miércoles, 14 de agosto de 2013

14 de agosto de 2013: o Oso Formigueiro tira fotos

            (A modo de intro: non sei se alguen se lembra do Oso Formigueiro; era unha persoaxe de dibuxos animados de segunda categoría, que saía no show da Pantera  Rosa ou da Formiga Atómica ou un deses. O Oso Formigueiro era feo, malhumorado, malo e estúpido; unha das suas características fundamentais era que non aprendía nada, nunca.Outra, que nunca facía nada a dereitas.
            De neno sentía unha afinidade especial co Oso Formigueiro. Por algún motivo, nos últimos tempos, e despois de decadas sen lembrame dil para nada, volto a telo moi presente.)
            E sen relación algunha, ou sí, co anterior:
            En contra da opinión xeralizada (da pouca xente que se toma a molestia de ter unha opinión sobre mín, claro), eu fago bastantes cousas; o que pasa é que, en xeral, fágoas ben mal.
            Fago cousas importantes: xogar con gatos que me honran coa sua amizade, escoitar a John Coltrane (ahá, Crescent), intentar aprender a atarme os cordóns dos zapatos… Fago cousas necesarias: ir ó super, ir a traballar, ir e vir en bus, ir e vir en bus, ir e vir… Fago cousas intrascendentes: insultar ó Sr. Feijoo cada vez que sae pola tele, asinar escritos pedindo tal ou cal cousa… E logo fago estas outras cousas supostamente creativas, que non o son porque non está na miña natureza crear nada, pero que a mín me entreteñen moito: xa sabedes, toco a guitarra, escribo, artello discursos, e tiro fotos.
O da guitarra non paga a pena nen mentalo; vos podo asegurar que a música que (des)fago vos faría intensamente desgrazados. A guitarra non ten culpa de nada, que é unha boa guitarra, honesta e xentil. Pero está claro que non me chamou Dios polo camiño da interpretación musical. Como non carezo totalmente de sensibilidade, e en ben da comunidade, toco moi baixo  e nunca en público (descontando á xente, humana e felina, coa que convivo, que xa está acostumada e o levan bastante ben, dentro do que cabe).
O de escribir, pois xa vedes vos. En tempos había xente que dicía que non o facía mal, e que porqué non me adicaba a esto. Afortunadamente nunca lles fixen caso. Probablemente era xente que non me quería ben, e que por algún motivo quería que morrera de fame. Hai xente moi mala.
Os discursos que artello son de exclusivo uso persoal e, ó igoal co cepillo de dentes, non llos deixo a ninguén.
Pois,  tirar fotos é a actividade  (destas “creativas”) que mais satisfaccións estame a dar últimamente. Boeno, satisfaccións e unhas considerables descargas de mala ostia (estiven a piques de estampar a cámara contra o chan unhas vinte veces, so no último mes). Pero as fotografías que estou a facer, sen ser perfectas, nen sequer boas, probablemente nen aceptables, empezan a se achegar a idea que teño na cabeza cando as fago. O cal non siñifica que a tal idea sexa boa ou interesante, pero facer algo que  se asemelle inda que sexa de lonxe a algo que se tiña  en mente é algo bastante novedoso para mín.
Como fotógrafo (xa me dou títulos e todo, mira ti) son lento e anticuado; teño unha certa tendenza ó dramatismo; son escasamente orixinal; non domino nen a cor nen a composición; teño uns coñecementos moi rudimentarios de técnica… e inda así e con todo,  algunhas das fotos que estou a tirar góstanme. Boeno, xa sabedes co menú nivel de autoexixencia non é moi elevado.
(E dirá alguén: “E qué? Un tipo non moi nos seus cabais ten un hobby e so pasa ben sen meterse con ninguén? E xa está? Pero esto qué é, o guión dunha peli francesa de última xeración?”, e terá razón. Pero a edade non perdoa).
Boeno, vos deixo un enlace coa cousa ésta que teño no flickr (pronunciese flickr), e quen queira lle bota unha ollada e logo mo conta .http://www.flickr.com/photos/carlosdeteisfoto/
(Veño de probala e funciona)
Pero (pero, pero, pero), porqué motivo eu, ou calqueira, fai fotos? Pra apresar  un intre fuxidio da vida, conxelalo, e poder velo despois con calma? Quizais sexa así nalgúns casos, pero na maioría non,  penso. É unha inversión emocional pró futuro, cando o fotógrafo intente artellar as suas lembranzas baseándose en imaxes capturadas (fixádevos na palabra) moito tempo antes? Mmmm… Fanse fotos prá amosar como percibe ún a realidade? E pra amosarllo a quén? A ún mesmo? Fotografíase pra lle dar á realidade un valor estético ou poético ou social que ésta non ten? Porque, a fotografía “captura” a realidade ou “crea” unha realidade nova? Ou é un tipo de creación que vampiriza a realidade? Ou é, sen mais, outra mexada de can, desas que imos deixando pra probar(mos) a nosa existencia?
(Este é o tipo de chapa propia do Oso Formigueiro)
Outra cousa. Non sei se saberedes que en Salvaterra de Miño fan dende hai xa ben anos un Festival de Poesía. (Festival de Poesía do Condado).  Eu, a verdade, nunca fun e probablemente non irei (xa sabedes, debe estar cheo de poetas, artistas, xente intelixente con gañas de se relacionar e pasalo ben e así, co cal eu estaría totalmente fora de lugar), pero seméllame importante, necesario, que se faga e se siga facendo. Xente que respeto e da que me fío di que hai que apoiar a xente que organiza o tal Festival, que seica pasa por problemas (de pasta, non de iniciativa ou de gañas). Así que están pedindo colaboracións, e o próximo sábado, día 24, faise na Cova un acto de apoio. Volo digo porque estaría ben que fórades (o da Cova e a Salvaterra). Vou intentar pór o cartaz;
 

