Mostrando entradas con la etiqueta frustración. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta frustración. Mostrar todas las entradas

lunes, 2 de marzo de 2015

2 de marzo de 2015. Era esto, esto é todo.






Queríamos xustiza
impuxéronnos leis
Queríamos liberdade
puxéronnos furnas
Queríamos seguir unidos
déronnos cinco minutos pra nos disolver.

Triunfachedes, nos dín.
Tedes o que queríades ter, nos dín.
Era esto, esto é todo.

Mírome no espello, mírome na miña xente.
Enrugas comas cicatrices, ollos cansos,
mans valeiras.

Gañáchedes, nos dín.
Por isto é polo que peleachedes, nos din.
Era esto, esto é todo.

Un tipo novo, ben inda que informalmente vestido, un tipo estudado, ambicioso, preparado, un tipo que so coñoce de oidas o horror da xornada laboral de dez horas, o horror da cola de desemprego, o horror de ter que dalas grazas porque te deixan respirar un día mais, o horror de ter sempre medo, o horror das vivendas pequenas e con humidade e que nunca semellan limpas, un tipo que non coñoce o horror e que aspira a gobernarnos, nun acto público e multitudinario  di que “agradece os españois de mediana edade o ter traído a democracia a España”.

De nada, imbécil.


Deixovos unha cousa de Caxade, a ver que vos parece. Por suposto, Caxade non ten a culpa nen nada que que aparece aí enriba. Faltaría mais.
E, boeno, canto tempo sen vernos, non?

viernes, 21 de junio de 2013

21 de xuño de 2013. Non digades que foi en van (a ostia)

