Mostrando entradas con la etiqueta MBM trio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta MBM trio. Mostrar todas las entradas

lunes, 13 de mayo de 2013

13 de maio de 2013. O primeiro de maio mola.

Co retraso que é habitual nesta sorprendentemente-inda-visitada-pero-non-moito páxina, imos abordar (coma se fósemos piratas) o siñificado social, político, lúdico-festivo e mais do primeiro de maio, conmemoración da Festa do Traballo, Día Internacional da Crase Obreira, San José Obreiro, e outras cousas que tamén se conmemoran o tal día. Por conmemorar que non sexa.
O primeiro de maio mola. Con esta reflexión  xa estaríamos a altura dun universitario medio, pero tanto o redactor desta páxina (eu) coma os sufridos lectores da mesma (vos) temos un nivel de exixencia na análese, na expresión, no cuestonamento da realidade, etc., bastante mais alto do que, polo visto, se ensina  nas universidades do Estado. Así que imos profundar na reflexión citada.
Nefeuto, o primeiro de maio mola. E por moitas razóns. Imos expór unhas cantas, pero sen dúbida hai mais (o que pasa é que agora mesmo non se me ocorren). Vai:
-É festivo. O cal sempre está moi ben, sempre que teñas curro, e non traballes na hostelería, no espectáculo, na sanidade, no transporte público, nun medio de comunicación ou sexas policía de algunha das moitas razas que existen.
-Vas a algunha das manis que hai, polo menos nas vilas dun certo tamaño, e sempre topas xente coñecida que normalmente non ves, e te pós ó tanto de cómo lle vai a vida a uns e outros e esas cousas . As veces ata fas amistades, ou incluso ligas (eu non, pero sei de xente que sí). Tamén é entretido ver quen falta do ano pasado, e especular sobre o motivo da ausenza (quedou dormido, despistouse, morreu, pasouse a outro sindicato, pasa de todo…)
- Pódeste pór camisetas, gorras, chapiñas e cousas que somente podes pór ese día, e así lle das uso.
- Podes andar por mitade da rúa sen risco de que te atropellen. Ata agora, polo menos, porque si se populariza a extravagante costume de levar autobuses ás manis, calquer día pode haber unha desgraza.
- A diferenza das folgas xerais, o primeiro de maio os bares sí están abertos. Entendámonos: cando as folgas xerais, a maior parte dos bares tamén están abertos, pero da moi mal rollo entrar. O primeiro de maio non pasa nada, te tomas uns caldeiros cos amigos e tan contentos.
- Se tes colegas que van a manis distintas ca túa, logo podedes discutir sobre  cal meteu mais xente, cal tiña mais bandeirolas, bandeiriñas, faixas e globos, ou que portavoz dixo o tópico máis tópico ou a burrada mais grande.
- Podes pór a TVG o mediodía e ver se te ves nalgunha mani,
- Se tes can, lle podes pór pegatinas do sindicato que mais che goste e facerlle fotos, que sempre dan moita risa (ollo: estamos bordeando a crueldade animal). Tamén vale pra bebés. Disque prá avós, pero eu nunca o mirei.
- Podes intentar colarte nalgunha festa das que as veces organizan os sindicatos con mais pasta, e ó mellor consigues  xantar de gratis.
- Se tes algo de xeito tocando a guitarra ou cantando ou facendo malabares, soe ser un bó día pra facer algo de caixa, se te colocas estratexicamente (perto das manis, pero non no medio delas, por exemplo).
E mais cousas, xa vos digo, que agora mesmo non me lembro.
Todas son avantaxes, como podedes ver. E ata o de agora somente tratamos asuntos mais ou menos materiais. Porque se chegastedes ata eiquí (hai alguén aí?) paga a pena comentar así por encima  o aspecto digamos, mmm, espiritual do tema.
Saberedes que cada vez que asistides a unha mani do primeiro de maio gañades puntos prá acceder ó Paraíso Proletario, que é a máxima aspiración ultraterrena dos traballadores concienzados e concienzudos. Como todo o mundo sabe, o Paraíso Proletario, na sua versión viguesa e masculina, é un lugar maravilloso: existe pleno emprego (podes traballar oito horas diarias durante toda a eternidade), o Celta non somente non baixa a segunda senon que gaña a Copa de Europa cada duas semans, hai numerosas festas gastronómicas a base de churrasco e pementos-de-padrón, abundan os sitios pra aparcar… Boeno, o Paraíso. E o único que tendes que facer prá habitar nel pra sempre é atender ás convocatorias dos vosos sindicatos, que saben o que mais os conven e miran por vos, e non facer o ganso. E morrerse, claro (algunha pega tiña que haber).
Despois de todo o exposto, coincideredes conmigo en que o primeiro de maio mola. De feito, debería haber un primeiro de maio cada mes e medio, unha cousa así.
---.

As fotos que acompañan esta profunda reflexión son miñas, e a primeira vista non teñen moito que ver co tema. Claro que todo é cuestión de darlle voltas…
Vos deixo cunha cousa de MBM Trío (Lucía Martínez, Antonio Bravo e Baldo Martínez), que non teñen culpa nengunha do que hai escrito mais enriba, e a quenes estou desexando ver de novo. E oilos.

miércoles, 9 de enero de 2013

8 de xaneiro de 2013. O 2012 non foi tan malo: un repaso a concertos. E tal.





Seica o outro día, aí atrás, non rematou o mundo, como algúns predictiran (ou predixeran). Nunca se sabe. Ó mellor sí rematou i eu non me enterei; non sería raro. Últimamente non me entero de nada.  O que é seguro é que cada día é o fin do mundo para moita xente.
O que sí que rematou foi o ano (que agora podemos chamar “ano pasado”). Diso estou case que certo.
Unha cousa que fai moita peña cando remata un ano é o tema das listas de cousas mellores do ano. Xa sabedes: as dez mellores pelis do ano, as mil cancións do ano, os quince mellores cociñeiros bizcos que non sexan nen vascos nen cataláns, os catorce políticos mais atractivos… Pódese facer listas de todo. Se lle botades unha ollada ás revistas ou páxinas de Internet ou programas de t.v.  que traten de cine ou de música ou de tendencias (?), toparedes listas de todo tipo, algunhas francamente divertidas.
O caso é que me dixen “oes, fagamos unha lista”. E inmediatamente me respostei e me preguntei, simultaneamente: “pra qué?” E é unha boa pregunta, a verdade. É o tipo de preguntas que non se deberían facer nunca. Vaia, é a típica pregunta que se cha fas a primeira hora da mañán, non te levantas da cama.
Porque, a ver, pra qué é que facemos cousas coma ésta (o blog, o das listas, escribir cousas que non lé ninguén, tirar fotos…)? Pra impresionar a alguén? Pra demostrarnos a nos mesmos que inda estamos vivos? Pra nos distraer mentras agardamos o fin do mundo particular de cada ún de nos? Por inercia? Pra deixar unha marca no transcurrir do tempo que sinale a nosa presenza nun intre determiñado?. Mexadas de can…
Pero sonche cabezón (literal e figuradamente), e convencínme a mín mesmo (“veña, tío, qué mais te da, unha lista sempre mola, mira os do El País e tal, tampouco custa tanto…”). E, por non me aturar mais, accedin. Así que acordei facer unha lista.
Vale. Pero unha lista (selección) de qué.
Porque xa sabedes que a actualidade non é o meu. Quero dicir que nunha lista cos mellores libros do 2012, por exemplo, quedaría un pouco chungo meter cousas que se editaron en 1967. E o certo é que probablemente non lín nada durante o ano pasado  que fose escrito ou publicado nese ano. Se falamos de discos ou películas, en xeral, me sucede o mesmo.
Boeno, pois todo este rollo que antecede vai para dicirvos (se inda estades aí) que a cousa vai de repaso a concertos do ano pasado. Ilustrado con bonitas fotos feitas polo autor. Clasificado por categorías. Veña.
Primeira categoría. Premio especial ó concerto decepcionante do ano: Keb’ Mo’, no Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, en xullo. Polos cravos de Cristo. Por momentos me parecía estar oindo a Eric Clapton ou un deses, pero inda mais edulcorado e tonto. Blues envolto en papel celofán para que non arañe.
Segunda categoría. Concertos ós que non fun, querendo ir (motivado). Nacho Vegas, en Santiago (entradas vendidas 15 días antes do concerto, e eu sen enterarme); Xumrrá, no Teatro Ensalle (problemas de saúde); Iago Fernández e Virxilio da Silva, no Xancarajazz (saúde); Joshua Redman, en Pontevedra (agotamento laboral); Isga Collective e Xardín Desordenado, no Concello (retraso de 4 minutos na entrada (?)); Marcos Pin, en La Pecera (saúde). E algúns outros que seguro que me esquezo. Por certo, moi mal andiven eu de saúde o ano pasado, agora co penso.
Tercera categoría. Concertos que estiveron moi, pero que moi ben: So son dous (2us), no Bar Hipólito, en novembro; Pablo Carrera (cun gripallón importante)  en La Pecera, en novembro; Alamanouche, no Xancarajazz, en outubro; Woyza e Isaac Garabatos, no Cabiria (en setembro ou outubro); Mónica de Nut Trío, no Salason de Cangas (maio ou xuño, por aí), Ruxe Ruxe, por suposto, no Festival Folc de Vilariño, Silvia Penide, en Pontevedra…
Categoría especial. Gran premio do xurado, gran premio do público, tedes un café pago:
-MBM Trío, no Bar Hipólito, en decembro. Lucía Martínez á batería, Antonio Bravo, guitarra, e Baldo Martínez, contrabaixo, fixeron un dos concertos mais intensos, imaxinativos e cun nivel de interpretación mais alto ós que eu teño asistido nos últimos anos. A revelación da noite (pra mín, que son moi iñorante) foi Bravo, a quen considero dende xa dos mellores guitarristas que se poden topar na actualidade.
- Max Gómez Cuarteto (Max, batería, Iago Fernández, batería, Paco Charlín, baixo, Mortagua, saxos), no Contrabaixo, en novembro (creo). Impecable. Intenso. Xenial.
Mención especial pró dúo Escuchando Elefantes, que habitualmente tocan, orgullosamente,  nas rúas das nosas vilas. Este ano me coincidiu miralos tres ou catro veces na Rúa do Príncipe, e sempre me alegraron a tarde.
Mellor concerto do ano. Jato douro. Café pago, e prá próxima vos axudo a cargar material, se a saude mo permite.
Exaequo (como mola pór según que palabras):
- Lucía Martínez Cuarteto, tamén no Bar Hipólito, en decembro. O cuarteto regular de Lucía (Minnermann ó contrabaixo, Brandao ó saxo e frauta, Neves o piano) explotando o magnífico disco “Soños e delirios”. Un cuarteto en plena forma, moi ben conxuntado, dos que xa vos teño falado (ben). Un grupo que hai que ver sempre que se acheguen polo pobo. Vos recomendo compulsivamente (xa sei onde van parar as miñas recomendacións, pero en fin) a escoita do tal disco. A única pega do concerto: xente de mais. Pero é lóxico. Somente para escoitar “Perto do 177 da Rua Moreiras, en Porto” pagou a pena ir ata Travesas.
- Mónica de Nut e Virxilio da Silva, agosto, na Praza da Constitución. Pra mín, un concerto ideal: unha proposta arriscada, un público heteroxéneo, ó ar libre (vaia, que se podía fumar), opinións enfrentadas,un moi bó son, espazo pra Mónica se mover (as veces da un pouco de angustia vela en sitios pequenos), un repertorio excelente defendido con solvencia,  unha moi sólida interpretación de Virxilio (pero qué bó é este tío), e ... Boeno, estaban que se saían, esa noite. De feito, se sairon. Por algún motivo,sempre que penso nesta xente a palabra que me ven á cabeza é honestidade… Pegas: un pouco curto de mais, non fixeron “Como deita o tempo”, e se me rematou a batería da cámara ós cinco minutos de empezar. De feito, a foto que vai por aí, nalgures nesta páxina, non se corresponde a esa actuación. Péro é moi chula. Porqué non hei de cantare…eso, por qué non.

E xa está. Cada vez son mais brasas, xa o sei. Sinto.
Todolos músicos mencionados están vivos e en activo, que eu saiba. É dicir, cabe a posibilidade que neste ano toquen perto de onde ti vives. Non hai actuación das reseñadas á que eu non volvería ir con gusto (agás a do Keb’ Mo’). Ou sexa, que volas recomendo todas e cada unha delas. Encarecidamente.

Ben mirado, o 2012 foi, pra según qué cousas, un ano bastante bó. Pero, xa sabedes, “The best is yet to come”.