martes, 4 de marzo de 2014

4 de marzo de 2014. Qué jrande era o cine (o de Teis, outros non sei)

Vale. Eran outros tempos.

Normalmente, se un grupo de rapaces de, poñamos, San Xoan do Monte topabase con outro grupo de rapaces de, digamos, Ríos, remataban a ostias. Non por nada, non é que se cairan mal ou algo diso; era así, e punto. Cousas dos tempos, supoño. Que eran outros.
Pero había un sitio no barrio (entendendo como barrio Teis, por suposto) no que existía unha especie de tregua permanente,  de paz malostiada e desconfiada, pero paz.  Manadas de cativos e mozos de San Xoan, da Fenosa, de Foxos, da Praza, do Toural, da Paradela, de Sampaio, de Bichita, de Guixar, de Ríos, de Sampaio, da Trave, de Coutadas (qué gozada escribir os  nomes dos sitios) e doutros enclaves do barrio podíamos coincidir no tal sitio sen que ocorrera nada grave de máis.
A maxia do cine.
Houbo unha época que en Vigo existían duas institucións que sinalaban o nivel de progreso acadado, duas institución das que non nos sentíamos orgullosos porque éramos estúpidos de mais. Unha, os wáteres públicos; vale, sempre estaban ateigados e suxos, somente os había no centro, pretendían cobrarte polo papel hixénico, e neles habitaban uns tipos extraños que che miraban raro . Pero existían.  Ías pola rúa, dábante gañas de mexar e ías o wáter público; coma en Nova Iorque, vaia. A outra cousa eran os cines de barrio.
Agora, en retrospectiva, é difícil de crer, pero o certo é que nesta amalgama que é (que xa era daquela)  esta vila había o que se chamaban cines de barrio. Que eu me lembre, no Calvario había dous, o Palermo e o Avenida. Creo que o de Bouzas chamabase Disol. E en Santiago de Vigo estaba o Santiago El Mayor, que era cousa de curas, penso. Había outros.
O cine de Teis era o Roxy, chamado popularmente o Moco; en realidade o Roxy era o herdeiro dun cine anterior que era o auténtico Moco, do cal eu non me lembro. Foi derrubado a finais dos anos 60 do seculo pasado, e estaba situado fronte a antiga oficina de correos, na Baixada a Vulcano, hoxe Rúa Enrique Lorenzo. Nese cine, no Moco, foi onde ó parecer xurdiu o nome de Bichita: a paisanada foi ver unha peli que se chamaba “Wichita City, ciudad sin ley” e seica se sentiron identificados ata o punto de rebautizar o Grupo Sindical de Espiñeiro, hoxe Camiño de Maceiras.
O cine Roxy erguíase na rua Sanjurjo Badía, xunto a pastelería El Cisne  e fronte o bar coñecido como a Cova dos Ladróns. Era un cine de programa doble, sesión continua e reestreno. Qué quer dicir esto? Os que xa o saibades caládevos, e deixar que ilumine a iñorante, porque está na sua natureza, xuventude. Programa doble siñifica que puñan duas pelis de cada vez. Sesión continúa quer dicir que puñan unha peli, logo a outra, logo voltaban a pór a primeira, e así ata que pechaban, e que co precio dunha entrada podías votar alí dende as tres e media da tarde, por aí, ata que remataban, as once ou mais. E, por último, de reestreno ven sendo que alí non estreban película nengunha, para ver pelis novas había que ir ó centro (o Plata, o Fraga, o Ronsel, o García Barbón, ún deses), pero como nos, os do barrio, rara vez íamos por eses sitios, pois eso, era como se foxen estreas.  Os domingos non había nen programa doble nen sesión continua, era un pouco mais caro e viña sendo o día das reestreas das pelis famosas (“Aeropuerto” e tal).
Era realmente económico, o Moco. Non me lembro canto custaba, pero estamos a falar de sete pelas,  ou así, un día de semán, no galiñeiro (dou por feito que sabedes o que é o galiñeiro). Ou sexa que, vaia, podíamos ir bastante a miudo. Con cinco pavos mercabas un paquete de Rex ou de Aguila, ías o salón de xogos a facer uns futbolíns, ías o cine, mercabas gaseosa e chicles, e inda te quedaba pra un perrito caliente na de Marsus. 
O propio era pois ir ó cine en manadas, e antes de empezar a peli mercar unhas gaseosas no propio bar que había no local (marca Balín,  moi baratas, xeadas, bastante asquerosas e extranamente adictivas) e algúns chicles (da fábrica que había no barrio, alí ó lado), e subir o primeiro piso, instalarse o mais perto posible da baranda e montar o maior cirio posible sen que che botaran. Fumabamos, riamos, botabamoslle gaseosa ós que estaban abaixo, cuspíanos entre nós, e as veces atendíamos a peli.
Pois íamos ó cine, e víamos a Bruce Lee (e, o sair, rompíamos unha man contra unha farola mentres dábamos berridos orientáis), e víamos pelis de vaqueiros (“coidado Yoni, a tua espalda”, lle dicíamos ó imbécil do prota sen que éste se apercibiese), de vampiros (Christopher Lee e Peter Cushing in a Hammer Production), de Tarzán (un tipo entrañable), españoladas (un xénero en sí mesmo), de romanos, de aventuras, de guerra, de amor (destas renagabamos bastante, eran pelis para nenas)…E, as veces, algunha boa: eu vín “El Padrino” no cine Roxy, alucinando. “En el calor de la noche”, “El Inspector Tipps contra la Organización”, “Shaft”, “La piel de un policía”… e un mazo de John Ford, de Antonhy Mann, de Boetticher, algunha de Peckimpah, algunha de Siodmak, John Houston, Howard Hawks… en pantalla grande, chaval. Vaia luxo. (Claro que daquela eu non coñecía o nome de nengún director, nen sequer sabía moi ben para qué servía un director; anos mais tarde mirabas na tele unha peli e dicías “ésta mireina eu no Moco”, e os que estaban contigo e que non eran do barrio ollaban para ti como se estiveses mal da cabeza)
E o destape. Esto tamén merecería un estudo profundo e analítico, pero que lle imos facer. As señoras do barrio (vaia, as nosas nais, tías, irmás maiores) denunciaban que o cine Roxy puña pelis porno; nós sabíamos que aquilo non podía ser porno, porque porno era o que viña nas revistas danesas e holandesas (ou de por aí fora) que lle trocábamos ós mariñeiros dos cargueiros en Guixar, a cambio de cartóns de Record, revistas que logo levabamos ás cabañas onde lle dabamos o uso axeitado. Pero as pelis de destape eran francamente divertidas, e as suas heroínas (actrices detestables pero moi guapas, como María José Cantudo, Nadiuska, Agata Lys, Victoria Abril…) formaban parte do imaxinario colectivo do barrio.
As veces puñan algunha francamente atrevida (prá época). “Historia de O”, “Emmanuelle”, por exemplo, autorizada exclusivamente prá maiores de dazaoito. Nós pasábamos igoal, pero advertíannos na entrada que se viñan da Inspección tiñamos que nos achantar no carto de baño; pasounos un par de veces, e foi bastante divertido.
Tamén había días de ir ó cine coa nai dun. Puñan unha de vaqueiros, por exemplo, e mataban moreas de indios, e morrian unhas cantas ducias de cowboys, e a nai dun miraba aquilo pelín aburrida e sen inmutarse; e niso que mataban un cabalo, e a nai dun indiñabase (“animaliño! Porqué teñen que matar ós cabalos? Miserables!”) E así ata que alguén do público reclamaba silencio.
A noite que ardeu o Roxy foi a ostia. Os veciños se avisaron  uns a outros, e alá fumos familias enteiras, os homes con pantalón de pixama e camiseta de asas, as mulleres con batas estampadas e rulos na cabeza, os rapaces xadeando como cans da pura excitación.  Cheiraba a raios, e o lume saía polas fiestras onde estaba a sá de proxección. Pronto empezaron a circular botellas de Sansón, e os nosos país miraban filosóficamente as lapas e dicían cousas sabias e atinadas (“o que está de ser, está de ser”, e cousas así, incomprensibles daquela e incomprensibles hoxendía).  Os nenos fumábamos Chester ás achantadas e puñamos cara de tipos duros. Os bombeiros renegaban, cun pito nos beizos e cara de mala ostia (“pero señora faga o favor de apartarse, por amor de Dios”) e a policía (a municipal antes do 092) pasaba bastante de todo… Foi unha noite máxica, de festa, polo que eu me lembro.
(O cine Roxy ardeu un sábado ou un domingo, creo lembrar, ben entrada a noite; non había ninguén dentro. Daquela ardían moitas cousas en Vigo, e non somente nas manifestacións: numerosos pubs, discotecas, locais de alterne (¿?) e outros acostumaban arder de xeito extrano…)
Tamén foi, en certo modo, o fin dunha época. Unha época cutre, maravillosa, iñorante, chea de esperanzas non moi xustificadas, chea de medos moi xustificados. (Nefeuto, as esperanzas quedaron polo camiño, e os medos fixéronse mais e mais grandes, ata o día de hoxe.)
Pero mira, chaval, se non viches “El Doctor Zhivago” en pantalla grande, non viches unha merda.
E xa está. Levo cerca dun ano sen ir ó cine (cuestión de pasta, de horarios, de odiar os centros comerciais, e de que a maioría das pelis que fan agora non merecen a pena). Se cando tiña doce ou trece anos me dixeran que ía estar tanto tempo sen ir a ver unha peli, non mo crería. Xa ves.
(Por certo, no Roxy vin o meu primeiro concerto: tocou un grupo de Madrid que se chamaba Asfalto, que non sei como viu cair alí, a verdade. Facían unha cousa como rock progresivo, tipo Genesis, e cantaban en castelán. Non estaban mal)