Hoxe ímonos pór sentimentais (unha observación: o plural da anterior frase non siñifica que esto o escribamos entre varios, estaríache boa, nen que vós vos teñades que pór sentimentais, vos saberedes; e o que chaman plural maiestático, e é o que usan os reis, para que vexades en que plan veño hoxe).
Vale, empecemos de novo. Hoxe voume pór sentimental; aviso por se alguén, con todo o lexítimo dereito e en beneficio da sua saude,  decide deixar de ler eiquí. Non pasa nada, seguimos sendo amigos, se me ves pola rúa saúda, que eu cada día vexo menos.
Pois resulta que este sitio-blog-cousa cumpre un ano; parece incrible, pero é certo: estiven revisando os arquivos, e a primeira entrada foi o 30 de xuño do 2012. Vale, case un ano. Boeno, non é pra tanto, diredes, vaia unha cousa. Ai non. É a ostia. Así que me vou sacudir durante un anaco o manto negro de baixón que habitualmente levo nos ombreiros (coma un loro ruín de pirata), e voume celebrar. Eu me celebro e me canto, que dicía o outro.
Teño tabaco, café e almax. Estou escoitando a Guru (que o seu Deus o teña na gloria) a todo volume. Non hai nengún gato perto (hoxe teñen día libre), pero polo demais todo está ben (“una temperatura perfecta para la práctica del fútbol”, unha desas frases estúpidas que che quedan grabadas no cerebro dende neno).  Imos alá, pois.
Que este chisme-sitio-recuncho leve funcionando (é un dicir) dende hai un ano (trinta e tres, a edade de Cristo menos un mes, entradas, ésta incluida, unha chea de fotos, case que todas miñas, moitos videos de youtube, poemas alleos… ) é a ostia, e por unha única razón: que o fago eu.
Eu, que non son escritor, nen fotógrafo, nen, os deuses me axuden, poeta, nen sociólogo, nen político, nen sindicalista, nen militante de nada, nen crítico literario nen musical. Eu, que non teño estudos superiores (a única vez que pisei unha universidade foi nunha xuntanza da, perdón pola reiteración, Xuntaza Libertaria, para tratar un tema de presos e tal),  nen estudos medios,  e que hai décadas que esquecín, afortunadamente, os primarios. Eu, que non teño carreira profesional, senon un emprego, bastante asqueroso e non moi ben pagado. Eu, que non son moi listo que digamos, que non estou introducido en nengún “mundillo” (qué palaba mais repuñante, nunca me dera conta) de nengún tipo, que carezo, que vos vou dicir a vos, de calquer crase de talento. Eu, especialista en proxectos inacabados ou nen sequer comenzados. Eu fago esta cousa. Dende hai un ano. A ostia.
(É evidente que se os meus escritos ou as miñas fotos tiveran que pasar algún tipo de filtro editorial ou crítico ou comercial non existirían, ou polo menos ninguén tería acceso a eles.  O cal sería lamentable (pra mín sí, qué queres que che diga). Obxectivamente sería indiferente (un pouco mais ou menos de morralla no mundo é imperceptible, supoño), pero, boeno, a obxectividade, para mín,  é un concepto extrano e misterioso, e que lle den.)
Se tivera que facer unha valoración (vaia, non teño que facela, pero é que me apetece), sería contradictoria. Por un lado, a tal valoración sería mais ben negativa. Non me lembro porque empecei a facer isto, pero seguro que agardaba algún tipo de consecuencia, de reacción, de cambio, de intercambio: sexa o que fora, non se produxo.
Pero.
Mirade: se esta cousa sirviu pra que alguén se decidira a facer algo de creación persoal (“Se ese, que é medio parvo, fai iso, seguro que eu tamén son quén de facer tal cousa, e mellor”); se sirviu pra que alguén non esquecera, ou se replantexara, ou cuestionara, a problemática palestina ou os gastos militares; se sirviu para que alguén coñecera ou tivera un pouco mais presente a obra de xente da terra, xente orgullosa, chea de talento e de resistencia a unha época mais ben imbécil (a artesá PFM, o poeta Manolo Pipas, a inclasificable Mónica de Nut, os enormes músicos e poetas que habitan o país, cada ún ó seu  xeito); se alguén entrou en contacto co Espazo Aberto Antimilitar, ou co Ateneo Libertario de Vigo, ou a xente que promove o boicot cultural a Israel; se alguén se botou unha risa, ou se sintiu un pouco menos só, ou un pouco confortado (“vaia, hai xente algún anos mais imbecís ca mín”) lendo esta cousa; se alguén colleulle un pouquiño mais de amor á Lingua (a pesares dos estragos  que eu lle fago a cotío, sinto); se sirviu para facer unha lembranza colectiva do grande amigo que foi Miguel Carballido… Boeno, sesirviu   para algo disto… Ostia. Non dígades que foi completamente en van.
E vos vous dicir unha cousa: pegar letras unhas con outras, e construir frases que teñan sentido e que se acheguen un pouco á idea (por simple ou estúpida que ésta fora) que ún tiña na cabeza, boeno, iso fai que ún se sinta… ben.  E ás poucas veces que o que escribiche  ten música, que soa afinado, boeno,  fai que ún se sinta cheo. E se alguén o lé … qué queredes que vos diga, é (adivíñachedelo: este é o leiv-motiv desde texto), é a ostia.
Xa volo avisei: rollo sentimental. Longo, pesado, e mal escrito. Puro estilo Carlosdeteis.
Ós poucos pero extraordinariamente xentís, comprensivos e pacentes lectores deste  diario de frustracións: humildemente, grazas.
Houbo unha época na que me saquei unha pasta (pouca, pero tampouco tiñas moitas necesidades) adiviñando o futuro mediante a práctica da quiromancia ou botando as cartas, pero, admitámolo, era unha actividade lixeiramente fraudulenta:  son totalmente incapaz de predecir
nada. Así co futuro desta cousa é incerto. Pero, boeno, como todo-los futuros, non?