 Ahá.

E xa está. Como a entrada ésta vai de fotos, non poño nengunha (lóxico, non?). E tampouco poño video. Nen nada. Grazas pola vosa pacenza.





lunes, 22 de julio de 2013

22 de xullo de 2013. O día da patria... mais ou menos

O 25 de xullo, en Santiago, é un día magnífico, surrealista, extrano, divertido, inquetante, agobiante… É coma unha película de Fellini, rodada en exteriores, cuns cantos actores principais e unha chea de extras.  Xa teño ido unhas cantas veces (nove ou dez, por aí), e o próximo xoves, se podo, alí estarei.
Entre outras cousas, o tal día celébrase o Día da Patria Galega, como supoño que xa saberedes.
O ano pasado asistín ó mitin do 25 de xullo do Encontro Irmandiño, na Praza de Mazarelos, baixo un sol de xustiza (curiosa expresión). Non me quedei ata ó final, e polo tanto non puiden ver ó Beiras (moito calor, a cousa durou un pouco de mais, e xa me estaba empezando a aburrir, a verdade). Pouco antes vira a chegada da manifestación do Bloque á Praza da Quintana, e semelloume ridícula: un palco enorme, como se fose a actuar U2 ou algo así, unha bandeira independentista de non sei cantos metros cadrados portado por un grupo de neniños, un equipo de orde visible de mais, unha actitude como de telo todo controlado… boeno, un amago de acto institucional, non moi distinto do que se desenrolara había poucos minutos na catedral. (A xente do Bloque repartía uns pasquins que puña “Beiras, grazas por todo. Asiñado, o PP”, he, he). Boeno, abrinme de alí, e fun ver a presentazón en sociedade do novo-non-tan-novo proxecto nacionalista.
Eu considérome, dalgún xeito, nacionalista, ou mais ben comparto co nacionalismo galego unhas cantas cousas: o amor pola lingua (crédelo, a pesares dos aldraxes que lle fago a cotío) e pola terra (nun senso literal: estou falando de árbores, ríos, paxaros, néboas ou treboadas, cousas así), e, sobre todo, o desprezo por España, polo español (e non estou falando do idioma). Non comparto a, digamos, obsesión simbólica (bandeira, himno, selección de fútbol, fronteiras, esas cousas pouco me din, a verdade), nen mitolóxicas; nen vexo a necesidade de crear un novo estado. Non son independentista, ou polo menos, non considero que a independencia sexa unha prioridade. Pra mín é evidente que Galiza é unha nación (cousa que España non é), e que non ten porqué ser un estado (cousa que España sí é). Pero o concepto de “patria” é alleo a mín; dame arrepíos. Ó mellor é que non teño capacidade de abstracción. Ou que son tonto.
(Un rapaz con quen comentei estas cousas díxome que a alternativa a ser independente é ser  dependente, e non lle faltaba razón. Boeno, algunha outra opción haberá…).
O caso é que o acto do Encontro Irmandiño (ou era de Anova?) resultoume moi interesante, e moi… ilusionante, digamos. Non pra mín (as miñas ilusións no aspecto social ou político son moi escasas, xa vos daríades conta), pero cando marchei de Mazarelos rumbo San Pedro, pra ver de tomar algo fresco e tal, fíxenno cunha certa idea de que, quizais, a narcotizada política  galega podía sufrir unha descarga de realidade e mala ostia. Un ano despois, podo dicir que

