Mostrando entradas con la etiqueta Sumrrá. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Sumrrá. Mostrar todas las entradas

viernes, 9 de enero de 2015

9 de xaneiro de 2015. Falemos (ben) do 2014

E, máis ou menos, a cousa foi así: ía eu no vitrasa escoitando a Mingus a todo o volume que lle podo sacar o cacharro de mp3 (que tampouco é tanto), e ollando distraido pola xanela o deterioro urbano e humano modernos, cando un tipo o que apenas coñezo, o que se di ocoñezodevista, entablou conversa conmigo. Por suposto intentei iñoralo, pero ante a sua insistencia (abría moito a boca e facía xestos raros coas mans) apaguei o cacharro de mp3 e con resiñación e teméndome o peor  lle preguntei se quería algo da miña persoa. E o que sucedeu a continuación foi tan extraordinario (tan sublime) que inda a día de hoxe me pregunto se non estaría eu baixo o efecto dalgunha sustancia que alterara a miña percepción da realidade ou algo semellante: coñezodevista afirmou con total seriedade que acostumaba a ler as cousas que eu escribía; que normalmente lle gostaban e lle facían moito chiste; que sabía que eu soia escribir  un resumo de actuacións e de mellores discos do ano, e que este ano o botaba en falta; e se teña pensado facelo. Tamén me preguntou onde mercara o sombreiro que eu levaba posto, e se o C3 era o bus adecuado pra ir o Hospital Nicolás Peña (probablemente sección atención mental), pero esto non ven ó caso.
Como non podía ser doutro xeito, mireino emocionado (un tío que me lé? que se acorda despois do que leu? que “bota en falta” unha reseña miña? ostias!), mentres sentía como os meus ollos se humidaban. (se humidificaban…. se humedecían?) Dinlle unha forte aperta, como a irmán retornado, mutilado e un pouco trastornado, pero retornado ó cabo, das trincheiras da primeira guerra mundial, e tiven o impulso de invitalo a cear, cousa que non fixen porque lembrei que levaba no peto un euro con setenta e cinco céntimos, cantidade a todas luces insuficente prá unha diña inxestión de alimentos. Así que lle ofrecín un pitillo, coa indicación de que non o fumara no interior do autobús e que o gardara pra logo, e me comprometin solemnemente a, ó seu debido tempo, escribir a tal reseña. Cando ocoñezodevista tivo que baixar do bus, coa intención de facer trasbordo co C4, despedímonos con grandes demostracións de afecto e bós consellos. E eu seguín ó meu, e él, supoño, o seu.
Boeno, un compromiso é un compromiso.
Cando as miñas numerosas ocupacións (xa sabedes, a miña axenda social está repleta) me deixaron un respiro, meditei sobre o ano pasado. Porque non sei se saberedes que rematou un ano (o 2014) e empezou outro (o 2015). Un ano moi chungo en moitos aspectos, o ano pasado. Pero, dende o punto de vista da música que se fai eiquí, nesta terra esquecida, o 2014 non foi un mal ano en absoluto, especialmente en canto a actuacións en directo se refire, ata ó punto de que, prá seleccionar algúns concertos que reseñar eiquí, tiven que facer un certo esforzo, o cal me produxo una lumbalxía da que inda me estou recuperando.
A miña selección (que leva implícita a recomendación de que, se podedes, vaiades ver á xente que cito) é a seguinte:
-Tiven a fortuna de ver a Sumrrá (un dos meus grupos de cabeceira) nada menos que en catro ocasións: duas no Teatro Ensalle (magnífico sonido, magnifica luz, magnífico sitio), repasando discografía, unha na Taberna O Ricón de Cangas (Paco, tío, é incrible o que pasa nese sitio os domingos pola mañá), adiantando temas novos, e outra na Praza da Constitución, no Imaxinasons de Vigo, concerto-celebración con invitados. Os catro concertos de Sumrrá estarían nesta lista de “mellores concertos do ano segundo o tipo raro ese que escribe cando se lembra”. Se vichedes algún desas actuacións estaredes dacordo conmigo.
-A presentación que fixo Xan Campos do seu disco “Ectropía” no Rincón, en Cangas, foi espléndida, irrepetible, máxica. Co Coro de Escola Municipal de Música de Cangas, eu que seis, unhas vinte persoas, con invitados prá ocasión (Virxilio da Silva, GdJazz, Max Gómez…), cun piano Steinway (que prá meter e sacar da Rúa Cega foi un show), o tal concerto foi, sen dúbida, a ostia.
- Marcos Pin Factor E-Reset, a big-band galega dirixida polo guitarrista Pin, fixo unha outra magnífica actuación durante o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, tocando, quizais por última vez, “Barbanza”. Un dos proxectos mais intensos, de mais calidade e mais fermosos que ten alumeado o Jazz galego.
- E o de Lucía Martínez, ó frente do Berliner Project, nun repleto auditorio do Concello de Vigo durante o Imaxinasons. A ver. Lucía, ademais de ser unha batería e percusionista excepcional, de saberse rodear de enormes músicos e deixalos tocar, de ser unha magnífica compositora, de ter unha sensibilidade e unha intelixencia musical incribles, é quen de lle dar ós seus concertos unha calidez, unha humanidade, un saber estar únicos. E, ademais, é moi maja.
Reseñables tamén os dous concertos que lles vin a Crescent 4 (un na Galería, outro no Contrabaixo), o do Iago Fernández Sextet no Rincón, prepresentación de disco, Alberto Seoane trío , tamén no Rincón, Alberto Vilas en varios sitios e circunstancias, Richard Bona, Eric Bibb e Robin MacKelle no Festival de Pontevedra, Marco Mezquida e Riverside Quartet no Imaxinasons, Felipe Villar, David Regueiro (no Rincón)…
Moita música, en efecto. Posible grazas a sitios como o Contrabaixo, o Xancarajazz, a Taberna o Rincón de Cangas, a Galería Jazz Bar, o Salason, tamén en Cangas, o Teatro Ensalle… e a pervivencia de cousas como o Imaxinasons, o Festifolk de Vilariño ou o Fstival Internacional de Pontevedra. Lamentar o peche do Hipólito, bar de referencia jazzistica e cultural na zona de Travesas…
Mención especial do xurado (premio “pero estas cousas inda pasan?”) ó concerto que intentaron dar Virxilio da Silva e Mónica de Nut en Sanxenxo…
En canto a discos (non me fagades explicar outra vez que cousa é un disco…), o do ano 2014, pra mín é claramente ECTROPÍA, do XAN CAMPOS TRÍO (Xan Campos, teclado; Horacio García, contrabaixo; Iago Fernández, batera. FreeCodeJazzRecords, 2014). Volo oides e me decides.
(Aí enriba vos puxen unha foto do, insisto, magnífico concerto que Campos deu no Rincón, e un video de promoción do, reitero, magnífico disco Ectropía. De nada.)
E xa está. Era iso.
E vou rematar cun chamamento (e vos veredes se vos sentides chamados ou non): apoiade a música en directo, especialmente a realizada pola xente de eiquí, e sobre todo a xente que arrisca no creativo. E apoiade ós locais e a xente que segue a organizar concertos, en ocasións pagando do seu peto ás perdas.
E, boeno, ehem, seguer lindo esta cousa que eu fago.