Pois nada. As fotos son miñas, e os que tipos que saen aí son Club de Remo de Bueu.

E vos deixo cun video: Jacques Loussier facendo unha cousa de Bach. Co disfrutedes.

martes, 7 de enero de 2014

7 de xaneiro de 2014. Algunhas cousas que paga a pena gardar






Teño lido algo de literatura clásica, tipos gregos e algún romano, un pouco de Shakespeare, xa sabedes. Algúns deles, ó principio dalgún escrito, invocaban os deuses ou as musas pra que lles iluminasen e lles prestaran as palabras necesarias pra contar o que querían contar, e se ve que funcionaba, vistos os resultados . Eu, que son infinitamente máis torpe e inútil ca eles, como son descrido mais seguro que non vou ter axuda nengunha, e boa falta que me faría, non creades, porque me expreso mal, escribo peor e empecínome en trasladar cousas que requerirían persoa mais formada, talentosa e hábil ca mín pra que o esforzo resultase exitoso.
Ben, son as tres e cuarto do domingo 5 de xaneiro de 2014, non estou baixo os efectos de nengunha droga (o tabaco, o café e os manises salados non contan), estou escoitando a Keith Jarrett, sinto os habituais pequenos dores, o jato durme  e me estou pelexando co corrector ortográfico que por algún motivo se empeña en traducir ó español o mal galego que escribo. Polo demás, ben, grazas. Feliz ano.
A cousa vai de concertos, ou mais ben de momentos de concertos, os que tiven a fortuna de asistir o ano xa pasado. Evidentemente, vai implícita a recomendación de que asistades se podedes a actuacións dos grupos que vou mencionar máis adiante, e, en xeral, que apoiedes á música en directo.  Flashes dun ano que, no musical, non foi para nada malo:
Fun a Santiago casualmente; e casualmente vin o cartel anunciando o concertó de Sumrá na Casa das Crechas, que casualmente era ese mesmo día. E, por unha vez, non tiña que me axustar á Renfe pra voltar a Teis.  Moitas casualidades de mais como pra non ir. Así que eiquí estou agora, a medio metro de LAR Legido que, cos ollos pechados, sudando a moreas na noite santiaguesa e aparentemente indiferente ó que lle rodea, está exprimindo a sua batería ata límites dificís de crer. Un tema que comenzou a medio tempo e que se foi convertindo nunha especie de combate corpo a corpo entre Legido e o mundo en xeral, mentres Xacobe Martínez Antelo mantén un ritmo axustado ó contrabaixo e Manolo Gutiérrez fai acordes aparentemente ó chou no piano. É unha especie de caos, non hai sitio onde agarrarse, algo fascinante. A luz verde sobre o batería dalle un aspecto de demo ou algo así. E, de súpeto, sobre o ruido, Manolo crea unha melodía incriblemente fermosa, tanto que non  estou seguro se realmente está tocando iso que eu creo ouvir ou non. Xacobe ségueo, e Legido para un intre de tocar e coas baquetas en alto emite un berro, algo así como “aaaargh”, pura satisfacción animal, namentras Manolo Gutiérrez, ensimismado, continúa desenrolando o novo tema. E eu estou feliz de estar na cidade mais fermosa do mundo, na mellor compaña posible, e escoitar algo dunha beleza imposible.

Festival Folk en Vilariño é, básicamente, festa. O público mais heteroxéneo que che podes imaxinar: paisanada, pais con nenos pequenos, mocerío con gañas de pásalo ben, punks do Morrazo, algún hippie dos antigos, e incluso algunha xente que vai escoitar música. Moita cerveixa, moito licor café, moita maría, bastante tontería tamén. No escenario están Radio  Cos, coa formación completa (voces, percusión, violín, acordeón e Lamas, que toca gaitas, saxos, clarinetes e calquer outra cousa que precise soplar nela). Levan unha media hora facendo bailar á xente con bó humor,  ribeiranas, pasodobles, jotas e música da terra en xeral, o mellor grupo que podes topar para unha noite así. Inda que son o grupo que abre o Festival, moita xente foi ata alá só por velos, e con razón. Son moi bós, máis que bós. E niso que se poñen a interpretar un tema en sefardí sobre o que é estar lonxe da casa, ou non ter casa onde voltar, ou non lembrar se inda tes ou non casa. E moita xente non se entera, seguen o seu, pero outros moitos sentimos de súpeto a xeada da noite, e moitos poderíamos cantar ou tocar esa canción, porque acabamos de adoptala, de facela nosa, porque a recoñocemos en nós. E eu, que inda teño casa, e que cando volto a ela polas noites inda hai quen me agarda, sinto os ollos húmidos. A persoa que me acompaña nótao, e eu lle digo que a priva me pon sensibleiro. E despois segue a festa, segue a bebida, segue a vida.

