Mostrando entradas con la etiqueta marcos pin. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta marcos pin. Mostrar todas las entradas

viernes, 9 de enero de 2015

9 de xaneiro de 2015. Falemos (ben) do 2014

E, máis ou menos, a cousa foi así: ía eu no vitrasa escoitando a Mingus a todo o volume que lle podo sacar o cacharro de mp3 (que tampouco é tanto), e ollando distraido pola xanela o deterioro urbano e humano modernos, cando un tipo o que apenas coñezo, o que se di ocoñezodevista, entablou conversa conmigo. Por suposto intentei iñoralo, pero ante a sua insistencia (abría moito a boca e facía xestos raros coas mans) apaguei o cacharro de mp3 e con resiñación e teméndome o peor  lle preguntei se quería algo da miña persoa. E o que sucedeu a continuación foi tan extraordinario (tan sublime) que inda a día de hoxe me pregunto se non estaría eu baixo o efecto dalgunha sustancia que alterara a miña percepción da realidade ou algo semellante: coñezodevista afirmou con total seriedade que acostumaba a ler as cousas que eu escribía; que normalmente lle gostaban e lle facían moito chiste; que sabía que eu soia escribir  un resumo de actuacións e de mellores discos do ano, e que este ano o botaba en falta; e se teña pensado facelo. Tamén me preguntou onde mercara o sombreiro que eu levaba posto, e se o C3 era o bus adecuado pra ir o Hospital Nicolás Peña (probablemente sección atención mental), pero esto non ven ó caso.
Como non podía ser doutro xeito, mireino emocionado (un tío que me lé? que se acorda despois do que leu? que “bota en falta” unha reseña miña? ostias!), mentres sentía como os meus ollos se humidaban. (se humidificaban…. se humedecían?) Dinlle unha forte aperta, como a irmán retornado, mutilado e un pouco trastornado, pero retornado ó cabo, das trincheiras da primeira guerra mundial, e tiven o impulso de invitalo a cear, cousa que non fixen porque lembrei que levaba no peto un euro con setenta e cinco céntimos, cantidade a todas luces insuficente prá unha diña inxestión de alimentos. Así que lle ofrecín un pitillo, coa indicación de que non o fumara no interior do autobús e que o gardara pra logo, e me comprometin solemnemente a, ó seu debido tempo, escribir a tal reseña. Cando ocoñezodevista tivo que baixar do bus, coa intención de facer trasbordo co C4, despedímonos con grandes demostracións de afecto e bós consellos. E eu seguín ó meu, e él, supoño, o seu.
Boeno, un compromiso é un compromiso.
Cando as miñas numerosas ocupacións (xa sabedes, a miña axenda social está repleta) me deixaron un respiro, meditei sobre o ano pasado. Porque non sei se saberedes que rematou un ano (o 2014) e empezou outro (o 2015). Un ano moi chungo en moitos aspectos, o ano pasado. Pero, dende o punto de vista da música que se fai eiquí, nesta terra esquecida, o 2014 non foi un mal ano en absoluto, especialmente en canto a actuacións en directo se refire, ata ó punto de que, prá seleccionar algúns concertos que reseñar eiquí, tiven que facer un certo esforzo, o cal me produxo una lumbalxía da que inda me estou recuperando.
A miña selección (que leva implícita a recomendación de que, se podedes, vaiades ver á xente que cito) é a seguinte:
-Tiven a fortuna de ver a Sumrrá (un dos meus grupos de cabeceira) nada menos que en catro ocasións: duas no Teatro Ensalle (magnífico sonido, magnifica luz, magnífico sitio), repasando discografía, unha na Taberna O Ricón de Cangas (Paco, tío, é incrible o que pasa nese sitio os domingos pola mañá), adiantando temas novos, e outra na Praza da Constitución, no Imaxinasons de Vigo, concerto-celebración con invitados. Os catro concertos de Sumrrá estarían nesta lista de “mellores concertos do ano segundo o tipo raro ese que escribe cando se lembra”. Se vichedes algún desas actuacións estaredes dacordo conmigo.
-A presentación que fixo Xan Campos do seu disco “Ectropía” no Rincón, en Cangas, foi espléndida, irrepetible, máxica. Co Coro de Escola Municipal de Música de Cangas, eu que seis, unhas vinte persoas, con invitados prá ocasión (Virxilio da Silva, GdJazz, Max Gómez…), cun piano Steinway (que prá meter e sacar da Rúa Cega foi un show), o tal concerto foi, sen dúbida, a ostia.
- Marcos Pin Factor E-Reset, a big-band galega dirixida polo guitarrista Pin, fixo unha outra magnífica actuación durante o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, tocando, quizais por última vez, “Barbanza”. Un dos proxectos mais intensos, de mais calidade e mais fermosos que ten alumeado o Jazz galego.
- E o de Lucía Martínez, ó frente do Berliner Project, nun repleto auditorio do Concello de Vigo durante o Imaxinasons. A ver. Lucía, ademais de ser unha batería e percusionista excepcional, de saberse rodear de enormes músicos e deixalos tocar, de ser unha magnífica compositora, de ter unha sensibilidade e unha intelixencia musical incribles, é quen de lle dar ós seus concertos unha calidez, unha humanidade, un saber estar únicos. E, ademais, é moi maja.
Reseñables tamén os dous concertos que lles vin a Crescent 4 (un na Galería, outro no Contrabaixo), o do Iago Fernández Sextet no Rincón, prepresentación de disco, Alberto Seoane trío , tamén no Rincón, Alberto Vilas en varios sitios e circunstancias, Richard Bona, Eric Bibb e Robin MacKelle no Festival de Pontevedra, Marco Mezquida e Riverside Quartet no Imaxinasons, Felipe Villar, David Regueiro (no Rincón)…
Moita música, en efecto. Posible grazas a sitios como o Contrabaixo, o Xancarajazz, a Taberna o Rincón de Cangas, a Galería Jazz Bar, o Salason, tamén en Cangas, o Teatro Ensalle… e a pervivencia de cousas como o Imaxinasons, o Festifolk de Vilariño ou o Fstival Internacional de Pontevedra. Lamentar o peche do Hipólito, bar de referencia jazzistica e cultural na zona de Travesas…
Mención especial do xurado (premio “pero estas cousas inda pasan?”) ó concerto que intentaron dar Virxilio da Silva e Mónica de Nut en Sanxenxo…
En canto a discos (non me fagades explicar outra vez que cousa é un disco…), o do ano 2014, pra mín é claramente ECTROPÍA, do XAN CAMPOS TRÍO (Xan Campos, teclado; Horacio García, contrabaixo; Iago Fernández, batera. FreeCodeJazzRecords, 2014). Volo oides e me decides.
(Aí enriba vos puxen unha foto do, insisto, magnífico concerto que Campos deu no Rincón, e un video de promoción do, reitero, magnífico disco Ectropía. De nada.)
E xa está. Era iso.
E vou rematar cun chamamento (e vos veredes se vos sentides chamados ou non): apoiade a música en directo, especialmente a realizada pola xente de eiquí, e sobre todo a xente que arrisca no creativo. E apoiade ós locais e a xente que segue a organizar concertos, en ocasións pagando do seu peto ás perdas.
E, boeno, ehem, seguer lindo esta cousa que eu fago.