AGE non me decepcionou, non por completo ó menos; ó final resultou que o Parlamentiño servía para algo, mira ti.
Pois nada, conto con estar o 25 pateando as ruas da única cidade de Galiza que merecería ser salvada do derrubo (boeno, tamén está Lugo), entre pelegríns, independentistas, persoeiros, curas, monxas,  despistados, policía nacional-autonómica-local-da secreta, e a ben querida, detestada e sempre esquecida (por fortuna pra ela) canalla de Compos. Conto con tirar unhas cantas fotos, de recopilar uns cantos pasquíns, de ouvir fragmentos de mitins, de botar uns risos a conta dos guiris (e que algúns son francamente frikis…)  e estar de volta a tempo pra ver a Pablo Castaño, Paco Charlin e Manolo Gutiérrez en Moaña.
Pasádelo todo o ben que poidades. Como dicía o outro “a vida e ben curta e inda así nos aburrimos”.
 
ENGADIDO: 26 de xullo.
Qué cativas, que inutís, que inoportunas semellan a día de hoxe as verbas escritas mais enriba... Qué fráxil, qué pequena, qué pouca cousa é a existencia. Canta dor chovendo sobre Santiago. Quen fose forte e grande pra escribir  algo que lle sirvera a alguén pra algo...

viernes, 28 de junio de 2013

28 de xuño de 2013. Sinte a Roja (ou algo semellante)

            Un tipo, ou unha tipa, que leve un chándal (ou unha camiseta, ou unha sudadera) da selección española é un (unha) imbécil?
            Sí, sen dúbida.
            Hai tres excepcións (que se me ocorran agora mesmo):
            1).- Que o tipo, ou a tipa, en cuestión sexa deportista membro dalgunha selección española. En este caso o chándal lle sairía gratis, e mesmo pode ser que cobre por elo.
            2).- Que o suxeito (suxeita?) teña menos de dazaseis anos. Todo-los menores de dazaseis anos son idiotas, leven a roupa que leven (ou digan o que digan, ou fagan o que fagan; é así, é algo propio da especie, non se pode facer nada, sinto).
            3).- Que o tal (a tal) sexa un/unha emigrante ilegal con gañas de integrarse rápidamente e/ou pasar desapercibido/a nos controis policiais. Creo que esta táctica non soe dar moi bós resultados, pero é lóxico que se intente.
            Ó mellor hai algún caso mais (non sei, camuflaxe, demencia transitoria,  algo así), pero polo demais podemos afirmar categóricamente que quen leva indumentaria da selección española, salvo en contados casos, é un imbécil (ou unha imbécil).
            (Como non hai moitos seguidores deste sitio, e creo que os coñezo a case que todos, sei que non vos ides cabrear, o cal é unha lástima. Realmente, me custa moito provocarvos. Se algunha das cousas que eu poño por eiquí de cando en vez as dixera, que sei eu, Pérez Reverte ou un deses, se podería montar unha polémica do copón, moi divertida, e que podería rematar en descalificacións personalis, odios acérrimos (?) e cousas así, o cal me levantaría a moral un pouco, que boa falta me fai. En fin…)
            Hai pouco ouvín que hai un proxecto para que o Ministerio de Deportes (ou Dirección Xeral, o que sexa)      se integre no Ministerio de Defensa. Ó mellor semella raro a primeira vista, pero pensade que tanto os nosos aguerridos soldados como os nosos esforzados deportistas internacionais comparten a defensa dos valores nacionais (boeno, xa sabedes, os valores nacionais, qué queredes que vos diga que vos non saibades sobre os valores nacionais). De feito, hoxendía estimula mais o patriotismo e o ondear de bandeiras rojigualdas os triunfos da “nosa” selección de fútbol cos desfiles dos “nosos” militares profesionais (inda que se acompañen de cabras e outros simpáticos animaliños).
            E o patriotismo e o ondear de bandeiras (especialmente as rojigualdas) son unha potente maquinaria de fabricación de imbecís.
            Boeno, eu nunca dixen que foxe boa persoa…

   Aí vos queda un video-vía-you-tube de Verónica Ferreiro, a quen tiven grata ocasión de ver hai ben pouco no Hipólito.


E boeno, mais nada. Lembravos que hai moitas cousas pra facer estos días: Festas no Barrio de San Pedro , en Santiago (rematan o domingo, e pagan moito a pena); Imaxinasons, en Vigo; os xoves, Jazz enMoaña, na Cofradía de Pescadores; en Cangas comenza o Festival de Teatro Cómico... boeno, unha chea de cousas.
         