 Vémonos.

martes, 30 de diciembre de 2014

30 de decembro do 2014. Un ano dá prá moito (musicalmente falando)




















Fotos tiradas ó longo do ano. Debería por un pé de foto ó lado de cada unha e tal, pero deume tanto curro subilas que xa estou aborrecido. Boeno, pois nos vemos. Feliz ano e tal. Coidadevos.

Boeno, a ver. O primeiro que sae é Xacobe Martínez Antelo, tocando con Sumrrá no Imaxinasons de Vigo; despois o batería Carlos López tocando no Xancarajazz; seguen Manolo Gutiérrez e Xacobe Martínez Antelo, Sumrrá no Ensalle de Vigo; Javier Marcos na Taberna o Rincón, en Cangas; L.A.R. Legido, Sumrrá, Ensalle; GDJazz, tocando prá Marcos Pin E Factor no Festival de Jazz de Pontevedra; Sés, na Praza da Constitución, en Vigo; o cantante de Cró!, na Taberna O Rincón; Eva, de Linda Guilala, en Santiago; unha dos membros de Why Go,  no Rincón; Richard Bona, Festival de Jazz de Pontevedra; Carmen Rosende, tocando en La Galería Jazz Bar, en Vigo; o saxofonista Vincet Macián, no Rincón; Iago Fernández, José Manuel Díaz, L.A.R. Legido, unha balea de plástico, no Rincón; Robin Mackelles, no Festival de Jazz de Pontevedra; Carme Gallego, tocando prós Cempés, en Vilariño; Virxilio da Silva, Xan Campos, no Rincón; e Eric Bibb no Fesitval de Jazz de Pontevedra. Uf.

jueves, 16 de octubre de 2014

16 de octubre de 2014. Anotacións.

Pasea a sua tristeza polas ruas do barrio como outros pasean o can. Non é unha tristura elegante, ou distinguida. É unha especie de melancolía palleira, malfadada, esfameada, temerosa, farrapenta.
Camiña dun xeito raro, dificultoso, inclinado cara adiante, como se tivese presa e ó mesmo tempo non tivera gana nenghuna de ir a donde sexa que vaia; coma se sempre tivera unha ventoeira en contra.
Acostuma levar unha axenda ou caderno con tapas de coiro verde  nunha man, e, na outra, unha bolsa do super chea de vai ti saber qué.
Disque foi maestro, que estivo casado, que é do barrio pero botou moitos anos fora.
Afastámonos dil ó seu paso. A soidade, a tristura,  a miseria,  son contaxiosas, todo o mundo o sabe: mellor non achegarse, mellor non miralas sequer.
Mesmo os animais rexeitan ós que están enfermos.
O home vai e ven, fai as suas cousas. Un día desaparecerá e ninguén se dará conta, non sendo a dona da casa onde vive ou a señora da tenda onde merca as catro cousas coas que se mantén.
As veces se para, mira o redor de sí, abre a su axenda verde e, de xeito furtivo,  anota algo cun lápis exaxeradamente pequeno; logo continúa o seu percorrido polas rúas do barrio.
Qué haberá escrito nese caderno…  O mapa da soedade, os rexistros da demolición, o rastro da extinción, os trazos da fuxidia identidade do vello maestro… Soños, lembranzas, tolerías, apuntes, esbozos. Ou a lista da compra. O caderno desaparecerá con él, en todo caso.