 Vémonos.

martes, 7 de enero de 2014

7 de xaneiro de 2014. Algunhas cousas que paga a pena gardar






Teño lido algo de literatura clásica, tipos gregos e algún romano, un pouco de Shakespeare, xa sabedes. Algúns deles, ó principio dalgún escrito, invocaban os deuses ou as musas pra que lles iluminasen e lles prestaran as palabras necesarias pra contar o que querían contar, e se ve que funcionaba, vistos os resultados . Eu, que son infinitamente máis torpe e inútil ca eles, como son descrido mais seguro que non vou ter axuda nengunha, e boa falta que me faría, non creades, porque me expreso mal, escribo peor e empecínome en trasladar cousas que requerirían persoa mais formada, talentosa e hábil ca mín pra que o esforzo resultase exitoso.
Ben, son as tres e cuarto do domingo 5 de xaneiro de 2014, non estou baixo os efectos de nengunha droga (o tabaco, o café e os manises salados non contan), estou escoitando a Keith Jarrett, sinto os habituais pequenos dores, o jato durme  e me estou pelexando co corrector ortográfico que por algún motivo se empeña en traducir ó español o mal galego que escribo. Polo demás, ben, grazas. Feliz ano.
A cousa vai de concertos, ou mais ben de momentos de concertos, os que tiven a fortuna de asistir o ano xa pasado. Evidentemente, vai implícita a recomendación de que asistades se podedes a actuacións dos grupos que vou mencionar máis adiante, e, en xeral, que apoiedes á música en directo.  Flashes dun ano que, no musical, non foi para nada malo:
Fun a Santiago casualmente; e casualmente vin o cartel anunciando o concertó de Sumrá na Casa das Crechas, que casualmente era ese mesmo día. E, por unha vez, non tiña que me axustar á Renfe pra voltar a Teis.  Moitas casualidades de mais como pra non ir. Así que eiquí estou agora, a medio metro de LAR Legido que, cos ollos pechados, sudando a moreas na noite santiaguesa e aparentemente indiferente ó que lle rodea, está exprimindo a sua batería ata límites dificís de crer. Un tema que comenzou a medio tempo e que se foi convertindo nunha especie de combate corpo a corpo entre Legido e o mundo en xeral, mentres Xacobe Martínez Antelo mantén un ritmo axustado ó contrabaixo e Manolo Gutiérrez fai acordes aparentemente ó chou no piano. É unha especie de caos, non hai sitio onde agarrarse, algo fascinante. A luz verde sobre o batería dalle un aspecto de demo ou algo así. E, de súpeto, sobre o ruido, Manolo crea unha melodía incriblemente fermosa, tanto que non  estou seguro se realmente está tocando iso que eu creo ouvir ou non. Xacobe ségueo, e Legido para un intre de tocar e coas baquetas en alto emite un berro, algo así como “aaaargh”, pura satisfacción animal, namentras Manolo Gutiérrez, ensimismado, continúa desenrolando o novo tema. E eu estou feliz de estar na cidade mais fermosa do mundo, na mellor compaña posible, e escoitar algo dunha beleza imposible.

Festival Folk en Vilariño é, básicamente, festa. O público mais heteroxéneo que che podes imaxinar: paisanada, pais con nenos pequenos, mocerío con gañas de pásalo ben, punks do Morrazo, algún hippie dos antigos, e incluso algunha xente que vai escoitar música. Moita cerveixa, moito licor café, moita maría, bastante tontería tamén. No escenario están Radio  Cos, coa formación completa (voces, percusión, violín, acordeón e Lamas, que toca gaitas, saxos, clarinetes e calquer outra cousa que precise soplar nela). Levan unha media hora facendo bailar á xente con bó humor,  ribeiranas, pasodobles, jotas e música da terra en xeral, o mellor grupo que podes topar para unha noite así. Inda que son o grupo que abre o Festival, moita xente foi ata alá só por velos, e con razón. Son moi bós, máis que bós. E niso que se poñen a interpretar un tema en sefardí sobre o que é estar lonxe da casa, ou non ter casa onde voltar, ou non lembrar se inda tes ou non casa. E moita xente non se entera, seguen o seu, pero outros moitos sentimos de súpeto a xeada da noite, e moitos poderíamos cantar ou tocar esa canción, porque acabamos de adoptala, de facela nosa, porque a recoñocemos en nós. E eu, que inda teño casa, e que cando volto a ela polas noites inda hai quen me agarda, sinto os ollos húmidos. A persoa que me acompaña nótao, e eu lle digo que a priva me pon sensibleiro. E despois segue a festa, segue a bebida, segue a vida.

