Fotos tiradas polo autor (ou sexa eu) en Santiago de Compostela,o 24 de outubro de 2015.
jueves, 29 de octubre de 2015
29 de outubro de 2015. Chove en Santiago.
Fotos tiradas polo autor (ou sexa eu) en Santiago de Compostela,o 24 de outubro de 2015.
miércoles, 30 de septiembre de 2015
30 de setembro de 2015: Santiago, unha declaración de amor (aproximación)
Amo a Santiago.
Soa tonto, soa pueril, soa a
anuncio da Xunta. Pero é certo.
Amo as suas ruelas, os nomes das
suas rúas (Algalia…), como brilan as suas pedras cando empeza a chuviscar, o
son das pegadas na noite mal iluminada, a brétema que se extende pola Quintana,
a lúa cando xoga coas torres da Catedral…
Ámoa dende que a descubrin nunha
noite febril de cansanzo, colocón de absenta e fame de hai uns trinta e cinco
anos.
Entendédeme:
Prefiro aburrirme en Santiago
que pásalo ben en outro sitio. Prefiro estar só en Santiago que en boa compaña
en outro sitio. Prefiro ser golpeado en Santiago que bicado en outro sitio.
Boeno, en canto a esto último, como non hai risco que o segundo suceda,
desexaría que o primeiro tampouco.
Entendédesme?
Eu, a eso, chamoo amor. Ou sexa,
que amo a Santiago.
(Lembramos ó curioso lector –
ola?- que ésta é a páxina de carlosdeteis, e que, polo tanto, antes ou despois,
ten que aparecer algún “pero”. É, por dicilo así, a marca da casa)
Pero o Santiago que eu amo non
existe. Quizais xa non existe, quizais non existiu nunca. Quizais é un alucine
dunha noite de fame, cansanzo e absenta de hai trinta e cinco anos.
A Santiago que vexo, non a que
sinto, é unha cidade tonta. É un escenario dunha película. É un parque temático
pra turistas. É unha representación de non sei qué cousa. É unha vila sen
dramatismo, sen dor, sen emoción. Santiago en tecnicolor. Para todalas edades.
Sen riscos.
O Santiago dos turistas, dos
consumidores, dos funcionarios, da xente guai, da cultura.
Merda.
A “miña” Santiago é mais escura,
mais suxa, ule peor, está mais valeira. Nese Santiago o ben e o mal non
combaten senon que conviven bastante amigablemente. É mais sinestra. Non che
deixa esquecer nen por un intre onde estás, entrométese en todalas conversas,
agobia. Está habitada por santos, tolos, profetas, iluminados, perdidos,
naúfragos, mestres, magos, demos grandes e pequenos, animais que falan, xente
que nunca durme, nen come, e que orina en todalas esquiñas. Cheira a viño malo,
a sexo e a brétema.
Pero cada vez pasa menos, creo.
Procuro ir a Santiago unha vez o
mes, ou así. A xente (a pouca coa que me falo) pregúntame a qué vou; écheme
pouco doado respostar, así que non digo nada, pero cando vou no tren pregúntome
“a qué vou?”, e tampouco sei que me respostar. Pero vou. Só. O meu amor non
entende de tríos nen cousas disas.
E unha e outra vez marcho de
Santiago decepcionado, mais gris e vello e canso.
E unha e outra vez penso “A ver
se podo voltar pronto.”
Vos deixo un video de CAXADE a quen tiven o pracer de ver e ouvir recentemente en Salvaterra.
Estiven buscando unha cousa do gran German Coppini que se chamaba "Qué han hecho de ti, Santiago", que viría moi a conto coa escrita de hoxe. Non a topei, pero darvos por recomendados...
Ata a próxima. Boas noites, boa sorte.
miércoles, 23 de septiembre de 2015
23 de setembro de 2015. Do desterro.
Do desterro.
Pódese ver en clave nacionalista.
Pódese ver en relación á "crise dos refuxiados"
Pódese ver como algo impuramente estético.
Evidentemente, pódese non ver.
