espero nada.
Sei das andanzas dalgúns coñecidos a través de internet (mira ti). No povo, dous kilómetros arriba, hai un bar con wifi; vou case que todolos días a subir fotos a flickr: podedes velas, se queredes. Non son unha gran cousa. Non vos perdedes nada se non as vedes.
Estou completamente desconectado das noticias: nen idea do que pasa en Grecia, nen do último atentado yihadista, nen dos resultado de futbol, nen da última parida de Marianito o corto, nen dos divertidos movimentos preelectorales que sen dúbida están a acontecer a cotío. E me é bastante igoal, a verdade…
E, quitando algúns problemiñas de saude, e os meus baixóns habituais, e esa angustia que me come as veces, pois non estou nada mal, a verdade.
Pero non creo que dure…
Non sei se este escrito é o reinicio desta cousa-blog, tan abandonada. Dende logo, non aspiro a que o lea ninguén, a estas alturas. Bastante ocupados estaredes co curro, ou a falta de curro, cos amores ou a ausencia deles, actualizando os vosos feisbucs e tuiteres, viaxando ou colocándovos.
Pero boeno. Ola.
E vai un video via youtube que ven moi axustado a movida de hoxe. É do disco de Mónica de Nut Trío, e titulase “Como deita o tempo”, e xa sei que o coñocedes, pero escoitalo unha vez mais non vos vai facer dano algún.
É unha preciosidade:



E xa está. As fotos son miñas, podedes ver mais en flickr (carlosdeteis.foto). Se por casualidade alguén lé esto e mo quere comentar, sen problema.

Boas noites, e boa sorte.

martes, 30 de diciembre de 2014

30 de decembro do 2014. Un ano dá prá moito (musicalmente falando)




















Fotos tiradas ó longo do ano. Debería por un pé de foto ó lado de cada unha e tal, pero deume tanto curro subilas que xa estou aborrecido. Boeno, pois nos vemos. Feliz ano e tal. Coidadevos.

Boeno, a ver. O primeiro que sae é Xacobe Martínez Antelo, tocando con Sumrrá no Imaxinasons de Vigo; despois o batería Carlos López tocando no Xancarajazz; seguen Manolo Gutiérrez e Xacobe Martínez Antelo, Sumrrá no Ensalle de Vigo; Javier Marcos na Taberna o Rincón, en Cangas; L.A.R. Legido, Sumrrá, Ensalle; GDJazz, tocando prá Marcos Pin E Factor no Festival de Jazz de Pontevedra; Sés, na Praza da Constitución, en Vigo; o cantante de Cró!, na Taberna O Rincón; Eva, de Linda Guilala, en Santiago; unha dos membros de Why Go,  no Rincón; Richard Bona, Festival de Jazz de Pontevedra; Carmen Rosende, tocando en La Galería Jazz Bar, en Vigo; o saxofonista Vincet Macián, no Rincón; Iago Fernández, José Manuel Díaz, L.A.R. Legido, unha balea de plástico, no Rincón; Robin Mackelles, no Festival de Jazz de Pontevedra; Carme Gallego, tocando prós Cempés, en Vilariño; Virxilio da Silva, Xan Campos, no Rincón; e Eric Bibb no Fesitval de Jazz de Pontevedra. Uf.