 

viernes, 21 de junio de 2013

21 de xuño de 2013. Non digades que foi en van (a ostia)

Hoxe ímonos pór sentimentais (unha observación: o plural da anterior frase non siñifica que esto o escribamos entre varios, estaríache boa, nen que vós vos teñades que pór sentimentais, vos saberedes; e o que chaman plural maiestático, e é o que usan os reis, para que vexades en que plan veño hoxe).
Vale, empecemos de novo. Hoxe voume pór sentimental; aviso por se alguén, con todo o lexítimo dereito e en beneficio da sua saude,  decide deixar de ler eiquí. Non pasa nada, seguimos sendo amigos, se me ves pola rúa saúda, que eu cada día vexo menos.
Pois resulta que este sitio-blog-cousa cumpre un ano; parece incrible, pero é certo: estiven revisando os arquivos, e a primeira entrada foi o 30 de xuño do 2012. Vale, case un ano. Boeno, non é pra tanto, diredes, vaia unha cousa. Ai non. É a ostia. Así que me vou sacudir durante un anaco o manto negro de baixón que habitualmente levo nos ombreiros (coma un loro ruín de pirata), e voume celebrar. Eu me celebro e me canto, que dicía o outro.
Teño tabaco, café e almax. Estou escoitando a Guru (que o seu Deus o teña na gloria) a todo volume. Non hai nengún gato perto (hoxe teñen día libre), pero polo demais todo está ben (“una temperatura perfecta para la práctica del fútbol”, unha desas frases estúpidas que che quedan grabadas no cerebro dende neno).  Imos alá, pois.
Que este chisme-sitio-recuncho leve funcionando (é un dicir) dende hai un ano (trinta e tres, a edade de Cristo menos un mes, entradas, ésta incluida, unha chea de fotos, case que todas miñas, moitos videos de youtube, poemas alleos… ) é a ostia, e por unha única razón: que o fago eu.
Eu, que non son escritor, nen fotógrafo, nen, os deuses me axuden, poeta, nen sociólogo, nen político, nen sindicalista, nen militante de nada, nen crítico literario nen musical. Eu, que non teño estudos superiores (a única vez que pisei unha universidade foi nunha xuntanza da, perdón pola reiteración, Xuntaza Libertaria, para tratar un tema de presos e tal),  nen estudos medios,  e que hai décadas que esquecín, afortunadamente, os primarios. Eu, que non teño carreira profesional, senon un emprego, bastante asqueroso e non moi ben pagado. Eu, que non son moi listo que digamos, que non estou introducido en nengún “mundillo” (qué palaba mais repuñante, nunca me dera conta) de nengún tipo, que carezo, que vos vou dicir a vos, de calquer crase de talento. Eu, especialista en proxectos inacabados ou nen sequer comenzados. Eu fago esta cousa. Dende hai un ano. A ostia.
(É evidente que se os meus escritos ou as miñas fotos tiveran que pasar algún tipo de filtro editorial ou crítico ou comercial non existirían, ou polo menos ninguén tería acceso a eles.  O cal sería lamentable (pra mín sí, qué queres que che diga). Obxectivamente sería indiferente (un pouco mais ou menos de morralla no mundo é imperceptible, supoño), pero, boeno, a obxectividade, para mín,  é un concepto extrano e misterioso, e que lle den.)
Se tivera que facer unha valoración (vaia, non teño que facela, pero é que me apetece), sería contradictoria. Por un lado, a tal valoración sería mais ben negativa. Non me lembro porque empecei a facer isto, pero seguro que agardaba algún tipo de consecuencia, de reacción, de cambio, de intercambio: sexa o que fora, non se produxo.
Pero.
Mirade: se esta cousa sirviu pra que alguén se decidira a facer algo de creación persoal (“Se ese, que é medio parvo, fai iso, seguro que eu tamén son quén de facer tal cousa, e mellor”); se sirviu pra que alguén non esquecera, ou se replantexara, ou cuestionara, a problemática palestina ou os gastos militares; se sirviu para que alguén coñecera ou tivera un pouco mais presente a obra de xente da terra, xente orgullosa, chea de talento e de resistencia a unha época mais ben imbécil (a artesá PFM, o poeta Manolo Pipas, a inclasificable Mónica de Nut, os enormes músicos e poetas que habitan o país, cada ún ó seu  xeito); se alguén entrou en contacto co Espazo Aberto Antimilitar, ou co Ateneo Libertario de Vigo, ou a xente que promove o boicot cultural a Israel; se alguén se botou unha risa, ou se sintiu un pouco menos só, ou un pouco confortado (“vaia, hai xente algún anos mais imbecís ca mín”) lendo esta cousa; se alguén colleulle un pouquiño mais de amor á Lingua (a pesares dos estragos  que eu lle fago a cotío, sinto); se sirviu para facer unha lembranza colectiva do grande amigo que foi Miguel Carballido… Boeno, sesirviu   para algo disto… Ostia. Non dígades que foi completamente en van.
E vos vous dicir unha cousa: pegar letras unhas con outras, e construir frases que teñan sentido e que se acheguen un pouco á idea (por simple ou estúpida que ésta fora) que ún tiña na cabeza, boeno, iso fai que ún se sinta… ben.  E ás poucas veces que o que escribiche  ten música, que soa afinado, boeno,  fai que ún se sinta cheo. E se alguén o lé … qué queredes que vos diga, é (adivíñachedelo: este é o leiv-motiv desde texto), é a ostia.
Xa volo avisei: rollo sentimental. Longo, pesado, e mal escrito. Puro estilo Carlosdeteis.
Ós poucos pero extraordinariamente xentís, comprensivos e pacentes lectores deste  diario de frustracións: humildemente, grazas.
Houbo unha época na que me saquei unha pasta (pouca, pero tampouco tiñas moitas necesidades) adiviñando o futuro mediante a práctica da quiromancia ou botando as cartas, pero, admitámolo, era unha actividade lixeiramente fraudulenta:  son totalmente incapaz de predecir
nada. Así co futuro desta cousa é incerto. Pero, boeno, como todo-los futuros, non?

Xa sei que son coma esas visitas indesexadas, que sempre se están despedindo e nunca se abren, pero, ehem, é que levaba tempo sen escribir e quen sabe cando me porei de novo a elo, así que, a xeito de agasallo, de despedida (supoño que momentánea) e de recoñecemento, e para que non pasedes o día sen que leades algo de calidade, vouvos pór (sen o seu coñocemento, por certo) un dos escritos do poeta Lariño que mais me teñen gustado (podedes seguer a producción case que diaria no seu sitio envolventesaspalabras.info). Chámase regálaste un pouco escura, foi publicado o día 3 de maio deste ano, e vai así:

cada sorriso ou cada dor
cada grande ou miúdo sentimento
pinta o teu espirito dunha cor
e para acompañar os teus versos
tamén as veces ti te pintas
os cabelos os ollos os beizos
e regálaste en escuras fotografias
lariño
E xa está. A gata da fotográfía darriba é, contra o que poida parecer, boa xente inda cun pouco rara.  Á pingueira da foto dabaixo non a coñezo de nada. Ata mais ver. Coidadevos.

lunes, 27 de mayo de 2013

27 de maio de 2013. Oración (a duas voces)

Topar un recuncho morno, afastado, invisible.
Alimentarse só de fume, e de silenzo, e da nostalxia
de cousas que nunca ocorreron.

E, se existese un dios (quen sabe…)
E foxe razonable (e porque non)
E eu soubese en que lingua lle falar
(a dos paxaros, a das máquinas, a da erva, a do ferro?)
Contaríalle de ti (dela? outra vez?)
Do fermosa que es, do cansa que estás (e lle importaría?)
E lle pediría (coma todos…)
Que mirase por ti, que che coidara, que te afastara do frío e da soidade,
Que te mantivera a salvo, que non permitira que escuras raices aniñaran no teu peito.
Que nunca estiveses perdida.
Que te protexera de xente coma mín (esa si que foi boa!)
Da xente pequena, triste, ruin e asolagada pola culpa e polo medo (xa sei o que ven agora…)
Coma mín.

Topar un recuncho morno, afastado, invisible.

(Ducias de pequenas dores; teño tabaco, café e almax, vai un pouco de frío, son as tres da madrugada, é a hora dos fantasmas; agora a gata durme ó meu carón, ten un sono axitado, respira con certa dificultade; ducias de pequenas dores; teño tabaco e café e unha longa noite por diante, me temo).

(Fago como que durmo, ó seu carón; está inqueto e triste, fala só, e non fai mais que fumar, éstame a foder os bronquios; enténdolle mais do que él cré, coñezoo mais do que él pensa. Vai ser uha noite desas, me temo…Non sei como tanto lle aturo.)






lunes, 13 de mayo de 2013

13 de maio de 2013. O primeiro de maio mola.

Co retraso que é habitual nesta sorprendentemente-inda-visitada-pero-non-moito páxina, imos abordar (coma se fósemos piratas) o siñificado social, político, lúdico-festivo e mais do primeiro de maio, conmemoración da Festa do Traballo, Día Internacional da Crase Obreira, San José Obreiro, e outras cousas que tamén se conmemoran o tal día. Por conmemorar que non sexa.
O primeiro de maio mola. Con esta reflexión  xa estaríamos a altura dun universitario medio, pero tanto o redactor desta páxina (eu) coma os sufridos lectores da mesma (vos) temos un nivel de exixencia na análese, na expresión, no cuestonamento da realidade, etc., bastante mais alto do que, polo visto, se ensina  nas universidades do Estado. Así que imos profundar na reflexión citada.
Nefeuto, o primeiro de maio mola. E por moitas razóns. Imos expór unhas cantas, pero sen dúbida hai mais (o que pasa é que agora mesmo non se me ocorren). Vai:
-É festivo. O cal sempre está moi ben, sempre que teñas curro, e non traballes na hostelería, no espectáculo, na sanidade, no transporte público, nun medio de comunicación ou sexas policía de algunha das moitas razas que existen.
-Vas a algunha das manis que hai, polo menos nas vilas dun certo tamaño, e sempre topas xente coñecida que normalmente non ves, e te pós ó tanto de cómo lle vai a vida a uns e outros e esas cousas . As veces ata fas amistades, ou incluso ligas (eu non, pero sei de xente que sí). Tamén é entretido ver quen falta do ano pasado, e especular sobre o motivo da ausenza (quedou dormido, despistouse, morreu, pasouse a outro sindicato, pasa de todo…)
- Pódeste pór camisetas, gorras, chapiñas e cousas que somente podes pór ese día, e así lle das uso.
- Podes andar por mitade da rúa sen risco de que te atropellen. Ata agora, polo menos, porque si se populariza a extravagante costume de levar autobuses ás manis, calquer día pode haber unha desgraza.
- A diferenza das folgas xerais, o primeiro de maio os bares sí están abertos. Entendámonos: cando as folgas xerais, a maior parte dos bares tamén están abertos, pero da moi mal rollo entrar. O primeiro de maio non pasa nada, te tomas uns caldeiros cos amigos e tan contentos.
- Se tes colegas que van a manis distintas ca túa, logo podedes discutir sobre  cal meteu mais xente, cal tiña mais bandeirolas, bandeiriñas, faixas e globos, ou que portavoz dixo o tópico máis tópico ou a burrada mais grande.
- Podes pór a TVG o mediodía e ver se te ves nalgunha mani,
- Se tes can, lle podes pór pegatinas do sindicato que mais che goste e facerlle fotos, que sempre dan moita risa (ollo: estamos bordeando a crueldade animal). Tamén vale pra bebés. Disque prá avós, pero eu nunca o mirei.
- Podes intentar colarte nalgunha festa das que as veces organizan os sindicatos con mais pasta, e ó mellor consigues  xantar de gratis.
- Se tes algo de xeito tocando a guitarra ou cantando ou facendo malabares, soe ser un bó día pra facer algo de caixa, se te colocas estratexicamente (perto das manis, pero non no medio delas, por exemplo).
E mais cousas, xa vos digo, que agora mesmo non me lembro.
Todas son avantaxes, como podedes ver. E ata o de agora somente tratamos asuntos mais ou menos materiais. Porque se chegastedes ata eiquí (hai alguén aí?) paga a pena comentar así por encima  o aspecto digamos, mmm, espiritual do tema.
Saberedes que cada vez que asistides a unha mani do primeiro de maio gañades puntos prá acceder ó Paraíso Proletario, que é a máxima aspiración ultraterrena dos traballadores concienzados e concienzudos. Como todo o mundo sabe, o Paraíso Proletario, na sua versión viguesa e masculina, é un lugar maravilloso: existe pleno emprego (podes traballar oito horas diarias durante toda a eternidade), o Celta non somente non baixa a segunda senon que gaña a Copa de Europa cada duas semans, hai numerosas festas gastronómicas a base de churrasco e pementos-de-padrón, abundan os sitios pra aparcar… Boeno, o Paraíso. E o único que tendes que facer prá habitar nel pra sempre é atender ás convocatorias dos vosos sindicatos, que saben o que mais os conven e miran por vos, e non facer o ganso. E morrerse, claro (algunha pega tiña que haber).
Despois de todo o exposto, coincideredes conmigo en que o primeiro de maio mola. De feito, debería haber un primeiro de maio cada mes e medio, unha cousa así.
---.

As fotos que acompañan esta profunda reflexión son miñas, e a primeira vista non teñen moito que ver co tema. Claro que todo é cuestión de darlle voltas…
Vos deixo cunha cousa de MBM Trío (Lucía Martínez, Antonio Bravo e Baldo Martínez), que non teñen culpa nengunha do que hai escrito mais enriba, e a quenes estou desexando ver de novo. E oilos.

viernes, 3 de mayo de 2013

3 de maio de 2013. V, eu e o estado da cuestión.

            Cada vinte ou trinta días acostumo quedar con V. Somos xente de costumes fixas: vémonos en días de entresemán, en un dos dous ou tres locais dos vellos tempos que inda sobreviven, a iso das nove da noite (ou do serán, dependendo da estación), nolos dous sós.
            Coñezo a V. dende hai uns vinte anos, e temos unha relación desas que poderíamos chamar “asimétrica”: Eu, inda co aprecio, non o considero amigo meu, e él probablemente me teña a mín polo seu amigo, inda que quizais non me aprecie demasiado. V. gábase  de ter moitos amigos, mentres que eu non podería nomear mais alá de seis, quizais sete, ó longo da miña vida.
            É un pouco mais novo ca mín, apenas uns meses, pero o seu aspecto é moito mellor co meu: máis xuvenil, máis san, máis atractivo, viste mellor. Ademais, a sua vida social é moi intensa (a diferencia da miña, que é prácticamente inexistente): a sua axenda sempre parece chea, é raro co seu movil non soe duas ou tres veces cada vez que estamos xuntos, e soe asistir a concertos, exposicións, manifestacións e cousas así. Mesmo afiliouse hai pouco a un minúsculo partido trostkista, decisión que a mín pareceume tan desconcertante como divertida. Soe estar bastante ó tanto das noticias, das novedades, dos cambios de tendencias e outras cousas que a mín, cada vez mais, abúrrenme. Resumindo, está mais vivo ca mín.
            Levamos xa un tempo (dous, tres anos?) repetindo estas quedadas.
            As nosas conversas consisten básicamente en que V. fala e eu escoito. E fala, sobre todo, de persoas  que ambos os dous coñecemos, e das cousas que lles pasan, das que él está informado (porque as ve, ou fala con elas por teléfono, ou se mantén en contacto por correo electrónico, ou a través de terceiras persoas).
            Así, entérome que o de M., despois de todo, non era cancro; que o de L. sí o era, pero que o leva moi ben; S.V. divorciouse (de novo); T. e R., despois de levar convivindo sete anos, aparentemente de xeito satisfatorio, vanse casar: hai apostas a ver canto duran;   o gato de S.L. perdeuse; o gato de S.L. apareceu, pero non era gato, senon gata, e volve preñada; R.B., músico, despois de anos de malvivir tocando en garitos indecentes, foi contratado por unha famosa estrela do rockanrol para unha xira estatal; R.B. foi despedido despois do primeiro concerto da xira, sen que se saiba o motivo; hai unha nova escisión no antigo sindicato no que ambo-los dous militamos hai moitos anos; a demencia de S. vai a maiores; T. , R.S., V.I. e E. quedaron sen curro. C. tivo un neno, non se sabe quen é o pai; L. montou un bar; T.C. marchou a vivir a Burdeos… E mais cousas: un se muda de piso, outro faise católico, aquel se fixo unha tatuaxe (do Che Guevara, nada menos), este mercou un coche, aquela outra está tan cambiada que non a coñecerías… Así todo.
            Teño que admitir que todo esto, en xeral, non me importa, pero me interesa. Sinto curiosidade por ver como evoluciona a vida dunha xente coa que, en tempos, compartín algunhas cousas, a pesares de que agora mesmo non teña intención nengunha de reaunudar o meu contacto con eles. Interésame, ata o punto de que agardo con certa expectación as periódicas  conversas con V.
            Descoñezo o motivo que pode ter V. pra querer estar conmigo; non son precisamente unha compaña amena, aporto moi pouco á conversa, non teño un trato agradable. Quizais o fai por altruismo (“manteñamos a este tipo en contacto coa realidade”), quizais por fachendear diante miña do rica  e interesante que segue a ser a sua vida (“ves? TI es vello, EU estou en activo”), quizais é un costume adquirido sen mais (“vaia rollo, hoxe toca aguantar o tipo ese”). Écheme igoal.
            A verdade é que botaría en falla estas periódicas actualizacións de datos de xente que non me importa. Pero que me interesa.