As veces se para, ergue a cabeza e sorrí.






















Sen que teña nada que ver co anterior (ou sí), Sumrrá interpretando "Minoría Absoluta", un dos seus mellores temas.

miércoles, 24 de septiembre de 2014

24 de setembro de 2014. Eu non son un artista, nen nada diso.

Mais que vello (que sí), ou canso (qué tamén), síntome desgastado.

Coma as esculturas dunha vella igrexa de povo que, de tanto estar á intemperie, xa non se sabe a qué santo ou demo representa.
Ou coma unha moeda vella, que leva xa circulando tempo de mais e que xa non se sabe qué valor ten, qué se pode mercar con ela...
Ben. Seica algún sabio da antigüidade dixo que era boa cousa o coñecerse a un mesmo, agora non me lembro por qué motivo. Os sabios da antigüidade están moi sobrevalorados, crédeme. Canto mais eu me coñezo menos me gusto, maís me aburro, mais renego de mín.
Desaparecer. Non deixar rastro da memoria dun…
Boeno. Sabedes quen era Lois Pereiro. Se non volo mirades en Internet, ou lle preguntades a alguén. Pereiro escribiu o seguinte:
Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise.


Tendo en conta que Lois morreu no ano 1996 e que inda hai xente co lé e que reflexiona sobre o que él escribiu, hai que pensar que polo menos ata certo punto conquiriu o que se propuña…
Eu, pola miña banda, non teño interese algún en deixar nada tras de mín (inda que foxe quen, claro). A menos que infinitisimal e irrelevante amputación que sufrirá o mundo coa miña desaparición (e extincinción total, supoño) será doadamente esquecida. Dou por feito que estes cativos escritos, estas torpes homenaxes, estas imaxes roubadas á realidade serán dalgún xeito dispersados polo vento no seu día.


Emporiso que non son, nen serei, artista.

As fotos que acompañan son miñas, en todas sae o bateria L.A.R. Legido, e foron tomadas durante o concerto-celebración que Sumrrá ofreceu na Praza da Constitución, de Vigo, durante o pasado Imaxinasons.
E para que non sintades que perdéchedes totalmente o tempo, deixovos algo realmente especial: Voicings III , de Karolis Biveinis, compositor e pianista lituano residente en Galicia; a voz é da habitual nesta páxina Mónica de Nut.




miércoles, 4 de junio de 2014

4 de xuño de 2014. Yes, we can. Of course we do!

 Pois mira ti que pasan cousas últimamente, cousas importantes e tal, cousas ás que merecería a pena lles adicar longos e profundos estudos e analises e tirar brillantes conclusións. Por exemplo, sen ir mais lonxe, as eleccións europeas.