martes, 7 de enero de 2014

7 de xaneiro de 2014. Algunhas cousas que paga a pena gardar






Teño lido algo de literatura clásica, tipos gregos e algún romano, un pouco de Shakespeare, xa sabedes. Algúns deles, ó principio dalgún escrito, invocaban os deuses ou as musas pra que lles iluminasen e lles prestaran as palabras necesarias pra contar o que querían contar, e se ve que funcionaba, vistos os resultados . Eu, que son infinitamente máis torpe e inútil ca eles, como son descrido mais seguro que non vou ter axuda nengunha, e boa falta que me faría, non creades, porque me expreso mal, escribo peor e empecínome en trasladar cousas que requerirían persoa mais formada, talentosa e hábil ca mín pra que o esforzo resultase exitoso.
Ben, son as tres e cuarto do domingo 5 de xaneiro de 2014, non estou baixo os efectos de nengunha droga (o tabaco, o café e os manises salados non contan), estou escoitando a Keith Jarrett, sinto os habituais pequenos dores, o jato durme  e me estou pelexando co corrector ortográfico que por algún motivo se empeña en traducir ó español o mal galego que escribo. Polo demás, ben, grazas. Feliz ano.
A cousa vai de concertos, ou mais ben de momentos de concertos, os que tiven a fortuna de asistir o ano xa pasado. Evidentemente, vai implícita a recomendación de que asistades se podedes a actuacións dos grupos que vou mencionar máis adiante, e, en xeral, que apoiedes á música en directo.  Flashes dun ano que, no musical, non foi para nada malo:
Fun a Santiago casualmente; e casualmente vin o cartel anunciando o concertó de Sumrá na Casa das Crechas, que casualmente era ese mesmo día. E, por unha vez, non tiña que me axustar á Renfe pra voltar a Teis.  Moitas casualidades de mais como pra non ir. Así que eiquí estou agora, a medio metro de LAR Legido que, cos ollos pechados, sudando a moreas na noite santiaguesa e aparentemente indiferente ó que lle rodea, está exprimindo a sua batería ata límites dificís de crer. Un tema que comenzou a medio tempo e que se foi convertindo nunha especie de combate corpo a corpo entre Legido e o mundo en xeral, mentres Xacobe Martínez Antelo mantén un ritmo axustado ó contrabaixo e Manolo Gutiérrez fai acordes aparentemente ó chou no piano. É unha especie de caos, non hai sitio onde agarrarse, algo fascinante. A luz verde sobre o batería dalle un aspecto de demo ou algo así. E, de súpeto, sobre o ruido, Manolo crea unha melodía incriblemente fermosa, tanto que non  estou seguro se realmente está tocando iso que eu creo ouvir ou non. Xacobe ségueo, e Legido para un intre de tocar e coas baquetas en alto emite un berro, algo así como “aaaargh”, pura satisfacción animal, namentras Manolo Gutiérrez, ensimismado, continúa desenrolando o novo tema. E eu estou feliz de estar na cidade mais fermosa do mundo, na mellor compaña posible, e escoitar algo dunha beleza imposible.

Festival Folk en Vilariño é, básicamente, festa. O público mais heteroxéneo que che podes imaxinar: paisanada, pais con nenos pequenos, mocerío con gañas de pásalo ben, punks do Morrazo, algún hippie dos antigos, e incluso algunha xente que vai escoitar música. Moita cerveixa, moito licor café, moita maría, bastante tontería tamén. No escenario están Radio  Cos, coa formación completa (voces, percusión, violín, acordeón e Lamas, que toca gaitas, saxos, clarinetes e calquer outra cousa que precise soplar nela). Levan unha media hora facendo bailar á xente con bó humor,  ribeiranas, pasodobles, jotas e música da terra en xeral, o mellor grupo que podes topar para unha noite así. Inda que son o grupo que abre o Festival, moita xente foi ata alá só por velos, e con razón. Son moi bós, máis que bós. E niso que se poñen a interpretar un tema en sefardí sobre o que é estar lonxe da casa, ou non ter casa onde voltar, ou non lembrar se inda tes ou non casa. E moita xente non se entera, seguen o seu, pero outros moitos sentimos de súpeto a xeada da noite, e moitos poderíamos cantar ou tocar esa canción, porque acabamos de adoptala, de facela nosa, porque a recoñocemos en nós. E eu, que inda teño casa, e que cando volto a ela polas noites inda hai quen me agarda, sinto os ollos húmidos. A persoa que me acompaña nótao, e eu lle digo que a priva me pon sensibleiro. E despois segue a festa, segue a bebida, segue a vida.