Xa sei que son coma esas visitas indesexadas, que sempre se están despedindo e nunca se abren, pero, ehem, é que levaba tempo sen escribir e quen sabe cando me porei de novo a elo, así que, a xeito de agasallo, de despedida (supoño que momentánea) e de recoñecemento, e para que non pasedes o día sen que leades algo de calidade, vouvos pór (sen o seu coñocemento, por certo) un dos escritos do poeta Lariño que mais me teñen gustado (podedes seguer a producción case que diaria no seu sitio envolventesaspalabras.info). Chámase regálaste un pouco escura, foi publicado o día 3 de maio deste ano, e vai así:

cada sorriso ou cada dor
cada grande ou miúdo sentimento
pinta o teu espirito dunha cor
e para acompañar os teus versos
tamén as veces ti te pintas
os cabelos os ollos os beizos
e regálaste en escuras fotografias
lariño
E xa está. A gata da fotográfía darriba é, contra o que poida parecer, boa xente inda cun pouco rara.  Á pingueira da foto dabaixo non a coñezo de nada. Ata mais ver. Coidadevos.

lunes, 27 de mayo de 2013

27 de maio de 2013. Oración (a duas voces)

Topar un recuncho morno, afastado, invisible.
Alimentarse só de fume, e de silenzo, e da nostalxia
de cousas que nunca ocorreron.

E, se existese un dios (quen sabe…)
E foxe razonable (e porque non)
E eu soubese en que lingua lle falar
(a dos paxaros, a das máquinas, a da erva, a do ferro?)
Contaríalle de ti (dela? outra vez?)
Do fermosa que es, do cansa que estás (e lle importaría?)
E lle pediría (coma todos…)
Que mirase por ti, que che coidara, que te afastara do frío e da soidade,
Que te mantivera a salvo, que non permitira que escuras raices aniñaran no teu peito.
Que nunca estiveses perdida.
Que te protexera de xente coma mín (esa si que foi boa!)
Da xente pequena, triste, ruin e asolagada pola culpa e polo medo (xa sei o que ven agora…)
Coma mín.

Topar un recuncho morno, afastado, invisible.

(Ducias de pequenas dores; teño tabaco, café e almax, vai un pouco de frío, son as tres da madrugada, é a hora dos fantasmas; agora a gata durme ó meu carón, ten un sono axitado, respira con certa dificultade; ducias de pequenas dores; teño tabaco e café e unha longa noite por diante, me temo).

(Fago como que durmo, ó seu carón; está inqueto e triste, fala só, e non fai mais que fumar, éstame a foder os bronquios; enténdolle mais do que él cré, coñezoo mais do que él pensa. Vai ser uha noite desas, me temo…Non sei como tanto lle aturo.)






viernes, 3 de mayo de 2013

3 de maio de 2013. V, eu e o estado da cuestión.