Así que, coa intelixencia, a precisión e a elegancia que me caracterizan, vos ben o sabedes, paso a desbarrar sobre a diversos temas. Espero que sexan do voso agrado.
Vou dar por feito que sabedes e inda vos lembrades co mes pasado houbo eleccións ó parlamento europeo. Boeno. Houbo xente que foi votar, e tiña boas razón pra elo, e houbo xente que non fumos,  e que tamén tiñamos boas razón, ademáis dunha preguiza considerable, un certo sentido da estética, e unha axenda moi ocupada. Non vos quero contar, pra non vos estresar, a cantidade de couas que fago eu un domingo pola mañá.
O mais suliñable das tais eleccións sería a perda masiva, e pronosticable, de votos por parte do PP e o PSOE (o raro é que inda saquen algún); a participación, que non foi tan baixa como era de esperar; e o sorprendentemente grande respaldo ó partido denominado PODEMOS.
(Tamén é de destacar que o día das eleccións merquei nun chino do barrio un artefacto quita-pelusas, coa finalidade de tiralos pelos do gato que últimamente adornan gran parte do meu vestuario. O gato é branco. A maior parte da miña roupa é negra. O gato perde pelo a moreas.  Conflicto. Hai anos ouvin a un psiquiatra, ou un psicólogo, ou un psicoanalista, ou un deses, dicir ca roupa negra indicaba co seu portador manifestaba de xeito inconscente un gran temor pola morte; non che digo eu que non.  O artefacto funciona así-así, a pesares de custar setenta e cinco céntimos, ou sexa que sigo lucindo pelos de gato albino pero menos. O chino tiña un sorriso extrano cando me empaquetaba o artefacto. E, sí, aparteime un pouco do que estaba).
O tal partido, cuio nome obanesco me produce unha grande repuñancia, vai ti  saber por qué, converteuse na cuarta forza mais votada do estado (home, diante da cousa de Rosa Díez, esto estivo ben), e nalgúns sitios na terceira.
Eu, que case que nunca exerzo o meu dereito ó voto , son, nembargantes, un gran aficionado a seguir ós resultados electorais. A noite post-electoral é, pra mín, o equivalente a Eurovisión ou un partido de champions ligui ou unha carreira de Fórmula Ún pra outras persoas, mais normais do ca mín, sen dúbida. E esta última foi descacharrante.  Os caretos dos portavoces dos partidos, que ou ben perdían votos a centos de milleiros ou non subían todo o que tiñan que subir (a cousa de Rosa Díez, por exemplo) desmentían as suas proclamas de euforia e triunfo (excepción feita do PSOE, cuios resultados impedían negunha representación triunfalista; non sendo Pepe Blanco, cuias manifestacións despois das eleccións son para enmarcar).
O único partido que gañou-gañou foi o tal partido, cuio nome vou intentar non escribir de novo polas confusas razóns que apuntei antes.
Qué sabía eu, ou qué cría saber,  antes das eleccións, do tal partido? Non gran cousa, a verdade. Qué tiña un líder moi “carismático” (bonita palabra sobre a que un día habería que falar cun coñá por medio), qué saía moito pola televisión en programas que eu non vexo. Que fora criado ó abeiro do 15-M e secuelas posteriores, que eu normalmente identifico con universitarios madrileños mosqueados por non poder traballar de inxeñeiros e levar o nivel de vida que por xustiza divina lles corresponde. Que tiña unha organización tipo asambleario, o cal, cando hai líderes “carismáticos”, tampouco ten gran relevancia. Que os seus militantes eran básicamente tipos novos, modernos, informados, informatizados e guais, que probablemente non fuman nen din palabrotas. Que se artellaba sobre todo ó redor do que se chama “redes sociais”, xa sabedes, qué vos vou contar. E que se presentaban a sí mesmos coma unha especie de rexeneración das institucións democráticas e de xusticieros non enmascarados do sistema. Supoño que o tal partido ten un programa (ata a Asociación de Veciños dos Bloques tivo un programa, unha vez), pero o descoñezo, e vouno seguer descoñecendo porque por principio non leo os programas dos partidos: a vida xa é de por ela triste, dura e curta de mais.
Boeno, esto é o que sabía do tal partido antes das eleccións; e, despois das mesmas, e do innegable éxito obtido polo tal partido, sigo a saber mais ou menos o mesmo, non sendo algo moi interesante dende o punto de vista sociolóxico e que demostra o moito que me podo chegar a equivocar ás veces: no estado español non hai tantos universitarios madrileños indiñados como votos sacaron Pablo Iglesias II e a sua xente. Hai moitos, pero non tantos. En Vigo (grazas a Dios) non pode haber milleiros deles. Quén, pois, votou polo tal partido?
Vaivos parecer raro, pero eu non coñezo a ninguén. Claro que eu non teño un círculo moi amplo de amizades, nen teño tuiter nen feibuk, e non quero perdelos poucos amigos que me quedan interrogándoos sobre as suas actividades electorais. Pero é de supór que xente máis ou menos normal, coma ti ou coma mín, mais ben coma ti, je, o tal día foron e guindaron papeliños co nome do tal partido en furnas, e hai que descartar unha intervención aliénixena (inda que estas cousas mellor non descartalas nunca por completo), ou unha intoxicación etílica asombrosamente profunda e extendida (o mesmo).
O mais lóxico é pensar que os cidadáns que votaron o tal partido intentaban expresar algo: o seu descontento cos partidos de poder tradicionais, a sua fascinación polo marketing new deal desenrolado por, ehem, PODEMOS, a sua intención, difusa e ambigua, de avanzar cara algures (?), a sua identificación coas ideas expresadas polo líder do partido en tertulias televisivas,  eu qué sei. Ou simplemente foi unha especie de broma.
O Sr. Iglesias apresurouse a declarar, pouco despois das eleccións, co partido que él lidera, ou representa, ou o que sexa, está preparado pra se facer cargo do poder, se os cidadáns o estimaran convinte. O cal ten mérito, tendo en conta co tal partido prácticamente non existe. Ou polo menos non existe do xeito que eu penso que existen as cousas.         
(Tede en conta que a miña avanzada edade, a miña escasa instrución, o consumo reiterado de sustancias non sempre recomendables prá saude e a miña idiotez endémica son factores nada desdeñables á hora de valorar a miña comprensión do universo e as suas regras.)
Pero a cousa non deixa de ser interesante. Un partido sen afiliados, sen locais, sen “cadros”, cunha escasa implantación, e cun forte respaldo electoral, cando declara que está capacitado prá exercelo poder, ou facer cargo dil (non lembro a frase exacta), qué quer dicir?
Tamen é interesante saber se o respaldo electoral vaise manter en eleccións “de verdade”, véxase municipais (pode ser un xolgorio examinalas listas de candidatos por Vigo ou por Cangas, mira, a este o coñezo eu, este é parbo, este non era mao, he), ou xerais. E pode ser moi divertido velo partido facendo real-politik, pactando ou non pactando cos partidos de todala vida, e tomando decisións que afecten á vida de persoas de carne e oso. E, por último, porque esto xa se está alongando de mais, tamén ten certo interés saber se o tal partido vaise seguer sustentando única e exclusivamente no discurso, a imaxe e a omnipresencia  do Sr. Iglesias (omnipresencia, non ovnipresencia, vale).
En todo caso, é de agradecer ó tal partido terlle dado algo de interés á habitualmente sumamente aburrida política estatal, e que ás próximas eleccións teñan un aliciente engadido.
Admito que como análese non é unha gran cousa, e que esta escritra fai moitas preguntas e non contesta nengunha, pero xa sabedes o que hai. Agradecería se algunha persona que teña votado o tal partido me explicara os seus motivos, sen dúbida lexítimos, razonabeis e ponderados, pra ter feito tal cousa.