Canjazz, en, claro, Cangas. Unha noite perfecta. A acústica no Eirado do Costal é, boeno, perfecta (o dos adxetivos non é o meu, sinto). Marcos Pin, o frente da Big Band que reuniu o seu redor (Marcos Pin E Factor Reset), interpreta os temas do disco Barbanza: alí están Pablo Castaño, Max Gómez, Xacobe, Gutiérrez, Fernando Sánchez… O público enche a praza e, por unha vez, todo o mundo parece estar pola labor. Estamos perto do final, e está claro que é dun concertos do ano: algúns dos mellores músicos do país tocando os temas escritos por Marcos con desenvoltura, cómodamente, nun ambente relaxado. E no penúltimo tema GdJazz Pereiro, o xoven trompetista de Cangas, ponse de pé e executa un solo incrible e eu teño a fortuna de esta xusto detrás dil (tirando fotos e tal), e me quedo alucinando. O tipo que está xunto a mín, un vello aficionado ó jazz co que coincido moi habitualmente, me mira e dí “a ostia”. E, sí, está ben expresado. Pereiro está en vena, e alonga o solo un coro máis, e outro,  sen esforzó aparente . E por mín podería seguer a noite enteira…


Domingo pola mañá en Cangas, e o tempo está chungo, polo que o concerto de Mónica de Nut e Virxilio da Silva (acompañados nesta ocasión por Marcelo Dobode á percusión) vaise ter que facer no interior da Taberna o Rincón, que non é precisamente grande. O bar está petado de xente, e o grupo estivo probando co público diante, o cal non mola moito. Ademais, Mónica está un pouco ajripallada, ten mala cara, e decide non pór a roupa de actuar: vai cantar con jersei e cun pucho de lá na cabeza. A cousa pinta un pouco mal, e xa é hora de arrancar. Virxilio empeza coa guitarra acústica, facendo bottleneck, e Mónica, que hai un intre estaba alí,  non  se sabe onde está. Non hai ninguén xunto ó micrófono. Virxilio toca blues ó vello estilo, o que tanto me gusta; lémbrame a Blind Wille Johnson, “Darkness was the night…” , e cousas así, e toca coma ninguén. E niso oese cantar dende fora do bar: Mónica empezou a actuación polas rúas de Cangas, por suposto sen micro. Está cantando “Lévame”, un tema tradicional do país. E cando entra no bar e se sitúa no seu lugar, nun curruncho, xunto  a Virxilio, o blues de dentro e a cantiga de fora, o quexido do bar e o quexido da rúa, encaixan a perfección, son o mesmo queixume; a magnífica voz cada vez mais chea de matices casa coa guitarra rasposa e oubeante. Semella algo máxico, irreal, perfecto dun xeito raro. Prodúcese ese chispazo que só sucede moi de cando en cando (pero que é gozosamente habitual nos concertos de MdN e VdS). E somente é o comenzó do que vai ser un outro magnífico concerto.  E eu decido que non hai grupo mellor pra ouvir nen outro sitio no que preferise estar agora mesmo.