Canjazz, en, claro, Cangas. Unha noite perfecta. A acústica no Eirado do Costal é, boeno, perfecta (o dos adxetivos non é o meu, sinto). Marcos Pin, o frente da Big Band que reuniu o seu redor (Marcos Pin E Factor Reset), interpreta os temas do disco Barbanza: alí están Pablo Castaño, Max Gómez, Xacobe, Gutiérrez, Fernando Sánchez… O público enche a praza e, por unha vez, todo o mundo parece estar pola labor. Estamos perto do final, e está claro que é dun concertos do ano: algúns dos mellores músicos do país tocando os temas escritos por Marcos con desenvoltura, cómodamente, nun ambente relaxado. E no penúltimo tema GdJazz Pereiro, o xoven trompetista de Cangas, ponse de pé e executa un solo incrible e eu teño a fortuna de esta xusto detrás dil (tirando fotos e tal), e me quedo alucinando. O tipo que está xunto a mín, un vello aficionado ó jazz co que coincido moi habitualmente, me mira e dí “a ostia”. E, sí, está ben expresado. Pereiro está en vena, e alonga o solo un coro máis, e outro,  sen esforzó aparente . E por mín podería seguer a noite enteira…


Domingo pola mañá en Cangas, e o tempo está chungo, polo que o concerto de Mónica de Nut e Virxilio da Silva (acompañados nesta ocasión por Marcelo Dobode á percusión) vaise ter que facer no interior da Taberna o Rincón, que non é precisamente grande. O bar está petado de xente, e o grupo estivo probando co público diante, o cal non mola moito. Ademais, Mónica está un pouco ajripallada, ten mala cara, e decide non pór a roupa de actuar: vai cantar con jersei e cun pucho de lá na cabeza. A cousa pinta un pouco mal, e xa é hora de arrancar. Virxilio empeza coa guitarra acústica, facendo bottleneck, e Mónica, que hai un intre estaba alí,  non  se sabe onde está. Non hai ninguén xunto ó micrófono. Virxilio toca blues ó vello estilo, o que tanto me gusta; lémbrame a Blind Wille Johnson, “Darkness was the night…” , e cousas así, e toca coma ninguén. E niso oese cantar dende fora do bar: Mónica empezou a actuación polas rúas de Cangas, por suposto sen micro. Está cantando “Lévame”, un tema tradicional do país. E cando entra no bar e se sitúa no seu lugar, nun curruncho, xunto  a Virxilio, o blues de dentro e a cantiga de fora, o quexido do bar e o quexido da rúa, encaixan a perfección, son o mesmo queixume; a magnífica voz cada vez mais chea de matices casa coa guitarra rasposa e oubeante. Semella algo máxico, irreal, perfecto dun xeito raro. Prodúcese ese chispazo que só sucede moi de cando en cando (pero que é gozosamente habitual nos concertos de MdN e VdS). E somente é o comenzó do que vai ser un outro magnífico concerto.  E eu decido que non hai grupo mellor pra ouvir nen outro sitio no que preferise estar agora mesmo.

Estamos na segunda parte da actuación e, por unha vez, Lucía non presenta o tema. É o concertó de Reis que Lucía Martínez e o seu cuarteto ofrece, unha vez máis, no Hipólito, nas Travesas. Brandao, o saxofonista do grupo, inicia un tema en solitario; na mesa na que estou todos o coñecemos, pero tardamos un intre en lembrar que é. Mirámonos uns a outros, e alguén dí “Alfonsina”. Eso é. Algo que non ouvíamos dende hai anos. Algo que nos lembra, por se fixera falla, o moito que levamos vivido, o moito que vimos mudalos tempos, o moito que esquecimos, o moito que inda lembramos.  O portugués segue só,  axustándose á melodía, alto, clamo, e nítido. Despois entra o resto do grupo, fan variacións, descompoñen a canción, a reorganizan, a recrean, a inventan ante nós. Ós poucos, voltan á composición que nos é familiar. E ese é o noso regalo de Reis.
Tantos bós momentos este ano pasado… Iago Fernández, Chus Pazos, Paco Charlín, Joao Mortagua, Chris Kase, Berroguetto, unha rapaza anónima tocando o acordeón en Santiago, 2uS, Javier Marcos, The Cobras, José Manuel Díaz, Sés, Toni Risco, Silvia Penide, …protagonistas todos eles de instantes perfectos, diños de gardar nalgures, de ser contados por alguén con máis capacidade da que eu, qué vos vou dicir a vos, teño.
Veredes. Hai anos tiven un accidente laboral, bastante grave. Entre outras cousas, declarouseme ou como se diga un proceso de necrose. Non vos vou explicar o que é, así que xa sabedes, Wikipedia e tal. O caso ca ciruxana de plástica viña pola habitación do hospital duas ou tres veces á semana, armada cun escalpelo, e púñase a raspar na zona afectada. Eliminaba tecidos mortos. Sabía cando tiña que parar: cando eu berraba. Cando doía. Cando chegaba ata o que inda estaba vivo.
A música, algunha música, algún momentos de algunhas actuacións, prodúcenme máis ou menos, e salvando as distanzas, o mesmo efecto. Eliminan tecido morto, chegan ó que inda está vivo, doen. Fanme lembrar que e quen inda son. Momentos, emocións, imaxes, sonidos, que quixera levarme conmigo cando me vaia. Vale, esta última frase e de Tom Waits.
Ben, como era de agardar as musas ou os deuses non foron, desta vez tampouco, xenerosos conmigo. Non tiñan por qué, tamén é verdade.  Pero boeno, algunha vez tamén se podían enrollar, digo eu, que tampouco é tanto o que lles pido.
Disimulade, pois, a calidade do texto, iñorade as suas moitas imperfeccións, ser xenerosas coa intención que, vos aseguro, é boa. Agora son as seis da mañá deste día choiviñento, Frank Sinatra canta My Funny Valentine, esgotei o tabaco, o jato se espereza, chove aí fora, e non vou repasar o escrito. Non o ía facer mellor de todolos xeitos, pero non digades que nen sequer o intentei. Vai como vai, é o que é.
Boas noites, e boa sorte.