Boeno. O gato está ben, o Sr. Iglesias está contento, hai milleiros de aspirantes a entrar nas próximas listas do tal partido por se cae algo, o rei (o de España, non o dos xitanos, que no meu barrio ten mais presenza e influenza) abdicou, pero xa teñen outro preparado, en Ucrania hai guerra, dentro de pouco hai un mundial de futbol (xa falaremos diso) e eu vos deixo o cartaz das actividades previstas pró Espazo Aberto Antimilitar pra este mes, en conmemoración e xubilosa celebración do 25º aniversario da declaración de insumisión por parte da MOC.


E boeno, se topo algo de música así un pouco vola pego aí.




martes, 7 de enero de 2014

7 de xaneiro de 2014. Algunhas cousas que paga a pena gardar






Teño lido algo de literatura clásica, tipos gregos e algún romano, un pouco de Shakespeare, xa sabedes. Algúns deles, ó principio dalgún escrito, invocaban os deuses ou as musas pra que lles iluminasen e lles prestaran as palabras necesarias pra contar o que querían contar, e se ve que funcionaba, vistos os resultados . Eu, que son infinitamente máis torpe e inútil ca eles, como son descrido mais seguro que non vou ter axuda nengunha, e boa falta que me faría, non creades, porque me expreso mal, escribo peor e empecínome en trasladar cousas que requerirían persoa mais formada, talentosa e hábil ca mín pra que o esforzo resultase exitoso.
Ben, son as tres e cuarto do domingo 5 de xaneiro de 2014, non estou baixo os efectos de nengunha droga (o tabaco, o café e os manises salados non contan), estou escoitando a Keith Jarrett, sinto os habituais pequenos dores, o jato durme  e me estou pelexando co corrector ortográfico que por algún motivo se empeña en traducir ó español o mal galego que escribo. Polo demás, ben, grazas. Feliz ano.
A cousa vai de concertos, ou mais ben de momentos de concertos, os que tiven a fortuna de asistir o ano xa pasado. Evidentemente, vai implícita a recomendación de que asistades se podedes a actuacións dos grupos que vou mencionar máis adiante, e, en xeral, que apoiedes á música en directo.  Flashes dun ano que, no musical, non foi para nada malo:
Fun a Santiago casualmente; e casualmente vin o cartel anunciando o concertó de Sumrá na Casa das Crechas, que casualmente era ese mesmo día. E, por unha vez, non tiña que me axustar á Renfe pra voltar a Teis.  Moitas casualidades de mais como pra non ir. Así que eiquí estou agora, a medio metro de LAR Legido que, cos ollos pechados, sudando a moreas na noite santiaguesa e aparentemente indiferente ó que lle rodea, está exprimindo a sua batería ata límites dificís de crer. Un tema que comenzou a medio tempo e que se foi convertindo nunha especie de combate corpo a corpo entre Legido e o mundo en xeral, mentres Xacobe Martínez Antelo mantén un ritmo axustado ó contrabaixo e Manolo Gutiérrez fai acordes aparentemente ó chou no piano. É unha especie de caos, non hai sitio onde agarrarse, algo fascinante. A luz verde sobre o batería dalle un aspecto de demo ou algo así. E, de súpeto, sobre o ruido, Manolo crea unha melodía incriblemente fermosa, tanto que non  estou seguro se realmente está tocando iso que eu creo ouvir ou non. Xacobe ségueo, e Legido para un intre de tocar e coas baquetas en alto emite un berro, algo así como “aaaargh”, pura satisfacción animal, namentras Manolo Gutiérrez, ensimismado, continúa desenrolando o novo tema. E eu estou feliz de estar na cidade mais fermosa do mundo, na mellor compaña posible, e escoitar algo dunha beleza imposible.

Festival Folk en Vilariño é, básicamente, festa. O público mais heteroxéneo que che podes imaxinar: paisanada, pais con nenos pequenos, mocerío con gañas de pásalo ben, punks do Morrazo, algún hippie dos antigos, e incluso algunha xente que vai escoitar música. Moita cerveixa, moito licor café, moita maría, bastante tontería tamén. No escenario están Radio  Cos, coa formación completa (voces, percusión, violín, acordeón e Lamas, que toca gaitas, saxos, clarinetes e calquer outra cousa que precise soplar nela). Levan unha media hora facendo bailar á xente con bó humor,  ribeiranas, pasodobles, jotas e música da terra en xeral, o mellor grupo que podes topar para unha noite así. Inda que son o grupo que abre o Festival, moita xente foi ata alá só por velos, e con razón. Son moi bós, máis que bós. E niso que se poñen a interpretar un tema en sefardí sobre o que é estar lonxe da casa, ou non ter casa onde voltar, ou non lembrar se inda tes ou non casa. E moita xente non se entera, seguen o seu, pero outros moitos sentimos de súpeto a xeada da noite, e moitos poderíamos cantar ou tocar esa canción, porque acabamos de adoptala, de facela nosa, porque a recoñocemos en nós. E eu, que inda teño casa, e que cando volto a ela polas noites inda hai quen me agarda, sinto os ollos húmidos. A persoa que me acompaña nótao, e eu lle digo que a priva me pon sensibleiro. E despois segue a festa, segue a bebida, segue a vida.