Estamos na segunda parte da actuación e, por unha vez, Lucía non presenta o tema. É o concertó de Reis que Lucía Martínez e o seu cuarteto ofrece, unha vez máis, no Hipólito, nas Travesas. Brandao, o saxofonista do grupo, inicia un tema en solitario; na mesa na que estou todos o coñecemos, pero tardamos un intre en lembrar que é. Mirámonos uns a outros, e alguén dí “Alfonsina”. Eso é. Algo que non ouvíamos dende hai anos. Algo que nos lembra, por se fixera falla, o moito que levamos vivido, o moito que vimos mudalos tempos, o moito que esquecimos, o moito que inda lembramos.  O portugués segue só,  axustándose á melodía, alto, clamo, e nítido. Despois entra o resto do grupo, fan variacións, descompoñen a canción, a reorganizan, a recrean, a inventan ante nós. Ós poucos, voltan á composición que nos é familiar. E ese é o noso regalo de Reis.
Tantos bós momentos este ano pasado… Iago Fernández, Chus Pazos, Paco Charlín, Joao Mortagua, Chris Kase, Berroguetto, unha rapaza anónima tocando o acordeón en Santiago, 2uS, Javier Marcos, The Cobras, José Manuel Díaz, Sés, Toni Risco, Silvia Penide, …protagonistas todos eles de instantes perfectos, diños de gardar nalgures, de ser contados por alguén con máis capacidade da que eu, qué vos vou dicir a vos, teño.
Veredes. Hai anos tiven un accidente laboral, bastante grave. Entre outras cousas, declarouseme ou como se diga un proceso de necrose. Non vos vou explicar o que é, así que xa sabedes, Wikipedia e tal. O caso ca ciruxana de plástica viña pola habitación do hospital duas ou tres veces á semana, armada cun escalpelo, e púñase a raspar na zona afectada. Eliminaba tecidos mortos. Sabía cando tiña que parar: cando eu berraba. Cando doía. Cando chegaba ata o que inda estaba vivo.
A música, algunha música, algún momentos de algunhas actuacións, prodúcenme máis ou menos, e salvando as distanzas, o mesmo efecto. Eliminan tecido morto, chegan ó que inda está vivo, doen. Fanme lembrar que e quen inda son. Momentos, emocións, imaxes, sonidos, que quixera levarme conmigo cando me vaia. Vale, esta última frase e de Tom Waits.
Ben, como era de agardar as musas ou os deuses non foron, desta vez tampouco, xenerosos conmigo. Non tiñan por qué, tamén é verdade.  Pero boeno, algunha vez tamén se podían enrollar, digo eu, que tampouco é tanto o que lles pido.
Disimulade, pois, a calidade do texto, iñorade as suas moitas imperfeccións, ser xenerosas coa intención que, vos aseguro, é boa. Agora son as seis da mañá deste día choiviñento, Frank Sinatra canta My Funny Valentine, esgotei o tabaco, o jato se espereza, chove aí fora, e non vou repasar o escrito. Non o ía facer mellor de todolos xeitos, pero non digades que nen sequer o intentei. Vai como vai, é o que é.
Boas noites, e boa sorte.




jueves, 26 de diciembre de 2013

26 de decembro de 2013. Cousas pra ouvir. Pagando débedas.



Non sei se saberedes (e se non xa volo conto eu, faltaría máis) da miña afición ás listas de final de ano, especialmente ás que saen en grandes (cada vez menos grandes, je) medios, como “El País”, que nos informan do que foi “o mellor do ano” en temas de cultura e entretenemento (e de “tendencias”, que non sei moi ben o qué é). Así que, chegados a esta
época, agardo ansioso polos mellores libros, segundo El País (normalmente non lín ningún), os mellores discos, segundo Mondo Sonoro ( algún non os coñezo, outros dan asco directamente) ou Je ne Sais Pop (psché), as mellores pelis segundo Filmaffinity (pra flipar, quítanche as gañas de ir ó cine outros catro anos), e mais. Hai, básicamente, dous tipos de listas: as elaboradas por expertos, críticos e así, e as de votación popular; éstas últimas son as mais divertidas (de verdade que “Avatar” foi unha das mellores pelis da década?)
Resulta qué inda é mais divertido elaborar listas que lelas…
A lista que vos vou presentar hoxe (qué che crías) é unha mistura dos dous tipos; está feita por un experto (eu) e corroborrada e confirmada pola xente (eu). Vai de discos (prás xeneracións máis novas: un disco é un obxecto físico que posto no chisme adecuado reproduce música; soe ter portada; soe ter créditos, que nos informan de quen toca cada cousa; soe costar pasta).
Realmente, podería incluir eiquí sete ou nove discos. O momento da música feita en Galiza agora mesmo é excepcional.
Tomádeo máis ben como unha recomendación que vos fago: son catro discos que deberíades ter, ou polo menos, escoitar. Evidentemente, son catro discos galegos, inda que non necesariamente de música galega; editados ou distribuidos durante este puto ano 2013 que semella rematar dunha vez; que proporcionan grandes doses de placer, regocixo, inquetude, xolgorio e mais cousas; e dos que me apetece escribir (pagando débedas, xa sabedes). Vai por orde de adquisición.

2uS. Dous. Este é o segundo disco (ou o terceiro, é un pouco complicado) do duo formado por Fernando Abreu (que toca todo tipo de saxos e clarinetes) e por Pablo Carrera, guitarra. A edición (diseño e ilustracións) de Olalla Fernández é magnífica: o disco é realmente precioso; llo podes regalar a calqueira e quedar como Dios (unha frase feita que non estou moi seguro do que siñifica). O que contén é música popular dunha elegancia e gusto dificís de superar, melodías adictivas, e un bo rollo que escasea últimamente. Ideal para pór un domingo pola mañá de resaca (crédeme). Música folk dun país que non existe.