jueves, 26 de diciembre de 2013

26 de decembro de 2013. Cousas pra ouvir. Pagando débedas.



Non sei se saberedes (e se non xa volo conto eu, faltaría máis) da miña afición ás listas de final de ano, especialmente ás que saen en grandes (cada vez menos grandes, je) medios, como “El País”, que nos informan do que foi “o mellor do ano” en temas de cultura e entretenemento (e de “tendencias”, que non sei moi ben o qué é). Así que, chegados a esta
época, agardo ansioso polos mellores libros, segundo El País (normalmente non lín ningún), os mellores discos, segundo Mondo Sonoro ( algún non os coñezo, outros dan asco directamente) ou Je ne Sais Pop (psché), as mellores pelis segundo Filmaffinity (pra flipar, quítanche as gañas de ir ó cine outros catro anos), e mais. Hai, básicamente, dous tipos de listas: as elaboradas por expertos, críticos e así, e as de votación popular; éstas últimas son as mais divertidas (de verdade que “Avatar” foi unha das mellores pelis da década?)
Resulta qué inda é mais divertido elaborar listas que lelas…
A lista que vos vou presentar hoxe (qué che crías) é unha mistura dos dous tipos; está feita por un experto (eu) e corroborrada e confirmada pola xente (eu). Vai de discos (prás xeneracións máis novas: un disco é un obxecto físico que posto no chisme adecuado reproduce música; soe ter portada; soe ter créditos, que nos informan de quen toca cada cousa; soe costar pasta).
Realmente, podería incluir eiquí sete ou nove discos. O momento da música feita en Galiza agora mesmo é excepcional.
Tomádeo máis ben como unha recomendación que vos fago: son catro discos que deberíades ter, ou polo menos, escoitar. Evidentemente, son catro discos galegos, inda que non necesariamente de música galega; editados ou distribuidos durante este puto ano 2013 que semella rematar dunha vez; que proporcionan grandes doses de placer, regocixo, inquetude, xolgorio e mais cousas; e dos que me apetece escribir (pagando débedas, xa sabedes). Vai por orde de adquisición.

2uS. Dous. Este é o segundo disco (ou o terceiro, é un pouco complicado) do duo formado por Fernando Abreu (que toca todo tipo de saxos e clarinetes) e por Pablo Carrera, guitarra. A edición (diseño e ilustracións) de Olalla Fernández é magnífica: o disco é realmente precioso; llo podes regalar a calqueira e quedar como Dios (unha frase feita que non estou moi seguro do que siñifica). O que contén é música popular dunha elegancia e gusto dificís de superar, melodías adictivas, e un bo rollo que escasea últimamente. Ideal para pór un domingo pola mañá de resaca (crédeme). Música folk dun país que non existe.