            Cada vinte ou trinta días acostumo quedar con V. Somos xente de costumes fixas: vémonos en días de entresemán, en un dos dous ou tres locais dos vellos tempos que inda sobreviven, a iso das nove da noite (ou do serán, dependendo da estación), nolos dous sós.
            Coñezo a V. dende hai uns vinte anos, e temos unha relación desas que poderíamos chamar “asimétrica”: Eu, inda co aprecio, non o considero amigo meu, e él probablemente me teña a mín polo seu amigo, inda que quizais non me aprecie demasiado. V. gábase  de ter moitos amigos, mentres que eu non podería nomear mais alá de seis, quizais sete, ó longo da miña vida.
            É un pouco mais novo ca mín, apenas uns meses, pero o seu aspecto é moito mellor co meu: máis xuvenil, máis san, máis atractivo, viste mellor. Ademais, a sua vida social é moi intensa (a diferencia da miña, que é prácticamente inexistente): a sua axenda sempre parece chea, é raro co seu movil non soe duas ou tres veces cada vez que estamos xuntos, e soe asistir a concertos, exposicións, manifestacións e cousas así. Mesmo afiliouse hai pouco a un minúsculo partido trostkista, decisión que a mín pareceume tan desconcertante como divertida. Soe estar bastante ó tanto das noticias, das novedades, dos cambios de tendencias e outras cousas que a mín, cada vez mais, abúrrenme. Resumindo, está mais vivo ca mín.
            Levamos xa un tempo (dous, tres anos?) repetindo estas quedadas.
            As nosas conversas consisten básicamente en que V. fala e eu escoito. E fala, sobre todo, de persoas  que ambos os dous coñecemos, e das cousas que lles pasan, das que él está informado (porque as ve, ou fala con elas por teléfono, ou se mantén en contacto por correo electrónico, ou a través de terceiras persoas).
            Así, entérome que o de M., despois de todo, non era cancro; que o de L. sí o era, pero que o leva moi ben; S.V. divorciouse (de novo); T. e R., despois de levar convivindo sete anos, aparentemente de xeito satisfatorio, vanse casar: hai apostas a ver canto duran;   o gato de S.L. perdeuse; o gato de S.L. apareceu, pero non era gato, senon gata, e volve preñada; R.B., músico, despois de anos de malvivir tocando en garitos indecentes, foi contratado por unha famosa estrela do rockanrol para unha xira estatal; R.B. foi despedido despois do primeiro concerto da xira, sen que se saiba o motivo; hai unha nova escisión no antigo sindicato no que ambo-los dous militamos hai moitos anos; a demencia de S. vai a maiores; T. , R.S., V.I. e E. quedaron sen curro. C. tivo un neno, non se sabe quen é o pai; L. montou un bar; T.C. marchou a vivir a Burdeos… E mais cousas: un se muda de piso, outro faise católico, aquel se fixo unha tatuaxe (do Che Guevara, nada menos), este mercou un coche, aquela outra está tan cambiada que non a coñecerías… Así todo.
            Teño que admitir que todo esto, en xeral, non me importa, pero me interesa. Sinto curiosidade por ver como evoluciona a vida dunha xente coa que, en tempos, compartín algunhas cousas, a pesares de que agora mesmo non teña intención nengunha de reaunudar o meu contacto con eles. Interésame, ata o punto de que agardo con certa expectación as periódicas  conversas con V.
            Descoñezo o motivo que pode ter V. pra querer estar conmigo; non son precisamente unha compaña amena, aporto moi pouco á conversa, non teño un trato agradable. Quizais o fai por altruismo (“manteñamos a este tipo en contacto coa realidade”), quizais por fachendear diante miña do rica  e interesante que segue a ser a sua vida (“ves? TI es vello, EU estou en activo”), quizais é un costume adquirido sen mais (“vaia rollo, hoxe toca aguantar o tipo ese”). Écheme igoal.
            A verdade é que botaría en falla estas periódicas actualizacións de datos de xente que non me importa. Pero que me interesa.