Canjazz, en, claro, Cangas. Unha noite perfecta. A acústica no Eirado do Costal é, boeno, perfecta (o dos adxetivos non é o meu, sinto). Marcos Pin, o frente da Big Band que reuniu o seu redor (Marcos Pin E Factor Reset), interpreta os temas do disco Barbanza: alí están Pablo Castaño, Max Gómez, Xacobe, Gutiérrez, Fernando Sánchez… O público enche a praza e, por unha vez, todo o mundo parece estar pola labor. Estamos perto do final, e está claro que é dun concertos do ano: algúns dos mellores músicos do país tocando os temas escritos por Marcos con desenvoltura, cómodamente, nun ambente relaxado. E no penúltimo tema GdJazz Pereiro, o xoven trompetista de Cangas, ponse de pé e executa un solo incrible e eu teño a fortuna de esta xusto detrás dil (tirando fotos e tal), e me quedo alucinando. O tipo que está xunto a mín, un vello aficionado ó jazz co que coincido moi habitualmente, me mira e dí “a ostia”. E, sí, está ben expresado. Pereiro está en vena, e alonga o solo un coro máis, e outro,  sen esforzó aparente . E por mín podería seguer a noite enteira…


Domingo pola mañá en Cangas, e o tempo está chungo, polo que o concerto de Mónica de Nut e Virxilio da Silva (acompañados nesta ocasión por Marcelo Dobode á percusión) vaise ter que facer no interior da Taberna o Rincón, que non é precisamente grande. O bar está petado de xente, e o grupo estivo probando co público diante, o cal non mola moito. Ademais, Mónica está un pouco ajripallada, ten mala cara, e decide non pór a roupa de actuar: vai cantar con jersei e cun pucho de lá na cabeza. A cousa pinta un pouco mal, e xa é hora de arrancar. Virxilio empeza coa guitarra acústica, facendo bottleneck, e Mónica, que hai un intre estaba alí,  non  se sabe onde está. Non hai ninguén xunto ó micrófono. Virxilio toca blues ó vello estilo, o que tanto me gusta; lémbrame a Blind Wille Johnson, “Darkness was the night…” , e cousas así, e toca coma ninguén. E niso oese cantar dende fora do bar: Mónica empezou a actuación polas rúas de Cangas, por suposto sen micro. Está cantando “Lévame”, un tema tradicional do país. E cando entra no bar e se sitúa no seu lugar, nun curruncho, xunto  a Virxilio, o blues de dentro e a cantiga de fora, o quexido do bar e o quexido da rúa, encaixan a perfección, son o mesmo queixume; a magnífica voz cada vez mais chea de matices casa coa guitarra rasposa e oubeante. Semella algo máxico, irreal, perfecto dun xeito raro. Prodúcese ese chispazo que só sucede moi de cando en cando (pero que é gozosamente habitual nos concertos de MdN e VdS). E somente é o comenzó do que vai ser un outro magnífico concerto.  E eu decido que non hai grupo mellor pra ouvir nen outro sitio no que preferise estar agora mesmo.

Estamos na segunda parte da actuación e, por unha vez, Lucía non presenta o tema. É o concertó de Reis que Lucía Martínez e o seu cuarteto ofrece, unha vez máis, no Hipólito, nas Travesas. Brandao, o saxofonista do grupo, inicia un tema en solitario; na mesa na que estou todos o coñecemos, pero tardamos un intre en lembrar que é. Mirámonos uns a outros, e alguén dí “Alfonsina”. Eso é. Algo que non ouvíamos dende hai anos. Algo que nos lembra, por se fixera falla, o moito que levamos vivido, o moito que vimos mudalos tempos, o moito que esquecimos, o moito que inda lembramos.  O portugués segue só,  axustándose á melodía, alto, clamo, e nítido. Despois entra o resto do grupo, fan variacións, descompoñen a canción, a reorganizan, a recrean, a inventan ante nós. Ós poucos, voltan á composición que nos é familiar. E ese é o noso regalo de Reis.
Tantos bós momentos este ano pasado… Iago Fernández, Chus Pazos, Paco Charlín, Joao Mortagua, Chris Kase, Berroguetto, unha rapaza anónima tocando o acordeón en Santiago, 2uS, Javier Marcos, The Cobras, José Manuel Díaz, Sés, Toni Risco, Silvia Penide, …protagonistas todos eles de instantes perfectos, diños de gardar nalgures, de ser contados por alguén con máis capacidade da que eu, qué vos vou dicir a vos, teño.
Veredes. Hai anos tiven un accidente laboral, bastante grave. Entre outras cousas, declarouseme ou como se diga un proceso de necrose. Non vos vou explicar o que é, así que xa sabedes, Wikipedia e tal. O caso ca ciruxana de plástica viña pola habitación do hospital duas ou tres veces á semana, armada cun escalpelo, e púñase a raspar na zona afectada. Eliminaba tecidos mortos. Sabía cando tiña que parar: cando eu berraba. Cando doía. Cando chegaba ata o que inda estaba vivo.
A música, algunha música, algún momentos de algunhas actuacións, prodúcenme máis ou menos, e salvando as distanzas, o mesmo efecto. Eliminan tecido morto, chegan ó que inda está vivo, doen. Fanme lembrar que e quen inda son. Momentos, emocións, imaxes, sonidos, que quixera levarme conmigo cando me vaia. Vale, esta última frase e de Tom Waits.
Ben, como era de agardar as musas ou os deuses non foron, desta vez tampouco, xenerosos conmigo. Non tiñan por qué, tamén é verdade.  Pero boeno, algunha vez tamén se podían enrollar, digo eu, que tampouco é tanto o que lles pido.
Disimulade, pois, a calidade do texto, iñorade as suas moitas imperfeccións, ser xenerosas coa intención que, vos aseguro, é boa. Agora son as seis da mañá deste día choiviñento, Frank Sinatra canta My Funny Valentine, esgotei o tabaco, o jato se espereza, chove aí fora, e non vou repasar o escrito. Non o ía facer mellor de todolos xeitos, pero non digades que nen sequer o intentei. Vai como vai, é o que é.
Boas noites, e boa sorte.




jueves, 26 de diciembre de 2013

26 de decembro de 2013. Cousas pra ouvir. Pagando débedas.