Nun país que non existe.
Prá que a visita non fora unha total perda de tempo, vos deixo con Mini e Mero facendo "Penelope", se é que a topo en Youtube.
martes, 25 de agosto de 2015
25 de agosto de 2015. Tempo.
Tempo.
Se hai un ano ou así alguén me tivese
preguntado qué cousa era o que mais eu desexaba, teríalle contestado sen
dubidalo que “tempo”.
Tempo pra estar con vellos colegas. Tempo pra
ler dunha ostia dunha vez o “Ulises” de Joyce. Tempo pra aprender a tocar un
par de bluses decentemente. Tempo pra estudar algo (algún idioma, historia
medieval, urbanismo…) Tempo pra clarificar o que me queda de cerebro. Tempo pra
viaxar. Tempo pra escrebir.
Creo que hai un dito inglés que dí que Deus
nos libre dos desexos cumpridos, ou algo así…
Porque agora, dende hai uns meses, teño
tempo.
E nen Joyce, nen viaxes, nen estudos, nen
vellos colegas, nen ostias. De feito, esto é o primeiro que escribo en moito
tempo. Supoño que se de súpeto tivera cartos, ou amores, ou talento, me pasaría
o mesmo: non sabería en que empregalos.
Así que teño tempo, e o mato (ten graza, o de
“matalo tempo”, como se non soubesemos que é o tempo o que nos mata a nos), e
non fago nada interesante, ou productivo, ou edificante..
Pois estou neste, digamos, retiro, case que
alleo ó contacto humano, en felina compaña. Camiño, fumo, vexo xogar ós gatos,
fago cafés e mos tomo, e non espero nada.
Sei das andanzas dalgúns coñecidos a través
de internet (mira ti). No povo, dous kilómetros arriba, hai un bar con wifi;
vou case que todolos días a subir fotos a flickr: podedes velas, se queredes.
Non son unha gran cousa. Non vos perdedes nada se non as vedes.
E, quitando algúns problemiñas de saude, e os
meus baixóns habituais, e esa angustia que me come as veces, pois non estou
nada mal, a verdade.
Pero non creo que dure…
Non sei se este escrito é o reinicio desta
cousa-blog, tan abandonada. Dende logo, non aspiro a que o lea ninguén, a estas
alturas. Bastante ocupados estaredes co curro, ou a falta de curro, cos amores
ou a ausencia deles, actualizando os vosos feisbucs e tuiteres, viaxando ou
colocándovos.
Pero boeno. Ola.
E vai un video via youtube que ven moi
axustado a movida de hoxe. É do disco de Mónica de Nut Trío, e titulase “Como
deita o tempo”, e xa sei que o coñocedes, pero escoitalo unha vez mais non vos
vai facer dano algún.
É unha preciosidade:
E xa está. As fotos son miñas, podedes ver
mais en flickr (carlosdeteis.foto). Se por casualidade alguén lé esto e mo
quere comentar, sen problema.
Boas noites, e boa sorte.
martes, 14 de abril de 2015
14 de abril de 2014. Listas.
E onde se foi a
última hora, a última hora e media? Non ten a sensazón de se ter quedado
durmido; se así fose, tería a boca seca. Ademais, o cinceiro está cheo, e
lémbrase de telo valeirado cando chegou a casa. Ou quizais foi onte. Non é
doado distinguir un día de outro, últimamente.
O caso é que xa é
noite.
Cambios. Moitos
cambios, pensa. E non se refire o deterioro, tanto o dil mesmo como o da casa,
ambos evidentes. Ve o deterioro, o declive, como unha evolución lóxica das cousas. Os
cambios, en troques, son coma vermes que
se introducen no tecido da vida sen permiso, e o convirten en algo distinto.
Agora suceden
cousas que antes non ocorrían, fai cousas que antes non facía. Por exemplo, o
das listas. Que él saiba, nunca foi de facer listas; agora fainas de seguido. O
principio, listas da compra, xa se sabe, tantos iogures, tantos litros de
leite, conxelados, área e comida pró gato, esas cousas. Logo, listas de tarefas
pendentes, ir a correos, ir o banco, ir a tal ou cal sitio e facer tal ou cal
cousa. Despois o tema das listas foi a mais.
O gato se
espereza e o olla coma se non o
coñocera, ou, mais ben, coma se non estivese seguro de quen é ese home que fuma
sentado á mesa da cociña. Desconfiado. Boeno, él, o home, tampouco está moi seguro de seguir sendo él.
Últimamente.
Listas: os grupos
musicais mais sobrevalorados da historia. Queen á cabeza. Esta era doada.
O gato é un espléndido macho lairanxa.
Góstalle o pan de molde. Tamén lle gosta vela tele, sobre todo os anuncios.
Góstalle o free jazz, Pharoah Sanders, cousas así.
É moi raro.
Dase conta de que
non puido valeirar o cinceiro cando chegou a casa, porque hai tres ou catro
días que non sae.
Listas: a xente
que marchou, que xa non está entre nos. En continua progresión.
Listas: a xente
que bota en falla. Melancólicamente curta: cinco nomes.
Supostamente o
gato está castrado, pero él, o home, ten as suas dúbidas. O veterinario lle dixo co fixera, e
cobroulle unha boa pasta, o ano pasado. Ou o outro. Pero él cre que se segue
comportando igoal que antes, e cre que un animal debería modificar a sua
actitude tras ser castrado.
Pon un disco no
prato. Onette Coleman. Antes o detestaba (“antes”?). Cada vez lle gosta mais.
Cambios.
Pensa cousas
novas, distintas. Por exemplo, que a vida non é algo continuo. Que un viva
cincoenta ou oitenta anos non siñifica que un esté vivo durante cincoenta ou
oitenta anos. Un está vivo a veces, de cando en vez. Non é que esté morto o
resto do tempo, non exactamente, pero vivo tampouco. Unha cousa intermedia.
É incapaz de
seguer nengún programa de televisión que dure mais de dez minutos.
Agora chora con
facilidade. Calquer anuncio no que aparece un can, un neno, un vello, móveo ás
bagoas. Senilidade? Ós cincoenta e dous anos?
Listas: os sitios
onde lle tería gostado ir, e nunca foi, nen irá. Esta non remata nunca.
O caso é que xa é
noite, e debería cear algo. O gato lle chía. Tamén é hora de cear prá él.
Ten o móvil
enriba da mesa. Se por un casual soara, lle daría un ataque ó corazón. Suponse
que con esa cousa se podería conectar a Internet, pero non sabe como. Anota na
lista correspondente “ir ó do teléfono pra ver como se conecta ún a internet”.
Listas: os
mellores concertos ós que ten ido na sua vida. Esta varía moito, segundo o día
que teña. De todolos xeitos, o concerto o que mais lle tería gostado ir non se chegou
a celebrar nunca. Qué mais da.
Listas: reparacións
urxentes que debería facer na casa. Cansa só de mirala. Cada día engade unha ou
duas cousas mais.
Xa ceou? Pregúntalle
o gato “xa ceamos?”
Onde se foi o último
ano?
--------
lunes, 2 de marzo de 2015
2 de marzo de 2015. Era esto, esto é todo.
Queríamos xustiza
impuxéronnos leis
Queríamos liberdade
puxéronnos furnas
Queríamos seguir unidos
déronnos cinco minutos pra nos disolver.
Triunfachedes, nos dín.
Tedes o que queríades ter, nos dín.
Era esto, esto é todo.
Mírome no espello, mírome na miña xente.
Enrugas comas cicatrices, ollos cansos,
mans valeiras.
Gañáchedes, nos dín.
Por isto é polo que peleachedes, nos din.
Era esto, esto é todo.
Un tipo novo, ben inda que
informalmente vestido, un tipo estudado, ambicioso, preparado, un tipo que so
coñoce de oidas o horror da xornada laboral de dez horas, o horror da cola de
desemprego, o horror de ter que dalas grazas porque te deixan respirar un día mais, o horror de
ter sempre medo, o horror das vivendas pequenas e con humidade e que nunca
semellan limpas, un tipo que non coñoce o horror e que aspira a gobernarnos,
nun acto público e multitudinario di que
“agradece os españois de mediana edade o ter traído a democracia a España”.
De nada, imbécil.
Deixovos unha cousa de Caxade, a ver que vos parece. Por suposto, Caxade non ten a culpa nen nada que que aparece aí enriba. Faltaría mais.
E, boeno, canto tempo sen vernos, non?
viernes, 9 de enero de 2015
9 de xaneiro de 2015. Falemos (ben) do 2014
E, máis ou menos, a cousa foi
así: ía eu no vitrasa escoitando a Mingus a todo o volume que lle podo sacar o
cacharro de mp3 (que tampouco é tanto), e ollando distraido pola xanela o
deterioro urbano e humano modernos, cando un tipo o que apenas coñezo, o que se
di ocoñezodevista, entablou conversa conmigo. Por suposto intentei iñoralo,
pero ante a sua insistencia (abría moito a boca e facía xestos raros coas mans)
apaguei o cacharro de mp3 e con resiñación e teméndome o peor lle preguntei se quería algo da miña persoa.
E o que sucedeu a continuación foi tan extraordinario (tan sublime) que inda a
día de hoxe me pregunto se non estaría eu baixo o efecto dalgunha sustancia que
alterara a miña percepción da realidade ou algo semellante: coñezodevista
afirmou con total seriedade que acostumaba a ler as cousas que eu escribía; que
normalmente lle gostaban e lle facían moito chiste; que sabía que eu soia
escribir un resumo de actuacións e de
mellores discos do ano, e que este ano o botaba en falta; e se teña pensado
facelo. Tamén me preguntou onde mercara o sombreiro que eu levaba posto, e se o
C3 era o bus adecuado pra ir o Hospital Nicolás Peña (probablemente sección
atención mental), pero esto non ven ó caso.
Como non podía ser doutro xeito,
mireino emocionado (un tío que me lé? que se acorda despois do que leu? que
“bota en falta” unha reseña miña? ostias!), mentres sentía como os meus ollos
se humidaban. (se humidificaban…. se humedecían?) Dinlle unha forte aperta,
como a irmán retornado, mutilado e un pouco trastornado, pero retornado ó cabo,
das trincheiras da primeira guerra mundial, e tiven o impulso de invitalo a
cear, cousa que non fixen porque lembrei que levaba no peto un euro con setenta
e cinco céntimos, cantidade a todas luces insuficente prá unha diña inxestión de
alimentos. Así que lle ofrecín un pitillo, coa indicación de que non o fumara
no interior do autobús e que o gardara pra logo, e me comprometin solemnemente
a, ó seu debido tempo, escribir a tal reseña. Cando ocoñezodevista tivo que
baixar do bus, coa intención de facer trasbordo co C4, despedímonos con grandes
demostracións de afecto e bós consellos. E eu seguín ó meu, e él, supoño, o
seu.
Boeno, un compromiso é un
compromiso.
Cando as miñas numerosas
ocupacións (xa sabedes, a miña axenda social está repleta) me deixaron un
respiro, meditei sobre o ano pasado. Porque non sei se saberedes que rematou un
ano (o 2014) e empezou outro (o 2015). Un ano moi chungo en moitos aspectos, o
ano pasado. Pero, dende o punto de vista da música que se fai eiquí, nesta terra
esquecida, o 2014 non foi un mal ano en absoluto, especialmente en canto a
actuacións en directo se refire, ata ó punto de que, prá seleccionar algúns
concertos que reseñar eiquí, tiven que facer un certo esforzo, o cal me produxo
una lumbalxía da que inda me estou recuperando.
A miña
selección (que leva implícita a recomendación de que, se podedes, vaiades ver á
xente que cito) é a seguinte:
-Tiven a
fortuna de ver a Sumrrá (un dos meus grupos de cabeceira) nada menos que en
catro ocasións: duas no Teatro Ensalle (magnífico sonido, magnifica luz,
magnífico sitio), repasando discografía, unha na Taberna O Ricón de Cangas
(Paco, tío, é incrible o que pasa nese sitio os domingos pola mañá), adiantando
temas novos, e outra na Praza da Constitución, no Imaxinasons de Vigo,
concerto-celebración con invitados. Os catro concertos de Sumrrá estarían nesta
lista de “mellores concertos do ano segundo o tipo raro ese que escribe cando
se lembra”. Se vichedes algún desas actuacións estaredes dacordo conmigo.
-A presentación
que fixo Xan Campos do seu disco “Ectropía” no Rincón, en Cangas, foi
espléndida, irrepetible, máxica. Co Coro de Escola Municipal de Música de
Cangas, eu que seis, unhas vinte persoas, con invitados prá ocasión (Virxilio
da Silva, GdJazz, Max Gómez…), cun piano Steinway (que prá meter e sacar da Rúa
Cega foi un show), o tal concerto foi, sen dúbida, a ostia.
- Marcos Pin Factor
E-Reset, a big-band galega dirixida polo guitarrista Pin, fixo unha outra
magnífica actuación durante o Festival Internacional de Jazz e Blues de
Pontevedra, tocando, quizais por última vez, “Barbanza”. Un dos proxectos mais
intensos, de mais calidade e mais fermosos que ten alumeado o Jazz galego.
- E o de Lucía
Martínez, ó frente do Berliner Project, nun repleto auditorio do Concello de
Vigo durante o Imaxinasons. A ver. Lucía, ademais de ser unha batería e
percusionista excepcional, de saberse rodear de enormes músicos e deixalos
tocar, de ser unha magnífica compositora, de ter unha sensibilidade e unha
intelixencia musical incribles, é quen de lle dar ós seus concertos unha
calidez, unha humanidade, un saber estar únicos. E, ademais, é moi maja.
Reseñables
tamén os dous concertos que lles vin a Crescent 4 (un na Galería, outro no
Contrabaixo), o do Iago Fernández Sextet no Rincón, prepresentación de disco,
Alberto Seoane trío , tamén no Rincón, Alberto Vilas en varios sitios e
circunstancias, Richard Bona, Eric Bibb e Robin MacKelle no Festival de
Pontevedra, Marco Mezquida e Riverside Quartet no Imaxinasons, Felipe Villar,
David Regueiro (no Rincón)…
Moita música, en
efecto. Posible grazas a sitios como o Contrabaixo, o Xancarajazz, a Taberna o
Rincón de Cangas, a Galería Jazz Bar, o Salason, tamén en Cangas, o Teatro
Ensalle… e a pervivencia de cousas como o Imaxinasons, o Festifolk de Vilariño
ou o Fstival Internacional de Pontevedra. Lamentar o peche do Hipólito, bar de
referencia jazzistica e cultural na zona de Travesas…
Mención
especial do xurado (premio “pero estas cousas inda pasan?”) ó concerto que
intentaron dar Virxilio da Silva e Mónica de Nut en Sanxenxo…
En canto a
discos (non me fagades explicar outra vez que cousa é un disco…), o do ano 2014,
pra mín é claramente ECTROPÍA, do XAN CAMPOS TRÍO (Xan Campos, teclado; Horacio
García, contrabaixo; Iago Fernández, batera. FreeCodeJazzRecords, 2014). Volo
oides e me decides.
(Aí enriba vos puxen unha foto do, insisto, magnífico concerto que Campos deu no Rincón, e un video de promoción do, reitero, magnífico disco Ectropía. De nada.)
E xa está. Era
iso.
E vou rematar
cun chamamento (e vos veredes se vos sentides chamados ou non): apoiade a música
en directo, especialmente a realizada pola xente de eiquí, e sobre todo a xente
que arrisca no creativo. E apoiade ós locais e a xente que segue a organizar
concertos, en ocasións pagando do seu peto ás perdas.
E, boeno,
ehem, seguer lindo esta cousa que eu fago.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)