            O desenrolo dos encontros é sempre o mesmo, con poucas variacións. Eu acostumo chegar un pouco antes (dende sempre chego anticipadamente ás citas, non sei porqué); cando aparece V. , puntual, saudámonos cunha aperta de mans; pedimos café, e as veces coñac ou augardente; V. empeza a me por ó día das cousas que lles pasaron nos últimas días a uns e outros; despois me informa das suas propias andanzas: as suas complexas e variadas relacións sentimentais, a sua militancia política, as suas perspectivas vitais, as suas impresións sobre os últimos concertos ou obras de teatro ou exposicións as que asistiu, problemas laborais; a continuación soemos ter unha conversa propiamente dita, sobre música (curiosamente él e moito máis clásico ca mín), algunha película que nos recomendamos sen moita convicción ún ó outro, a relectura dalgún libro. V. nunca lé nada do que eu escribo, o cal non me parece nen ben nen mal.
            E o último capítulo da quedada, xa cos cafés tomados: V. me transmite a relación  de defuncións recentes de persoas coñecidas por ambos, capítulo que, dada a nosa idade, cada vez vai tomando mais importancia. Nomes que apenas me dín nada; unha causa habitual de morte (cancro e suicidio, sobre todo; enfermedades varias; accidentes; causas descoñecidas); e un breve comentario sobre a persoa que “xa non está entre nós”, curiosa expresión que V. emprega en ocasións e que a mín e me resulta inquetante, porque tendo a pensar que o que xa case que non está entre nós son eu.
Normalmente non me impresionan moito estes decesos. A maior parte dos falecidos nunca tiveron unha especial siñificación para mín, ou hai xa tempo que non a teñen. As suas voces, as suas facianas, as suas peculiaridades, fóronseme esvanecendo, ata o punto que,  pra mín, xa estaban prácticamente mortos antes que V. mo certificase. Mortos que non me importan, na sua maioría. Pero que, sí, me interesan.
Lóxicamente, igoal que V. me fala doutra xente, supoño que a mín me incluirá no menú cando fala con esa outra xente. Gosto de imaxinar o que lles dirá de mín: “cada vez está peor”;  “non se coida, non vai ó médico, e así está”; “non fai nada, non sei porque algúns dicían que tiña talento, talento pra qué?”; “apenas fala, e se repite mogollón”; “é un pouco patético”, “estragouse”. Encántame esta última: curta, contundente, evocadora de imaxes: “estragouse”. E xente á que non lle importo, pero que ó mellor lle intereso (interese sociolóxico, lixeiro, anedótico), crerá que sabe algo de mín, como eu penso que sei algo deles.
Supoño que é posible que sexa V. o que lle comunique a un bó número de xente (tendo en conta o seu amplo círculo de amistades e a sua querencia pola conversa, e que probablemente vivirá mais tempo ca mín) o meu falecemento. “X.C. xa non está entre nós”. Definitivamente. E alguén retrucará:  “Ah, pero inda estaba vivo?”. E alguén dirá: “Boeno, moito entre nós xa non estaba, que digamos.” E alguén preguntará:  “ E ese quén viña sendo?” E alguén, pensativo,  suspirará e dirá “Cada vez quedamos menos.” E pensarán “boeno, tampouco se perde nada”. E logo falarán da última aventura do can de R., do gusto que ten prá música o fillo pequeño de T.L., da exposición de fotografía de A. e M., de que o de L., finalmente, non era cancro, da manifestación do xoves, do noxo que da o presidente da xunta,  do prezo das hervillas en lata.
Porque, boeno, a vida seguerá. Supoño.
Rematada a cita,  él volta á sua actividade e eu ó meu letargo. Eu normalmente quedo aliviado de perdelo de vista. Agótame. Detesto o exceso de vitalidade, de entusiamo, de enerxía.
Pero sei que dentro duns días estaré agardando, cunha certa impacencia, a sua chamada pra quedar, onde sempre e pró de sempre. Coma sempre.
 