Marcos Pin Factor E-Reset. Barbanza. Marcos Pin (guitarrista, compositor, arreglista) xuntou o seu redor unha big band con moitos dos mellores músicos da escea galega de jazz (o cal siñifica excelentes músicos) para grabar este magnífico disco inspirado no Barbanza (esto último volo podiades imaxinar). A textura (musical, se entende) deste disco é incrible. Está cheo de momentos e detalles máxicos, a cargo de tipos como Manolo Gutiérrez ó piano, GDJazz á trompeta, Ton Risco ó vibráfono ou Pablo Castaño ó saxo tenor. O traballo da sección rítmica (Max Gómez á batería, Juansy Santomé o contrabaixo) é impecable. Marcos Pin é, sen dúbida, un dos músicos máis intelixentes e, ó tempo, máis, mmm, detallistas, que hai hoxe en día por eiquí. Unha proposta arriscada e exitosa, e, sobre todo, moi disfrutable.


Mónica de Nut e Virxilio da Silva. Dos fíos invisibles chegan as cores. Este é o disco mais difícil de describir dos catro, pero a ver como zafo. Estamos ante un traballo de demolición de fronteiras entre estilos: na mesma peza conviven o canto de raíz galego e unha guitarra tipo Delta do Mississipi, unha peza barroca e unha trompeta que vai derivando cara o jazz… Un disco que contén canción tabernaria e canalla, distorsión, furia, maestría, desesperación, retranca, elegancia... Música palleira, din eles. Este disco xurde das actuacións en directo co duo ven facendo dende abril do 2013, e conserva a inmediatez e urxencia de ditas actuacións. As colaboracións de GDJazz á trompeta e de Marcelo Dobode á percusión danlle inda mais cor ó traballo. Difícil de clasificar, directo, extraño, distinto, excelente en todo caso, e que semella coller formas novas cada vez co escoito. Música dunha Galiza que inda non existe.


Ton Risco Quinteto. Impronunciable. O vibrafonista ourensán, cunha excelente banda (GDJazz, que parece estar en todos lados, á trompeta, Marcos Pin á guitarra, Max Gómez á batería e Juan Cañada ó contrabaixo, coa colaboración do saxofonista Pablo Castaño en dous temas) presenta un disco impecable, sinxelo, onde cada cousa encaixa no seu sitio, que se toma o seu tempo pra che ir envolvendo, no que os músicos semellan toparse cómodos. Na funda ven unha foto tirada po Rodas Isqueiro que xa me gostaría tela feito a mín.

E era iso.
Unhas consideracións finais: nengún destes traballos está editado por unha multinacional ou algo semellante (o primeiro creo que é de Nakra ou de Sinsal, os outros tres son FreeCode Jazz Records), así que probablemente non poderás mercalos no Corte Inglés nen no Alcampo ó fondo á dereita xunto á sección de embutidos.
Eu tiven a sorte de ver e escoitar a toda esta xente defendendo os seus traballos en directo, e conseguín ós discos directamente dos músicos cos fixeron; vos aseguro que é o xeito mais sinxelo, ilusionante e honrado de facerse cun disco.
É de facer notar a pouca presenza de mulleres nas grabacións reseñadas. Boeno, e que exceptuando a Mónica de Nut, non hai nengunha. O cal semella bastante raro. Por favor, que alguén mais listo ca mín (é dicir, case que calquera) investigue e explique o motivo de que haxa tan poucas músicas no campo do jazz, improvisación ou como queiras chamalo.
Outros discos non comentados eiquí, pero que farías moi ben en conseguir: o do gran Paco Charlín, “Flood” e o de Radio Cos (homónimo). Non tiven ocasión de escoitar inda o último de Sés, que hai quen di que está moi ben. Sumrá, que eu saiba, non grabou nada últimamente; tampouco sei nada de Lucía Martínez. Teño que me facer cos traballos de Iago Fernández e de Chus Pazos…
Boeno, mais nada. Grazas a todolos que asomedes por esta páxina.
Un pensamento pra compartir, deses que se me ocorren moi de cando en cando (afortunadamente): quen non ten nada que perder, probablemente non ten nada que dar.
Je.