            O desenrolo dos encontros é sempre o mesmo, con poucas variacións. Eu acostumo chegar un pouco antes (dende sempre chego anticipadamente ás citas, non sei porqué); cando aparece V. , puntual, saudámonos cunha aperta de mans; pedimos café, e as veces coñac ou augardente; V. empeza a me por ó día das cousas que lles pasaron nos últimas días a uns e outros; despois me informa das suas propias andanzas: as suas complexas e variadas relacións sentimentais, a sua militancia política, as suas perspectivas vitais, as suas impresións sobre os últimos concertos ou obras de teatro ou exposicións as que asistiu, problemas laborais; a continuación soemos ter unha conversa propiamente dita, sobre música (curiosamente él e moito máis clásico ca mín), algunha película que nos recomendamos sen moita convicción ún ó outro, a relectura dalgún libro. V. nunca lé nada do que eu escribo, o cal non me parece nen ben nen mal.
            E o último capítulo da quedada, xa cos cafés tomados: V. me transmite a relación  de defuncións recentes de persoas coñecidas por ambos, capítulo que, dada a nosa idade, cada vez vai tomando mais importancia. Nomes que apenas me dín nada; unha causa habitual de morte (cancro e suicidio, sobre todo; enfermedades varias; accidentes; causas descoñecidas); e un breve comentario sobre a persoa que “xa non está entre nós”, curiosa expresión que V. emprega en ocasións e que a mín e me resulta inquetante, porque tendo a pensar que o que xa case que non está entre nós son eu.
Normalmente non me impresionan moito estes decesos. A maior parte dos falecidos nunca tiveron unha especial siñificación para mín, ou hai xa tempo que non a teñen. As suas voces, as suas facianas, as suas peculiaridades, fóronseme esvanecendo, ata o punto que,  pra mín, xa estaban prácticamente mortos antes que V. mo certificase. Mortos que non me importan, na sua maioría. Pero que, sí, me interesan.
Lóxicamente, igoal que V. me fala doutra xente, supoño que a mín me incluirá no menú cando fala con esa outra xente. Gosto de imaxinar o que lles dirá de mín: “cada vez está peor”;  “non se coida, non vai ó médico, e así está”; “non fai nada, non sei porque algúns dicían que tiña talento, talento pra qué?”; “apenas fala, e se repite mogollón”; “é un pouco patético”, “estragouse”. Encántame esta última: curta, contundente, evocadora de imaxes: “estragouse”. E xente á que non lle importo, pero que ó mellor lle intereso (interese sociolóxico, lixeiro, anedótico), crerá que sabe algo de mín, como eu penso que sei algo deles.
Supoño que é posible que sexa V. o que lle comunique a un bó número de xente (tendo en conta o seu amplo círculo de amistades e a sua querencia pola conversa, e que probablemente vivirá mais tempo ca mín) o meu falecemento. “X.C. xa non está entre nós”. Definitivamente. E alguén retrucará:  “Ah, pero inda estaba vivo?”. E alguén dirá: “Boeno, moito entre nós xa non estaba, que digamos.” E alguén preguntará:  “ E ese quén viña sendo?” E alguén, pensativo,  suspirará e dirá “Cada vez quedamos menos.” E pensarán “boeno, tampouco se perde nada”. E logo falarán da última aventura do can de R., do gusto que ten prá música o fillo pequeño de T.L., da exposición de fotografía de A. e M., de que o de L., finalmente, non era cancro, da manifestación do xoves, do noxo que da o presidente da xunta,  do prezo das hervillas en lata.
Porque, boeno, a vida seguerá. Supoño.
Rematada a cita,  él volta á sua actividade e eu ó meu letargo. Eu normalmente quedo aliviado de perdelo de vista. Agótame. Detesto o exceso de vitalidade, de entusiamo, de enerxía.
Pero sei que dentro duns días estaré agardando, cunha certa impacencia, a sua chamada pra quedar, onde sempre e pró de sempre. Coma sempre.
 
 
------

E, boeno, ós heroicos e en perigo de extinción lectores deste blog (que algún hai): se algún ten gañas de ver mais fotos miñas, como éstas que van enriba e eiquí o lado, pode ir a flickr e buscar a galería de carlosdeteis.foto, e xa está. A mín góstanme, pero xa sabedes co meu nivel de autoesixencia é moi baixo.









Vos deixo cun video dunha das mellores bandas (sí, de jazz) que se poden topar no estado español e que, mira ti, é galega. Supoño que xa a coñecedes, pero nunca está de mais ouvir a SUMRRÁ tocando "Believe in Trane"; despois de todo, se non cremos en Trane en quén ostias imos crer.: