viernes, 8 de marzo de 2013

8 de marzo de 2013. As ruas de Londres.

            Xa non hai santos nas esquiñas, nen miragres nas rúas. Agora a choiva é iso, mais nada: choiva. E a beleza e o terror da vida deben estar nalgures, pero somente topo con eles moi de cando en cando.
            Chamábase Johanna, e viña dalgún sitio de Alemania ou de Austria, por aí. Estivo cantando, acompañándose cunha guitarra que semellaba mais grande ca ela, na   rúa do Príncipe durante un vran que agora semella inverosímilmente lonxano, e non só no tempo.
            Eu era un pailán que rondaba polas rúas do centro, sempre atento a todo o que sucedía, ou que eu cría que sucedía, o meu redor. Ía andando dende o barrio, a primeira hora da tarde, e daba voltas por alí ata ben entrada á noite, habitualmente só. En realidade non facía gran cousa, non sendo descubri-lo mundo. Inventalo, máis ben.
            Chamábase Johanna. Era moi baixiña, tiña o pelo moi loiro e moi curto, sempre vestía camisola negra, pantalón negro e unhas incribles sandalias de plástico rosa. Tamén tiña unha chupa imitación-coiro, negra, por suposto. Tirabana cando empezaba a tocar, e deixabana os seus pés; era onde se supuña que a xente tiña que botar as monedas que lles sobraban. Tiña as unllas de pés e mans pintadas de negro. Debía andar polos vintetantos, quizais trinta anos.
            Eu nunca mirara tal. Nen volvín topar persoa semellante, creo.
            Chamábase Johanna, e cantaba como Dios. Con todo o corpo, como se tivera algo persoal con cada canción, con cada nota, con cada persoa que se paraba a oila. Cantaba cousas de Neil Young, de Al Stewart, de Leonard Cohen, de Cat Stevens, de Joni Mitchell (a sua preferida), cousas así, e transformaba todo o que cantaba en outra cousa, en algo duro, rasposo, vibrante, molesto, emocionante, vivo. Cantaba como se, en vez de estar tocando na rúa por unhas poucas monedas, estivera a cantar no Carnegie Hall ou no Olimpia. Ou polo menos, a mín me facía sentir coma se estivese no Carnegie Hall. Aí é nada.
            Collín por costume  quedar por alí a oila, ata que remataba a última canción (sobre as once media da noite, hora en que aparecía o mítico sereno de Príncipe e mandaba parar).  Ela encendía un pito, inda coa guitarra pendurada, e fumabao en silenzo, sen mirar a ninguén; cando remataba de fumar, deixaba a guitarra no chan, recollía as monedas que había na cazadora e metíanas nun peto, puña a chupa e tiraba a andar, soa, cara a Porta do Sol. E eu tiraba na outra dirección, cara Teis.
            Unha noite dun día de semán (chuviscaba e ía fresco, e non había case que ninguén pola rúa) ela rematou como de habitual. Eu estaba sentado nas escaleiras dos Xulgados, cuias interioridades inda non coñecia pero que me ían ser reveladas ben pronto, e erguínme para me ir, cando ela, co pitillo nos beizos preguntou “One more?” Eu ollei prá dereita, prá esquerda, tras miña. Non había ninguén. Así que debía estar falándome a mín. “One more… which one?” Eu lle dixen “Streets of London”, e ela dixo “Ahá, just for you, Streets of London, under the rain”  
            Chamabase Johanna, e o día que mataron a Abelardo Collazo e en Vigo houbo cen barricadas de lume a pasma cargou contra uns estudantes diante dela, e ela berrou “Viva Ulrike Meinhoff, viva a RAF”, e un policía sinalouna coa porra e díxolle “Logo vimos por ti”, e ela surriu, se encolleu de hombros e cuspiu na aceira. Era uha tía dura.
            Vivía, ou polo menos durmía, nalgún sitio do Casco Vello. Ía vela tocar case que todolos días, e logo camiñaba con ela polo Príncipe case que deserto. Cando eu andaba con algo de pasta (pouca e non moi lícitamente gañada) íamos tomar café ó bar A Mina, onde nos ollaban coma os bichos raros que éramos pero nos trataban ben. Eu falaba no precario inglés que aprendera no Instituto antes que me botaran; ela, nunha mixtura de italiano, inglés e español bastante comprensible e moi divertido. Tampouco é que falaramos moito.  Despedíamonos alí.
            Daquela tamén tocaba no Príncipe un tipo vasco que non me lembro como se chamaba, ó que lle faltaban cantidade de dentes e que só tocaba cancións de Dylan. O home, cando me vía, sempre me dicía “chaval, dile a tu novia que cante más bajo, que si no a los demás no se nos oye.”
            Chamábase Johanna, e eu empecei a roubar cousas pra ela. Iogures, quesitos, galletas, chocolate, cousas así. Eu sempre fora un mangui vocacional, pero non tiña un obxectivo determiñado: roubaba por roubar, cousas que non necesitaba e que a miudo guindaba por aí. Empecei a actuar con criterio, metódicamente, con un fin preciso. Un día leveime do Corte Inglés un surtido de latas variadas: bonito, xoubas, mexilóns e tal. Cando llas ofrecín, despois da actuación do día, tardei un rato en comprender que non as quería porque era vexetariana (“I don´t eat animals”, “Non, eu tampouco odio os animais, sabes”). Eu ouvira falar dos vexetarianos, pero pensaba que eran cousa de ciencia-ficción. Vendímoslle as latas a un trapichero de anfeta e coa pasta fumos a cear ó bar O Alamo. Tallarines con queixo e noces.
            Cando o día íalle especialmente ben (unha vez un jicho con aspecto de artista deulle cincocentas pesetas, un fermoso papel azul, mais bonito co ceo e o mar) íamos ós bares do final de Príncipe, A Viuda e outros que non me lembro, e baixábamos unhas cantas birras. Se se lle ía a man bebendo púñase triste e comenzaba a falar en algo que eu supoña que era alemán. Ou noruego.
Unha tarde topeina nas escaleiras do Xulgado. Tiña o beizo partido, unha boa ostia baixo o ollo direito, e unha man moi mancada. A noite anterior unha parella déralle o pau na rúa Triunfo. Roubáranlle duascentas e pico pesetas e a guitarra, o que pra mín era comprensible. E despois déranlle unha malleira porque sí, de gratis, como dicíamos daquela. “No guitarra, no música, no money.” Encolleuse de hombros e sorriu, ou polo menos intentouno.
            Estivo unha seman de baixa, sobrevivindo, en parte, coa comida que eu apalancaba nos super e na casa, e ós poucos cartos que levantaba cos meus trapicheos de baixo nivel: mercar eiquí e vender un pouco mais alá un pouco mais caro, ir ás farmacias e pór cara de neno guay e dicir moi serio “son prá miña aboa”, mentres un ionqui de anfeta agardaba na porta cós ollos saíndose das órbitas, boeno, cousas así, que vos vou contar.
            Chamábase Johanna, e era dura. Un que tocaba nun grupo que anos despois fíxose famoso coa historia da movida lle deixou unha guitarra española barateira. Ela nunca tocara moi ben, apañabase con tres ou catro acordes sobre os que cantar, pero despois da malleira, coa man chunga e coa guitarra aquela, tocaba de pena. Pero, pra mín, cantaba mellor que antes. As veces adicabame algún tema: “para el bambino, un buen wild chicou”. Se a xente me miraba, eu morría de vergoña e de orgullo. Seguiu sen querer que eu a acompañara á casa; seica non tiña medo ca voltaran atracar.
            Unha cousa que sempre facía, gañara o que gañara no día, era lle levar algo (cinco pesos, por aí) a un home extremadamente vello e con pinta de tolo que vivía entre lixo e miseria nunha casa medio demolida na rúa Progreso. Había quen dicía que era portugués, outros que grego ou chipriota, que fora mariño, que fora soldado, que era un santo, que era un cabrón. Johanna lle daba os cartos, i él lle puña a man (que semellaba unha garra) na cabeza, e dicía algo que soaba coma unha bendición. “Much better”, dicía ela. En fin…
            Despois pasou que tiven un problema de consumo excesivo de cousas mais ben nocivas. Pasou que estiven uns dez días sen me poder mover de casa. Pasou que perdín oito ou nove quilos. E pasou que cando fun polo Príncipe, ela non estaba. “Marchó”, díxome o vasco, “e hizo bien. El verano se acaba, y esta ciudad es muy chunga, tío. Yo me voy antes de diez días, fijo. Y tú deberías irte también, cuando puedas.”
            Era un bó consello. E funme moitas veces, pero sempre voltei. De feito, sigo eiquí. Pero xa non hai maxia nestas rúas, ou moi pouca.
            Nunca fun a Londres.
            Chamábase Johanna. Estivo un vran en Vigo, buscádose a vida, hai moitos anos, hai moitas derrotas, hai moitos golpes. Cantou pra mín, eu robei pra ela. Foi un bó trato. Supoño ca quixen, eu qué sei.
            O outro día escoitei “Streets of London” pola radio do bus. Ralph Mctell e o seu grande éxito. Unha canción en certo xeito conmovedora, en certo xeito babosa. Tirando desa progresión de acordes mintireira que xa patentou Pachebel no século XVI ou por aí. Unha canción en certo xeito ridícula. Unha canción que case que me fixo chorar, que abriu de golpe o saco onde durmían todas esas lembranzas que andan por aí enriba. Tíñades que ter escoitado a Johanna cantala. A canción convertíase nun himno rabioso, de resistencia e diñidade e esperanza. Un “inda estamos eiquí, cabróns.” Inda a escoito na miña cabeza. A voz de Johanna na noite  da cidade golpeada, sobrevoando as cabezas dos ionquis, dos quinquis, dos mariñeiros, dos parados, dos tolos, dos magos, dos santos, dos trapicheros, dos pasmas da secreta, dos perdidos. E un día, hai unha pila de anos, cantouna pra mín.
            Que é bastante máis do que poderíades dicir a maior parte de vos.


           
                       

lunes, 25 de febrero de 2013

25 de febreiro de2013. En clave (de sol)

Custa crer a estas alturas, ben o sei. Cada vez mais. Pero creamos nos que todavía cren, (porque son mais novos, ou mais tontos, ou mellores ca nos). Ou intentemos crer.

 





Ou fagamos como que cremos.

 




Despois de todos, nós non deixamos a Idea, foi  a Idea a que nos deixou a nos. Nunca estivemos á sua altura, de todolos xeitos.
Despois de todo,  quén somos nos, onde están os nosos méritos, as nosas fazañas, a nosa obra, como pra xulgar a ninguén…

viernes, 15 de febrero de 2013

15 de febreiro de 2013. Qué traballiño nos manda o señor, ou así.







Vale. Esta é unha  primeira e burda (non podía ser doutro xeito) aproximación nesta páxina a un tema que segundo como o collas pode ser ata divertido. Mentres seguimos sacrificando alegremente as nosas vidas á Economía, tomémonos un respiro e meditemos.
            A verdadeira relixión da crase traballadora é, precisamente, aquelo ca define: o traballo. “O traballo diñifica ó home”; “O traballo é saúde”; “O que non traballe que non coma” (ésta é moi boa: orixinal de San Pablo, adoptouna Lenin dous mil anos mais tarde, e cos mesmos fins); “O traballo os fará libres” (inscripción na entrada do parque temático de Auschwitz)…
Dos valores co capitalismo mais e mellor conquiriu incrustar nas nosas mentalidades proletarias é a sacralización do traballo (xunto coa idea do éxito e a do progreso, probablemente). Ata o punto que pra algúns traballadores que se definen como “progresistas”, de “esquerdas” ou incluso “revolucionarios” o traballo en sí, non as condicións do mesmo nen quen explota a quen, é un tema que non debe ser tratado de nengún xeito. Porque o traballo é sagrado. O traballo vertebra á sociedade (e así nos va).
Se alguén dixo algo mellor ca ti, non te comas o tarro; así que segue unha cita de Kropotkin, ben coñecida: “… o dereito ao traballo é o dereito a continuar sendo sempre un escravo asalariado, un home de traballo, gobernado e explotado polos burgueses de sempre.” Que alguén considere o traballo coma un dereito da unha idea do baixo que ten caído a cultura proletaria. Que o fagan os sindicatos que supostamente nos representan e defenden da medo, da carraxe, da risa.
Reparti-lo traballo? Vai de citas. Esta é da Asamblea de Jusseu, Movimento de Parados, do ano 1998, sobre unha das reclamacións “estrela” da chamada “esquerda”: “TRINTA E CINCO HORAS NOLA SUDAN. 35 horas de escravitude asalariada. 35 horas de “Bós días, Sr. Director!” 35 horas de aburrimento. 35 horas de xefeciños. 35 horas de “que chegue pronto o fin de semana”. 35 horas de curros inuteis (animador sociocdultural, representante comercial, axente de medio ambente, mediador pedagóxico, perfumadora, limpiador de caniches, e moitos mais…). 35 horas de curros perxudiciais (empregado no sector nuclear, vixilante, pasmo, periodista, delegado sindical, político, revisor, banquero, asistente social, publicista, xuiz, garda, obreiro das fábricas de semillas tranxénicas, e moitos máis…)”
A seguinte  foto tirouse o primero de maio pasado (festa do traballo, mira ti).  

O mesmo día repartiuse un folleto sobre o tema que nos ocupa que está moi ben, ó vello estilo fanzine e tal, e tiña intención de enchufalo eiquí, pero levo como unha hora intentando subilo e non hai xeito. Así que se alguén o quer, que mo pida. Intentareino outro día.

Inda vou engadir algo que escribin hai tempo pra unha certa publicación (que non cumpriu co seu cometido, pois non mo publicou). Vai un pelín fora de contexto, pero, a estas alturas…
“Sendo o traballo un dereito e un ben social, segundo a moral oficial, estar en paro é unha desgraza, e polo tanto o parado debe ser un desgrazado; de feito, o parado cumpre o seu traballo social consumindo, dando medo ó que traballa, dando lástima, e, loxicamente, intentando topar traballo. A imaxe do parado feliz que non pretende topar traballo é probablemente un dos pesadelos ocultos da xente de orde.”
He, he.
Unha última. Esta non é miña, nen vos vou dicir de quén é, pero invito eu:
“A esperanza está no inesperado”.
A foto de enriba tireina eu en Cangas o novembro pasado. Inda que semella un diablo de Tasmania, en realidade é un jatodecallejón duns 100 gramos de peso. Pero daba medo. Coma nós, ás veces.
Como sodes boa xente (en xeral e sen entrar en moitas matizacións), vos deixo un video do increible Jazzman de Compostela.




E xa está. Saúdos prós que viaxan. Levánse un pouco de nós, pero despois, as veces, voltan, e traennos palabras, imaxes e ñitus-ñitus.

ENGADIDO O 25 DE FEBREIRO



Pois este é o folleto do que falaba antes. Agora xa queda mais completo o chollo. Grazas ó remitente.

martes, 5 de febrero de 2013

5 de febreiro de 2013. Agardando.


Un home só agarda na sá de espera.
Un home, só, agarda na sá de espera.
Senta nunha cadeira, érguese, senta en outra. Hai sitio de abondo. Érguese. Pasea.
Agarda.
Luz branca. Zumbidos. Revistas nunha mesa.
Colle unha e lle bota unha ollada. Non entende nada do que pon alí. Nen sequer sabe en que idioma está escrito. Deixa a revista enriba da mesa. Séntase en outra cadeira. E agarda.
Xunta as mans, coma se estivera pregando.
Descubre que se pode estar mortalmente asustado e mortalmente aburrido ó tempo.
Érguese, camiña ata o outro extremo da sá, séntase en outra cadeira. Agarda.
Chégalle o ruido do tráfico de alá baixo, na rúa. Cré ouvir voces, música. A vida segue, alá abaixo.
Desexaría máis que nada sair pola mesma porta pola que entrou hai … canto hai diso?,  premer o botón do ascensor, chegar ó portal, encender un ducados, sair á rua, empaparse do orballo que antes estaba a cair (seguirá caindo agora?), e camiñar, camiñar rápido sen deterse, sen dirección, esquivando a xente coa que se cruzara, camiñar e  seguer camiñando ata que lle estouparan os pulmóns dunha puta vez.
Cambia de sitio. Colle outra revista, pero nen sequer intenta comprender o que está escrito. Agarda.
Pódese súar e estar morto de frío ó tempo.
Un home só agardando na sá de espera.
Unha porta se abre. Unha voz sen inflexións pronuncia o seu nome.
Érguese e diríxise cara á voz. Obedente, rendido, vendido.

________
A foto de enriba (miña) recolle unha peza, sen título, colección particular, de PFM (purificacionfernandez.blogspot.com). Barro branco e gres (penso). Lévolle tirado mil fotos, e non a remato de coller.
Vos deixo cun extracto dunha obra de teatro que vin hai xa uns cantos anos, e que non me dou quitado da cabeza. A obra é "As veces sentímonos tan cansos que facemos estas cousas", da compañía teatral  Novedous. A  mín deixoume abraiado. Non sei se esta compañía existe na actualidade, nen se é posible ver esta obra nalgures.

E xa está. Se me queredes algo, pois mo decides. Vémonos.

viernes, 25 de enero de 2013

25 de xaneiro de 2013. Apuntes sobre Palestina. Hadeel.


Hai uns anos era un motivo de discusión ou de diálogo habitual o de “sabían os alemans ou non o qué estaba ocorrendo nos campos de concentración?” (Os alemáns que non eran guardiáns dos tais campos, nen membros das SS ou altos cargos do partido nazi, se entende). E, no suposto de que sí o souberan, “como é que non fixeron nada pra intentar impedilo?” Xa vos digo, era un tema do que se falaba bastante; mesmo hai algunha película e algunha obra de teatro que tratan do asunto.
Dende logo era un xeito ben tonto de plantexar un problema moi complexo, pero que daba pé a, ás veces,  rematar falando de cousas moi interesantes (a responsabilidade persoal, a “obedencia debida”, o dereito a rebelión, e outras). Por suposto, a maioría das veces a cousa quedaba nun par de lugares comúns sen maior alcance.
“E, se o sabían, como é que non fixeron nada para intentar impedilo?”
Hoxendía, sabemos, se queremos, o que está pasando en Palestina. Sabemos dos asasiñatos, selectivos ou aleatorios. Sabemos das casas derrubadas, da terra roubada, da auga desviada pra que non chegue as aldeas, dos cultivos arrincados. Sabemos das mulleres esterilizadas á forza. Sabemos dos muros de seguridade que parten vilas pola mitade. Sabemos dos controles de seguridade diarios pra ir ó traballo, á compra, á escola, e para voltar á casa. Sabemos dos detidos sen xuizo e en condición inhumanas. Sabemos do bloqueo a Gaza, e do que pasa cando alguén intenta rachalo. Sabemos dos milleiros de refuxiados que non voltarán o seu país, dos milleiros que  xa morreron lonxe do fogar.
Sabemos que nas campañas electorais de Israel se prometen mortos palestinos para subir nas enquisas. Sabemos que se incumplen, unha tras outra, as resolucións da ONU, e que á “comunidade internacional” lle da o mesmo. Sabemos que a constante implantación de novas colonias ultraortodoxas no territorio palestino é unha mensaxe clara do goberno israelí: isto vai continuar así mentres nos queiramos.
Sabemos, ho, sabemos. Claro que sabemos. Dende hai moitos anos, dende hai moitos abusos, dende hai moitos mortos.
Quero pensar que haberá xente no futuro que se preguntará “E cómo é que non fixeron nada para intentar impedilo? Como se podían mirar no espello? En qué estaban pensando?”
E qué poderíamos argumentar no noso favor?   
Pouca cousa, a verdade.
A chamada “comunidade internacional” podería facer algo, pra variar. Podería, por exemplo, conxelar as contas de Israel no extranxeiro; podería ditar orde de busqueda e captura contra todolos integrantes dos sucesivos gobernos israelís, e dos mandos das suas forzas armadas; podería suspendelo comercio con dito país; podería afastar a Israel de todo evento deportivo ou cultural internacional;  poderíase aplicar a Israel o mesmo control sobre armamento nuclear que se lle quere impor a Irán; podería crear un corredor humanitario cara Gaza … poderíase, en fin, intentar facer cumprir as resolucións da ONU. Pra variar.
            O pobo xudeu ten sufrido moitísimo. Habería que ser moi miserable pra iñorar ou menosprezar este feito. Pero de nengún xeito pode esa tremenda dor xustificar a política de apartheid e opresión que leva a cabo o Estado de Israel sobre o pobo palestino dende hai seis décadas. Penso que esa política é un insulto á memoria dos seis millóns de persoas xudeas asasiñadas polo réxime nazi e os seus aliados.
           
            Pódese facer algo agora e dende eiquí (tendo en conta que os nosos “representantes” non van facer nada ó respecto)? Pois algo sempre se pode facer.
            Un pódese unir ó boicot ós produtos israelís que están traballando numerosos colectivos e organizacións de todo o mundo (algúns dos cais, hai que recoñocelo, son moi pouco recomendables; hai de todo). Os produtos israelíes identifícanse cos números 729 no código de barras. O certo é que é ben doado non consumir estes produtos, xa que a meirande parte deles son directamente superfluos ou remplazables sen dificultade algunha. Hai centos de páxinas en Internet que tratan sobre esta campaña, algunhas das cais incluen listas de productos concretos.
Hai en marcha, tamén, a nivel mundial, un boicot cultural. Neste enlace (se funciona), vos queda o manifesto galego e a lista de asiñantes, que segue en aumento día a día: .www.tk.saramaganta .
(Hai xente que está en contra destas actuacións. O prestixioso (?) filósofo (??) e pensador (¡!) Bernard Henri-Levi, que ten páxina aberta no El Pais sempre que quer, que pra iso é moi listo, explica –El Pais, 30/01/2011- que non se pode boicotear a Israel en nengún senso porque Israel é una democracia; que boicoteemos mellor a Sudán. Se nota que ten estudos, o home. Tamén hai xente que está en contra e que posiblemente sexa normal e teña boas intencións.)
Pódense mover páxinas coma ésta que estás lendo, e páxinas mellores ca esta.
E, boeno, cando Israel pasa dos asasiñatos selectivos e/ou aleatorios á carnicería pura e simple, soe haber manifestacións e actos de denuncia. Non acostuman a ser moi numerosos, polo menos por esta parte do mundo. Pero qué se lle vai facer.
(E dirá alguén: “Ir a manifestacións non serve de nada”; pero, a verdade, é que nunca se sabe. A ún, cando lle pisan, berra. Qué menos. E, ademais, se ve xente, se fala, te dan folletos que dín cousas distintas das que saen na tv, e se respira un pouco.
E dirá outro: “Con todo o que está pasando neste país, e perde-lo tempo co que está pasando na outra punta do mundo”; pero, en realidade, quen dí cousas coma ésta non soe facer nada, nen eiqui, nen alí, e, ademais, a xente que participa nese tipo de actos soe estar implicada en movimentos sociais, culturais e políticos directamente relacionados co chan que pisan.)
Boeno. Imos rematando por hoxe. Por segunda vez neste blog, Rafeef Ziadah, e un poema titulado “Hadeel”, vía you tube, con subtítulos en castelán. (O vídeo ten unha posproducción, ou como se chame, non moi afortunada, pero o poema é realmente bó e o que transmite e realmente duro. Penso).
As principais armas do poder son a nosa desidia, a nosa iñorancia, e a falla de comunicación entre nós. É dicir, cas principais armas do poder están, en certo xeito, nas nosas mans. Ata a próxima.


viernes, 18 de enero de 2013

18 de xaneiro de 2013. Strange Fruit, unha amarga colleita


O día 7 de agosto de 1930 Thomas Shipp e Abram Smith, dous homes negros, foron linchados en  Marion, Indiana. Foran detidos o día anterior, acusados do roubo e asesinato dun traballador branco, e da violación da novia deste.  Unha multitude asaltou a cela onde estaban confinados, golpeunos, arrastráronnos pola rúa e pendurounos dunha árbore. A Smith, previamente,  lle romperan os brazos porque  facía violentos esforzos pra se liberar. Oficiais de policía colaboraron co grupo de linchamento.
Un fotógrafo de estudo local, Lawrence Beitler, obtivo polo menos unha fotografía do suceso. Logo pasou dez días cosas suas noites facendo miles de copias, que vendeu con moito éxito ó prezo de 50 centavos cada unha. É a foto que segue a continuación.


(Nada do relatado mais arriba é especialmente raro. O linchamento no Sur de Estados Unidos foi unha práctica relativamente habitual ata a decada dos 50 do século XX. A toma de fotografías deses acontecementos tamén era corrente. Moitas delas se conservan, e, na maioría, sorprende ver un orgulloso grupo de ciudadans, nenos, as veces axentes da orde, posando xunto ós corpos dos asasiñados, que moitas veces foran queimados vivos antes de ser pendurados dunha árbore ou poste. Estas postais a miudo lembran festas populares misturada con  fotos de cacerías de elefantes ou leóns.)
Abel Meeropol (que tamén asinaba como Lewis Allan),  poeta, profesor, autor de cancións, marxista (seica afiliado o Partido Comunista dos EEUU), branco,  xudeu, residente no Bronx,  viu a fotografía, e, segundo as suas palabras, quedou abraiado e obsesionado durante varios días. Decidiu escribir un poema, ó que titulou “Bitter Fruit”,  que foi publicado nun periódio sindicalista e nun voceiro marxista no ano 1937 (nalgures nesta páxina, unha traducción ó castelán feita por Carlos Alvarado). Posteriormente púxolle música; a canción, xa co titulo “Strange Fruit”  foi interpretada polo propio Meeropol, a sua dona e a cantante Laura Duncan no área de New York, acadando unha certa notoriedade como “canción protesta” en ambentes de esquerdas e no movimento polos dereitos civís. De feito, a expresión “Strange Fruit” fíxose equivalente a “linchamento”.
No ano 1939, Billie Holiday coñeceu a canción, probablemente a través do propietario do Café Society, primeiro clube de New York “integrado”, e decidiu incluila no seu repertorio. A cantante recoñoceu que lle infundía certo temor interpretala, pero que o faría en lembranza do seu pai, que morrera dous anos antes de neumonía en Dallas porque ningún hospital admitiu un home negro (“O meu pai non o matou a neumonía, matouno Dallas”, dixo). Cantouna por primeira vez no Society, e ese mesmo ano grabouna pró selo Commodore, xa que Columbia, a discográfica na que traballaba habitualmente, negouse a rexistrala por non  disgustar ós seus distribuidores no Sur.
Daquela Billie Holiday xa era unha cantante moi recoñecida, con cifras de ventas moi altas,  pero coa  grabación de  1939 de Strange Fuit chegou a vender  un millón de discos só no primeiro ano. De feito, a canción converteuse nunha sorte de emblema da cantante. Voltou a grabala en 1941.
Polo habitual, era a canción coa que pechaba ás suas actuacións, e tiña unha posta en escea particular: durante a sua interpretación non se atendía ós clientes, apagábanse todas as luces non sendo unha sobre a  cantante, que se mantiña inmóvil e cos ollos pechados durante a introducción do tema. Cando remataba a canción, Billie Holiday saía do círculo de luz e o escenario quedaba a escuras.
Holiday actuou raramente no Sur dos Estados Unidos, e nesas poucas actuacións case que nunca interpretou Strange Fruit. Nunha ocasión, en Mobile, Alabama, tivo que abandoar precipitadamente o esceario ante a irritación dun público moi contrariado  coa canción.
Billie Holiday sempre mantivo que foi a sua interpretación da canción que nos ocupa a que desencadeu a persecución co FBI e outros corpos de seguridade norteamericanos mantiveron contra dela ata o final dos seus días.
A canción tivo algunhas outras versións notables (de Nina Simone, Bernardette Seacrest, Jeff Buckley, Marcus Miller, Josh White, Siouxsie and the Banshees (¿)...), pero ó meu entender, nengunha delas iguala á de Billie Holiday, quen, como en moitos outros temas, a pesares de non ter composto nen a letra nen a música, fai unha auténtica e irrepetible creación.
Nunca ouvín esta canción en directo, por certo. 
Vía YouTube, unha interpretación de Billie Holiday moi tardía (1959):

   
Extraño fruto

Árboles sureños cargan extraños frutos,
Sangre en las hojas, y sangre en la raíz,
Cuerpos negros se balancean a la brisa sureña
Extraños frutos penden de los tuliperos.

Escena pastoral del galante sur,
Los ojos saltones y la boca retorcida,
Perfume de magnolias, dulce y fresco,
Y el repentino olor de carne quemada.

Aquí está el fruto (que alardea coraje) para que arranquen los cuervos,
Para que la lluvia tome, para que el viento chupe,
Para que el sol descomponga, para que los árboles suelten,
Esta es una extraña y amarga cosecha.
(Traducción de Carlos Alvarado; su blog: con tinta de amapolas.com)
(A partitura que encabeza, tireina do blog elmundano.wordpress.com)

E imos rematando por hoxe. Se queredes algo, pois no correo (carlosdeteis@terra.es). Saude, non esquecer o paraugas, e ata pronto. (Me da a sensacion de que se me está esquecendo algo, pero non sei que... en fin)

miércoles, 9 de enero de 2013

8 de xaneiro de 2013. O 2012 non foi tan malo: un repaso a concertos. E tal.





Seica o outro día, aí atrás, non rematou o mundo, como algúns predictiran (ou predixeran). Nunca se sabe. Ó mellor sí rematou i eu non me enterei; non sería raro. Últimamente non me entero de nada.  O que é seguro é que cada día é o fin do mundo para moita xente.
O que sí que rematou foi o ano (que agora podemos chamar “ano pasado”). Diso estou case que certo.
Unha cousa que fai moita peña cando remata un ano é o tema das listas de cousas mellores do ano. Xa sabedes: as dez mellores pelis do ano, as mil cancións do ano, os quince mellores cociñeiros bizcos que non sexan nen vascos nen cataláns, os catorce políticos mais atractivos… Pódese facer listas de todo. Se lle botades unha ollada ás revistas ou páxinas de Internet ou programas de t.v.  que traten de cine ou de música ou de tendencias (?), toparedes listas de todo tipo, algunhas francamente divertidas.
O caso é que me dixen “oes, fagamos unha lista”. E inmediatamente me respostei e me preguntei, simultaneamente: “pra qué?” E é unha boa pregunta, a verdade. É o tipo de preguntas que non se deberían facer nunca. Vaia, é a típica pregunta que se cha fas a primeira hora da mañán, non te levantas da cama.
Porque, a ver, pra qué é que facemos cousas coma ésta (o blog, o das listas, escribir cousas que non lé ninguén, tirar fotos…)? Pra impresionar a alguén? Pra demostrarnos a nos mesmos que inda estamos vivos? Pra nos distraer mentras agardamos o fin do mundo particular de cada ún de nos? Por inercia? Pra deixar unha marca no transcurrir do tempo que sinale a nosa presenza nun intre determiñado?. Mexadas de can…
Pero sonche cabezón (literal e figuradamente), e convencínme a mín mesmo (“veña, tío, qué mais te da, unha lista sempre mola, mira os do El País e tal, tampouco custa tanto…”). E, por non me aturar mais, accedin. Así que acordei facer unha lista.
Vale. Pero unha lista (selección) de qué.
Porque xa sabedes que a actualidade non é o meu. Quero dicir que nunha lista cos mellores libros do 2012, por exemplo, quedaría un pouco chungo meter cousas que se editaron en 1967. E o certo é que probablemente non lín nada durante o ano pasado  que fose escrito ou publicado nese ano. Se falamos de discos ou películas, en xeral, me sucede o mesmo.
Boeno, pois todo este rollo que antecede vai para dicirvos (se inda estades aí) que a cousa vai de repaso a concertos do ano pasado. Ilustrado con bonitas fotos feitas polo autor. Clasificado por categorías. Veña.
Primeira categoría. Premio especial ó concerto decepcionante do ano: Keb’ Mo’, no Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, en xullo. Polos cravos de Cristo. Por momentos me parecía estar oindo a Eric Clapton ou un deses, pero inda mais edulcorado e tonto. Blues envolto en papel celofán para que non arañe.
Segunda categoría. Concertos ós que non fun, querendo ir (motivado). Nacho Vegas, en Santiago (entradas vendidas 15 días antes do concerto, e eu sen enterarme); Xumrrá, no Teatro Ensalle (problemas de saúde); Iago Fernández e Virxilio da Silva, no Xancarajazz (saúde); Joshua Redman, en Pontevedra (agotamento laboral); Isga Collective e Xardín Desordenado, no Concello (retraso de 4 minutos na entrada (?)); Marcos Pin, en La Pecera (saúde). E algúns outros que seguro que me esquezo. Por certo, moi mal andiven eu de saúde o ano pasado, agora co penso.
Tercera categoría. Concertos que estiveron moi, pero que moi ben: So son dous (2us), no Bar Hipólito, en novembro; Pablo Carrera (cun gripallón importante)  en La Pecera, en novembro; Alamanouche, no Xancarajazz, en outubro; Woyza e Isaac Garabatos, no Cabiria (en setembro ou outubro); Mónica de Nut Trío, no Salason de Cangas (maio ou xuño, por aí), Ruxe Ruxe, por suposto, no Festival Folc de Vilariño, Silvia Penide, en Pontevedra…
Categoría especial. Gran premio do xurado, gran premio do público, tedes un café pago:
-MBM Trío, no Bar Hipólito, en decembro. Lucía Martínez á batería, Antonio Bravo, guitarra, e Baldo Martínez, contrabaixo, fixeron un dos concertos mais intensos, imaxinativos e cun nivel de interpretación mais alto ós que eu teño asistido nos últimos anos. A revelación da noite (pra mín, que son moi iñorante) foi Bravo, a quen considero dende xa dos mellores guitarristas que se poden topar na actualidade.
- Max Gómez Cuarteto (Max, batería, Iago Fernández, batería, Paco Charlín, baixo, Mortagua, saxos), no Contrabaixo, en novembro (creo). Impecable. Intenso. Xenial.
Mención especial pró dúo Escuchando Elefantes, que habitualmente tocan, orgullosamente,  nas rúas das nosas vilas. Este ano me coincidiu miralos tres ou catro veces na Rúa do Príncipe, e sempre me alegraron a tarde.
Mellor concerto do ano. Jato douro. Café pago, e prá próxima vos axudo a cargar material, se a saude mo permite.
Exaequo (como mola pór según que palabras):
- Lucía Martínez Cuarteto, tamén no Bar Hipólito, en decembro. O cuarteto regular de Lucía (Minnermann ó contrabaixo, Brandao ó saxo e frauta, Neves o piano) explotando o magnífico disco “Soños e delirios”. Un cuarteto en plena forma, moi ben conxuntado, dos que xa vos teño falado (ben). Un grupo que hai que ver sempre que se acheguen polo pobo. Vos recomendo compulsivamente (xa sei onde van parar as miñas recomendacións, pero en fin) a escoita do tal disco. A única pega do concerto: xente de mais. Pero é lóxico. Somente para escoitar “Perto do 177 da Rua Moreiras, en Porto” pagou a pena ir ata Travesas.
- Mónica de Nut e Virxilio da Silva, agosto, na Praza da Constitución. Pra mín, un concerto ideal: unha proposta arriscada, un público heteroxéneo, ó ar libre (vaia, que se podía fumar), opinións enfrentadas,un moi bó son, espazo pra Mónica se mover (as veces da un pouco de angustia vela en sitios pequenos), un repertorio excelente defendido con solvencia,  unha moi sólida interpretación de Virxilio (pero qué bó é este tío), e ... Boeno, estaban que se saían, esa noite. De feito, se sairon. Por algún motivo,sempre que penso nesta xente a palabra que me ven á cabeza é honestidade… Pegas: un pouco curto de mais, non fixeron “Como deita o tempo”, e se me rematou a batería da cámara ós cinco minutos de empezar. De feito, a foto que vai por aí, nalgures nesta páxina, non se corresponde a esa actuación. Péro é moi chula. Porqué non hei de cantare…eso, por qué non.

E xa está. Cada vez son mais brasas, xa o sei. Sinto.
Todolos músicos mencionados están vivos e en activo, que eu saiba. É dicir, cabe a posibilidade que neste ano toquen perto de onde ti vives. Non hai actuación das reseñadas á que eu non volvería ir con gusto (agás a do Keb’ Mo’). Ou sexa, que volas recomendo todas e cada unha delas. Encarecidamente.

Ben mirado, o 2012 foi, pra según qué cousas, un ano bastante bó. Pero, xa sabedes, “The best is yet to come”.