E mais nada. Ata mais ver.

martes, 23 de abril de 2013

23 de abril de 2013. A esperanza está no inesperado: crónica visual dun concerto.





MONICA DE NUT e VIRXILIO DA SILVA.
TEATRO ENSALLE DE VIGO,
14 DE ABRIL DE 2014.





(...)



Resistir é ser conscientes da nosa vida e da nosa liberdade.

miércoles, 9 de enero de 2013

8 de xaneiro de 2013. O 2012 non foi tan malo: un repaso a concertos. E tal.





Seica o outro día, aí atrás, non rematou o mundo, como algúns predictiran (ou predixeran). Nunca se sabe. Ó mellor sí rematou i eu non me enterei; non sería raro. Últimamente non me entero de nada.  O que é seguro é que cada día é o fin do mundo para moita xente.
O que sí que rematou foi o ano (que agora podemos chamar “ano pasado”). Diso estou case que certo.
Unha cousa que fai moita peña cando remata un ano é o tema das listas de cousas mellores do ano. Xa sabedes: as dez mellores pelis do ano, as mil cancións do ano, os quince mellores cociñeiros bizcos que non sexan nen vascos nen cataláns, os catorce políticos mais atractivos… Pódese facer listas de todo. Se lle botades unha ollada ás revistas ou páxinas de Internet ou programas de t.v.  que traten de cine ou de música ou de tendencias (?), toparedes listas de todo tipo, algunhas francamente divertidas.
O caso é que me dixen “oes, fagamos unha lista”. E inmediatamente me respostei e me preguntei, simultaneamente: “pra qué?” E é unha boa pregunta, a verdade. É o tipo de preguntas que non se deberían facer nunca. Vaia, é a típica pregunta que se cha fas a primeira hora da mañán, non te levantas da cama.
Porque, a ver, pra qué é que facemos cousas coma ésta (o blog, o das listas, escribir cousas que non lé ninguén, tirar fotos…)? Pra impresionar a alguén? Pra demostrarnos a nos mesmos que inda estamos vivos? Pra nos distraer mentras agardamos o fin do mundo particular de cada ún de nos? Por inercia? Pra deixar unha marca no transcurrir do tempo que sinale a nosa presenza nun intre determiñado?. Mexadas de can…
Pero sonche cabezón (literal e figuradamente), e convencínme a mín mesmo (“veña, tío, qué mais te da, unha lista sempre mola, mira os do El País e tal, tampouco custa tanto…”). E, por non me aturar mais, accedin. Así que acordei facer unha lista.
Vale. Pero unha lista (selección) de qué.
Porque xa sabedes que a actualidade non é o meu. Quero dicir que nunha lista cos mellores libros do 2012, por exemplo, quedaría un pouco chungo meter cousas que se editaron en 1967. E o certo é que probablemente non lín nada durante o ano pasado  que fose escrito ou publicado nese ano. Se falamos de discos ou películas, en xeral, me sucede o mesmo.
Boeno, pois todo este rollo que antecede vai para dicirvos (se inda estades aí) que a cousa vai de repaso a concertos do ano pasado. Ilustrado con bonitas fotos feitas polo autor. Clasificado por categorías. Veña.
Primeira categoría. Premio especial ó concerto decepcionante do ano: Keb’ Mo’, no Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, en xullo. Polos cravos de Cristo. Por momentos me parecía estar oindo a Eric Clapton ou un deses, pero inda mais edulcorado e tonto. Blues envolto en papel celofán para que non arañe.
Segunda categoría. Concertos ós que non fun, querendo ir (motivado). Nacho Vegas, en Santiago (entradas vendidas 15 días antes do concerto, e eu sen enterarme); Xumrrá, no Teatro Ensalle (problemas de saúde); Iago Fernández e Virxilio da Silva, no Xancarajazz (saúde); Joshua Redman, en Pontevedra (agotamento laboral); Isga Collective e Xardín Desordenado, no Concello (retraso de 4 minutos na entrada (?)); Marcos Pin, en La Pecera (saúde). E algúns outros que seguro que me esquezo. Por certo, moi mal andiven eu de saúde o ano pasado, agora co penso.