Marcos Pin Factor E-Reset. Barbanza. Marcos Pin (guitarrista, compositor, arreglista) xuntou o seu redor unha big band con moitos dos mellores músicos da escea galega de jazz (o cal siñifica excelentes músicos) para grabar este magnífico disco inspirado no Barbanza (esto último volo podiades imaxinar). A textura (musical, se entende) deste disco é incrible. Está cheo de momentos e detalles máxicos, a cargo de tipos como Manolo Gutiérrez ó piano, GDJazz á trompeta, Ton Risco ó vibráfono ou Pablo Castaño ó saxo tenor. O traballo da sección rítmica (Max Gómez á batería, Juansy Santomé o contrabaixo) é impecable. Marcos Pin é, sen dúbida, un dos músicos máis intelixentes e, ó tempo, máis, mmm, detallistas, que hai hoxe en día por eiquí. Unha proposta arriscada e exitosa, e, sobre todo, moi disfrutable.


Mónica de Nut e Virxilio da Silva. Dos fíos invisibles chegan as cores. Este é o disco mais difícil de describir dos catro, pero a ver como zafo. Estamos ante un traballo de demolición de fronteiras entre estilos: na mesma peza conviven o canto de raíz galego e unha guitarra tipo Delta do Mississipi, unha peza barroca e unha trompeta que vai derivando cara o jazz… Un disco que contén canción tabernaria e canalla, distorsión, furia, maestría, desesperación, retranca, elegancia... Música palleira, din eles. Este disco xurde das actuacións en directo co duo ven facendo dende abril do 2013, e conserva a inmediatez e urxencia de ditas actuacións. As colaboracións de GDJazz á trompeta e de Marcelo Dobode á percusión danlle inda mais cor ó traballo. Difícil de clasificar, directo, extraño, distinto, excelente en todo caso, e que semella coller formas novas cada vez co escoito. Música dunha Galiza que inda non existe.


Ton Risco Quinteto. Impronunciable. O vibrafonista ourensán, cunha excelente banda (GDJazz, que parece estar en todos lados, á trompeta, Marcos Pin á guitarra, Max Gómez á batería e Juan Cañada ó contrabaixo, coa colaboración do saxofonista Pablo Castaño en dous temas) presenta un disco impecable, sinxelo, onde cada cousa encaixa no seu sitio, que se toma o seu tempo pra che ir envolvendo, no que os músicos semellan toparse cómodos. Na funda ven unha foto tirada po Rodas Isqueiro que xa me gostaría tela feito a mín.

E era iso.
Unhas consideracións finais: nengún destes traballos está editado por unha multinacional ou algo semellante (o primeiro creo que é de Nakra ou de Sinsal, os outros tres son FreeCode Jazz Records), así que probablemente non poderás mercalos no Corte Inglés nen no Alcampo ó fondo á dereita xunto á sección de embutidos.
Eu tiven a sorte de ver e escoitar a toda esta xente defendendo os seus traballos en directo, e conseguín ós discos directamente dos músicos cos fixeron; vos aseguro que é o xeito mais sinxelo, ilusionante e honrado de facerse cun disco.
É de facer notar a pouca presenza de mulleres nas grabacións reseñadas. Boeno, e que exceptuando a Mónica de Nut, non hai nengunha. O cal semella bastante raro. Por favor, que alguén mais listo ca mín (é dicir, case que calquera) investigue e explique o motivo de que haxa tan poucas músicas no campo do jazz, improvisación ou como queiras chamalo.
Outros discos non comentados eiquí, pero que farías moi ben en conseguir: o do gran Paco Charlín, “Flood” e o de Radio Cos (homónimo). Non tiven ocasión de escoitar inda o último de Sés, que hai quen di que está moi ben. Sumrá, que eu saiba, non grabou nada últimamente; tampouco sei nada de Lucía Martínez. Teño que me facer cos traballos de Iago Fernández e de Chus Pazos…
Boeno, mais nada. Grazas a todolos que asomedes por esta páxina.
Un pensamento pra compartir, deses que se me ocorren moi de cando en cando (afortunadamente): quen non ten nada que perder, probablemente non ten nada que dar.
Je.

E mais nada. Ata mais ver.