 
------

E, boeno, ós heroicos e en perigo de extinción lectores deste blog (que algún hai): se algún ten gañas de ver mais fotos miñas, como éstas que van enriba e eiquí o lado, pode ir a flickr e buscar a galería de carlosdeteis.foto, e xa está. A mín góstanme, pero xa sabedes co meu nivel de autoesixencia é moi baixo.









Vos deixo cun video dunha das mellores bandas (sí, de jazz) que se poden topar no estado español e que, mira ti, é galega. Supoño que xa a coñecedes, pero nunca está de mais ouvir a SUMRRÁ tocando "Believe in Trane"; despois de todo, se non cremos en Trane en quén ostias imos crer.:



miércoles, 27 de marzo de 2013

27 de marzo de 2013. A vertixinosa carreira dun escritor galego.

            O outro día, unha certa persoa preguntoume “sendo ti un escritor galego, como é que somente falas de narradores americanos ou ingleses, e non doutros escritores galegos? como é que non recomendas libros escritos na Galiza?”.
            Estiven a piques de cair redondo ó chan. Non tanto pola pregunta, por suposto, senon porque alguén dotado de intelecto, supoño, me considerara “un escritor galego”, e non “un tipo que as veces escribe cousas divertidas”, que era a miña máxima aspiración ata ese intre, ou “un paiaso depresivo e bastante coñazo”, que, me temo, é a opinión xeneralizada sobre a miña, mmm, digamos obra.
            Así que disfrutei coma un can. Vaia. Un escritor galego, nada menos. Eu. Hum.
            Pra ser honestos, hai que recoñocer que a certa persoa que tal pregunta fixo estaba nun estado de embriaguez bastante alarmante, e que é moi boa xente, e que é moi xentil e sempre di cousas que un desexa ouvir. Pero inda así. Coma un can trotando pola praia,  xa che digo.
            Intentei amoldarme urxentemente ó meu novo rol (“qué fai un escritor galego cando alguén lle pregunta algo?”), así que estireime pra parecer mais alto,  rasquei nunha orella, puxen cara de pensar, mandeille un grolo á copa de anis-del-mono, subín a petrina, boteille unha ollada á televisión (Rajoy falando de xustiza social, válgame Deus),  esquecinme da pregunta, e invitei a outra copa. A certa persoa coa que estaba aceptou rápidamente e tamén esqueceu a pregunta. Pero o mal xa estaba feito.
            Ó día seguinte (festivo), cunha resaca considerable, olleime no espello do baño e pensei “mira ti, un escritor galego”. Non semellaba moi distinto do habitual: feo, vulgarote, vello, apampanado, serio, triste, enfermo, inútil… Coma sempre, vaia. Encendín un ducados, acertei a potear dentro do retrete, puxen un disco (o moi apropiado e magnífico segundo disco de 2US), fixen un café, quemei mais tabaco. O de sempre. Sentei, ou mais ben cain nunha cadeira, e deixei cas preguntas me asaltaran: “A ún lle pagan por ser escritor galego? Un tipo que escribe chorradas que non lé ninguén ten direito a algún tipo de subvención? Debería sair na TVG anunciando o meu próximo (e inexistente) libro? Debería mercar unha chaqueta? Baixo á panadería ou encargo unha pizza? Fago unhas tarxetas que digan “XCM, escritor galego”? Qué lle poñen agora ó Ducados, que sabe asqueroso? Por qué non deixo de beber se sei que me senta fatal? ” E cousas así.
            Decidín duas cousas: unha, que ía deixar de beber (alcohol, se entende); e duas, que ía adicarlle o tempo que fose necesario a determiñar se eu era realmente “un escritor galego”. Da primeira decisión mellor non falar. Da segunda, ós tres minutos, vintesete segundos e algunha décima que outra, xa tiña resposta: non podo ser “un escritor galego” porque: a) Non son profesor de Instituto. b) Non teño nengunha relación co suposto “mundo literario” que seguramente existe. c) Non lle vexo nengunha avantaxe. d) Non teño pasta para mercar chaquetas nen para encargar tarxetas. e) Non estou afiliado a nengún partido nacionalista institucional, nen gañas. E, f)… Boeno, agora mesmo non me lembro, pero había unha f), estou seguro.
            E así rematou a miña carreira de escritor galego. Foi curta, pero intensa. En fin. Gardo lembranzas agradables. Foi unha bonita experiencia. Unha vivencia que me deixou marcado. Por favor, se alguén coñece un outro  cliché apropiado, que complete a liña:
            Por se alguén ten interese (que non creo, pero nunca se sabe), non falo de narradores  galegos porque ós que coñezo non me gustan, e porque detesto ós profesores de instituto. Os de universidade, tamén. E, por suposto, haberá escritores galegos moi interesantes, e se alguén coñece algún, e fai o favor, pois que mo recomende, e se ten algo na Biblioteca, pois o collo e tal. Hai unha máxima que me ensinaron na casa: “pra falar mal de alguén, mellor non dicir nada” (boeno, mo dicían en castelán, pero o sentido era o mesmo); dos escritores galegos actuais que eu coñezo, non vou dicir nada. He.
            Somente me queda agradecer á certa persoa que durante unha noite, e equivocadamente,  convirtiume nun escritor galego. Fíxome bastante feliz, e lle debo unha. Outra.
            Ah, vaia, agora me lembro. A f) é que realmente non sei escribir en galego. A miña obra en Tailandés é pouco accesible, polo intre. Sinto.