Tercera categoría. Concertos que estiveron moi, pero que moi ben: So son dous (2us), no Bar Hipólito, en novembro; Pablo Carrera (cun gripallón importante)  en La Pecera, en novembro; Alamanouche, no Xancarajazz, en outubro; Woyza e Isaac Garabatos, no Cabiria (en setembro ou outubro); Mónica de Nut Trío, no Salason de Cangas (maio ou xuño, por aí), Ruxe Ruxe, por suposto, no Festival Folc de Vilariño, Silvia Penide, en Pontevedra…
Categoría especial. Gran premio do xurado, gran premio do público, tedes un café pago:
-MBM Trío, no Bar Hipólito, en decembro. Lucía Martínez á batería, Antonio Bravo, guitarra, e Baldo Martínez, contrabaixo, fixeron un dos concertos mais intensos, imaxinativos e cun nivel de interpretación mais alto ós que eu teño asistido nos últimos anos. A revelación da noite (pra mín, que son moi iñorante) foi Bravo, a quen considero dende xa dos mellores guitarristas que se poden topar na actualidade.
- Max Gómez Cuarteto (Max, batería, Iago Fernández, batería, Paco Charlín, baixo, Mortagua, saxos), no Contrabaixo, en novembro (creo). Impecable. Intenso. Xenial.
Mención especial pró dúo Escuchando Elefantes, que habitualmente tocan, orgullosamente,  nas rúas das nosas vilas. Este ano me coincidiu miralos tres ou catro veces na Rúa do Príncipe, e sempre me alegraron a tarde.
Mellor concerto do ano. Jato douro. Café pago, e prá próxima vos axudo a cargar material, se a saude mo permite.
Exaequo (como mola pór según que palabras):
- Lucía Martínez Cuarteto, tamén no Bar Hipólito, en decembro. O cuarteto regular de Lucía (Minnermann ó contrabaixo, Brandao ó saxo e frauta, Neves o piano) explotando o magnífico disco “Soños e delirios”. Un cuarteto en plena forma, moi ben conxuntado, dos que xa vos teño falado (ben). Un grupo que hai que ver sempre que se acheguen polo pobo. Vos recomendo compulsivamente (xa sei onde van parar as miñas recomendacións, pero en fin) a escoita do tal disco. A única pega do concerto: xente de mais. Pero é lóxico. Somente para escoitar “Perto do 177 da Rua Moreiras, en Porto” pagou a pena ir ata Travesas.
- Mónica de Nut e Virxilio da Silva, agosto, na Praza da Constitución. Pra mín, un concerto ideal: unha proposta arriscada, un público heteroxéneo, ó ar libre (vaia, que se podía fumar), opinións enfrentadas,un moi bó son, espazo pra Mónica se mover (as veces da un pouco de angustia vela en sitios pequenos), un repertorio excelente defendido con solvencia,  unha moi sólida interpretación de Virxilio (pero qué bó é este tío), e ... Boeno, estaban que se saían, esa noite. De feito, se sairon. Por algún motivo,sempre que penso nesta xente a palabra que me ven á cabeza é honestidade… Pegas: un pouco curto de mais, non fixeron “Como deita o tempo”, e se me rematou a batería da cámara ós cinco minutos de empezar. De feito, a foto que vai por aí, nalgures nesta páxina, non se corresponde a esa actuación. Péro é moi chula. Porqué non hei de cantare…eso, por qué non.

E xa está. Cada vez son mais brasas, xa o sei. Sinto.
Todolos músicos mencionados están vivos e en activo, que eu saiba. É dicir, cabe a posibilidade que neste ano toquen perto de onde ti vives. Non hai actuación das reseñadas á que eu non volvería ir con gusto (agás a do Keb’ Mo’). Ou sexa, que volas recomendo todas e cada unha delas. Encarecidamente.

Ben mirado, o 2012 foi, pra según qué cousas, un ano bastante bó. Pero, xa sabedes, “The best is yet to come”.