Boas de novo. Esta entrada ben podía ir a continuación da anterior, xa que leva a mesma data, e, ademais, o poema que recolle o vídeo que vai a continuación foi lido na Festa da CUT do pasado sábado. Pero penso que debe ir así, soa.
Non vou comentar mais nada. Eiquí non caben chistes, nen apreciacións, nen ostias.
Rafeef Ziadah, poeta palestina. “Nos ensinamos vida, señor”, en inglés e con subtítulos en castelán:
Unha lembranza moi forte para Miguel da CGT de Pontevedra, que ama e ensina a amar a poesía e a Palestina.
O próximo día 21 botarei unha boa sesta, se me deixan.
Botareille de comer ós gatos.
Botarei unha partida de subastado, se topo con quen.
Botarei unhas moedas , se as teño, a algún músico noPríncipe ou no arco ese que hai xunto á Catedral, en Santiago, se é que queda algún.
Botarei contas do que debo e do qué me deben.
Botarei a pota, como ven sendo habitual.
Botarei unhas risas, sen motivo.
Botarei en falla a moita xente. Tanta xente.
E botarei un grolo á saúde de esa xente.
E a moza anotou “non sabe/non resposta”
O gato que podedes ver eiquí ó lado é do Cebreiro, ou polo menos alí estaba cando lle tirei a foto. Semella que intentaba mimetizarse (sen moito éxito, todo hai que decilo) co feixe de troncos que agardan o inverno...
E vos deixo cun video con música do cantautor portugues Carlos Clara Gomes, a quen eu (confeso a miña iñorancia) descoñecía ata o pasado sábado, cando tiven ocasión de asistir o seu concerto dentro do “III Festival da Cultura Proletaria” organizado pola CUT no adro da Eirexa de Darbo, en Cangas. Un pouco de orgullo proletario nunca ben mal.
Pois xa está. Coidadevos moito, que veñen tempos duros.
: (
(teño unha amiga que sempre pon cousas coma esa nos correios, pero ten mais graza; saudos e tal)
Boas. O vran semella non querer deixarnos este ano, pero xa se notan os días. Onte xa era noite as nove, ou por aí. Boeno, é o de todolos anos, pero qué queres, esta época sempre me pon un pouco tristeiro. Inda que, ben mirado, poucas cousas son as que non me dan baixón...
E mira ti que fan cousas para nos ter entretidos. Cando non hai unhas eleccións hai unha eurocopa ou unhas olimpiadas, ou un desfile militar ou un macro festival de rock, ou unha exhibición aérea ou un desfile de moda… pero xa sabes, ún é así e non é doado de animar. Ún dos catro jichos mais tristes que hai no país, segundo o último ranking da Junta de Jalicia.
Se me queres algo (inda que non se me ocorre qué podería ser), carlosdeteis@terra.es
(Se me queres algo no sentido de si me tes que dicir algo, non de se me amas ou aprecias un pouco, que ben sei eu que non).
A foto que vai enriba de todo tireina eu o pasado 29 de agosto; a lúa sobre a Ría, dende a praia de Rodeira (onde estabas ti?). A de abaixo representa o meu estado de ánimo con toda exactitude a día de hoxe.
Estamos a piques de rematar agosto, un mes queresultou tan preguiceiro como cabía supór, e prácticamente non actualicei a cousa esta, pero boeno, como tampouco se trata de un “blog de actualidade” pois tampouco pasa nada. Relax.
Para os fieis e pacentes seguidores deste sitio (algún haberá): hoxe vos veño cunha entrada que seguramente saberedes apreciar. Ou non. Boeno, case que seguro que non. É igoal. Vouvos facer partícipes(como mola empregar algunhas palabras, eh) da miña devoción por unha canción que todavía é quen de emocionarme, dende hai uns vintecinco anos ca escoitei por primera vez (versión Sinatra).
My Funny Valentine é unha canción composta por Richard Rodgers (música) e Lorenz Hart (letra) no ano 1937, e que forma parte dun musical estreado (seica con grande éxito) nese mesmo ano. Rápidamente converteuse nun dos mais coñecidos standares de jazz, tanto entre os músicos como para o público en xeral. Segundo a Wikipedia (inglés), o tema foi grabado por uns seiscentos músicos, e aparece nunsmil trescentos albums. Non sei de onde tiraron eses datos.
Supoño que todos coñoceredes, ou deberíades, unha boa chea de versións do tema, tanto instrumentais como vocais. Entre as primeiras eu quédome coas que fixo Miles Davis en diferentes épocas e con diferentes formacións; outras destacadas son as de Keith Jarrett,Bill Evans con Jim Hall, Gerry Mulligan con Chet Baker… Das vocais, as miñas preferidas son as realizadas por Frank Sinatra e por Nina Simone (non podía ser de outro xeito).
Na discografía de Ella Fitzgerald, Tony Bennett, Dianne Reeves, The Supremes… tamén podedes atopar excelentes versións da canción.
No cine, que eu me lembre, Michelle Pfeifer interpretabaa (e de paso me namoraba para sempre) en “Los fabulosos Baker Boys” (película moi recomendable, o meu xuizo, e non só pola memorable escena da actuación de Mrs. Pfeiffer enriba dun piano), e Matt Damon en “El talento de Mr. Ripley”.
A versión máis coñecida do tema é, probablemente, a vocal de Chet Baker que aparece no album “Chet Baker sings” do ano 56; para moita xente, esta é “a versión”. De feito, hai quen cré que “My Funny Valentine” é de Baker. É unha fermosa interpretación, non hai dúbida, pero para mín está lonxe de estar entre as miñas preferidas.
A que sí está entre as mellores que teño escoitado nos últimos tempos é a que figura no disco homónimo (outra palabra que estaba desexando empregar polo menos unha vez na vida) do Mónica de Nut Trío, (integrado por tres (lóxicamente) grandes músicos en estado de graza, Mónica de Nut, voz e efectos, Paco Dicenta, baixo e arranxos, Virxilio da Silva, guitarra), do ano 2011.
A claridade, sensibilidade, elegancia e proximidade coa que o grupo aborda o tema é desarmante. Inda que feita con moito respeto polo patrón orixinal da canción, non se trata dunha simple exhibición técnica (que tamén), se non que se convirte nun vehículo expresivo de primeira orde para os tres músicos, que abrangue unha ampla gama de sensacións, dende a nostalxia, a serenidade, a resiñación… A voz de Mónica é cálida, emocionada e emocionante, moderadamente dramática en ocasións. O traballo de Virxilio é discreto, cheo de matices, envolvente. Dicenta aporta un fondo sonoro impresionante… Unha grabación madura, redonda, que deixa unha sensación doce e salgada.
Boeno, vou ir parando.
Mais que nada, porque podedes entrar na páxina www.monicadenut.com, e baixaros o disco de gratis, que ademais de “My Funny Valentine” inclue seis ou sete xoias de primeiro nivel, ademais de ver a cantidade de proxectos e iniciativas nas que está inmersa a cantante/actriz/perfomer/etc. de San Miguel de Oia, agora residente na capital. Boeno, eu baixei o disco e despois fun mercalo o bar “A Galería”, sabedes, na Ronda de Don Bosco.
E xa está. Remata a canción, e nós seguimos co noso, xa xabedes, encendemos un ducados, tomamos un café, comprobamos se chove, facemos unha chamada. Seguimos co noso, coma sempre facemos. Pero durante sete ou oito minutos o tempo se parou, ou xogou o noso favor, e o que chamamos vida é un pouco mellor, é un pouco pior, doe un pouco mais. E iso é moito.
Agora debería releer e correxir todo o anterior, pero mira, non o vou facer. Hoxe non.
A fotografía corresponde a actuación de Mónica de Nut na Praza da Constitución de Vigo a finais de xullo, fíxenna eu e a mín góstame.
E vos deixo un video de you tube que recolle a interpretación da canción que nos ocupa feita por Mónica e Virxilio da Silva nun local de Compos hai nada (se hai algún lector que chegara ata aquí e lle goste a guitarra de jazz –bastante improbable- disfrutara sen dúbida de todo o que fai Virxilio durante esta interpretación).
Pois nada, nos vemos nos bares ou nos piquetes, dependendo.
Bos días. A foto de hoxe é a última destas cousas raras que veño poñendo, que a mín tanto me molan e que semella que non lle gostan a ninguen mais, pero é o que hai. Fixenna eu. Non ten título.
E..., boeno. Vouvos contar unha cousa.
Alá polo mes de maio tiven unha especie de febre de actividade; danme de cando en vez, e normalmente non pasa a cousa dunha leve excitación momentánea sen maiores consecuencias. Unha das cousas que se me deu por facer foi escribir unha novela curta, ou un relato longo, segundo se mire, refundindo diversas ideas que andaban dando voltas por aí, algunhas dende hai anos, e intentando artellar unha cousa sólida, sen moitas aspiracións pero que non dera moita vergoña. O título provisional do proxecto era “O Proxecto”. Je.
Por suposto, agora mesmo o proxecto está aparcado. Ou enterrado, mais ben.
De todolos xeitos, durante mais de dous meses estiven traballando no asuntobastante intensamente, e, boeno, foi unha experiencia bastante interesante, e bastante agotadora (tendo en conta que normalmente empezaba a escribir as doce da noite).
Un dos personaxes da obra era (ou é?) unha rapaza duns dezasete anos, teimuda, farruca,arrogante, caprichosa, irritante,bastante tola, e cunha incrible mala sorte. As duas semanas ou así de ter empezado o relato, a moza en cuestión, orixinalmente un personaxe importante pero secundario,xa se convirtira no centro da acción. As catro semanas xa actuaba pola sua conta, sen apenas consultarme. Pouco despois xa me tiña rendido. O único auténtico que había no proxecto era ela; ela era “O Proxecto”.
A miña heroína colleu tanta entidade que un día sorprendinme intentando topala pola rúa do Príncipe, para lle dar un recado. Que foi cando decidín que o do proxecto me estaba sobrepasando un pouco e que conviña ca rapaza marchase de vacacións unha tempada.
Pero a verdade ca boto un pouco en falla. Quizais cando volte o frío…
Hoxe non vos recomendo nada pra ler (total, non me facedes caso ningún e a Biblioteca está pechada), pero os deixo aí enriba un video de 2us, un dúo de Santiago de Compostela moi interesante, facendo unha cousa que a mín me encanta. Este grupo está en activo e creo que toca bastante pola capital. .
A canción ésta (baile en el aire) está incluido no seu único, que eu saiba, disco, que debe ser do 2007 ou 2008, e que en conxunto está moi ben. Ademaís, ten colaboracións excelentes.
(Espero que funcione o chisme este do video. Se non, sinto.)
Pois, mais nada por hoxe. Pasadeo o mellor posible. Se me queredes algo, mo mandades a carlosdeteis@terra.es o na cousa esta de "comentarios" que hai aquí abaixo.
A saco: o Festival Aéreo de Vigo, que vai celebrar (¿) a sua X edición, non é que sexa unha imbecilidade; non é que sexa un gasto inútil; non é que sexa unha cousa molesta e desagradable para moitos de nos. E dicir, non é que sexa so todo o apuntado. É, ademais, e sobre todo, un insulto a nosa intelixencia que avións militares, concebidos e diseñados para matar persoas, fagan chorradas enriba das nosas cabezas para, supostamente, nos entreter. É de supor que as poboacións de amplas zoas do Libano, de Libia, de Iraq, de Afganistán, da ex –Iugoslavia, e de outros moitos sitios tamén teñan disfrutado recentemente da pericia dos pilotos, da tecnoloxía de vangarda, dos vós rasantes e outras trapalladas coas que os galegos da costa sur imos deleitarnos, tanto se queremos como se non, o próximo fin de semana. Boeno, aí vai un enlace a unha páxina que fala do tema:
Dende sempre tiven entre os meus coñecidos xente con talento. Músicos, debuxantes, actores, artesans, cociñeiros, fotógrafos…O cal, claro está, é unha sorte non merecida. Pero ter contacto, ou amizade, ou coñecemento, ou o que sexa, con persoas dotadas para a creación, para a expresividade, para a transformación, non crea somente sentimentos de gratitude e admiración.
A estas alturas da existencia xa ún leva acumulado un bó número de frustracións, en todolos eidos. Vagabundo frustrado, mais que nada. E vago. Pero tamén escritor, músico, medievalista (si, home, si), fotógrafo… Frustrado por falla de aptitudes, de capacidade para o esforzo e o traballo, de humildade para aprender, e pola case que nula habilidade para estabelecer relacións “creativas” coas persoas e coas cousas.
A proximidade, o contacto, coa xente de talento da que falaba ó principio, en un tipo das miñas características, tende a afondar ese sentimento de frustración. Non de imitación, superación ou algo semellante, non. Frustración e envexa.
Probablemente o único talento que posúo é a capacidade de recoñocer o talento en outros. Ja.
Boeno, é o que hai.
Unha persoa que coñezo bastante ben e dende hai moito tempo é PFM: ela é, ademais de moitas outras cousas, artesá. Por certo, un día habíamos falar da artesanía- creación popular versus arte-creación ó servizo do poder, un tema que dá pra mais do que parece. . . Na sua actividade na artesanía, PFM, ó meu entender, destaca como ceramista ou alfarera, porque quizais é na cerámica onde mellor reflicte o seu carácter, ou porque a cerámica adáptase mellor os seus (cambiantes) estados de ánimo. Xa hai ben tempo que non expón nada, e a peza que se amosa a continuación ten xa algúns anos, pero é unha das miñas preferidas. A imaxe obtivose do blog purificacionfernandez.blogspot.com. A peza en cuestión chámase “voraces”, inda que creo lembrar que nalgunha exposición o nome que levaba era “carnivoras”. Por suposto, podedes contactar con ela ou ver mais traballos seus no tal blog, que para eso está. Supoño.
Unha persoa irritantemente talentosa. Vaia.
E xa está. Boeno, vouvos recomendar un autor, Amy Hempel, e un libro: “Cuentos Completos”. Unha das mellores escritoras que existen na actualidade. Quero dicir, unha das persoas que mellor escriben, na actualidade. Vale. Este libro está dispoñible na Biblioteca Central, ou Nodal, de Vigo. Non sei onde dicían que a traducción non é todo o boa que podía ser, polo que se alguén pode lelo en versión original, mellor para él. De nada.
E remato por hoxe. A foto que vai arriba é miña, e non ten título. Boa sorte, saúde e anarquía.