Non sei se saberedes (e se non xa volo conto eu, faltaría máis) da miña afición ás listas de final de ano, especialmente ás que saen en grandes (cada vez menos grandes, je) medios, como “El País”, que nos informan do que foi “o mellor do ano” en temas de cultura e entretenemento (e de “tendencias”, que non sei moi ben o qué é). Así que, chegados a esta
época, agardo ansioso polos mellores libros, segundo El País (normalmente non lín ningún), os mellores discos, segundo Mondo Sonoro ( algún non os coñezo, outros dan asco directamente) ou Je ne Sais Pop (psché), as mellores pelis segundo Filmaffinity (pra flipar, quítanche as gañas de ir ó cine outros catro anos), e mais. Hai, básicamente, dous tipos de listas: as elaboradas por expertos, críticos e así, e as de votación popular; éstas últimas son as mais divertidas (de verdade que “Avatar” foi unha das mellores pelis da década?)
Resulta qué inda é mais divertido elaborar listas que lelas…
A lista que vos vou presentar hoxe (qué che crías) é unha mistura dos dous tipos; está feita por un experto (eu) e corroborrada e confirmada pola xente (eu). Vai de discos (prás xeneracións máis novas: un disco é un obxecto físico que posto no chisme adecuado reproduce música; soe ter portada; soe ter créditos, que nos informan de quen toca cada cousa; soe costar pasta).
Realmente, podería incluir eiquí sete ou nove discos. O momento da música feita en Galiza agora mesmo é excepcional.
Tomádeo máis ben como unha recomendación que vos fago: son catro discos que deberíades ter, ou polo menos, escoitar. Evidentemente, son catro discos galegos, inda que non necesariamente de música galega; editados ou distribuidos durante este puto ano 2013 que semella rematar dunha vez; que proporcionan grandes doses de placer, regocixo, inquetude, xolgorio e mais cousas; e dos que me apetece escribir (pagando débedas, xa sabedes). Vai por orde de adquisición.

2uS. Dous. Este é o segundo disco (ou o terceiro, é un pouco complicado) do duo formado por Fernando Abreu (que toca todo tipo de saxos e clarinetes) e por Pablo Carrera, guitarra. A edición (diseño e ilustracións) de Olalla Fernández é magnífica: o disco é realmente precioso; llo podes regalar a calqueira e quedar como Dios (unha frase feita que non estou moi seguro do que siñifica). O que contén é música popular dunha elegancia e gusto dificís de superar, melodías adictivas, e un bo rollo que escasea últimamente. Ideal para pór un domingo pola mañá de resaca (crédeme). Música folk dun país que non existe.


Marcos Pin Factor E-Reset. Barbanza. Marcos Pin (guitarrista, compositor, arreglista) xuntou o seu redor unha big band con moitos dos mellores músicos da escea galega de jazz (o cal siñifica excelentes músicos) para grabar este magnífico disco inspirado no Barbanza (esto último volo podiades imaxinar). A textura (musical, se entende) deste disco é incrible. Está cheo de momentos e detalles máxicos, a cargo de tipos como Manolo Gutiérrez ó piano, GDJazz á trompeta, Ton Risco ó vibráfono ou Pablo Castaño ó saxo tenor. O traballo da sección rítmica (Max Gómez á batería, Juansy Santomé o contrabaixo) é impecable. Marcos Pin é, sen dúbida, un dos músicos máis intelixentes e, ó tempo, máis, mmm, detallistas, que hai hoxe en día por eiquí. Unha proposta arriscada e exitosa, e, sobre todo, moi disfrutable.


Mónica de Nut e Virxilio da Silva. Dos fíos invisibles chegan as cores. Este é o disco mais difícil de describir dos catro, pero a ver como zafo. Estamos ante un traballo de demolición de fronteiras entre estilos: na mesma peza conviven o canto de raíz galego e unha guitarra tipo Delta do Mississipi, unha peza barroca e unha trompeta que vai derivando cara o jazz… Un disco que contén canción tabernaria e canalla, distorsión, furia, maestría, desesperación, retranca, elegancia... Música palleira, din eles. Este disco xurde das actuacións en directo co duo ven facendo dende abril do 2013, e conserva a inmediatez e urxencia de ditas actuacións. As colaboracións de GDJazz á trompeta e de Marcelo Dobode á percusión danlle inda mais cor ó traballo. Difícil de clasificar, directo, extraño, distinto, excelente en todo caso, e que semella coller formas novas cada vez co escoito. Música dunha Galiza que inda non existe.


Ton Risco Quinteto. Impronunciable. O vibrafonista ourensán, cunha excelente banda (GDJazz, que parece estar en todos lados, á trompeta, Marcos Pin á guitarra, Max Gómez á batería e Juan Cañada ó contrabaixo, coa colaboración do saxofonista Pablo Castaño en dous temas) presenta un disco impecable, sinxelo, onde cada cousa encaixa no seu sitio, que se toma o seu tempo pra che ir envolvendo, no que os músicos semellan toparse cómodos. Na funda ven unha foto tirada po Rodas Isqueiro que xa me gostaría tela feito a mín.

E era iso.
Unhas consideracións finais: nengún destes traballos está editado por unha multinacional ou algo semellante (o primeiro creo que é de Nakra ou de Sinsal, os outros tres son FreeCode Jazz Records), así que probablemente non poderás mercalos no Corte Inglés nen no Alcampo ó fondo á dereita xunto á sección de embutidos.
Eu tiven a sorte de ver e escoitar a toda esta xente defendendo os seus traballos en directo, e conseguín ós discos directamente dos músicos cos fixeron; vos aseguro que é o xeito mais sinxelo, ilusionante e honrado de facerse cun disco.
É de facer notar a pouca presenza de mulleres nas grabacións reseñadas. Boeno, e que exceptuando a Mónica de Nut, non hai nengunha. O cal semella bastante raro. Por favor, que alguén mais listo ca mín (é dicir, case que calquera) investigue e explique o motivo de que haxa tan poucas músicas no campo do jazz, improvisación ou como queiras chamalo.
Outros discos non comentados eiquí, pero que farías moi ben en conseguir: o do gran Paco Charlín, “Flood” e o de Radio Cos (homónimo). Non tiven ocasión de escoitar inda o último de Sés, que hai quen di que está moi ben. Sumrá, que eu saiba, non grabou nada últimamente; tampouco sei nada de Lucía Martínez. Teño que me facer cos traballos de Iago Fernández e de Chus Pazos…
Boeno, mais nada. Grazas a todolos que asomedes por esta páxina.
Un pensamento pra compartir, deses que se me ocorren moi de cando en cando (afortunadamente): quen non ten nada que perder, probablemente non ten nada que dar.
Je.

E mais nada. Ata mais ver.

lunes, 25 de noviembre de 2013

25 de novembro de 2013. Un conto pre-navideño (ou así).

Vouvos contar un conto. Un conto de alces. Supoño que saberedes o que é un alce, pero en caso contrario, sempre podedes acudir á Wikipedia ou un sitio deses e vos informar. Ben.
Antes de empezar, duas advertencias: unha, o conto non é meu, linno nalgures e agora vou facer un bonito exercizo de memoria, reescritura e morro; outra, se saides de casa, asegurarvos de deixar o gas apagado, os grifos pechados, e de lle pór comida ó gato. Animaliño. Él non ten a culpa dos vosos estrafalarios costumes sociais.
Imos alá, pois. Un último aviso: este conto non ten moralexa.
A cousa vai así: o Zar Nicolás e o Kaiser Guillermo (podes botar un ollo á Wikipedia e ver quenes eran estos simpáticos persoaxes), a pesares de ser medio curmans, ou precisamente por elo, viñan de ter unhas desavenencias entre eles, que inda que non desembocaran en enfrentamento aberto, deixáranlles mal corpo. Desexosos de restabelecer as boas relación, fixéronse mutuos xestos de achegamento, e, entre eles, un intercambio de regalos para selar a renacida amizade entre familiares e nacións.
Non sei que regalo lle fixo o Kaiser ó outro. Sen dúbida, algo distinguido, exclusivo, e moi caro. Podía permitírseo: despois de todo, os cartos non saían do seu peto.
O Zar regaloulle ó seu curman unha manada de alces.
Puntualicemos eiquí que estes alces non eran uns alces calesqueira, topados pola rúa, suxos, famentos e medio parvos. Non. Estes alces eran fora do común. Magníficos, fermosos, maxestuosos. Un só daqueles alces valía máis que a plantilla completa dunha fundición. O non vai máis en cuestión de alces. Diños dun rei. Ou dun Kaiser.
A éste, cando soubo en qué consistía o regalo, non lle fixo alá moita graza. Teríalle feito máis ilusión un tanque, por exemplo. Pero, con ocasión dunha visita a Rusia que tivo lugar pouco despois, ante a insistencia do Zar, foi coñocer persoalmente ós alces, e nada mais velos quedou prendado deles. “Nunca vira animais máis fermosos”, exclamou. É de suliñar que por eiquí, por Teis, polo Morrazo, por Chapela, non abondan os alces, e calquera destes animais que véramos por casualidade pareceríanos extraordinario; máis o Kaiser xa tiña visto cantidade de alces, e inda así estes lle pareceron especialmente diños dil. Así que ordenou o seu traslado inmediato a Alemania.
O cal, dende o punto de vista loxístico, era un auténtico pesadelo. Pero os esforzos combinados dos Ministerios de Exteriores, de Transporte, de Defensa, de Medio Ambente, de Cultura, de Agricultura, e de varios centos de funcionarios, soldados e traballadores fixo posible que a manada atravesara media Europa sen sufrir menoscabo algún e chegara ó seu país de adopción.
Alí, en Alemania, escollérase un inmenso bosque como novo fogar dos animais. O clima era idéntico o do seu lugar de orixe, había comida (o que sexa que coman os alces) en abundancia, as augas eran cristalinas, e podedes engadir todolos tópicos que queirades, pero vaia, o sitio era mais que adecuado, un auténtico Paraiso alciano, que foi convertido en Parque Natural de Categoría Especial. Os poucos lugareños que habitaban nas inmediacións do bosque foron conveñentemente deportados. Decreteuse a pena de morte para quen fose alí sen permiso gubernativo de alto nivel. Instaláronse vixilantes, veterinarios, biólogos, cunha doble misión: que ninguén molestase ós animais, e que éstes tiveran a existencia mais doada e feliz concebible.
O Kaiser, sempre que as suas moitas obrigacións (unha guerra eiquí ou alá, asegurarse de que a maior parte dos seus súbditos fose adecuadamente explotada, e de que os militares de alto rango, os seus familiares, a aristocracia e a alta burguesía estivesen contentos, boeno, o que fan os káiseres, xa se sabe) ía de visita ó bosque dos alces e alí deleitabase cos fermosos animais; de feito, éstes convertéronse na sua distracción preferida (coa única excepción da guerra, quizais). As visitas ó bosque dos alces eran un remanso de paz na sua axitada vida de estadista; este feito era coñecido polos seus mais íntimos colaboradores, que facían todo o que estaba na sua man (que era moito) para que a existencia dos alces fose o máis pracentera posible.
Esta situación durou dous ou tres anos.

Eiquí vai un espazo en branco para sinalar un intre de inflexión no relato, e para que aproveitedes para ir lle dar de comer ó gato. Se esta páxina tivera publicidade (que lóxicamente non ten), iría eiquí. Vale. Alá vai a segunda parte:

