viernes, 15 de febrero de 2013

15 de febreiro de 2013. Qué traballiño nos manda o señor, ou así.







Vale. Esta é unha  primeira e burda (non podía ser doutro xeito) aproximación nesta páxina a un tema que segundo como o collas pode ser ata divertido. Mentres seguimos sacrificando alegremente as nosas vidas á Economía, tomémonos un respiro e meditemos.
            A verdadeira relixión da crase traballadora é, precisamente, aquelo ca define: o traballo. “O traballo diñifica ó home”; “O traballo é saúde”; “O que non traballe que non coma” (ésta é moi boa: orixinal de San Pablo, adoptouna Lenin dous mil anos mais tarde, e cos mesmos fins); “O traballo os fará libres” (inscripción na entrada do parque temático de Auschwitz)…
Dos valores co capitalismo mais e mellor conquiriu incrustar nas nosas mentalidades proletarias é a sacralización do traballo (xunto coa idea do éxito e a do progreso, probablemente). Ata o punto que pra algúns traballadores que se definen como “progresistas”, de “esquerdas” ou incluso “revolucionarios” o traballo en sí, non as condicións do mesmo nen quen explota a quen, é un tema que non debe ser tratado de nengún xeito. Porque o traballo é sagrado. O traballo vertebra á sociedade (e así nos va).
Se alguén dixo algo mellor ca ti, non te comas o tarro; así que segue unha cita de Kropotkin, ben coñecida: “… o dereito ao traballo é o dereito a continuar sendo sempre un escravo asalariado, un home de traballo, gobernado e explotado polos burgueses de sempre.” Que alguén considere o traballo coma un dereito da unha idea do baixo que ten caído a cultura proletaria. Que o fagan os sindicatos que supostamente nos representan e defenden da medo, da carraxe, da risa.
Reparti-lo traballo? Vai de citas. Esta é da Asamblea de Jusseu, Movimento de Parados, do ano 1998, sobre unha das reclamacións “estrela” da chamada “esquerda”: “TRINTA E CINCO HORAS NOLA SUDAN. 35 horas de escravitude asalariada. 35 horas de “Bós días, Sr. Director!” 35 horas de aburrimento. 35 horas de xefeciños. 35 horas de “que chegue pronto o fin de semana”. 35 horas de curros inuteis (animador sociocdultural, representante comercial, axente de medio ambente, mediador pedagóxico, perfumadora, limpiador de caniches, e moitos mais…). 35 horas de curros perxudiciais (empregado no sector nuclear, vixilante, pasmo, periodista, delegado sindical, político, revisor, banquero, asistente social, publicista, xuiz, garda, obreiro das fábricas de semillas tranxénicas, e moitos máis…)”
A seguinte  foto tirouse o primero de maio pasado (festa do traballo, mira ti).  

O mesmo día repartiuse un folleto sobre o tema que nos ocupa que está moi ben, ó vello estilo fanzine e tal, e tiña intención de enchufalo eiquí, pero levo como unha hora intentando subilo e non hai xeito. Así que se alguén o quer, que mo pida. Intentareino outro día.

Inda vou engadir algo que escribin hai tempo pra unha certa publicación (que non cumpriu co seu cometido, pois non mo publicou). Vai un pelín fora de contexto, pero, a estas alturas…
“Sendo o traballo un dereito e un ben social, segundo a moral oficial, estar en paro é unha desgraza, e polo tanto o parado debe ser un desgrazado; de feito, o parado cumpre o seu traballo social consumindo, dando medo ó que traballa, dando lástima, e, loxicamente, intentando topar traballo. A imaxe do parado feliz que non pretende topar traballo é probablemente un dos pesadelos ocultos da xente de orde.”
He, he.
Unha última. Esta non é miña, nen vos vou dicir de quén é, pero invito eu:
“A esperanza está no inesperado”.
A foto de enriba tireina eu en Cangas o novembro pasado. Inda que semella un diablo de Tasmania, en realidade é un jatodecallejón duns 100 gramos de peso. Pero daba medo. Coma nós, ás veces.
Como sodes boa xente (en xeral e sen entrar en moitas matizacións), vos deixo un video do increible Jazzman de Compostela.




E xa está. Saúdos prós que viaxan. Levánse un pouco de nós, pero despois, as veces, voltan, e traennos palabras, imaxes e ñitus-ñitus.

ENGADIDO O 25 DE FEBREIRO



Pois este é o folleto do que falaba antes. Agora xa queda mais completo o chollo. Grazas ó remitente.

martes, 5 de febrero de 2013

5 de febreiro de 2013. Agardando.


Un home só agarda na sá de espera.
Un home, só, agarda na sá de espera.
Senta nunha cadeira, érguese, senta en outra. Hai sitio de abondo. Érguese. Pasea.
Agarda.
Luz branca. Zumbidos. Revistas nunha mesa.
Colle unha e lle bota unha ollada. Non entende nada do que pon alí. Nen sequer sabe en que idioma está escrito. Deixa a revista enriba da mesa. Séntase en outra cadeira. E agarda.
Xunta as mans, coma se estivera pregando.
Descubre que se pode estar mortalmente asustado e mortalmente aburrido ó tempo.
Érguese, camiña ata o outro extremo da sá, séntase en outra cadeira. Agarda.
Chégalle o ruido do tráfico de alá baixo, na rúa. Cré ouvir voces, música. A vida segue, alá abaixo.
Desexaría máis que nada sair pola mesma porta pola que entrou hai … canto hai diso?,  premer o botón do ascensor, chegar ó portal, encender un ducados, sair á rua, empaparse do orballo que antes estaba a cair (seguirá caindo agora?), e camiñar, camiñar rápido sen deterse, sen dirección, esquivando a xente coa que se cruzara, camiñar e  seguer camiñando ata que lle estouparan os pulmóns dunha puta vez.
Cambia de sitio. Colle outra revista, pero nen sequer intenta comprender o que está escrito. Agarda.
Pódese súar e estar morto de frío ó tempo.
Un home só agardando na sá de espera.
Unha porta se abre. Unha voz sen inflexións pronuncia o seu nome.
Érguese e diríxise cara á voz. Obedente, rendido, vendido.

________
A foto de enriba (miña) recolle unha peza, sen título, colección particular, de PFM (purificacionfernandez.blogspot.com). Barro branco e gres (penso). Lévolle tirado mil fotos, e non a remato de coller.
Vos deixo cun extracto dunha obra de teatro que vin hai xa uns cantos anos, e que non me dou quitado da cabeza. A obra é "As veces sentímonos tan cansos que facemos estas cousas", da compañía teatral  Novedous. A  mín deixoume abraiado. Non sei se esta compañía existe na actualidade, nen se é posible ver esta obra nalgures.

E xa está. Se me queredes algo, pois mo decides. Vémonos.

viernes, 25 de enero de 2013

25 de xaneiro de 2013. Apuntes sobre Palestina. Hadeel.


Hai uns anos era un motivo de discusión ou de diálogo habitual o de “sabían os alemans ou non o qué estaba ocorrendo nos campos de concentración?” (Os alemáns que non eran guardiáns dos tais campos, nen membros das SS ou altos cargos do partido nazi, se entende). E, no suposto de que sí o souberan, “como é que non fixeron nada pra intentar impedilo?” Xa vos digo, era un tema do que se falaba bastante; mesmo hai algunha película e algunha obra de teatro que tratan do asunto.
Dende logo era un xeito ben tonto de plantexar un problema moi complexo, pero que daba pé a, ás veces,  rematar falando de cousas moi interesantes (a responsabilidade persoal, a “obedencia debida”, o dereito a rebelión, e outras). Por suposto, a maioría das veces a cousa quedaba nun par de lugares comúns sen maior alcance.
“E, se o sabían, como é que non fixeron nada para intentar impedilo?”
Hoxendía, sabemos, se queremos, o que está pasando en Palestina. Sabemos dos asasiñatos, selectivos ou aleatorios. Sabemos das casas derrubadas, da terra roubada, da auga desviada pra que non chegue as aldeas, dos cultivos arrincados. Sabemos das mulleres esterilizadas á forza. Sabemos dos muros de seguridade que parten vilas pola mitade. Sabemos dos controles de seguridade diarios pra ir ó traballo, á compra, á escola, e para voltar á casa. Sabemos dos detidos sen xuizo e en condición inhumanas. Sabemos do bloqueo a Gaza, e do que pasa cando alguén intenta rachalo. Sabemos dos milleiros de refuxiados que non voltarán o seu país, dos milleiros que  xa morreron lonxe do fogar.
Sabemos que nas campañas electorais de Israel se prometen mortos palestinos para subir nas enquisas. Sabemos que se incumplen, unha tras outra, as resolucións da ONU, e que á “comunidade internacional” lle da o mesmo. Sabemos que a constante implantación de novas colonias ultraortodoxas no territorio palestino é unha mensaxe clara do goberno israelí: isto vai continuar así mentres nos queiramos.
Sabemos, ho, sabemos. Claro que sabemos. Dende hai moitos anos, dende hai moitos abusos, dende hai moitos mortos.
Quero pensar que haberá xente no futuro que se preguntará “E cómo é que non fixeron nada para intentar impedilo? Como se podían mirar no espello? En qué estaban pensando?”
E qué poderíamos argumentar no noso favor?   
Pouca cousa, a verdade.
A chamada “comunidade internacional” podería facer algo, pra variar. Podería, por exemplo, conxelar as contas de Israel no extranxeiro; podería ditar orde de busqueda e captura contra todolos integrantes dos sucesivos gobernos israelís, e dos mandos das suas forzas armadas; podería suspendelo comercio con dito país; podería afastar a Israel de todo evento deportivo ou cultural internacional;  poderíase aplicar a Israel o mesmo control sobre armamento nuclear que se lle quere impor a Irán; podería crear un corredor humanitario cara Gaza … poderíase, en fin, intentar facer cumprir as resolucións da ONU. Pra variar.
            O pobo xudeu ten sufrido moitísimo. Habería que ser moi miserable pra iñorar ou menosprezar este feito. Pero de nengún xeito pode esa tremenda dor xustificar a política de apartheid e opresión que leva a cabo o Estado de Israel sobre o pobo palestino dende hai seis décadas. Penso que esa política é un insulto á memoria dos seis millóns de persoas xudeas asasiñadas polo réxime nazi e os seus aliados.
           
            Pódese facer algo agora e dende eiquí (tendo en conta que os nosos “representantes” non van facer nada ó respecto)? Pois algo sempre se pode facer.
            Un pódese unir ó boicot ós produtos israelís que están traballando numerosos colectivos e organizacións de todo o mundo (algúns dos cais, hai que recoñocelo, son moi pouco recomendables; hai de todo). Os produtos israelíes identifícanse cos números 729 no código de barras. O certo é que é ben doado non consumir estes produtos, xa que a meirande parte deles son directamente superfluos ou remplazables sen dificultade algunha. Hai centos de páxinas en Internet que tratan sobre esta campaña, algunhas das cais incluen listas de productos concretos.
Hai en marcha, tamén, a nivel mundial, un boicot cultural. Neste enlace (se funciona), vos queda o manifesto galego e a lista de asiñantes, que segue en aumento día a día: .www.tk.saramaganta .
(Hai xente que está en contra destas actuacións. O prestixioso (?) filósofo (??) e pensador (¡!) Bernard Henri-Levi, que ten páxina aberta no El Pais sempre que quer, que pra iso é moi listo, explica –El Pais, 30/01/2011- que non se pode boicotear a Israel en nengún senso porque Israel é una democracia; que boicoteemos mellor a Sudán. Se nota que ten estudos, o home. Tamén hai xente que está en contra e que posiblemente sexa normal e teña boas intencións.)
Pódense mover páxinas coma ésta que estás lendo, e páxinas mellores ca esta.
E, boeno, cando Israel pasa dos asasiñatos selectivos e/ou aleatorios á carnicería pura e simple, soe haber manifestacións e actos de denuncia. Non acostuman a ser moi numerosos, polo menos por esta parte do mundo. Pero qué se lle vai facer.
(E dirá alguén: “Ir a manifestacións non serve de nada”; pero, a verdade, é que nunca se sabe. A ún, cando lle pisan, berra. Qué menos. E, ademais, se ve xente, se fala, te dan folletos que dín cousas distintas das que saen na tv, e se respira un pouco.
E dirá outro: “Con todo o que está pasando neste país, e perde-lo tempo co que está pasando na outra punta do mundo”; pero, en realidade, quen dí cousas coma ésta non soe facer nada, nen eiqui, nen alí, e, ademais, a xente que participa nese tipo de actos soe estar implicada en movimentos sociais, culturais e políticos directamente relacionados co chan que pisan.)
Boeno. Imos rematando por hoxe. Por segunda vez neste blog, Rafeef Ziadah, e un poema titulado “Hadeel”, vía you tube, con subtítulos en castelán. (O vídeo ten unha posproducción, ou como se chame, non moi afortunada, pero o poema é realmente bó e o que transmite e realmente duro. Penso).
As principais armas do poder son a nosa desidia, a nosa iñorancia, e a falla de comunicación entre nós. É dicir, cas principais armas do poder están, en certo xeito, nas nosas mans. Ata a próxima.


viernes, 18 de enero de 2013

18 de xaneiro de 2013. Strange Fruit, unha amarga colleita


O día 7 de agosto de 1930 Thomas Shipp e Abram Smith, dous homes negros, foron linchados en  Marion, Indiana. Foran detidos o día anterior, acusados do roubo e asesinato dun traballador branco, e da violación da novia deste.  Unha multitude asaltou a cela onde estaban confinados, golpeunos, arrastráronnos pola rúa e pendurounos dunha árbore. A Smith, previamente,  lle romperan os brazos porque  facía violentos esforzos pra se liberar. Oficiais de policía colaboraron co grupo de linchamento.
Un fotógrafo de estudo local, Lawrence Beitler, obtivo polo menos unha fotografía do suceso. Logo pasou dez días cosas suas noites facendo miles de copias, que vendeu con moito éxito ó prezo de 50 centavos cada unha. É a foto que segue a continuación.


(Nada do relatado mais arriba é especialmente raro. O linchamento no Sur de Estados Unidos foi unha práctica relativamente habitual ata a decada dos 50 do século XX. A toma de fotografías deses acontecementos tamén era corrente. Moitas delas se conservan, e, na maioría, sorprende ver un orgulloso grupo de ciudadans, nenos, as veces axentes da orde, posando xunto ós corpos dos asasiñados, que moitas veces foran queimados vivos antes de ser pendurados dunha árbore ou poste. Estas postais a miudo lembran festas populares misturada con  fotos de cacerías de elefantes ou leóns.)
Abel Meeropol (que tamén asinaba como Lewis Allan),  poeta, profesor, autor de cancións, marxista (seica afiliado o Partido Comunista dos EEUU), branco,  xudeu, residente no Bronx,  viu a fotografía, e, segundo as suas palabras, quedou abraiado e obsesionado durante varios días. Decidiu escribir un poema, ó que titulou “Bitter Fruit”,  que foi publicado nun periódio sindicalista e nun voceiro marxista no ano 1937 (nalgures nesta páxina, unha traducción ó castelán feita por Carlos Alvarado). Posteriormente púxolle música; a canción, xa co titulo “Strange Fruit”  foi interpretada polo propio Meeropol, a sua dona e a cantante Laura Duncan no área de New York, acadando unha certa notoriedade como “canción protesta” en ambentes de esquerdas e no movimento polos dereitos civís. De feito, a expresión “Strange Fruit” fíxose equivalente a “linchamento”.
No ano 1939, Billie Holiday coñeceu a canción, probablemente a través do propietario do Café Society, primeiro clube de New York “integrado”, e decidiu incluila no seu repertorio. A cantante recoñoceu que lle infundía certo temor interpretala, pero que o faría en lembranza do seu pai, que morrera dous anos antes de neumonía en Dallas porque ningún hospital admitiu un home negro (“O meu pai non o matou a neumonía, matouno Dallas”, dixo). Cantouna por primeira vez no Society, e ese mesmo ano grabouna pró selo Commodore, xa que Columbia, a discográfica na que traballaba habitualmente, negouse a rexistrala por non  disgustar ós seus distribuidores no Sur.
Daquela Billie Holiday xa era unha cantante moi recoñecida, con cifras de ventas moi altas,  pero coa  grabación de  1939 de Strange Fuit chegou a vender  un millón de discos só no primeiro ano. De feito, a canción converteuse nunha sorte de emblema da cantante. Voltou a grabala en 1941.
Polo habitual, era a canción coa que pechaba ás suas actuacións, e tiña unha posta en escea particular: durante a sua interpretación non se atendía ós clientes, apagábanse todas as luces non sendo unha sobre a  cantante, que se mantiña inmóvil e cos ollos pechados durante a introducción do tema. Cando remataba a canción, Billie Holiday saía do círculo de luz e o escenario quedaba a escuras.
Holiday actuou raramente no Sur dos Estados Unidos, e nesas poucas actuacións case que nunca interpretou Strange Fruit. Nunha ocasión, en Mobile, Alabama, tivo que abandoar precipitadamente o esceario ante a irritación dun público moi contrariado  coa canción.
Billie Holiday sempre mantivo que foi a sua interpretación da canción que nos ocupa a que desencadeu a persecución co FBI e outros corpos de seguridade norteamericanos mantiveron contra dela ata o final dos seus días.
A canción tivo algunhas outras versións notables (de Nina Simone, Bernardette Seacrest, Jeff Buckley, Marcus Miller, Josh White, Siouxsie and the Banshees (¿)...), pero ó meu entender, nengunha delas iguala á de Billie Holiday, quen, como en moitos outros temas, a pesares de non ter composto nen a letra nen a música, fai unha auténtica e irrepetible creación.
Nunca ouvín esta canción en directo, por certo. 
Vía YouTube, unha interpretación de Billie Holiday moi tardía (1959):

   
Extraño fruto

Árboles sureños cargan extraños frutos,
Sangre en las hojas, y sangre en la raíz,
Cuerpos negros se balancean a la brisa sureña
Extraños frutos penden de los tuliperos.

Escena pastoral del galante sur,
Los ojos saltones y la boca retorcida,
Perfume de magnolias, dulce y fresco,
Y el repentino olor de carne quemada.

Aquí está el fruto (que alardea coraje) para que arranquen los cuervos,
Para que la lluvia tome, para que el viento chupe,
Para que el sol descomponga, para que los árboles suelten,
Esta es una extraña y amarga cosecha.
(Traducción de Carlos Alvarado; su blog: con tinta de amapolas.com)
(A partitura que encabeza, tireina do blog elmundano.wordpress.com)

E imos rematando por hoxe. Se queredes algo, pois no correo (carlosdeteis@terra.es). Saude, non esquecer o paraugas, e ata pronto. (Me da a sensacion de que se me está esquecendo algo, pero non sei que... en fin)

miércoles, 9 de enero de 2013

8 de xaneiro de 2013. O 2012 non foi tan malo: un repaso a concertos. E tal.





Seica o outro día, aí atrás, non rematou o mundo, como algúns predictiran (ou predixeran). Nunca se sabe. Ó mellor sí rematou i eu non me enterei; non sería raro. Últimamente non me entero de nada.  O que é seguro é que cada día é o fin do mundo para moita xente.
O que sí que rematou foi o ano (que agora podemos chamar “ano pasado”). Diso estou case que certo.
Unha cousa que fai moita peña cando remata un ano é o tema das listas de cousas mellores do ano. Xa sabedes: as dez mellores pelis do ano, as mil cancións do ano, os quince mellores cociñeiros bizcos que non sexan nen vascos nen cataláns, os catorce políticos mais atractivos… Pódese facer listas de todo. Se lle botades unha ollada ás revistas ou páxinas de Internet ou programas de t.v.  que traten de cine ou de música ou de tendencias (?), toparedes listas de todo tipo, algunhas francamente divertidas.
O caso é que me dixen “oes, fagamos unha lista”. E inmediatamente me respostei e me preguntei, simultaneamente: “pra qué?” E é unha boa pregunta, a verdade. É o tipo de preguntas que non se deberían facer nunca. Vaia, é a típica pregunta que se cha fas a primeira hora da mañán, non te levantas da cama.
Porque, a ver, pra qué é que facemos cousas coma ésta (o blog, o das listas, escribir cousas que non lé ninguén, tirar fotos…)? Pra impresionar a alguén? Pra demostrarnos a nos mesmos que inda estamos vivos? Pra nos distraer mentras agardamos o fin do mundo particular de cada ún de nos? Por inercia? Pra deixar unha marca no transcurrir do tempo que sinale a nosa presenza nun intre determiñado?. Mexadas de can…
Pero sonche cabezón (literal e figuradamente), e convencínme a mín mesmo (“veña, tío, qué mais te da, unha lista sempre mola, mira os do El País e tal, tampouco custa tanto…”). E, por non me aturar mais, accedin. Así que acordei facer unha lista.
Vale. Pero unha lista (selección) de qué.
Porque xa sabedes que a actualidade non é o meu. Quero dicir que nunha lista cos mellores libros do 2012, por exemplo, quedaría un pouco chungo meter cousas que se editaron en 1967. E o certo é que probablemente non lín nada durante o ano pasado  que fose escrito ou publicado nese ano. Se falamos de discos ou películas, en xeral, me sucede o mesmo.
Boeno, pois todo este rollo que antecede vai para dicirvos (se inda estades aí) que a cousa vai de repaso a concertos do ano pasado. Ilustrado con bonitas fotos feitas polo autor. Clasificado por categorías. Veña.
Primeira categoría. Premio especial ó concerto decepcionante do ano: Keb’ Mo’, no Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, en xullo. Polos cravos de Cristo. Por momentos me parecía estar oindo a Eric Clapton ou un deses, pero inda mais edulcorado e tonto. Blues envolto en papel celofán para que non arañe.
Segunda categoría. Concertos ós que non fun, querendo ir (motivado). Nacho Vegas, en Santiago (entradas vendidas 15 días antes do concerto, e eu sen enterarme); Xumrrá, no Teatro Ensalle (problemas de saúde); Iago Fernández e Virxilio da Silva, no Xancarajazz (saúde); Joshua Redman, en Pontevedra (agotamento laboral); Isga Collective e Xardín Desordenado, no Concello (retraso de 4 minutos na entrada (?)); Marcos Pin, en La Pecera (saúde). E algúns outros que seguro que me esquezo. Por certo, moi mal andiven eu de saúde o ano pasado, agora co penso.
Tercera categoría. Concertos que estiveron moi, pero que moi ben: So son dous (2us), no Bar Hipólito, en novembro; Pablo Carrera (cun gripallón importante)  en La Pecera, en novembro; Alamanouche, no Xancarajazz, en outubro; Woyza e Isaac Garabatos, no Cabiria (en setembro ou outubro); Mónica de Nut Trío, no Salason de Cangas (maio ou xuño, por aí), Ruxe Ruxe, por suposto, no Festival Folc de Vilariño, Silvia Penide, en Pontevedra…
Categoría especial. Gran premio do xurado, gran premio do público, tedes un café pago:
-MBM Trío, no Bar Hipólito, en decembro. Lucía Martínez á batería, Antonio Bravo, guitarra, e Baldo Martínez, contrabaixo, fixeron un dos concertos mais intensos, imaxinativos e cun nivel de interpretación mais alto ós que eu teño asistido nos últimos anos. A revelación da noite (pra mín, que son moi iñorante) foi Bravo, a quen considero dende xa dos mellores guitarristas que se poden topar na actualidade.
- Max Gómez Cuarteto (Max, batería, Iago Fernández, batería, Paco Charlín, baixo, Mortagua, saxos), no Contrabaixo, en novembro (creo). Impecable. Intenso. Xenial.
Mención especial pró dúo Escuchando Elefantes, que habitualmente tocan, orgullosamente,  nas rúas das nosas vilas. Este ano me coincidiu miralos tres ou catro veces na Rúa do Príncipe, e sempre me alegraron a tarde.
Mellor concerto do ano. Jato douro. Café pago, e prá próxima vos axudo a cargar material, se a saude mo permite.
Exaequo (como mola pór según que palabras):
- Lucía Martínez Cuarteto, tamén no Bar Hipólito, en decembro. O cuarteto regular de Lucía (Minnermann ó contrabaixo, Brandao ó saxo e frauta, Neves o piano) explotando o magnífico disco “Soños e delirios”. Un cuarteto en plena forma, moi ben conxuntado, dos que xa vos teño falado (ben). Un grupo que hai que ver sempre que se acheguen polo pobo. Vos recomendo compulsivamente (xa sei onde van parar as miñas recomendacións, pero en fin) a escoita do tal disco. A única pega do concerto: xente de mais. Pero é lóxico. Somente para escoitar “Perto do 177 da Rua Moreiras, en Porto” pagou a pena ir ata Travesas.
- Mónica de Nut e Virxilio da Silva, agosto, na Praza da Constitución. Pra mín, un concerto ideal: unha proposta arriscada, un público heteroxéneo, ó ar libre (vaia, que se podía fumar), opinións enfrentadas,un moi bó son, espazo pra Mónica se mover (as veces da un pouco de angustia vela en sitios pequenos), un repertorio excelente defendido con solvencia,  unha moi sólida interpretación de Virxilio (pero qué bó é este tío), e ... Boeno, estaban que se saían, esa noite. De feito, se sairon. Por algún motivo,sempre que penso nesta xente a palabra que me ven á cabeza é honestidade… Pegas: un pouco curto de mais, non fixeron “Como deita o tempo”, e se me rematou a batería da cámara ós cinco minutos de empezar. De feito, a foto que vai por aí, nalgures nesta páxina, non se corresponde a esa actuación. Péro é moi chula. Porqué non hei de cantare…eso, por qué non.

E xa está. Cada vez son mais brasas, xa o sei. Sinto.
Todolos músicos mencionados están vivos e en activo, que eu saiba. É dicir, cabe a posibilidade que neste ano toquen perto de onde ti vives. Non hai actuación das reseñadas á que eu non volvería ir con gusto (agás a do Keb’ Mo’). Ou sexa, que volas recomendo todas e cada unha delas. Encarecidamente.

Ben mirado, o 2012 foi, pra según qué cousas, un ano bastante bó. Pero, xa sabedes, “The best is yet to come”.


miércoles, 26 de diciembre de 2012

26 de decembro de 2012. Cando os homes cantaban.

           Hoxe vou facer un pouco de antropoloxía emocional. É unha cousa bastante longa e pesada. Pero ésta ma debía. Alá vamos.
            Eu debía ter oito, nove anos. A miña nai me dicía “vai buscalo teu pai, que xa case que está a cea”. Boeno, mo dicía en castelán, porque ós nenos non se lles falaba galego, non-fora-ser-qué. E alá ía eu polos camiños sen asfaltar do barrio, cheos de charcos e lama cando chovía (que era case que todolos días, segundo lembro).
A encomenda non estaba exenta de perigos e dificultades:
Estaba a fauna local, bastante numerosa e, a mín mo parecía, agresiva. No barrio había un número indetermiñado de cans, algúns de bó tamaño, dous bois, bastantes galiñas, parrulos, un porco incríblemente gordo, e un burro medio tolo (que era o que mais medo me daba). Tamén andaban por alí unha chea de gatos, pero sempre me levei ben con eles.
Estaban as vellas do barrio, señoras que tiñan mil anos, moitas con panos negros na cabeza, que cada vez que vían un neno o paraban e lle facían preguntas incomprensibles, e non o deixaban ir ata que lles daba a gaña.
Estaban os nenos maiores, que sempre se metían con ún.
Pero boeno, se podía ben con todo.
E correndo, porque eu sempre ía correndo, dirixíame o mais directamente que podía (esquivando bechos, vellas e nenos maiores) o “Rascacielos”, donde eu ben sabía que ía topalo meu pai.
O “Rascacielos” era unha taberna típica de Teis nos anos 70. Esto é, era un local mais ben cutre, permanentemente cheo de fume, co chan de baldosas sempre cuberto de cascaras de manises, cabichas e serrín, iluminado por un fluorescente, mostrador de mármol, cinco ou seis mesas, cinceiros de cinzano, un retrete único (servizo para mulleres? para qué?) que consistía nun buraco e unhas cantas follas do Faro do Luns penduradas da parede cunha punta e estaba separado do resto do bar por unha cortiña de contas, e toneis de varios tamaños. A  decoración consistía en posters do Celta, calendarios con fotos de ciclistas (Eddy Mercx, aí é nada) ou de mozas case que nuas que me chamaban moito menos a atención, trofeos de campeonatos de escoba e tute. Ó sitio estaba por baixo do nivel da rúa, polo cal se accedía baixando catro ou cinco chanzos; polo mesmo motivo, era habitual que se inundara cando chovía (é dicir, case que sempre). Vaia, era un sitio maravilloso.
En realidade era moi semellante a outras tabernas da zona: o “San Cristóbal”, “O Toxo Verde”, o “Donato”, o “Manolo” (que tiña un loro), o “San Martín”, un que chamaban “Dos carenta ladróns”…  pero era a única que en propiedade estaba no barrio (entendendo como tal as ruelas enmarcadas por Sanjurjo Badía, Purificación Saavedra e a Baixada a Vulcano). O meu pai gostaballe parar alí de volta de chollo antes de ir a casa. Non era de moito beber, como a maioría da xente que paraba alí. Pero ós bares non se ía exclusivamente a beber.
Aquel era un mundo case que exclusivamente masculino; a única excepción era a dona da casa,  unha muller de cara roxa e afable, moi curta de estatura, que sempre andaba cun pano na man frotando na encimeira da barra, que coñecía a todo o mundo polo seu nome, que semellaba que vivía alí, que formaba parte do local igual cas baldosas do chan, as mesas ou os fluorescenes do teito.
O que había no sitio eran homes. A mín todos me parecían enormes e vellos. Eran homes que rían amosando as bocas mois estragadas e moi abertas, que falaban moi alto, que se cagaban deseguido nesto ou noutro, que nunca sabías se estaban a punto de darche unha aperta ou unha ostia.  Vestían chaquetas de lá, monos de traballo, batas de traballo cor azul mariño,  traxes dun pano groso tais que armaduras.  Falaban galego acastrapado, non moi diferente deste que estou a escribir agora.  Moitos levaban boinas.            A mín me fascinaban e me asustaban, quería fuxir deles e ser coma eles. Eran aterradores. Eran homes feitos e dereitos, como se dicía daquela. Eran o que había que ser, co tempo.
Eu de neno quería ser vello.
Os homes aqueles bebían viño, comían manises, fumaban (Celtas, Ducados, Record, Aguila, Goya), tusían, cuspían no chan cheo de cascas, aserrín e cabichas, discutían, facíanse bromas entre eles (nunca á dona do bar), lían o Faro, xogaban ó tute, ó subastado, á escoba, xogaban o dominó, botaban olladas o enorme televisor Philips, sempre aceso e sen voz.
Polo habitual,  eu ía canda meu pai, tiraballe da manga e él ollabame,  deixaba unhas monedas na encimeira, despedíase da xente e saíamos xuntos da taberna (encantábame ir co meu pai polo barrio camino a casa, falando de todo e de nada).
Pero outros días, normalmente os vernes, o meu pai non tiña presa; i eu tampouco. Así que me ollaba, me aloumiñaba a cabeza, e me encargaba unha mirinda de lairanxa, sen vaso e cunha palliña. Eu era o neno mais feliz do mundo, sorbendo aquel xarabe doce e tibio, protexido á sombra do meu pai, e ollando aquela xente, homes feitos e dereitos, que normalmente eran moi amables conmigo.
Aqueles homes, case que na sua totalidade, tiñan fillos, traballos de merda moi mal pagados,  enfermedades de pobre;  vivían de aluguer en casas pequenas e frías; eran iñorantes, as veces brutais; machistas ata extremos que hoxendía non parecería posible. Tamén eran cariñosos, ó seu xeito. Eran leais cos amigos e coa familia. Envelleceran prematuramente, a maioría.  Se algunha vez tiveran algún sono,  esquecéranno e enterráranno no mais fondo. Xogaban a lotería, facían quinielas  (a creenza de que un golpe de sorte ía trocalas suas vidas). Os seus héroes eran xente como Amancio, Gárate,  James Cagney, Fred Astaire, Clark Gable, Frank Sinatra, Luis Ocaña, Eddy Mercx, Antonio Molina, José Guardiola.  Podían recitar a alineación do Celta do domingo anterior, incluindo os suplentes. Case que ningún tiña coche, calefacción ou televisor. Todos tiñan conta na Caja de Ahorros, e todos lle abriran unha ós seus fillos nada mais nacer. As veces eran extremadamente valentes, case que temerarios. Tiñan opinións e puntos de vista consensuados e estreitos. Desprezaban todo aquello que non coñecían (que era moito).
Pero eu non sabía esto, nen tiña porque sabelo. Eu era un neno, un intruso no futuro.
Así que eu sorbía pola palliña e ollaba alucinado, fascinado, asustado, encantado, o que facían os homes. Como botaban as cartas no tapete, acompañándoas dun golpe coa man aberta, ou as resoantes fichas do dominó. As gargalladas. O xeito de se levar a cunca á boca, cos dedos marelos de nicotina. Os acenos exaxerados. Os chistes (lixeiramente censurados en atención a mín). As discusións, que non chegaban a maiores.  O xeito de botalo fume polo naris, de apágalo pitillo coa punteira do zapato…           As cousas que facían os homes cando non estaban traballando, nen aturando á familia, nen doentes.
Os vernes eran o día grande da clase traballadora, inda que a maioría da xente traballaba ós sabados, polo menos pola mañán. Na maior parte dos chollos pagábase por seman,  normalmente os vernes. E en metálico. Así cos homes, que inda non pasaran por casa, tiñan a paga na carteira, no peto de atrás do pantalón. E, boeno… Non había presa.
Pero inda había algo mais. Non sempre pasaba, e eu nunca souben porque ás veces sucedía e as veces non. Era algo sorprendente, máxico, estraño, inexplicable, abraiante,  algo que non encaixaba con nada, que non tiña sentido nengún, e que tiña todo o sentido do mundo.
Os homes cantaban.
A cousa ía mais ou menos así. Alguén ficaba calado, puña a man no peito, collía ar, e ollaba por riba das cabezas dos presentes.  As conversas ían desaparecendo, os golpes no tapete íanse espazando, as fichas de dominó repousaban na mesa. O home coa man no peito entoaba unha canción, e pouco a pouco íanse sumando voces. As cuncas bailaban nas mans. Voces graves, de estómago, de enfisema, descoidadas, voces de dous paquetes diarios, de traballo baixo a choiva, de menceres xeados, voces xamais cultivadas nen ensinadas nen domesticadas. Voces que, xuntas, soaban como Dios.
O único requisito para sumarse á canción era sabela, e estar alí, e estar de humor.
E os homes cantaban. Habaneras, boleros, canción galega, cancións de emigrante, cancións de traballo, cancións de desamor, romanzas, cancións de taberna. Cancións adicadas a sitios (Marín, Moaña, Sanxenxo, Muros). Cancións con doble e con triple sentido. Cancións pra chiscar o ollo, e cancións pra humedecer os ollos, cancións pra seguer bebendo e cancións pra seguer vivindo. A do jato, a do rodaballo, unha noite na eira do trigo, eu de Marín ausenteime, dos jardenias para ti, reloj no marques las horas, noche de ronda, santa bárbara bendita, ai pepiño adios… E se cantaba a unha voz, a duas, xurdían solistas, se discutía sobre a letra e sobre a melodía, se paraba, se convidaba e se retomaba a canción, a cunca ou a copa na man, seguindo o compás co pé, apoiándose na barra, pasando o brazo polos ombreiros do que estaba a carón dun…
As voces e a luz dos fluorescentes saían  pola porta e pola fiestra do Rascacielos, e lle daban calor ó barrio triste, escuro, duro, frío, e alguns veciños asomábanse as ventas das suas casas, e alguén preguntaba “qué pasa”, e unha muller, sorrindo, dicía “nada, cos homes están cantando”.
E, boeno, chegado un intre o meu pai dicía que había que ir tirando prá casa, que a miña nai xa estaría de lúa, e pagaba, despedíase dos coñecidos e marchabamos dalí. Nunca vín como remataba a cousa. Supoño que íase indo xente, ata que xa non quedaban voces, ou se agotaba o repertorio, ou os parroquiáns aburríanse, ou a dona do bar mandaba parar para poder pechar o bar, ou o alcohol acumulado xa non permitía entoar en condicións…
Eu volvía prá casa co meu pai, e xa non lle tiña medo ós bechos nen ás veciñas. E pensaba que o meu pai íame aprender aquelas cancións, i eu as cantaría cos homes, no bar. Pensaba que os homes e os bares e os barrios eran eternos, como son as cancións. Pensaba que eu mesmo sería algunha vez un home feito e dereito.
Pero…
           



             

miércoles, 5 de diciembre de 2012

5 de decembro de 2012. Unha presentación (tardía)

Esta é a décimo sétima entrada neste blog. E penso que é un bó intre para me presentar formalmente, e poñer ó día esto, e tal. Non por nada. É que apetece.
            Antes que nada, por qué emprego o galego case qué exclusivamente? Porque non domino o thailandés, que é o meu idioma preferido e que ademais ten mais saida comercial. Todolos nenos de Galiza deberían ter o dereito a escoller o tailandés como lingua vehicular (palabra mais noxenta) nos seus estudos. De todolos xeitos, se es un pouco observador terás notado que tampouco é que teña moito dominio do galego. Normalmente, me expreso (é un decir) en castrapo, unha pseudo-lingua a reivindicar.
            O meu “perfil”.- Un tipo que as veces leva sombreiro e que se deixa perilla para meter pinta de intelectual non é de fiar, como todo o mundo sabe. Non son nen moi listo nen moi simpático, non teño grandes experiencias que relatar ó mundo nen un  talento especial para nada, carezo de atractivo e de valor, os cans me traban, sempre que chove me colle sen paraguas, ando dun xeito raro, se me esquecen as cousas, non teño amigos porque non teño facebook. Polo demais, ben, grazas. Non poño fotos nas que salga eu por  duas razóns: para manter un certo, e infantil, misterio en torno a miña persoa, e para non vos amargalo día. Se pensas que escribo mal, tiñas que me escoitar falar.
            Aficións.- Durmir, sobre todo. Tamén me tira moito o Mencía (nótese a respetuosa maiúscula inicial). Camiñar. Durmir. Aloumiñar (qué palabra tan bonita!) gatos. Fantasear. Durmir. Tocar a guitarra (baixiño pra non molestar).
            Música.- Hip hop antiguo (Gang Starr, De la Soul, 2 Pac… ), soul, Frank Sinatra, e cousas raras. Case que todo o Jazz que aprecio fíxose antes de 1960. Prácticamente non vou a concertos, básicamente porque non me chaman moito a maioría dos grupos, e porque hai xente que se pasa todo o tempo a falar e non deixa ouvir nada, e porque non se pode fumar, e porque sempre me pisan.
            Literatura.- Norteamericana mais ou menos contemporánea. Cousas que collo na biblioteca ó chou. Últimamente, poesía galega, non me preguntes por qué. Me encanta recomendarlle libros a xente que non me fai caso (e fai ben). Por certo, leíchedes a Richard Price?
            Por qué comencei o blog? Pois non me lembro, a verdade. Supoño que foi un calentón, e que pensei que ía ser divertido. En realidade, sigo pensando que é bastante divertido. As veces.
            Cando iniciei esto, algúns coñecidos daban por descontado que o contido do blog ía ser maiormente “social”, ou “político”, de tendencia libertaria. Decepcionar á xente é unha das cousas que mellor se me da, despois de todo o levo facendo dende hai anos.
            Algunhas reaccións: volvínme nacionalista, volvínme cultureta, volvínme xilipollas. Chocheo. Cada día son mais tonto. Consellos: “fai algo útil”. Boeno.
            Ten moitos seguidores o blog? Non. En realide, se estás lendo esto, formas parte dun clube bastante, e cada vez mais, exclusivo. Tamen é verdade que non me curro nada o de promocionalo, e tal. Pero é que me da corte.
            Gañei amigos con esta experiencia? Non. Nen ún.  Pero boeno, tampouco fixen enemigos, penso. Así que vaia unha cousa pola outra.
            E xa está. As fotos son, como case que sempre, miñas, e a mín góstanme.
            Está chovendo na Galiza (e mais que tiña que chover). Eiquí vos deixo con Victor Aneiros, pra mín o mellor bluesman (con permiso do Sr. Nervio) que temos na terra. O ceo está chorando. Vaia que sí.
            E non vai chorar, coa que está caindo...