Segue un video que recolle a actuación de Sés na praza da Constitución o pasado día 9 de marzo, por se non estivechedes, e tal. Eu sí estivén. E, a pesares da chuvia, paseino fenomenal.


           
E xa está. Levalo o mellor posible. As fotos son miñas, non son o que parecen, e a mín gostanme.

miércoles, 5 de diciembre de 2012

5 de decembro de 2012. Unha presentación (tardía)

Esta é a décimo sétima entrada neste blog. E penso que é un bó intre para me presentar formalmente, e poñer ó día esto, e tal. Non por nada. É que apetece.
            Antes que nada, por qué emprego o galego case qué exclusivamente? Porque non domino o thailandés, que é o meu idioma preferido e que ademais ten mais saida comercial. Todolos nenos de Galiza deberían ter o dereito a escoller o tailandés como lingua vehicular (palabra mais noxenta) nos seus estudos. De todolos xeitos, se es un pouco observador terás notado que tampouco é que teña moito dominio do galego. Normalmente, me expreso (é un decir) en castrapo, unha pseudo-lingua a reivindicar.
            O meu “perfil”.- Un tipo que as veces leva sombreiro e que se deixa perilla para meter pinta de intelectual non é de fiar, como todo o mundo sabe. Non son nen moi listo nen moi simpático, non teño grandes experiencias que relatar ó mundo nen un  talento especial para nada, carezo de atractivo e de valor, os cans me traban, sempre que chove me colle sen paraguas, ando dun xeito raro, se me esquecen as cousas, non teño amigos porque non teño facebook. Polo demais, ben, grazas. Non poño fotos nas que salga eu por  duas razóns: para manter un certo, e infantil, misterio en torno a miña persoa, e para non vos amargalo día. Se pensas que escribo mal, tiñas que me escoitar falar.
            Aficións.- Durmir, sobre todo. Tamén me tira moito o Mencía (nótese a respetuosa maiúscula inicial). Camiñar. Durmir. Aloumiñar (qué palabra tan bonita!) gatos. Fantasear. Durmir. Tocar a guitarra (baixiño pra non molestar).
            Música.- Hip hop antiguo (Gang Starr, De la Soul, 2 Pac… ), soul, Frank Sinatra, e cousas raras. Case que todo o Jazz que aprecio fíxose antes de 1960. Prácticamente non vou a concertos, básicamente porque non me chaman moito a maioría dos grupos, e porque hai xente que se pasa todo o tempo a falar e non deixa ouvir nada, e porque non se pode fumar, e porque sempre me pisan.
            Literatura.- Norteamericana mais ou menos contemporánea. Cousas que collo na biblioteca ó chou. Últimamente, poesía galega, non me preguntes por qué. Me encanta recomendarlle libros a xente que non me fai caso (e fai ben). Por certo, leíchedes a Richard Price?
            Por qué comencei o blog? Pois non me lembro, a verdade. Supoño que foi un calentón, e que pensei que ía ser divertido. En realidade, sigo pensando que é bastante divertido. As veces.
            Cando iniciei esto, algúns coñecidos daban por descontado que o contido do blog ía ser maiormente “social”, ou “político”, de tendencia libertaria. Decepcionar á xente é unha das cousas que mellor se me da, despois de todo o levo facendo dende hai anos.
            Algunhas reaccións: volvínme nacionalista, volvínme cultureta, volvínme xilipollas. Chocheo. Cada día son mais tonto. Consellos: “fai algo útil”. Boeno.
            Ten moitos seguidores o blog? Non. En realide, se estás lendo esto, formas parte dun clube bastante, e cada vez mais, exclusivo. Tamen é verdade que non me curro nada o de promocionalo, e tal. Pero é que me da corte.
            Gañei amigos con esta experiencia? Non. Nen ún.  Pero boeno, tampouco fixen enemigos, penso. Así que vaia unha cousa pola outra.
            E xa está. As fotos son, como case que sempre, miñas, e a mín góstanme.
            Está chovendo na Galiza (e mais que tiña que chover). Eiquí vos deixo con Victor Aneiros, pra mín o mellor bluesman (con permiso do Sr. Nervio) que temos na terra. O ceo está chorando. Vaia que sí.
            E non vai chorar, coa que está caindo...