Canjazz, en, claro, Cangas. Unha noite perfecta. A acústica no Eirado do Costal é, boeno, perfecta (o dos adxetivos non é o meu, sinto). Marcos Pin, o frente da Big Band que reuniu o seu redor (Marcos Pin E Factor Reset), interpreta os temas do disco Barbanza: alí están Pablo Castaño, Max Gómez, Xacobe, Gutiérrez, Fernando Sánchez… O público enche a praza e, por unha vez, todo o mundo parece estar pola labor. Estamos perto do final, e está claro que é dun concertos do ano: algúns dos mellores músicos do país tocando os temas escritos por Marcos con desenvoltura, cómodamente, nun ambente relaxado. E no penúltimo tema GdJazz Pereiro, o xoven trompetista de Cangas, ponse de pé e executa un solo incrible e eu teño a fortuna de esta xusto detrás dil (tirando fotos e tal), e me quedo alucinando. O tipo que está xunto a mín, un vello aficionado ó jazz co que coincido moi habitualmente, me mira e dí “a ostia”. E, sí, está ben expresado. Pereiro está en vena, e alonga o solo un coro máis, e outro,  sen esforzó aparente . E por mín podería seguer a noite enteira…


Domingo pola mañá en Cangas, e o tempo está chungo, polo que o concerto de Mónica de Nut e Virxilio da Silva (acompañados nesta ocasión por Marcelo Dobode á percusión) vaise ter que facer no interior da Taberna o Rincón, que non é precisamente grande. O bar está petado de xente, e o grupo estivo probando co público diante, o cal non mola moito. Ademais, Mónica está un pouco ajripallada, ten mala cara, e decide non pór a roupa de actuar: vai cantar con jersei e cun pucho de lá na cabeza. A cousa pinta un pouco mal, e xa é hora de arrancar. Virxilio empeza coa guitarra acústica, facendo bottleneck, e Mónica, que hai un intre estaba alí,  non  se sabe onde está. Non hai ninguén xunto ó micrófono. Virxilio toca blues ó vello estilo, o que tanto me gusta; lémbrame a Blind Wille Johnson, “Darkness was the night…” , e cousas así, e toca coma ninguén. E niso oese cantar dende fora do bar: Mónica empezou a actuación polas rúas de Cangas, por suposto sen micro. Está cantando “Lévame”, un tema tradicional do país. E cando entra no bar e se sitúa no seu lugar, nun curruncho, xunto  a Virxilio, o blues de dentro e a cantiga de fora, o quexido do bar e o quexido da rúa, encaixan a perfección, son o mesmo queixume; a magnífica voz cada vez mais chea de matices casa coa guitarra rasposa e oubeante. Semella algo máxico, irreal, perfecto dun xeito raro. Prodúcese ese chispazo que só sucede moi de cando en cando (pero que é gozosamente habitual nos concertos de MdN e VdS). E somente é o comenzó do que vai ser un outro magnífico concerto.  E eu decido que non hai grupo mellor pra ouvir nen outro sitio no que preferise estar agora mesmo.

Estamos na segunda parte da actuación e, por unha vez, Lucía non presenta o tema. É o concertó de Reis que Lucía Martínez e o seu cuarteto ofrece, unha vez máis, no Hipólito, nas Travesas. Brandao, o saxofonista do grupo, inicia un tema en solitario; na mesa na que estou todos o coñecemos, pero tardamos un intre en lembrar que é. Mirámonos uns a outros, e alguén dí “Alfonsina”. Eso é. Algo que non ouvíamos dende hai anos. Algo que nos lembra, por se fixera falla, o moito que levamos vivido, o moito que vimos mudalos tempos, o moito que esquecimos, o moito que inda lembramos.  O portugués segue só,  axustándose á melodía, alto, clamo, e nítido. Despois entra o resto do grupo, fan variacións, descompoñen a canción, a reorganizan, a recrean, a inventan ante nós. Ós poucos, voltan á composición que nos é familiar. E ese é o noso regalo de Reis.
Tantos bós momentos este ano pasado… Iago Fernández, Chus Pazos, Paco Charlín, Joao Mortagua, Chris Kase, Berroguetto, unha rapaza anónima tocando o acordeón en Santiago, 2uS, Javier Marcos, The Cobras, José Manuel Díaz, Sés, Toni Risco, Silvia Penide, …protagonistas todos eles de instantes perfectos, diños de gardar nalgures, de ser contados por alguén con máis capacidade da que eu, qué vos vou dicir a vos, teño.
Veredes. Hai anos tiven un accidente laboral, bastante grave. Entre outras cousas, declarouseme ou como se diga un proceso de necrose. Non vos vou explicar o que é, así que xa sabedes, Wikipedia e tal. O caso ca ciruxana de plástica viña pola habitación do hospital duas ou tres veces á semana, armada cun escalpelo, e púñase a raspar na zona afectada. Eliminaba tecidos mortos. Sabía cando tiña que parar: cando eu berraba. Cando doía. Cando chegaba ata o que inda estaba vivo.
A música, algunha música, algún momentos de algunhas actuacións, prodúcenme máis ou menos, e salvando as distanzas, o mesmo efecto. Eliminan tecido morto, chegan ó que inda está vivo, doen. Fanme lembrar que e quen inda son. Momentos, emocións, imaxes, sonidos, que quixera levarme conmigo cando me vaia. Vale, esta última frase e de Tom Waits.
Ben, como era de agardar as musas ou os deuses non foron, desta vez tampouco, xenerosos conmigo. Non tiñan por qué, tamén é verdade.  Pero boeno, algunha vez tamén se podían enrollar, digo eu, que tampouco é tanto o que lles pido.
Disimulade, pois, a calidade do texto, iñorade as suas moitas imperfeccións, ser xenerosas coa intención que, vos aseguro, é boa. Agora son as seis da mañá deste día choiviñento, Frank Sinatra canta My Funny Valentine, esgotei o tabaco, o jato se espereza, chove aí fora, e non vou repasar o escrito. Non o ía facer mellor de todolos xeitos, pero non digades que nen sequer o intentei. Vai como vai, é o que é.
Boas noites, e boa sorte.




viernes, 3 de mayo de 2013

3 de maio de 2013. V, eu e o estado da cuestión.

            Cada vinte ou trinta días acostumo quedar con V. Somos xente de costumes fixas: vémonos en días de entresemán, en un dos dous ou tres locais dos vellos tempos que inda sobreviven, a iso das nove da noite (ou do serán, dependendo da estación), nolos dous sós.
            Coñezo a V. dende hai uns vinte anos, e temos unha relación desas que poderíamos chamar “asimétrica”: Eu, inda co aprecio, non o considero amigo meu, e él probablemente me teña a mín polo seu amigo, inda que quizais non me aprecie demasiado. V. gábase  de ter moitos amigos, mentres que eu non podería nomear mais alá de seis, quizais sete, ó longo da miña vida.
            É un pouco mais novo ca mín, apenas uns meses, pero o seu aspecto é moito mellor co meu: máis xuvenil, máis san, máis atractivo, viste mellor. Ademais, a sua vida social é moi intensa (a diferencia da miña, que é prácticamente inexistente): a sua axenda sempre parece chea, é raro co seu movil non soe duas ou tres veces cada vez que estamos xuntos, e soe asistir a concertos, exposicións, manifestacións e cousas así. Mesmo afiliouse hai pouco a un minúsculo partido trostkista, decisión que a mín pareceume tan desconcertante como divertida. Soe estar bastante ó tanto das noticias, das novedades, dos cambios de tendencias e outras cousas que a mín, cada vez mais, abúrrenme. Resumindo, está mais vivo ca mín.
            Levamos xa un tempo (dous, tres anos?) repetindo estas quedadas.
            As nosas conversas consisten básicamente en que V. fala e eu escoito. E fala, sobre todo, de persoas  que ambos os dous coñecemos, e das cousas que lles pasan, das que él está informado (porque as ve, ou fala con elas por teléfono, ou se mantén en contacto por correo electrónico, ou a través de terceiras persoas).
            Así, entérome que o de M., despois de todo, non era cancro; que o de L. sí o era, pero que o leva moi ben; S.V. divorciouse (de novo); T. e R., despois de levar convivindo sete anos, aparentemente de xeito satisfatorio, vanse casar: hai apostas a ver canto duran;   o gato de S.L. perdeuse; o gato de S.L. apareceu, pero non era gato, senon gata, e volve preñada; R.B., músico, despois de anos de malvivir tocando en garitos indecentes, foi contratado por unha famosa estrela do rockanrol para unha xira estatal; R.B. foi despedido despois do primeiro concerto da xira, sen que se saiba o motivo; hai unha nova escisión no antigo sindicato no que ambo-los dous militamos hai moitos anos; a demencia de S. vai a maiores; T. , R.S., V.I. e E. quedaron sen curro. C. tivo un neno, non se sabe quen é o pai; L. montou un bar; T.C. marchou a vivir a Burdeos… E mais cousas: un se muda de piso, outro faise católico, aquel se fixo unha tatuaxe (do Che Guevara, nada menos), este mercou un coche, aquela outra está tan cambiada que non a coñecerías… Así todo.
            Teño que admitir que todo esto, en xeral, non me importa, pero me interesa. Sinto curiosidade por ver como evoluciona a vida dunha xente coa que, en tempos, compartín algunhas cousas, a pesares de que agora mesmo non teña intención nengunha de reaunudar o meu contacto con eles. Interésame, ata o punto de que agardo con certa expectación as periódicas  conversas con V.
            Descoñezo o motivo que pode ter V. pra querer estar conmigo; non son precisamente unha compaña amena, aporto moi pouco á conversa, non teño un trato agradable. Quizais o fai por altruismo (“manteñamos a este tipo en contacto coa realidade”), quizais por fachendear diante miña do rica  e interesante que segue a ser a sua vida (“ves? TI es vello, EU estou en activo”), quizais é un costume adquirido sen mais (“vaia rollo, hoxe toca aguantar o tipo ese”). Écheme igoal.
            A verdade é que botaría en falla estas periódicas actualizacións de datos de xente que non me importa. Pero que me interesa.
            O desenrolo dos encontros é sempre o mesmo, con poucas variacións. Eu acostumo chegar un pouco antes (dende sempre chego anticipadamente ás citas, non sei porqué); cando aparece V. , puntual, saudámonos cunha aperta de mans; pedimos café, e as veces coñac ou augardente; V. empeza a me por ó día das cousas que lles pasaron nos últimas días a uns e outros; despois me informa das suas propias andanzas: as suas complexas e variadas relacións sentimentais, a sua militancia política, as suas perspectivas vitais, as suas impresións sobre os últimos concertos ou obras de teatro ou exposicións as que asistiu, problemas laborais; a continuación soemos ter unha conversa propiamente dita, sobre música (curiosamente él e moito máis clásico ca mín), algunha película que nos recomendamos sen moita convicción ún ó outro, a relectura dalgún libro. V. nunca lé nada do que eu escribo, o cal non me parece nen ben nen mal.
            E o último capítulo da quedada, xa cos cafés tomados: V. me transmite a relación  de defuncións recentes de persoas coñecidas por ambos, capítulo que, dada a nosa idade, cada vez vai tomando mais importancia. Nomes que apenas me dín nada; unha causa habitual de morte (cancro e suicidio, sobre todo; enfermedades varias; accidentes; causas descoñecidas); e un breve comentario sobre a persoa que “xa non está entre nós”, curiosa expresión que V. emprega en ocasións e que a mín e me resulta inquetante, porque tendo a pensar que o que xa case que non está entre nós son eu.
Normalmente non me impresionan moito estes decesos. A maior parte dos falecidos nunca tiveron unha especial siñificación para mín, ou hai xa tempo que non a teñen. As suas voces, as suas facianas, as suas peculiaridades, fóronseme esvanecendo, ata o punto que,  pra mín, xa estaban prácticamente mortos antes que V. mo certificase. Mortos que non me importan, na sua maioría. Pero que, sí, me interesan.
Lóxicamente, igoal que V. me fala doutra xente, supoño que a mín me incluirá no menú cando fala con esa outra xente. Gosto de imaxinar o que lles dirá de mín: “cada vez está peor”;  “non se coida, non vai ó médico, e así está”; “non fai nada, non sei porque algúns dicían que tiña talento, talento pra qué?”; “apenas fala, e se repite mogollón”; “é un pouco patético”, “estragouse”. Encántame esta última: curta, contundente, evocadora de imaxes: “estragouse”. E xente á que non lle importo, pero que ó mellor lle intereso (interese sociolóxico, lixeiro, anedótico), crerá que sabe algo de mín, como eu penso que sei algo deles.
Supoño que é posible que sexa V. o que lle comunique a un bó número de xente (tendo en conta o seu amplo círculo de amistades e a sua querencia pola conversa, e que probablemente vivirá mais tempo ca mín) o meu falecemento. “X.C. xa non está entre nós”. Definitivamente. E alguén retrucará:  “Ah, pero inda estaba vivo?”. E alguén dirá: “Boeno, moito entre nós xa non estaba, que digamos.” E alguén preguntará:  “ E ese quén viña sendo?” E alguén, pensativo,  suspirará e dirá “Cada vez quedamos menos.” E pensarán “boeno, tampouco se perde nada”. E logo falarán da última aventura do can de R., do gusto que ten prá música o fillo pequeño de T.L., da exposición de fotografía de A. e M., de que o de L., finalmente, non era cancro, da manifestación do xoves, do noxo que da o presidente da xunta,  do prezo das hervillas en lata.
Porque, boeno, a vida seguerá. Supoño.
Rematada a cita,  él volta á sua actividade e eu ó meu letargo. Eu normalmente quedo aliviado de perdelo de vista. Agótame. Detesto o exceso de vitalidade, de entusiamo, de enerxía.
Pero sei que dentro duns días estaré agardando, cunha certa impacencia, a sua chamada pra quedar, onde sempre e pró de sempre. Coma sempre.
 
 
------

E, boeno, ós heroicos e en perigo de extinción lectores deste blog (que algún hai): se algún ten gañas de ver mais fotos miñas, como éstas que van enriba e eiquí o lado, pode ir a flickr e buscar a galería de carlosdeteis.foto, e xa está. A mín góstanme, pero xa sabedes co meu nivel de autoesixencia é moi baixo.









Vos deixo cun video dunha das mellores bandas (sí, de jazz) que se poden topar no estado español e que, mira ti, é galega. Supoño que xa a coñecedes, pero nunca está de mais ouvir a SUMRRÁ tocando "Believe in Trane"; despois de todo, se non cremos en Trane en quén ostias imos crer.: