Hoxe é un día de gran quebranto
prós bazares chinos que abundan en gran maneira polas rúas de nosas vilas. A
(humillante) eliminación da selección española de futbol do mundial vai
ocasionar que unha cantidade inxente de
bandeiras, bandeirins e banderolas roxas e amarelas (vaia combinación) queden
sen vender á espera de tempos mellores.
A mín, no particular, a tal eliminación non me produce nengún tipo de
pesar, antes ó contrario, sinto un considerable alivio por me ter aforrado as
estúpidas, ruidosas, vulgares e moi estresantes celebracións qu soen acompañar
ós éxitos da tal selección.
Quizais os astutos comerciantes
chinos pensen que o merchandinsing español pode ser reciclado con motivo da
coronación que se vai celebrar, hum, vexamos, vaia, hoxe mesmo. Pero penso que
vai ser que non: polo menos nesta cidade o que se percibe (percebe?) é unha
certa indiferenza ante o histórico feito.
E iso que non é cousa de todolos
días o de que os reis se coronen. Eu, sen ir mais lonxe, nunca asistín a
coronación nengunha. E que conste que se me tivesen invitado tería ido a esta,
especialmente se houber comida e/ou bebidas engadidas no convite.
Ben. O caso é que dende hoxe
mesmo imos ter rei novo. Polo de pronto, non deron días festivos no curro, nen
soltaron presos, nen regalaron gominolas polas principais ruas das vilas, ou
sexa que mal empeza a cousa.
O rei novo (Filipe VI, o coñá é
cousa de homes) non se sabe qué meritos ten pró cargo (non é o mais feroz da
manada, nen o mais listo, nen ten o don da profecía, non arranca espadas
cravadas en rochas, non ten marcas de nacimento como o Damien aquel da
profecía, unha peli que molaba moito e daba moito medo que saía Gregory Peck e xa me estou perdendo, a edade non perdoa).
Retomamos. Boeno, que o rei éste novo que nos poñen vaino ser por ser fillo de
quen é, e punto.
Pouco máis hai que dicir.
Oficialmente, por decreto, porque sí, porque non quedan máis collóns, estamos
tristes pola eliminación da selección de futbol, estamos agradecidos ó rei
vello polo seu traballo durantes os últimos non sei cantos anos, estamos
felices pola coronación do seu fillo como novo rei, estamos espereranzados co
que nos depara o futuro.
Verémonos pola tele axitando
bandeiriñas (mercadas en bazares chinos, por suposto) e sorrindo coma imbecís...
.
(Pesadelo núm. 1: Unha república
galega presidida por Gayoso, o da TVG…)
As fotos son miñas. A de enrriba, por se alguén ten curiosidade, mostra un home mallando nun polbo recén capturado no Hío. Segundo afirmou, tiña co golpear 33 veces contra o chan, pra que o bicho estivese en condicións de ser plenamente comestible.
Vos deixo co meu tema preferido dos Berroguetto, que xa sabedes que se separan e tal. Ata a próxima.
Pois mira ti que pasan cousas
últimamente, cousas importantes e tal, cousas ás que merecería a pena lles
adicar longos e profundos estudos e analises e tirar brillantes conclusións.
Por exemplo, sen ir mais lonxe, as eleccións europeas.
Así que, coa
intelixencia, a precisión e a elegancia que me caracterizan, vos ben o sabedes,
paso a desbarrar sobre a diversos temas. Espero que sexan do voso agrado.
Vou dar por
feito que sabedes e inda vos lembrades co mes pasado houbo eleccións ó
parlamento europeo. Boeno. Houbo xente que foi votar, e tiña boas razón pra
elo, e houbo xente que non fumos, e que
tamén tiñamos boas razón, ademáis dunha preguiza considerable, un certo sentido
da estética, e unha axenda moi ocupada. Non vos quero contar, pra non vos
estresar, a cantidade de couas que fago eu un domingo pola mañá.
O mais suliñable
das tais eleccións sería a perda masiva, e pronosticable, de votos por parte do
PP e o PSOE (o raro é que inda saquen algún); a participación, que non foi tan
baixa como era de esperar; e o sorprendentemente grande respaldo ó partido
denominado PODEMOS.
(Tamén é de
destacar que o día das eleccións merquei nun chino do barrio un artefacto
quita-pelusas, coa finalidade de tiralos pelos do gato que últimamente adornan
gran parte do meu vestuario. O gato é branco. A maior parte da miña roupa é
negra. O gato perde pelo a moreas. Conflicto. Hai anos ouvin a un psiquiatra, ou
un psicólogo, ou un psicoanalista, ou un deses, dicir ca roupa negra indicaba
co seu portador manifestaba de xeito inconscente un gran temor pola morte; non
che digo eu que non. O artefacto
funciona así-así, a pesares de custar setenta e cinco céntimos, ou sexa que
sigo lucindo pelos de gato albino pero menos. O chino tiña un sorriso extrano
cando me empaquetaba o artefacto. E, sí, aparteime un pouco do que estaba).
O tal partido,
cuio nome obanesco me produce unha grande repuñancia, vai ti saber por qué, converteuse na cuarta forza
mais votada do estado (home, diante da cousa de Rosa Díez, esto estivo ben), e
nalgúns sitios na terceira.
Eu, que case que
nunca exerzo o meu dereito ó voto , son, nembargantes, un gran aficionado a
seguir ós resultados electorais. A noite post-electoral é, pra mín, o
equivalente a Eurovisión ou un partido de champions ligui ou unha carreira de
Fórmula Ún pra outras persoas, mais normais do ca mín, sen dúbida. E esta
última foi descacharrante. Os caretos
dos portavoces dos partidos, que ou ben perdían votos a centos de milleiros ou
non subían todo o que tiñan que subir (a cousa de Rosa Díez, por exemplo)
desmentían as suas proclamas de euforia e triunfo (excepción feita do PSOE,
cuios resultados impedían negunha representación triunfalista; non sendo Pepe
Blanco, cuias manifestacións despois das eleccións son para enmarcar).
O único partido
que gañou-gañou foi o tal partido, cuio nome vou intentar non escribir de novo
polas confusas razóns que apuntei antes.
Qué sabía eu, ou
qué cría saber, antes das eleccións, do
tal partido? Non gran cousa, a verdade. Qué tiña un líder moi “carismático”
(bonita palabra sobre a que un día habería que falar cun coñá por medio), qué
saía moito pola televisión en programas que eu non vexo. Que fora criado ó
abeiro do 15-M e secuelas posteriores, que eu normalmente identifico con
universitarios madrileños mosqueados por non poder traballar de inxeñeiros e
levar o nivel de vida que por xustiza divina lles corresponde. Que tiña unha
organización tipo asambleario, o cal, cando hai líderes “carismáticos”,
tampouco ten gran relevancia. Que os seus militantes eran básicamente tipos
novos, modernos, informados, informatizados e guais, que probablemente non
fuman nen din palabrotas. Que se artellaba sobre todo ó redor do que se chama
“redes sociais”, xa sabedes, qué vos vou contar. E que se presentaban a sí
mesmos coma unha especie de rexeneración das institucións democráticas e de
xusticieros non enmascarados do sistema. Supoño que o tal partido ten un
programa (ata a Asociación de Veciños dos Bloques tivo un programa, unha vez),
pero o descoñezo, e vouno seguer descoñecendo porque por principio non leo os
programas dos partidos: a vida xa é de por ela triste, dura e curta de mais.
Boeno, esto é o
que sabía do tal partido antes das eleccións; e, despois das mesmas, e do
innegable éxito obtido polo tal partido, sigo a saber mais ou menos o mesmo,
non sendo algo moi interesante dende o punto de vista sociolóxico e que
demostra o moito que me podo chegar a equivocar ás veces: no estado español non
hai tantos universitarios madrileños indiñados como votos sacaron Pablo
Iglesias II e a sua xente. Hai moitos, pero non tantos. En Vigo (grazas a Dios)
non pode haber milleiros deles. Quén, pois, votou polo tal partido?
Vaivos parecer
raro, pero eu non coñezo a ninguén. Claro que eu non teño un círculo moi amplo
de amizades, nen teño tuiter nen feibuk, e non quero perdelos poucos amigos que
me quedan interrogándoos sobre as suas actividades electorais. Pero é de supór
que xente máis ou menos normal, coma ti ou coma mín, mais ben coma ti, je, o
tal día foron e guindaron papeliños co nome do tal partido en furnas, e hai que
descartar unha intervención aliénixena (inda que estas cousas mellor non
descartalas nunca por completo), ou unha intoxicación etílica asombrosamente
profunda e extendida (o mesmo).
O mais lóxico é
pensar que os cidadáns que votaron o tal partido intentaban expresar algo: o
seu descontento cos partidos de poder tradicionais, a sua fascinación polo
marketing new deal desenrolado por, ehem, PODEMOS, a sua intención, difusa e
ambigua, de avanzar cara algures (?), a sua identificación coas ideas
expresadas polo líder do partido en tertulias televisivas, eu qué sei. Ou simplemente foi unha especie
de broma.
O Sr. Iglesias
apresurouse a declarar, pouco despois das eleccións, co partido que él lidera,
ou representa, ou o que sexa, está preparado pra se facer cargo do poder, se os
cidadáns o estimaran convinte. O cal ten mérito, tendo en conta co tal partido
prácticamente non existe. Ou polo menos non existe do xeito que eu penso que
existen as cousas.
(Tede en conta
que a miña avanzada edade, a miña escasa instrución, o consumo reiterado de
sustancias non sempre recomendables prá saude e a miña idiotez endémica son
factores nada desdeñables á hora de valorar a miña comprensión do universo e as
suas regras.)
Pero a cousa non
deixa de ser interesante. Un partido sen afiliados, sen locais, sen “cadros”,
cunha escasa implantación, e cun forte respaldo electoral, cando declara que
está capacitado prá exercelo poder, ou facer cargo dil (non lembro a frase
exacta), qué quer dicir?
Tamen é
interesante saber se o respaldo electoral vaise manter en eleccións “de
verdade”, véxase municipais (pode ser un xolgorio examinalas listas de
candidatos por Vigo ou por Cangas, mira, a este o coñezo eu, este é parbo, este
non era mao, he), ou xerais. E pode ser moi divertido velo partido facendo
real-politik, pactando ou non pactando cos partidos de todala vida, e tomando
decisións que afecten á vida de persoas de carne e oso. E, por último, porque
esto xa se está alongando de mais, tamén ten certo interés saber se o tal partido
vaise seguer sustentando única e exclusivamente no discurso, a imaxe e a
omnipresencia do Sr. Iglesias
(omnipresencia, non ovnipresencia, vale).
En todo caso, é
de agradecer ó tal partido terlle dado algo de interés á habitualmente
sumamente aburrida política estatal, e que ás próximas eleccións teñan un
aliciente engadido.
Admito que como
análese non é unha gran cousa, e que esta escritra fai moitas preguntas e non
contesta nengunha, pero xa sabedes o que hai. Agradecería se algunha persona que
teña votado o tal partido me explicara os seus motivos, sen dúbida lexítimos,
razonabeis e ponderados, pra ter feito tal cousa.
Boeno. O gato
está ben, o Sr. Iglesias está contento, hai milleiros de aspirantes a entrar
nas próximas listas do tal partido por se cae algo, o rei (o de España, non o
dos xitanos, que no meu barrio ten mais presenza e influenza) abdicou, pero xa
teñen outro preparado, en Ucrania hai guerra, dentro de pouco hai un mundial de
futbol (xa falaremos diso) e eu vos deixo o cartaz das actividades previstas pró
Espazo Aberto Antimilitar pra este mes, en conmemoración e xubilosa celebración
do 25º aniversario da declaración de insumisión por parte da MOC.
E boeno, se topo algo de música así un pouco vola pego aí.
Hoxe, 14 de maio, Israel celebra e
conmemora a sua creación como Estado independente. Os palestinos conmemoran e
non celebran a Nakba. Este termo árabe poderíase traducir como “desastre”, “desgraza”,
“catástrofe”, e con eles refírense ó desplazamento forzoso, á expulsión, ó éxodo
da poboación palestina autóctona dos seus fogares, ocurrida no ano 1948 polo
incipente Estado de Israel.
O número de desplazados oscila
entre 520.000 (segundo Israel), 711.000 (ONU), 900.000 (fontes Palestinas). Admitindo
as cifras da ONU, unha tercera parte destes desplazados instaláronse no
exterior de Palestina en condición de “refuxiados”. Non se consideran refuxiados
os palestinos que pasaron a vivir en Gaza ou Cisjordania, ós que se denominan desplazados
dentro do propio país; de todolos xeitos, moitos palestinos “desplazados internos”
no ano 48 foron de novo expulsados dos seus fogares en 1967, con motivo da
Guerra dos Seis Días.
A cifra de refuxiados palestinos,
e dicir, palestinos que viven no exterior do que foi Palestina, e sen
posibilidade de regreso, e tendo en conta que a ONU considera refuxiados ós
descendentes dos expulsados originarios ascende a día de hoxe a catro millóns.
Pode semellar un pouco imbécil
reseñalo, pero estes desplazamantos masivos de poboación debéronse
principalmente ás masacres, abusos, violacións, crímes e ameazas cometidos
sobre a poboación civil por parte dos grupos armados sionistas (Haganá,
especialmente).
Boeno. Hai unha moi extensa
bibliografía sobre o tema, miles de páxinas en Internet, centos de testimonios.
Hai millóns de dólares investidos polo Estado de Israel, que hoxe está de
cumpleanos, en intentar convencernos de que os palestinos abandoaron os seus
fogares de xeito voluntario. Hai moito dor, moita inxustiza, moita miseria
acumulada.
A posición actual de Israel con
respecto ós refuxiados, ós que non lle consinte o retorno porque poría en
perigo a maioría relixiosa e étnica xudea no país, queda ben reflexada no
seguinte texto (vai en castelán porque é un recorta e pega e tal, e non estou para
traduccións) :
"Los refugiados (palestinos) encontrarán su sitio en la diáspora. Los que puedan resistir vivirán gracias a la selección natural, los otros simplemente morirán. Algunos persistirán, pero la mayoría se convertirán en basura humana, la escoria de la tierra y se hundirán en los niveles más bajos del mundo árabe" Archivos de Estado de Israel. Ministerio de Asuntos Exteriores. Nº 2444/19. Citado por Kapeliouk (1987), p.21.
O 22 marzo de 2011 o Parlamento de Israel aprobou a chamada "Lei da Nakba" que penaliza a conmemoración desde día. Seixa esta prohibicion no só é aplicable ós palestinos. O que segue de outro "recorta e pega", extraido da páxina dixital da Voz de Galicai de hoxe. Vai e castelán, etc.
Israel
sitúa al Parlamento gallego entre sus enemigos extremistas
El
embajador en España recrimina a la Cámara autonómica por unirse «a los peores y
más extremistas enemigos» del país hebreo con la aprobación de una declaración
institucional
El Parlamento gallego, y probablemente a su pesar,
acaba de abrir un conflicto diplomático con Israel debido a la declaración
institucional aprobada la semana pasada, en la que se reconoce el «derecho al
retorno» de los palestinos que fueron expulsados de sus tierras tras la guerra
que siguió a la creación del Estado israelí, en 1948. El embajador de Israel en
España, Alon Bar, no pasó por alto esta resolución y, a través de una carta,
expresó su protesta enérgica por considerar que con el acuerdo refrendado de
forma unánime por PP, PSdeG, AGE y BNG, la Cámara autonómica «se une a los
peores y más extremistas enemigos de Israel» que solo buscan la «desaparición»
del Estado hebreo.
Es el segundo año consecutivo que los grupos políticos
representados en O Hórreo promueven una resolución institucional sin debate ni
votación, aunque respaldada por todos, de apoyo a la causa palestina
coincidiendo con la conmemoración del Nakba o éxodo palestino, que se recuerda
cada 15 de mayo, hoy mismo, por ser el día en el que culminó la primera
ofensiva de la milicia sionista que dio lugar a la declaración del Estado de
Israel por Ben Gurión.
Resoluciones de la ONU
La escueta declaración del Parlamento, de cinco puntos, se
limita a reclamar de la comunidad internacional que exija al Gobierno hebreo el
cumplimiento de las resoluciones de Naciones Unidas, y el «respeto absoluto de
los derechos humanos» de los palestinos, así como de sus derechos colectivos.
Reconoce también -y este es el punto más controvertido- el «derecho al retorno
de las personas e comunidades a las tierras y casas de las que fueron
expulsados», exigencia amparada en las resoluciones de la ONU, pero de la que
se desentiende Israel por considerar que sería una especie de suicidio nacional
y el fin del sueño expresado históricamente por el pueblo judío a tener su
propio lugar en el mundo.
El embajador israelí en Madrid, Alon Bar, reaccionó al
acuerdo parlamentario remitiendo cartas de protesta a la presidenta de la
Cámara, Pilar Rojo, así como a los portavoces de los grupos políticos gallegos
y responsables de los partidos, como Dolores de Cospedal, secretaria general
del PP.
En la misiva transmite su «sorpresa» por la declaración
institucional aprobada por el pleno el pasado 6 de mayo, entre las que figura
el reconocimiento al derecho al retorno de los palestinos desplazados. «Con
esta exigencia -dice el embajador-, el Parlamento de Galicia se une a los
peores y más extremistas enemigos de Israel». Y agrega que, con dicha resolución,
la Cámara se sitúa «fuera del consenso de la Unión Europea sobre los parámetros
del futuro acuerdo de paz entre los palestinos y los israelíes», así como de
las posiciones defendidas por sucesivos gobiernos de España.
El precedente de Oleiros
No es la primera que el Estado de Israel mantiene posturas
encontradas con algunas instituciones gallegas por el apoyo a algunas
reivindicaciones del pueblo palestino. En el 2004 fue el Concello de Oleiros el
que lanzó una intifada simbólica contra Israel cuando su alcalde, García
Seoane, promovió una campaña publicitaria en la que calificaba de «bestia» al
entonces primer ministro Ariel Sharon. Dicha campaña desató la furia del país
hebreo y obligó al ministro Moratinos a desautorizarla. Desde aquel episodio,
Galicia siempre proclamó su amistad con Israel condenando cada año en el
Parlamento el Holocausto nazi de los judíos.
E así todo. Pra que
alguén se confunda ó Parlamento Galego con algún tipo de extremismo ten que
estar nas últimas. Oxalá sexa o caso.
Realmente, quedoume un pouco atrapallado todo esto. Prepareino moi encima da data en cuestión, vamos, o mesmo día, e as cousas saen como saen, e boeno, pero pareceume importante publicalo no mesmo día. Deixovos cun poema-vía-youtube-que-lle-imos-facer de Rafeef Ziadah, refuxiada de terceira xeración.
Hoxe mesmo, as 20,30 horas, na librería Andel (Camelias, 102), Servano Barreiro, Moncho Iglesias e Manolo Pipas ofrecennos un recital poético-musical-fotográfico baixo o título "Volveremos a casa". Sinto avisar con tan pouco tempo...
Desta non van fotos. Un saúdo. Coidadevos.
Pois dinme conta de algo, o outro día. As veces me dou conta de cousas,
cousas que todo o mundo sabe hai tempo, pero que eu tardo un pouco de mais en
captar. Unha década ou duas. Non, nunca fun un tipo rápido de entendemento.
Pois a cousa da que me din conta (ou “din de conta”, que tamén vale) é
de que son vello.
A cousa foi así: estaba eu no dentista (dobre ración de anestesia, por
favor), e reparei no feito de que o tipo era bastante mais novo ca mín. Credelo
ou non, pero nunca caira na conta. A falta de cousa mellor que facer (sabedes, os traslados en bus dan
prá moito, ó cacharro do mp3 algo lle pasa que non vai ben, a biblioteca se
pasa a vida a fumigar, non me falo coa xente e apenas cos animais, ou sexa, que
teño tempo), empecei a matinar no tal feito. Resulta que non só o dentista é
mais novo ca mín. Tamén os conductores de Vitrasa, tan amables e distinguidos
eles. A médica, á que acudo cada tres ou catro anos non sei moi ben para qué.
Os funcionarios cos que teño que facer tediosos, incomprensibles e inutís
trámites. Os músicos, os actores de teatro, os domadores de leóns a cuias actuacións asisto, cada vez menos. O
gato. Os policías que me identifican, me protexen e me putean (cada vez menos,
tamén; sigo sendo sospeitoso, pero inofensivo). Os veciños cos que teño bullas.
Os tipos que están a punto de atropellarme todolos días.
Boeno, moita xente, vaia. E, xa que logo, por descarte, por contraste,
por comparación, se tanta xente é mais nova ca mín, eu veño sendo vello. O cal explica
moitas cousas:
A cada vez mais notoria falta de
cabelo e de visión e de memoria e de ánimo, por exemplo. A repuñancia que sinto
polas novas tecnoloxías. O cansanzo permanente. Os tremores de mans. Os
calambres nas pernas. A falla de esperanza na humanidade en xeral, e en ti que
les esto en particular. O desinterés polo futuro. A incapacidade pra aprender
cousas novas.
As perdas. Perdo o equilibrio, perdo as chaves, perdo a diñidade, perdo
o sentido da realidade, perdo as ocasións, perdo os mecheros, perdo os papeis,
perdo os concertos, me perdo eu directamente.
O de dar a chapa con vellas historias, cousas que pasaron no 79, no 88,
no 93, no 97, cousas que xa eran aburridas cando sucedían e que eu me empeño en
contar unha e outra vez a algún iluso que inda non me coñece o suficente prá
escapar. Ou as escribo eiquí. Je.
A falta de atractivo. Boeno, vale, eso non é de agora.
O empeño en que todo o bó en cuestión de literatura, de películas, de
música, de pintura ou de repostería xa se fixo hai moito tempo, e que da
actualidade só poden xurdir tristes
remedos.
Un montón de cousas, vaia, que só se explican pola vellez recentemente
asumida.
Inda non teño moita práctica con isto de ser vello, pero algunhas cousas
xa vou pillando. Por exemplo, que a “sabiduría da vellez” é algo sumamente
sobrevalorado. Polo menos no meu caso: sigo sendo tan estúpido como cando novo,
pero en vello. Non teño respostas a nada, non aprendín nada. A vellez non te
fai sabio: faite vello, mais nada. A cercanía á tumba non resolve nengunha
cuestión pendente. Da medo, eso sí.
Ben. Se alguén segue esta
cousa-blog dende o principio, ou se adica a mirar as primeiras entradas (por
certo, moitas grazas; vai ó bar que prefiras, pídete algo e que mo carguen en
conta, que xa eu me encargo), saberá que unha das miñas intencións era recomendar
libros ou autores. Non me lembro moi ben por qué, nen en base a qué, pero
daquela pareceume unha boa idea, supoño. Lóxicamente, o presunto (e en vías de
extinción, creo) lector dstas liñas non fixo caso nengún das miñas
recomendacións. Normal. O que non debe ser moi normal debo ser eu, porque aí
vou de novo. (Se leiches atá eiquí e o queres deixar, oes, sen problema,
seguemos sendo amigos.
Co torpe estilo que me
caracteriza, e a sabendas do pouco éxito que soen ter as miñas recomendacións, vouvos
propor a lectura de “Nada que temer”, de Julian Barnes.
Julián Barnes é un ser
despreciable. Non somente ten un dos mellores pulsos narrativos da actualidade,
senón que ademais goza dun grande sentido do humor, atesora unha cultura
inmensa, é profundo e axil, manexa toda-las distancias, é elegante. Con este
tío non hai fallo, podes coller calquer libro dil e seguro que é bó. O que vos
dicía, un tipo odioso. Esta obra en concreto, “Nada que temer”, é unha especie
de ensaio, biografía, escolma de cousas varias, sobre o tema da vellez, a morte
en xeral, e a morte do Sr. Barnes en particular, e mais concretamente sobre o
temor á morte. E o tipo consigue co libro sexa, ademais de enriquecedor,
entretido e ameno. Divertido, incluso. Se este ano ides ler un só libro, ben
podería ser éste.
Polo que eu sei, a día de hoxe o Sr. Barnes
segue vivo. E é vello, moi vello, mais vello ca mín.
O libro está editado por Anagrama, haino
a vender en librarías, o podes coller na Biblioteca e non sei se o podes
descargar dalgún sitio ou non porque non
teño idea de cómo funcionan estas cousas. E a verdade, écheme un pouco igoal.
E boeno, xa está. Cada vez os meus
escritos son máis longos, máis pesados, menos divertidos. Outro síntoma da
vellez? Quizais…
As fotos son miñas, pode que teñan algo que ver coa escrita e pode que non. Vos deixo vendo o video de DAKIDARRIA, e xa marcho que teño que marchar.
Esto que vai a continuación é o folleto da “Mostra da
Barbarie”, unha, digamos, expo de cartaces orixinais que tiven ocasión de ver
en Cangas o sábado pasado. Pareceume realmente interesante, e creo que o tal folleto
(ou pasquín, unha palabra que me gusta moito) fala por sí só (como é lóxico). Eiquí
e alá van fotos tomadas durante a mostra, que vos recomendo. Encarecidamente.
"É realmente isto unha mostra?
Moita xente dirá que non, que o que aquí pódese
ver non ten valor ningún. Por suposto, esa falla de valor é unha esixencia das
persoas que un día desexamos facer estas combinacións de imaxes e palabras. A
liberdade non pode ser taxada. Rexeitamos o uso do diñeiro e ao mercado e á
industria do ARTE. Antes disto xa rexeitaramos á industria e ao mercado de todos
os bens de consumo que perpetúan este noxento sistema motivado unicamente pola
ansiedade imbécil de gañar diñeiro. Esta ansiedade é a que define o valor das
cousas adicadas ao ocio. Cando algo pódese vender ten valor, así convertese
nunha mercadoría que aniquila a esencia humana depositada nese algo. Rexeitamos
así tamén o ocio.
Se é que hai algo que nos impulsa coidamos que é
o libre obrar. Se as elites artísticas perpetúan a distancia entre arte e vida
cotiá, nós rexeitamos ao ARTE e ao/a ARTISTA reivindicando a gratuidade deste
libre obrar que transita nos circuítos do local para o local, que non ten
pretensións de universalidade nin aspira ao consumo; a unión entre obra e vida,
o seu carácter orgánico; a súa inutilidade para o sistema.
Estas motivacións lévannos directamente á
politización deste libre obrar, a súa unión indisoluble coa vida cotiá. Unha
politización entendida exclusivamente como a revolución, un acto destrutivo que
dará paso a unha nova experiencia e creación utópica. Esta politización dá
finalmente a razón as persoas que creen que isto non é unha mostra.
Así a todo, esta acción podería ser unha
manifestación dunha tradición viva e antiga que fala, a quen quere e de modo
negativo a quen no quere, cun discurso de axitación político-contracultural.
Unha tradición disidente ancorada na autoxestión, autopublicación e autodifusión
e necesariamente colectiva. Unha tradición chea de contradicións que non se
alínea en ningunha ideoloxía de esquerda radical pero bebe de todas elas. Unha
tradición do antiprofesionalismo e ultimamente anónima….
As obras de esta acción están liberadas para
copialas, modificalas, presentalas con este o outro ou ningún nome, ou para
facer con elas o que se queira aquí en http://www.mostradabarbarie,wordpress.com a partir do 6 de
Abril."
Boeno, éste non é o panfleto, senon o contido do panfleto, o cal é lástima porque no pasquín orixinal viña un debuxo de Gerónimo/Planeta dos Simios, ademais dun formato tipo anos 80- fotocopia moi apropiado. A miña estúpidez tecnolóxica me impiden chuzar eiquí o orixinal, Sinto.
E mais nada. Creo que eiquí viña ben "Revolution will not be televisided" Así que se podo, o enchufo.
Espero que pete ben. Qué grande era o Scott Gil Heron. E boeno, agora, sí, ata a próxima. Coidadevos. Este sábado, Manolo Pipas e Servando fan un recital na Cova dos Ratos; vémonos.
Normalmente, se
un grupo de rapaces de, poñamos, San Xoan do Monte topabase con outro grupo de
rapaces de, digamos, Ríos, remataban a ostias. Non por nada, non é que se cairan
mal ou algo diso; era así, e punto. Cousas dos tempos, supoño. Que eran outros.
Pero había un
sitio no barrio (entendendo como barrio Teis, por suposto) no que existía unha
especie de tregua permanente, de paz
malostiada e desconfiada, pero paz. Manadas
de cativos e mozos de San Xoan, da Fenosa, de Foxos, da Praza, do Toural, da
Paradela, de Sampaio, de Bichita, de Guixar, de Ríos, de Sampaio, da Trave, de
Coutadas (qué gozada escribir os nomes
dos sitios) e doutros enclaves do barrio podíamos coincidir no tal sitio sen
que ocorrera nada grave de máis.
A maxia do cine.
Houbo unha época
que en Vigo existían duas institucións que sinalaban o nivel de progreso
acadado, duas institución das que non nos sentíamos orgullosos porque éramos
estúpidos de mais. Unha, os wáteres públicos; vale, sempre estaban ateigados e
suxos, somente os había no centro, pretendían cobrarte polo papel hixénico, e
neles habitaban uns tipos extraños que che miraban raro . Pero existían. Ías pola rúa, dábante gañas de mexar e ías o
wáter público; coma en Nova Iorque, vaia. A outra cousa eran os cines de
barrio.
Agora, en
retrospectiva, é difícil de crer, pero o certo é que nesta amalgama que é (que
xa era daquela) esta vila había o que se
chamaban cines de barrio. Que eu me lembre, no Calvario había dous, o Palermo e
o Avenida. Creo que o de Bouzas chamabase Disol. E en Santiago de Vigo estaba o
Santiago El Mayor, que era cousa de curas, penso. Había outros.
O cine de Teis
era o Roxy, chamado popularmente o Moco; en realidade o Roxy era o herdeiro dun
cine anterior que era o auténtico Moco, do cal eu non me lembro. Foi derrubado
a finais dos anos 60 do seculo pasado, e estaba situado fronte a antiga oficina
de correos, na Baixada a Vulcano, hoxe Rúa Enrique Lorenzo. Nese cine, no Moco,
foi onde ó parecer xurdiu o nome de Bichita: a paisanada foi ver unha peli que
se chamaba “Wichita City, ciudad sin ley” e seica se sentiron identificados ata
o punto de rebautizar o Grupo Sindical de Espiñeiro, hoxe Camiño de Maceiras.
O cine Roxy erguíase
na rua Sanjurjo Badía, xunto a pastelería El Cisne e fronte o bar coñecido como a Cova dos
Ladróns. Era un cine de programa doble, sesión continua e reestreno. Qué quer
dicir esto? Os que xa o saibades caládevos, e deixar que ilumine a iñorante, porque
está na sua natureza, xuventude. Programa doble siñifica que puñan duas pelis
de cada vez. Sesión continúa quer dicir que puñan unha peli, logo a outra, logo
voltaban a pór a primeira, e así ata que pechaban, e que co precio dunha
entrada podías votar alí dende as tres e media da tarde, por aí, ata que
remataban, as once ou mais. E, por último, de reestreno ven sendo que alí non
estreban película nengunha, para ver pelis novas había que ir ó centro (o
Plata, o Fraga, o Ronsel, o García Barbón, ún deses), pero como nos, os do
barrio, rara vez íamos por eses sitios, pois eso, era como se foxen
estreas. Os domingos non había nen
programa doble nen sesión continua, era un pouco mais caro e viña sendo o día
das reestreas das pelis famosas (“Aeropuerto” e tal).
Era realmente
económico, o Moco. Non me lembro canto custaba, pero estamos a falar de sete
pelas, ou así, un día de semán, no
galiñeiro (dou por feito que sabedes o que é o galiñeiro). Ou sexa que, vaia,
podíamos ir bastante a miudo. Con cinco pavos mercabas un paquete de Rex ou de
Aguila, ías o salón de xogos a facer uns futbolíns, ías o cine, mercabas
gaseosa e chicles, e inda te quedaba pra un perrito caliente na de Marsus.
O propio era pois
ir ó cine en manadas, e antes de empezar a peli mercar unhas gaseosas no propio
bar que había no local (marca Balín, moi
baratas, xeadas, bastante asquerosas e extranamente adictivas) e algúns chicles
(da fábrica que había no barrio, alí ó lado), e subir o primeiro piso,
instalarse o mais perto posible da baranda e montar o maior cirio posible sen
que che botaran. Fumabamos, riamos, botabamoslle gaseosa ós que estaban abaixo,
cuspíanos entre nós, e as veces atendíamos a peli.
Pois íamos ó
cine, e víamos a Bruce Lee (e, o sair, rompíamos unha man contra unha farola
mentres dábamos berridos orientáis), e víamos pelis de vaqueiros (“coidado
Yoni, a tua espalda”, lle dicíamos ó imbécil do prota sen que éste se
apercibiese), de vampiros (Christopher Lee e Peter Cushing in a Hammer
Production), de Tarzán (un tipo entrañable), españoladas (un xénero en sí
mesmo), de romanos, de aventuras, de guerra, de amor (destas renagabamos
bastante, eran pelis para nenas)…E, as veces, algunha boa: eu vín “El Padrino”
no cine Roxy, alucinando. “En el calor de la noche”, “El Inspector Tipps contra
la Organización”, “Shaft”, “La piel de un policía”… e un mazo de John Ford, de
Antonhy Mann, de Boetticher, algunha de Peckimpah, algunha de Siodmak, John
Houston, Howard Hawks… en pantalla grande, chaval. Vaia luxo. (Claro que
daquela eu non coñecía o nome de nengún director, nen sequer sabía moi ben para
qué servía un director; anos mais tarde mirabas na tele unha peli e dicías
“ésta mireina eu no Moco”, e os que estaban contigo e que non eran do barrio
ollaban para ti como se estiveses mal da cabeza)
E o destape. Esto
tamén merecería un estudo profundo e analítico, pero que lle imos facer. As
señoras do barrio (vaia, as nosas nais, tías, irmás maiores) denunciaban que o
cine Roxy puña pelis porno; nós sabíamos que aquilo non podía ser porno, porque
porno era o que viña nas revistas danesas e holandesas (ou de por aí fora) que
lle trocábamos ós mariñeiros dos cargueiros en Guixar, a cambio de cartóns de
Record, revistas que logo levabamos ás cabañas onde lle dabamos o uso axeitado.
Pero as pelis de destape eran francamente divertidas, e as suas heroínas
(actrices detestables pero moi guapas, como María José Cantudo, Nadiuska, Agata
Lys, Victoria Abril…) formaban parte do imaxinario colectivo do barrio.
As veces puñan
algunha francamente atrevida (prá época). “Historia de O”, “Emmanuelle”, por
exemplo, autorizada exclusivamente prá maiores de dazaoito. Nós pasábamos
igoal, pero advertíannos na entrada que se viñan da Inspección tiñamos que nos
achantar no carto de baño; pasounos un par de veces, e foi bastante divertido.
Tamén había días
de ir ó cine coa nai dun. Puñan unha de vaqueiros, por exemplo, e mataban
moreas de indios, e morrian unhas cantas ducias de cowboys, e a nai dun miraba
aquilo pelín aburrida e sen inmutarse; e niso que mataban un cabalo, e a nai
dun indiñabase (“animaliño! Porqué teñen que matar ós cabalos? Miserables!”) E
así ata que alguén do público reclamaba silencio.
…
A noite que ardeu
o Roxy foi a ostia. Os veciños se avisaron
uns a outros, e alá fumos familias enteiras, os homes con pantalón de
pixama e camiseta de asas, as mulleres con batas estampadas e rulos na cabeza,
os rapaces xadeando como cans da pura excitación. Cheiraba a raios, e o lume saía polas
fiestras onde estaba a sá de proxección. Pronto empezaron a circular botellas
de Sansón, e os nosos país miraban filosóficamente as lapas e dicían cousas
sabias e atinadas (“o que está de ser, está de ser”, e cousas así,
incomprensibles daquela e incomprensibles hoxendía). Os nenos fumábamos Chester ás achantadas e
puñamos cara de tipos duros. Os bombeiros renegaban, cun pito nos beizos e cara
de mala ostia (“pero señora faga o favor de apartarse, por amor de Dios”) e a
policía (a municipal antes do 092) pasaba bastante de todo… Foi unha noite
máxica, de festa, polo que eu me lembro.
(O cine Roxy
ardeu un sábado ou un domingo, creo lembrar, ben entrada a noite; non había
ninguén dentro. Daquela ardían moitas cousas en Vigo, e non somente nas
manifestacións: numerosos pubs, discotecas, locais de alterne (¿?) e outros acostumaban
arder de xeito extrano…)
Tamén foi, en
certo modo, o fin dunha época. Unha época cutre, maravillosa, iñorante, chea de
esperanzas non moi xustificadas, chea de medos moi xustificados. (Nefeuto, as
esperanzas quedaron polo camiño, e os medos fixéronse mais e mais grandes, ata
o día de hoxe.)
Pero mira,
chaval, se non viches “El Doctor Zhivago” en pantalla grande, non viches unha
merda.
E xa está. Levo
cerca dun ano sen ir ó cine (cuestión de pasta, de horarios, de odiar os
centros comerciais, e de que a maioría das pelis que fan agora non merecen a
pena). Se cando tiña doce ou trece anos me dixeran que ía estar tanto tempo sen
ir a ver unha peli, non mo crería. Xa ves.
(Por certo, no
Roxy vin o meu primeiro concerto: tocou un grupo de Madrid que se chamaba
Asfalto, que non sei como viu cair alí, a verdade. Facían unha cousa como rock
progresivo, tipo Genesis, e cantaban en castelán. Non estaban mal)
Pois nada. As fotos son miñas, e os que tipos que saen aí son Club de Remo de Bueu.
E vos deixo cun video: Jacques Loussier facendo unha cousa de Bach. Co disfrutedes.
Teño lido algo de literatura clásica, tipos gregos e algún romano, un
pouco de Shakespeare, xa sabedes. Algúns deles, ó principio dalgún escrito,
invocaban os deuses ou as musas pra que lles iluminasen e lles prestaran as
palabras necesarias pra contar o que querían contar, e se ve que funcionaba,
vistos os resultados . Eu, que son infinitamente máis torpe e inútil ca eles,
como son descrido mais seguro que non vou ter axuda nengunha, e boa falta que
me faría, non creades, porque me expreso mal, escribo peor e empecínome en
trasladar cousas que requerirían persoa mais formada, talentosa e hábil ca mín
pra que o esforzo resultase exitoso.
Ben, son as tres e cuarto do domingo 5 de xaneiro de 2014, non estou
baixo os efectos de nengunha droga (o tabaco, o café e os manises salados non
contan), estou escoitando a Keith Jarrett, sinto os habituais pequenos dores, o
jato durme e me estou pelexando co
corrector ortográfico que por algún motivo se empeña en traducir ó español o
mal galego que escribo. Polo demás, ben, grazas. Feliz ano.
A cousa vai de concertos, ou mais ben de momentos de concertos, os que
tiven a fortuna de asistir o ano xa pasado. Evidentemente, vai implícita a
recomendación de que asistades se podedes a actuacións dos grupos que vou
mencionar máis adiante, e, en xeral, que apoiedes á música en directo. Flashes dun ano que, no musical, non foi para
nada malo:
Fun a Santiago casualmente; e
casualmente vin o cartel anunciando o concertó de Sumrá na Casa das Crechas,
que casualmente era ese mesmo día. E, por unha vez, non tiña que me axustar á
Renfe pra voltar a Teis. Moitas
casualidades de mais como pra non ir. Así que eiquí estou agora, a medio metro
de LAR Legido que, cos ollos pechados, sudando a moreas na noite santiaguesa e
aparentemente indiferente ó que lle rodea, está exprimindo a sua batería ata
límites dificís de crer. Un tema que comenzou a medio tempo e que se foi
convertindo nunha especie de combate corpo a corpo entre Legido e o mundo en
xeral, mentres Xacobe Martínez Antelo mantén un ritmo axustado ó contrabaixo e
Manolo Gutiérrez fai acordes aparentemente ó chou no piano. É unha especie de
caos, non hai sitio onde agarrarse, algo fascinante. A luz verde sobre o
batería dalle un aspecto de demo ou algo así. E, de súpeto, sobre o ruido, Manolo
crea unha melodía incriblemente fermosa, tanto que non estou seguro se realmente está tocando iso
que eu creo ouvir ou non. Xacobe ségueo, e Legido para un intre de tocar e coas
baquetas en alto emite un berro, algo así como “aaaargh”, pura satisfacción
animal, namentras Manolo Gutiérrez, ensimismado, continúa desenrolando o novo
tema. E eu estou feliz de estar na cidade mais fermosa do mundo, na mellor
compaña posible, e escoitar algo dunha beleza imposible.
Festival Folk en
Vilariño é, básicamente, festa. O público mais heteroxéneo
que che podes imaxinar: paisanada, pais con nenos pequenos, mocerío con gañas
de pásalo ben, punks do Morrazo, algún hippie dos antigos, e incluso algunha
xente que vai escoitar música. Moita cerveixa, moito licor café, moita maría,
bastante tontería tamén. No escenario están Radio Cos, coa formación
completa (voces, percusión, violín, acordeón e Lamas, que toca gaitas, saxos,
clarinetes e calquer outra cousa que precise soplar nela). Levan unha media
hora facendo bailar á xente con bó humor,
ribeiranas, pasodobles, jotas e música da terra en xeral, o mellor grupo
que podes topar para unha noite así. Inda que son o grupo que abre o Festival,
moita xente foi ata alá só por velos, e con razón. Son moi bós, máis que bós. E
niso que se poñen a interpretar un tema en sefardí sobre o que é estar lonxe da
casa, ou non ter casa onde voltar, ou non lembrar se inda tes ou non casa. E
moita xente non se entera, seguen o seu, pero outros moitos sentimos de súpeto
a xeada da noite, e moitos poderíamos cantar ou tocar esa canción, porque
acabamos de adoptala, de facela nosa, porque a recoñocemos en nós. E eu, que
inda teño casa, e que cando volto a ela polas noites inda hai quen me agarda,
sinto os ollos húmidos. A persoa que me acompaña nótao, e eu lle digo que a
priva me pon sensibleiro. E despois segue a festa, segue a bebida, segue a
vida.
Canjazz, en, claro, Cangas. Unha
noite perfecta. A acústica no Eirado do Costal é, boeno, perfecta (o dos
adxetivos non é o meu, sinto). Marcos Pin, o frente da Big Band que reuniu o
seu redor (Marcos Pin E Factor Reset),
interpreta os temas do disco Barbanza: alí están Pablo Castaño, Max Gómez,
Xacobe, Gutiérrez, Fernando Sánchez… O público enche a praza e, por unha vez,
todo o mundo parece estar pola labor. Estamos perto do final, e está claro que
é dun concertos do ano: algúns dos mellores músicos do país tocando os temas
escritos por Marcos con desenvoltura, cómodamente, nun ambente relaxado. E no
penúltimo tema GdJazz Pereiro, o xoven trompetista de Cangas, ponse de pé e
executa un solo incrible e eu teño a fortuna de esta xusto detrás dil (tirando
fotos e tal), e me quedo alucinando. O tipo que está xunto a mín, un vello
aficionado ó jazz co que coincido moi habitualmente, me mira e dí “a ostia”. E,
sí, está ben expresado. Pereiro está en vena, e alonga o solo un coro máis, e
outro, sen esforzó aparente . E por mín
podería seguer a noite enteira…
Domingo pola mañá en Cangas,
e o tempo está chungo, polo que o concerto de Mónica de Nut e Virxilio da Silva (acompañados nesta ocasión por
Marcelo Dobode á percusión) vaise ter que facer no interior da Taberna o Rincón, que non é
precisamente grande. O bar está petado de xente, e o grupo estivo probando co
público diante, o cal non mola moito. Ademais, Mónica está un pouco
ajripallada, ten mala cara, e decide non pór a roupa de actuar: vai cantar con
jersei e cun pucho de lá na cabeza. A cousa pinta un pouco mal, e xa é hora de
arrancar. Virxilio empeza coa guitarra acústica, facendo bottleneck, e Mónica,
que hai un intre estaba alí, non se sabe onde está. Non hai ninguén xunto ó
micrófono. Virxilio
toca blues ó vello estilo, o que tanto me gusta; lémbrame a Blind Wille
Johnson, “Darkness was the night…” , e cousas así, e toca coma ninguén. E niso
oese cantar dende fora do bar: Mónica empezou a actuación polas rúas de Cangas,
por suposto sen micro. Está cantando “Lévame”, un tema tradicional do país. E
cando entra no bar e se sitúa no seu lugar, nun curruncho, xunto a Virxilio, o blues de dentro e a cantiga de
fora, o quexido do bar e o quexido da rúa, encaixan a perfección, son o mesmo
queixume; a magnífica voz cada vez mais chea de matices casa coa guitarra
rasposa e oubeante. Semella algo máxico, irreal, perfecto dun xeito raro.
Prodúcese ese chispazo que só sucede moi de cando en cando (pero que é
gozosamente habitual nos concertos de MdN e VdS). E somente é o comenzó do que
vai ser un outro magnífico concerto. E
eu decido que non hai grupo mellor pra ouvir nen outro sitio no que preferise
estar agora mesmo.
Estamos na segunda parte da actuación e, por unha vez, Lucía non
presenta o tema. É o concertó de Reis que Lucía
Martínez e o seu cuarteto ofrece, unha vez máis, no Hipólito, nas Travesas.
Brandao, o saxofonista do grupo, inicia un tema en solitario; na mesa na que
estou todos o coñecemos, pero tardamos un intre en lembrar que é. Mirámonos uns
a outros, e alguén dí “Alfonsina”. Eso é. Algo que non ouvíamos dende hai anos.
Algo que nos lembra, por se fixera falla, o moito que levamos vivido, o moito
que vimos mudalos tempos, o moito que esquecimos, o moito que inda
lembramos. O portugués segue só, axustándose á melodía, alto, clamo, e nítido.
Despois entra o resto do grupo, fan variacións, descompoñen a canción, a
reorganizan, a recrean, a inventan ante nós. Ós poucos, voltan á composición
que nos é familiar. E ese é o noso regalo de Reis.
Tantos bós momentos este ano pasado… Iago Fernández, Chus Pazos, Paco
Charlín, Joao Mortagua, Chris Kase, Berroguetto, unha rapaza anónima tocando o
acordeón en Santiago, 2uS, Javier Marcos, The Cobras, José Manuel Díaz, Sés,
Toni Risco, Silvia Penide, …protagonistas todos eles de instantes perfectos,
diños de gardar nalgures, de ser contados por alguén con máis capacidade da que
eu, qué vos vou dicir a vos, teño.
Veredes. Hai anos
tiven un accidente laboral, bastante grave. Entre outras cousas, declarouseme
ou como se diga un proceso de necrose. Non vos vou explicar o que é, así que xa
sabedes, Wikipedia e tal. O caso ca ciruxana de plástica viña pola habitación
do hospital duas ou tres veces á semana, armada cun escalpelo, e púñase a
raspar na zona afectada. Eliminaba tecidos mortos. Sabía cando tiña que parar:
cando eu berraba. Cando doía. Cando chegaba ata o que inda estaba vivo.
A música, algunha
música, algún momentos de algunhas actuacións, prodúcenme máis ou menos, e
salvando as distanzas, o mesmo efecto. Eliminan tecido morto, chegan ó que inda
está vivo, doen. Fanme lembrar que e quen inda son. Momentos, emocións, imaxes,
sonidos, que quixera levarme conmigo cando me vaia. Vale, esta última frase e
de Tom Waits.
…
Ben, como era de
agardar as musas ou os deuses non foron, desta vez tampouco, xenerosos conmigo.
Non tiñan por qué, tamén é verdade. Pero
boeno, algunha vez tamén se podían enrollar, digo eu, que tampouco é tanto o
que lles pido.
Disimulade, pois, a
calidade do texto, iñorade as suas moitas imperfeccións, ser xenerosas coa
intención que, vos aseguro, é boa. Agora son as seis da mañá deste día choiviñento,
Frank Sinatra canta My Funny Valentine, esgotei o tabaco, o jato se espereza,
chove aí fora, e non vou repasar o escrito. Non o ía facer mellor de todolos
xeitos, pero non digades que nen sequer o intentei. Vai como vai, é o que é.