jueves, 12 de julio de 2012

12 de xullo de 2012. Xente con e sen talento.

Dende sempre tiven entre os meus coñecidos xente con talento. Músicos, debuxantes, actores, artesans, cociñeiros,  fotógrafos…O cal, claro está, é unha sorte non merecida. Pero ter contacto, ou amizade, ou coñecemento, ou o que sexa, con persoas dotadas para a creación, para a expresividade, para a transformación, non crea somente sentimentos de gratitude e admiración.
A estas alturas da existencia xa ún leva acumulado un bó número de  frustracións, en todolos eidos. Vagabundo frustrado, mais que nada. E vago. Pero tamén escritor, músico, medievalista (si, home, si), fotógrafo… Frustrado por falla de aptitudes, de capacidade para o esforzo e o traballo, de humildade para aprender, e pola case que nula habilidade para estabelecer relacións “creativas” coas persoas e coas cousas.
A proximidade, o contacto,  coa xente de talento da que falaba ó principio, en un tipo das miñas características,  tende a afondar ese sentimento de frustración. Non de imitación, superación ou algo semellante, non. Frustración e envexa.
Probablemente o único talento que posúo é  a capacidade de recoñocer o talento en outros. Ja.
            Boeno, é o que hai.
Unha persoa que coñezo bastante ben e dende hai moito tempo é PFM: ela é, ademais de moitas outras cousas, artesá. Por certo, un día habíamos falar da artesanía- creación popular versus arte-creación ó servizo do poder, un tema que dá pra mais do que parece. . . Na sua actividade na artesanía, PFM, ó meu entender, destaca como ceramista ou alfarera, porque quizais é na cerámica onde mellor reflicte o seu carácter, ou porque a cerámica adáptase mellor os seus (cambiantes) estados de ánimo. Xa hai ben tempo que non expón nada, e a peza que se amosa a continuación ten xa algúns anos, pero é unha das miñas preferidas. A imaxe obtivose do blog purificacionfernandez.blogspot.com.  A peza en cuestión chámase “voraces”, inda que creo lembrar que nalgunha exposición o nome que levaba era “carnivoras”. Por suposto, podedes contactar con ela ou ver mais traballos seus no tal blog, que para eso está. Supoño.



Unha persoa irritantemente talentosa. Vaia. 
E xa está. Boeno, vouvos recomendar un autor, Amy Hempel, e un libro: “Cuentos Completos”. Unha das mellores escritoras que existen na actualidade. Quero dicir, unha das persoas que mellor escriben, na actualidade. Vale. Este libro está dispoñible na Biblioteca Central, ou Nodal, de Vigo. Non sei onde dicían que a traducción non é todo o boa que podía ser, polo que se alguén pode lelo en versión original, mellor para él. De nada.

E remato por hoxe. A foto que vai arriba é miña, e non ten título. Boa sorte, saúde e anarquía.