Un día, os operarios do bosque toparon un alce morto. Era un alce novo, non semellaba ter enfermidade nengunha, nen ter sufrido accidente de nengunha crase. Os poucos días toparon outro, e o día seguinte dous mais. Nas duas semáns seguintes morreron nove animais . As autopsias realizadas polos biólogos do parque non revelaron nada anormal, non sendo o caso dun alce de edade xa avanzada que ben poidera ter morto de vello. A inquedanza apoderouse dos coidadores; dada a debilidade co Kaiser sentía polos animais e o mal xenio que tiña, non eran somente os seus postos de traballo os que estaban en risco. Nunha reunión de urxencia, os vixilantes, biólogos e veterinarios do parque acordaron tres cousas: enviar un becario tatexo e non moi espabilado a Berlín pra lle comunicar en persoa as malas noticias ó Kaiser; encomendarse a Santa Bríxida, patroa dos animais astados; e preparar un par dos alces recentemente falecidos á brasa para cear (esto último en interés de Ciencia, como sacrifizo persoal e porque tiñan fame).
Os alces á brasa estaban estupendos, e a ninguén lle pasou nada.
O becario tatexto chegou a Berlín e tardou duas semans en explicarlle a un funcionario de rango Z o que pretendía; mes e medio despois falou cun cuñado do vicesecretario agregado de asuntos internos adxunto o Ministerio de Deportes; despois dunha longa peripecia burocrática-administrativa, durante a que estivo duas veces no cárcere, tivo finalmente a sua entrevista persoal co Kaiser.
O Kaiser púxose lívido de furor e desacougo pero, sendo como era un eminente home de estado, enseguida empezou a tomar decisións, entre elas: enviar o becario de novo ó cárcere, con cargos de alta traizón (foi fusilado duas semans máis tarde); suspender o bombardeo dunha aldea levantisca do Sur de Prusia que él mesmo ía coordinar; tomar un remedio caseiro prá dor da cabeza, antecedente da aspirina; e crear un Alto Comité Pra Salvazón Dos Alces Imperiais, nomeando pra formalo os máis distinguidos biólogos, médicos, veterinarios, filósofos e músicos de Alemania, que daquela era case que dicir do mundo. Ós nomeados maldita a graza que lles fixo formar parte daquel Comité, pero non lles quedaba outra. Nun tempo incriblemente rápido o Comité estaba formado, equipado, ben pagado e desprazado ó Parque dos Alces, de onde fuxiran a maior parte dos coidadores primixenios (con moi bó criterio).
O Alto Comité fixo máis ou menos o mesmo que xa fixeran os coidadadores iniciais, pero máis polo miudo e mellor. O auga era inmellorable, así como o alimento; non detectaron nengún virus ou cousa semellante; o clima seguia sendo sumamente axustado á natureza dos animais. Mesmo comeron uns cantos á brasa (en interés da Ciencia, como sacrifizo persoal e porque tiñan fame) e non se sentiron indispostos pra nada. Así que fixeron unha reunión do mais alto nivel, e acordaron declararse impotentes ante o misterio da mortandade alciana, encomendarse a Santa Petunia (patroa dos animais con pezuña) e comisionar a un matemático medio lelo que ninguén sabía moi ben que facía alí e que lle caía bastante mal a todo o mundo pra que lle fora comunicar ás noticias o Kaiser en persoa, coa recomendación de que lle pidera axuda o seu medio curman o Zar, pois sendo o dono da zona orixinaria dos alces quizais tivera algún tipo de solución o que xa se podía calificar de misterio científico.
O matemático foi, pois, onde o Kaiser e lle comunicou o resultado do estudo. O Kaiser cabreouse bastante, púxose, de novo, lívido de furor e desacougo, e acordou: enviar a cadea ó matemático, acusado de alta traizón e de caerlle bastante mal a todo o mundo (foi fusilado duas semans mais tarde); destituir ó Comité e enviar ordes de busca e captura contra todolos seus membros (de todolos xeitos a maior parte deles se topaban xa en Padua, onde montaran unha comuna); cambiar as alfombras do seu despacho, que lle repelían dende hai tempo; e, e isto foi o mais duro de todo, solicitar axuda ó Zar.
Éste (o Zar)recibiu a petición de axuda do seu medio curmán cunha mestura de desprezo e alegría; sempre sostivera co Kaiser era medio parvo, e que o povo alemán, en conxunto, era altamente ineficente. O feito de que nen sequer poideran manter con vida a uns poucos alces confirmoulle nas suas sospeitas, e empezou a barallar a idea de lle declarar a guerra a Alemania a medio prazo; esto (planexar futuras guerras) era algo que sempre lle alegraba o día. Pero, polo pronto, decidiu intentar frear o desastre dos alces, porque apreciaba aqueles fermosos animais, e porque, en caso de conquerilo, amosaría a superioridade rusa en xeral e a sua propia en particular sobre a ciencia alemana en xeral e ó seu medio curman en particular. Así que cursou ordes para que o seu Ministro de Vida Animal e Recursos Estrátexicos localizara ó maior experto que houbera en Rusia sobre alces, co informara e o adoutrinara conveñentemente, e co subirá nun tren rumbo a Alemania no menor prazo posible.
Duas semáns despois na estación central de Berlín (cuio nome en alemán é francamente ridículo) unha alta representación do Estado agarda pola chegada do experto ruso. Alí hai ministros, centíficos de alto nivel, o alcalde e varios concellais, un par de amantes e uns cantos familiares do Kaiser, unha actriz que está moi de moda, xenerais de alto rango, un tipo que ninguén sabe quen é pero que sempre se acaba colando onde percibe que vai haber comida gratis, un héroe da guerra francoprusiana que perdeu un brazo, un ollo, as duas orellas, as duas pernas e o apéndice en combate, un boxeador moi popular, e a Orquesta Sinfónica de Berlín, ademáis dun cento de periodistas de diferentes medios.
Chega o tren (apenas duas horas de retraso, que a Orquesta ameniza tocando valses e temas populares tiroleses, e o boxeador machacando a varios periodistas). Como ninguén coñece ó experto ruso, o Comité de Recepción faille os honores a todolos tipos distinguidos que se baixan do tren (un sastre, un tahúr, un proxeneta internacional, un tratante de xoias e obxetos roubados, un par de espías, un escultor de vangarda complemante alcolizado…) ata que reparan nun individuo especialmente desagradable que resulta, finalmente, ser o tal experto. O suxeito apenas mide un cuarenta, ten uns enormes bigotes suxos de nicotina, fáltanlle todos os dentes de arriba, fuma uns pitillos asquerosos liados co que parece ser papel de periódico e viste coma un mendigo ou un campesino (os membros do Comité non serían capaces de distinguir unha cousa doutra). Para alivio de todos, o ruso, cuio nome é impronunciable, despois de amosar a suas credenciais, comunica o seu desexo de se trasladar de inmediato ó parque dos alces, facer a sua encomenda e voltar pra sua casa onde, afirma, ten moito chollo atrasado.
Dous días despois está xa no parque. Catro días despois comúnicalle a autoridade (militar) do bosque dos alces que xa ten a resolución do enigma da mortandade dos alces, e exixe ser trasladado a Berlín pra llo comunicar en persoa ó Kaiser. A autoridade (militar) fai as xestións oportunas, e dous días despois o ruso xa está no Palacio Imperial.
(Notariades que eiquí lle metín un acelerón ó relato, pero e que, oes, esto xa se está alongando de mais e seguramente tendes cousas que facer; eu sí, polo menos).
Vale. O Kaiser ten ante sí, pois, a este home ruso, dunha crase e unha raza claramente inferiores, que segue vistindo a mesma roupa coa que viu e segue fumando os seus apestosos pitillos, un home ó que en circunstancias normais non dubidaria en mandar executar sen ne sequer míralo; un home ó que despreza (como á maioría das persoas, por outra parte), pero ó que agora necesita. A través dunha intérprete (que se mantén prudentemente alonxada do ruso para non se infectar algunha porquería), o Kaiser pregúntalle o experto (que non leva con él nengún estudo nen documento de nengun tipo):
-Sabe de qué morren os meus alces?
O ruso bota unha bocanada de fume altamente contaminante e asinte coa cabeza.
-En nome de Deus, é a comida, é o clima, qué?
-A comida, o auga, o clima son excelentes.
-Qué lles falta ós meus alces, pois? De que morren?
O ruso segue fumando tranquilamente; cun atrevimento nunca visto na Corte Impersial, sorrí amosando a sua boca estragada, e respostalle:
-Os lobos. Ós alces faltánlle os lobos. Morren de aburrimento.
E xa está. Vaia chapa, eh. Boeno, ó final ó mellor si ten moralexa. Ou non. É igoal. A idea do conto está tirada do libro “La muerte del enemigo”, de, vaia, agora non me lembro, un libro incriblemente coñazo que non fun quen de rematar (e vos aseguro que é moi raro que eu non remate un libro).
Teredes observado que ler as cousas que aparecen no sitio éste non vos fai mellores persoas. É certo. Ese efecto (o de facerse mellor persoa) somente o consiguen U2, Manu Chao e Paulo Coelho, e pode que algún outro; todos eles, estardes dacordo conmigo, altamente detestables.
Coidadevos. O inverno é moi traicioneiro. E mais nada.






Boeno, mira. Como xa había ben tempo que non puña nada eiquí, vou ver de vos deixar algo de Radio Cos, que sempre molan moito. E non, non teño nen idea de porqué o texto non sae xustificado, e xa sei que é molesto pero que lle imos facer.

lunes, 23 de septiembre de 2013

23 de setembro de 2013. Sobre a polémica lingüistica no ensino.

Sendo como sodes persoas ben informadas, xente que ve o telexornal e lé a prensa, supoñovos enterados da problemática suscitada en relación coa lingua na que se deben impartir as clases neste noso sufrido e bilingüe país. Concretamente, e por resumir e rematar pronto que está o leite ó lume, hai xente que di que os pais dos alumnos escolarizados deben poder decidir en que lingua deben ser ensinados, aprendidos, educados, adoutrinados, informados, disciplinados, socializados, uniformados, formateados e/ou reconstruidos os seus fillos. Evidentemente, quen defende este dereito é partidario de que as clases sexan impartidas en castelán, por ser éste un idioma moito mais moderno e guai e útil co galego que como todo o mundo sabe é un idioma tirando a cutre e chungo e que somente falan catro vellos na parte de Xinzo ou por aí, e que non serve pra comunicar nada (este blog é unha proba delo). Baseanse os reclamantes na Constitución, na Declaración dos Dereitos do Home, na Declaración dos Dereitos do Neno, na Carta Fundacional das Nacións Unidas, na Carta de Axuste, no Estatuto de Galicia, na Libertade de Educación, e nunha cousa que dixo unha vez Obama despois de almorzar.
Ben. Despois desta sucinta exposición, e coa seriedade que me caracteriza, paso a expor o meu particular, influinte e documentado punto de vista, que podedes aprender de memoria e soltalo na primeira ocasión que se preste, facendo ver que é voso. De nada.
Eu creo que, efectivamente, os pais teñen dereito a escoller a lingua na que deben ser educados (etc.) os seus fillos; é mais, creo que esta reclamación é ben cativeira. Xa postos, por qué limitar a elección dos pais a unha cousa tan cutre como escoller entre castelán (cabalo gañador) e galego (burro perdedor) como idioma lectivo? Ampliemos a oferta: o tailandés (do que son firme defensor), o malaio, o italiano (fino e elegante), o spanglish, o bretón, entre moitos outros, son idiomas moi adecuados, modernos, competitivos, universais, pra impartir coñocementos, como todo o mundo sabe.
Pero profundemos no asunto. Por qué demandar únicamente o dereito a escoller a lingua lectiva? Teñamos a mente aberta, o espíritu decidido e, a poder ser, o bandullo cheo. En aras da liberdade educativa, os pais deberían poder escoller tamén:
-As asignaturas que deben estudar os seus fillos. Se a un proxenitor lle ofende ca sua criatura estude, por exemplo, literatura ou física (o cal é lóxico), debería poder escoller outra asignatura sustitutoria da sua libre elección. Por exemplo, “Claves para entender el Código Da Vinci”, “Alberto Núñez Feijoo: ese hombre”, “Youtube, un universo por descubrir”, “Cálculo ultra sencillo para niños de dieciséis años”, “La Sagrada Biblia” … As opcións son ilimitadas.
-O profesorado. Moitos profesores son feos, tontos, ulen mal, non se lles entende o que din. Os pais deberían poder exercer o lexítimo dereito de escoller os profesores do seu fillo; pra elo, podería realizarse en cada centro un casting, ou un show semellante a Gran Hermano, con nominados, expulsións e outras cousas moi divertidas. Esto, sen dúbida, elevaría o nivel do ensino galego, e por extensión, do español.
-O horario lectivo, de xeito que se adapte a vida laboral, sentimental, lúdica, deportiva e alcohólica dos pais.
-Os compañeiros de clase do seu fillo. Pra elo se podería facer unha rolda de recoñecemento, como temos visto tantas veces nas películas americanas. Os pais verían ós presuntos compañeiros de clase a través dun falso espello, e irían eliminando os que molasen menos. Esto melloraría a convivencia académica, sen dúbida.
-…
Boeno, non se me ocorren máis agora mesmo, pero seguro que hai outras.
Podedes ver que é unha proposta sinxela e, ó tempo, valente e arriscada; de levarse a cabo, o noso ensino entraría por fin no século éste que estamos, e non noutro que estabamos antes e que xa non estamos.
Como xa vos indiquei antes, se estades no bar ou nun concerto especialmente aburrido ou de sobremesa dunha interminable comida familiar, e xurde o tema da Liberdade Educativa (unha conversa moi habitual), pois nada, vos mesmos, se queredes botar man dos finos argumentos apuntados mais enriba, adiante.
Boeno, se topo algún video en Youtube de Martelo, volo poño.
Boeno, ehem, vaia. Non é Martelo, que é Mercedes Peón. Ajárrate.

E xa está. As fotos de enriba e de abaixo son miñas, o texto está sen xustificar non me preguntedes por qué e cada día aprendo menos, como dicía ún que traballaba conmigo na recollida. Ata a próxima.

Ehem, vaia. Hai un festival de curtametraxes este fin de semana en Valadares (Curtocopia, chámase). Semella interesante. Informádevos e, se non tedes nada mellor que facer, que seguramente non, pois ide ata alí. O domingo haberá (haberamos) xente do Espazo Aberto Antimilitar poñendo uns videos e tal, a eso da unha. Pois eso.


miércoles, 14 de agosto de 2013

14 de agosto de 2013: o Oso Formigueiro tira fotos

            (A modo de intro: non sei se alguen se lembra do Oso Formigueiro; era unha persoaxe de dibuxos animados de segunda categoría, que saía no show da Pantera  Rosa ou da Formiga Atómica ou un deses. O Oso Formigueiro era feo, malhumorado, malo e estúpido; unha das suas características fundamentais era que non aprendía nada, nunca.Outra, que nunca facía nada a dereitas.
            De neno sentía unha afinidade especial co Oso Formigueiro. Por algún motivo, nos últimos tempos, e despois de decadas sen lembrame dil para nada, volto a telo moi presente.)
            E sen relación algunha, ou sí, co anterior:
            En contra da opinión xeralizada (da pouca xente que se toma a molestia de ter unha opinión sobre mín, claro), eu fago bastantes cousas; o que pasa é que, en xeral, fágoas ben mal.
            Fago cousas importantes: xogar con gatos que me honran coa sua amizade, escoitar a John Coltrane (ahá, Crescent), intentar aprender a atarme os cordóns dos zapatos… Fago cousas necesarias: ir ó super, ir a traballar, ir e vir en bus, ir e vir en bus, ir e vir… Fago cousas intrascendentes: insultar ó Sr. Feijoo cada vez que sae pola tele, asinar escritos pedindo tal ou cal cousa… E logo fago estas outras cousas supostamente creativas, que non o son porque non está na miña natureza crear nada, pero que a mín me entreteñen moito: xa sabedes, toco a guitarra, escribo, artello discursos, e tiro fotos.
O da guitarra non paga a pena nen mentalo; vos podo asegurar que a música que (des)fago vos faría intensamente desgrazados. A guitarra non ten culpa de nada, que é unha boa guitarra, honesta e xentil. Pero está claro que non me chamou Dios polo camiño da interpretación musical. Como non carezo totalmente de sensibilidade, e en ben da comunidade, toco moi baixo  e nunca en público (descontando á xente, humana e felina, coa que convivo, que xa está acostumada e o levan bastante ben, dentro do que cabe).
O de escribir, pois xa vedes vos. En tempos había xente que dicía que non o facía mal, e que porqué non me adicaba a esto. Afortunadamente nunca lles fixen caso. Probablemente era xente que non me quería ben, e que por algún motivo quería que morrera de fame. Hai xente moi mala.
Os discursos que artello son de exclusivo uso persoal e, ó igoal co cepillo de dentes, non llos deixo a ninguén.
Pois,  tirar fotos é a actividade  (destas “creativas”) que mais satisfaccións estame a dar últimamente. Boeno, satisfaccións e unhas considerables descargas de mala ostia (estiven a piques de estampar a cámara contra o chan unhas vinte veces, so no último mes). Pero as fotografías que estou a facer, sen ser perfectas, nen sequer boas, probablemente nen aceptables, empezan a se achegar a idea que teño na cabeza cando as fago. O cal non siñifica que a tal idea sexa boa ou interesante, pero facer algo que  se asemelle inda que sexa de lonxe a algo que se tiña  en mente é algo bastante novedoso para mín.
Como fotógrafo (xa me dou títulos e todo, mira ti) son lento e anticuado; teño unha certa tendenza ó dramatismo; son escasamente orixinal; non domino nen a cor nen a composición; teño uns coñecementos moi rudimentarios de técnica… e inda así e con todo,  algunhas das fotos que estou a tirar góstanme. Boeno, xa sabedes co menú nivel de autoexixencia non é moi elevado.
(E dirá alguén: “E qué? Un tipo non moi nos seus cabais ten un hobby e so pasa ben sen meterse con ninguén? E xa está? Pero esto qué é, o guión dunha peli francesa de última xeración?”, e terá razón. Pero a edade non perdoa).
Boeno, vos deixo un enlace coa cousa ésta que teño no flickr (pronunciese flickr), e quen queira lle bota unha ollada e logo mo conta .http://www.flickr.com/photos/carlosdeteisfoto/
(Veño de probala e funciona)
Pero (pero, pero, pero), porqué motivo eu, ou calqueira, fai fotos? Pra apresar  un intre fuxidio da vida, conxelalo, e poder velo despois con calma? Quizais sexa así nalgúns casos, pero na maioría non,  penso. É unha inversión emocional pró futuro, cando o fotógrafo intente artellar as suas lembranzas baseándose en imaxes capturadas (fixádevos na palabra) moito tempo antes? Mmmm… Fanse fotos prá amosar como percibe ún a realidade? E pra amosarllo a quén? A ún mesmo? Fotografíase pra lle dar á realidade un valor estético ou poético ou social que ésta non ten? Porque, a fotografía “captura” a realidade ou “crea” unha realidade nova? Ou é un tipo de creación que vampiriza a realidade? Ou é, sen mais, outra mexada de can, desas que imos deixando pra probar(mos) a nosa existencia?
(Este é o tipo de chapa propia do Oso Formigueiro)
Outra cousa. Non sei se saberedes que en Salvaterra de Miño fan dende hai xa ben anos un Festival de Poesía. (Festival de Poesía do Condado).  Eu, a verdade, nunca fun e probablemente non irei (xa sabedes, debe estar cheo de poetas, artistas, xente intelixente con gañas de se relacionar e pasalo ben e así, co cal eu estaría totalmente fora de lugar), pero seméllame importante, necesario, que se faga e se siga facendo. Xente que respeto e da que me fío di que hai que apoiar a xente que organiza o tal Festival, que seica pasa por problemas (de pasta, non de iniciativa ou de gañas). Así que están pedindo colaboracións, e o próximo sábado, día 24, faise na Cova un acto de apoio. Volo digo porque estaría ben que fórades (o da Cova e a Salvaterra). Vou intentar pór o cartaz;
 

 Ahá.

E xa está. Como a entrada ésta vai de fotos, non poño nengunha (lóxico, non?). E tampouco poño video. Nen nada. Grazas pola vosa pacenza.





lunes, 22 de julio de 2013

22 de xullo de 2013. O día da patria... mais ou menos

O 25 de xullo, en Santiago, é un día magnífico, surrealista, extrano, divertido, inquetante, agobiante… É coma unha película de Fellini, rodada en exteriores, cuns cantos actores principais e unha chea de extras.  Xa teño ido unhas cantas veces (nove ou dez, por aí), e o próximo xoves, se podo, alí estarei.
Entre outras cousas, o tal día celébrase o Día da Patria Galega, como supoño que xa saberedes.
O ano pasado asistín ó mitin do 25 de xullo do Encontro Irmandiño, na Praza de Mazarelos, baixo un sol de xustiza (curiosa expresión). Non me quedei ata ó final, e polo tanto non puiden ver ó Beiras (moito calor, a cousa durou un pouco de mais, e xa me estaba empezando a aburrir, a verdade). Pouco antes vira a chegada da manifestación do Bloque á Praza da Quintana, e semelloume ridícula: un palco enorme, como se fose a actuar U2 ou algo así, unha bandeira independentista de non sei cantos metros cadrados portado por un grupo de neniños, un equipo de orde visible de mais, unha actitude como de telo todo controlado… boeno, un amago de acto institucional, non moi distinto do que se desenrolara había poucos minutos na catedral. (A xente do Bloque repartía uns pasquins que puña “Beiras, grazas por todo. Asiñado, o PP”, he, he). Boeno, abrinme de alí, e fun ver a presentazón en sociedade do novo-non-tan-novo proxecto nacionalista.
Eu considérome, dalgún xeito, nacionalista, ou mais ben comparto co nacionalismo galego unhas cantas cousas: o amor pola lingua (crédelo, a pesares dos aldraxes que lle fago a cotío) e pola terra (nun senso literal: estou falando de árbores, ríos, paxaros, néboas ou treboadas, cousas así), e, sobre todo, o desprezo por España, polo español (e non estou falando do idioma). Non comparto a, digamos, obsesión simbólica (bandeira, himno, selección de fútbol, fronteiras, esas cousas pouco me din, a verdade), nen mitolóxicas; nen vexo a necesidade de crear un novo estado. Non son independentista, ou polo menos, non considero que a independencia sexa unha prioridade. Pra mín é evidente que Galiza é unha nación (cousa que España non é), e que non ten porqué ser un estado (cousa que España sí é). Pero o concepto de “patria” é alleo a mín; dame arrepíos. Ó mellor é que non teño capacidade de abstracción. Ou que son tonto.
(Un rapaz con quen comentei estas cousas díxome que a alternativa a ser independente é ser  dependente, e non lle faltaba razón. Boeno, algunha outra opción haberá…).
O caso é que o acto do Encontro Irmandiño (ou era de Anova?) resultoume moi interesante, e moi… ilusionante, digamos. Non pra mín (as miñas ilusións no aspecto social ou político son moi escasas, xa vos daríades conta), pero cando marchei de Mazarelos rumbo San Pedro, pra ver de tomar algo fresco e tal, fíxenno cunha certa idea de que, quizais, a narcotizada política  galega podía sufrir unha descarga de realidade e mala ostia. Un ano despois, podo dicir que

AGE non me decepcionou, non por completo ó menos; ó final resultou que o Parlamentiño servía para algo, mira ti.
Pois nada, conto con estar o 25 pateando as ruas da única cidade de Galiza que merecería ser salvada do derrubo (boeno, tamén está Lugo), entre pelegríns, independentistas, persoeiros, curas, monxas,  despistados, policía nacional-autonómica-local-da secreta, e a ben querida, detestada e sempre esquecida (por fortuna pra ela) canalla de Compos. Conto con tirar unhas cantas fotos, de recopilar uns cantos pasquíns, de ouvir fragmentos de mitins, de botar uns risos a conta dos guiris (e que algúns son francamente frikis…)  e estar de volta a tempo pra ver a Pablo Castaño, Paco Charlin e Manolo Gutiérrez en Moaña.
Pasádelo todo o ben que poidades. Como dicía o outro “a vida e ben curta e inda así nos aburrimos”.
 
ENGADIDO: 26 de xullo.
Qué cativas, que inutís, que inoportunas semellan a día de hoxe as verbas escritas mais enriba... Qué fráxil, qué pequena, qué pouca cousa é a existencia. Canta dor chovendo sobre Santiago. Quen fose forte e grande pra escribir  algo que lle sirvera a alguén pra algo...