martes, 20 de noviembre de 2012

20 de novembro. A resistencia. Música pra un anaco. Despois dos bombardeos.

Unha folga xeral mais vello.
Cada vez me custa mais implicarme nestas cousas. Por suposto, fixen folga (a miña diñidade inda vale mais ca un día de paga); por suposto, manifestime pola mañá en Vigo, na compaña de moitas persoas decentes (fun a manifestación de CGT-CUT-CNT-STEG); e pola tarde, en Cangas, nunha impresionante demostración que apenas tivo reflexo na prensa. Pero hai xa tempo que non participo da dinámica cas folgas crean. Vello de mais, canso de mais, descrido de mais, tonto de mais… Por suposto, esas dinámicas existen, e normalmente son o aspecto mais interesante dos procesos de folga. Que fructifiquen ou non, xa se verá. Quizais algo está medrando aí fora…
No persoal, e dende que xa non estou “activo” sindicalmente (nen socialmente, nen case que nada), os días de folga son coma días de festa: vexo a moita xente que había tempo que non sabía deles, e non madrugar un mércores pois tamén se agradece. E as rúas da cidade nunca son tan bonitas coma os días de folga. Cóntao moi ben o poeta Lariño  nesta crónica que lle robo sen pudor algún e que aparece na sua páxina envolventesaspalabras.info :

 

PASEO NO SERÁN DA FOLGA

no serán da folga pasea
unha rapaza coas suas meniñas
polas ruas cos baixos pechados
no centro desta obreira cidade
e contar os pouquiños lokais abertos
vaise convertir nun pequeno xogo
unha cafeteria unha farmacia un bar
o macro-centro-comercial un estanco
e pola rua peatonal no chan esparcido
polos contra-manifestantes da tarde
o interior de varios contenedores de lixo
as pintadas nos bankos e algo queimado
caixas de cartón e brancos confetis
serven de xogo ás cativas que seguen
cunha fita de plastico polo camiño
e con ela tamen xogan na arbore
dun parque logo dos columpios
outra farmacia aberta unha bocateria
a biblioteca cos servicios minimos
e que gosto camiñar por esta vella praza
as cafeterias pechadas e sen mesas fora
livre o camiñar a praza e as ruas abertas
(lariño
para ana lía e nair
imaxe da lua do soportal
mentres agardo por unha
imaxe da praza baleira)

Poesía do cotían. Poesía proletaria. Poesía de resistencia.

E qué toca agora?
Pois eso, resistir, supoño.

Mónica de Nut (coarentaetantos –a ollo- kilos de puro talento interpretativo) disque habíamonos de felicitar pola nosa resistencia, e  faino de xeito ben contundente. Como é evidente o boa que é Mónica, e a pouca obxetividade que teño con respecto a ela e as cousas que fai, pois non vos digo mais nada. Aí vai, Mónica de Nut e Virxilio da Silva, en directo na capital, “Habíamonos de felicitar pola nosa resistencia” (un dós seus mellores temas, ó meu entender).





Ó remate de “Habíamonos …”, Mónica e Virxilio enlazan con “Music for a while”, composta polo compositor barroco inglés Purcell en 1692, e plenamente actual (encántame ese drop… drop… drop, é…máxico? bolboretil?). Moi pouca xente é capaz dunha transición semellante, ó nivel de intensidade, calidade e, mmmh, honestidade que desplega o dúo. Penso. Bah, xa me calo.
É un pracer (pra min, espero que para vos tamén)  incluir na mesma páxina un anaco do traballo de dous, cada ún ó seu xeito, resistentes da categoría de Lariño  e Mónica.
As fotos que aparecen enriba son as primeiras que asoman neste blog que non son miñas. Non sei de onde as tirei, e se alguen ten problemas (rollos legais e tal) con que aparezan aí, pois que mo diga. As imaxes corresponden a unha biblioteca de Londres en pleno uso durante a II Guerra Mundial, e a un oficio religioso na Catedral de Munster, Alemaña, pouco despois de ter rematado a mesma guerra. Duas imaxes que, dende cas vín por primeira vez, me semellan unha mostra impresionante de resistencia e diñidade humana, de persistencia en intentar seguir facendo o que cada un cré que debe facer.
E boeno. Ata eiquí chegamos, por hoxe. Grazas por todo, boas noites, coidadevos.
           



viernes, 9 de noviembre de 2012

9 de novembro de 2012. De folgas, de berros.

            A ún, cando lle pisan, berra. É unha reacción natural, humana. Pode que sirva para algo, e pode que non. Pode ser que te deixen de pisar, e che pidan disculpas. Pode ser que che inviten a un café, e ser o inicio dunha fermosa amizade. Pode ser que non te deixen de pisar, e lle teñas que dar unhas ostias ó tipo, se podes. Poden pasar moitas cousas, cando che pisan, pero o primeiro é berrar.
            O que non é normal é darlle as grazas a quen che pisa, deitarse no chan para que che pisen mais a gosto.
            Digo eu.
            Esto que segue non o digo eu:
            Ademais de xusta, equitativa e saludable, a folga é tamén unha cousa moi bonita. Os homes non son específicamente humanos porque traballen, que é cousa que tamén e máis afanosamente fan diversos animais e toda-las máquinas: os homes son homes porque poden deixar de traballar, que é cousa que nunca fan as formigas, os castores nen as turbinas. A beleza da liberdade que decide parar supera a de calquer funcionamento ben engrasado. Só quen é quen de parar é quen  de traballar humanamente!... O folguista… instálase na fronteira entre a orde e a desorde, onde a maldizón do traballo pode se converter na ledicia de crear.”
            Inda que non volo creades, as liñas que anteceden escribiunas Fernando Savater (sí, ese Fernando Savater) no ano 1980. Aparecen nun libro titulado  “Impertinencias y desafíos” (Legasa Literaria,  1981), que recolle artigos publicados en “Ajoblanco”, “Bicicleta”, “Viejo Topo” e outras revistas da época. Trocan os tempos, trocan as persoas, e non sempre para mellor.
            A fotografía que vai enriba tireina ó final da manifestación CGT-CUT-CNT-STEG da folga pasada (29 de marzo).
            A vida como unha permanente e festiva folga xeral…

E o que segue, sen ter nengunha relación co anterior, recole unha actuación no Contrabajo, en Vigo, dun dos mellores grupos galegos (boeno, galego/portugueses) que se poden ver actualmente: o cuarteto que lidera a percusionista Lucía Martínez. Isto é do ano 2011, "Eu de Marín ausenteime", canción tradicional que sen dúbida coñecedes é da co grupo fai unha lectura excepcional. Se tocan perto de onde vivides, é tontería non ir.
           



lunes, 5 de noviembre de 2012

5 de novembro de 2012. Agustín García Calvo

A semán pasada faleceu Agustín García Calvo. Viña no “El País”, nas páxinas de cultura, entre unha nova que proclamaba cuns chefs (ou chefes) españois ían revolucionar a alta cociña a base de tapas, e outra que falaba de non sei qué duns modistos. Vale.
No ano 95 ou 96, por aí, os do Ateneo Libertario de Vigo, aproveitando que García Calvo andaba por Pontevedra nunhas xornadas de filosofía ou algo así, lle propuxemos dar unha charla en Vigo, ó que o home accedeu moi xentilmente, coa únia contraprestación de que o invitásemos a cear. Organizamos a cousa no Instituto Santa Irene, nas Travesas, e foi o acto mais multitudinario que fixemos nunca (ata saimos no Faro, mira tí).
A charla-conferencia-debate versou sobre o diñeiro, e eu non me enterei de nada, sobre todo porque estaba pendente do posto de libros que intentabamos vender (somente vendimos os de García Calvo), e porque, xunto con outro compañeiro, facía as veces de equipo de orde (bastante pouco intimidante, supoño), en previsión de que certos individuos intentaran reventarnos o acto. Tíñamos razóns para crer iso, no vos pensedes que era simple paranoia.
Despois, durante a cea no Mesón Seara, na rúa do mesmo nome, tiven ocasión de falar co zamorano. Tiven a ocasión, pero desaproveiteina miserablemente: trala tensión organizativa, xa sabedes, adiqueime con gran entusiasmo ó viño da casa, de xeito que me foi imposible seguer, e moito menos manter, unha conversa normal.
Polo que eu me lembro, que entre unhas cousas e outras non é moito, García Calvo era brillante, divertido, calquer cousa menos modesto, vital, expansivo, extranamento xuvenil (debía andar polos 70 anos daquela), e comía e bebía que daba gozo miralo. Lucía unhas patillas estilo Curro Jiménez, un pano imposible ó pescozo, e pantalóns de campá.
Xa sei que non é unha gran contribución biográfica, pero é o que hai.
De todolos xeitos, eu daquela era inda mais imbécil do que son hoxe (resulta pouco doado de crer) e nen de lonxe estaba en condicións de seguer o fío dos razoamentos de García Calvo. Eu cría na “acción” por riba de todo, e facía unha distinción nidia entre o dircurso e a actividade; pensaba que a revolución era unha cousa que ía “vir”; que o capital e o poder eran cousas que andaban por aí fora e que había que combater; e que coas palabras non se construía, se intentaba aniquilar o adversario. Imbécil.
A partir dese acto (exitoso no organizativo, supoño, pobre no persoal-para mín), empecei a me achegar, timidamente,  á obra de García Calvo, e a comprender, creo, algúns dos seus plantexamentos. Hoxe, relendo algunha das suas obras, sorprendinme ó comprobar o profundamente que algunhas das suas ideas están arraigadas no meu sistema de pensamento (por chamarlle algo). Permítome recomendarvos (inda sabendo onde van parar as miñas recomendación polo habitual) o libro cuia portada tomeime a molestia de fotografiar para por aí enriba, que recolle duas conferencidas dos anos 91 e 92. Se alguen quer, llo presto.
Unha anedota que lembro agora, que lín non sei onde hai moitos anos: o home volta do exilio en Francia, e un periodista lle pregunta “E vostede anarquista?”, e García Calvo sorrí e retrúcalle: “Xa me gostaria, xa…”.
O zamorano García Calvo, dramaturgo, filósofo, poeta, lingüista, conferenciante, provocador, aspirante a anarquista, non era “dos nosos” porque non era de ninguén, nen de él mesmo. Viviu unha longa vida, foi amado e respetado por persoas que a sua vez merecen amor e respeto, deixa unha obra sólida e rica tras dil. Non é pouca cousa. Que a terra le sexa leve.
Segue o poema “Libre te quiero”, un dos poemas mais fermosos escritos en lingua castelá dos que eu teña noticia:
Libre te quiero, / como arroyo que brinca/ de peña en peña./ Pero no mía.
Grande te quiero,/ como monte preñado/ de primavera./ Pero no mía.
Buena te quiero,/ como pan que no sabe/ su masa buena./ Pero no mía.
Alta te quiero,/ como chopo que en el cielo/ se despereza./ Pero no mía.
Blanca te quiero,/ como flor de azahares/ sobre la tierra./ Pero no mía.
Pero no mía/ ni de Dios ni de nadie/ ni tuya siquiera.


 


viernes, 26 de octubre de 2012

26 de outubro. Análise postelectoral psicotico. De gaivotas e homes.

Probablemente vos teredes enterado co domingo pasado houbo eleccións ó Parlamento Galego. E mais seguro que coñecedes os resultados. Boeno.
            O caso que ía eu o outro día no Vitrasa (o cal non é raro: collo catro buses ó día, cinco días á semán, cunha media de trinta e cinco minutos por viaxe), escoitando o penúltimo traballo de Gurú (que estea na groria), cando de súpeto asaltoume unha serie de pensamentos inquetantes. Porque, nefeuto, a mín os pensamentos asáltanme, e, a miudo,  inquétanme.
            Saberedes, e se non volo conto eu, que de cada 100 galegos inscritos no censo eletoral, o outro día foron a votar uns 65, aproximadamente. Deses 65, uns 30 ou 31 votaron polo PP. Ou sexa, un pouco menos do 33 por cento. Pero imos coller un terzo, porque da mais xogo (narrativamente falando). Vaia, que  unha barbaridade enorme de xente votou polo Sr. Feijoo. Vale, hai bastante mais xente que non votou polo Sr. Feijoo, pero unha cousa non quita a outra. E nesas cousas ía matinando eu (“canta xente que votou polo Sr. Feijoo”), a bordo do Vitrasa, en dirección centro á altura da empacadora de Guixar.
            Porque, a ver, hai uns cantos milleiros de persoas (cargos públicos, xente que traballa para o partido, xente que ten empresas con contratos coa Administración, tipos con grandes fortunas, familiares, amigos íntimos, amantes e protexidos  dos anteriores) que, evidentemente, van votar polo PP de todas, todas, pola conta que lles ten. E ó mellor hai xente que fixo algún tipo de promesa a algún santo local (do tipo “San Cosme, se me curas o sarpullido son quen de facer cousas francamente asquerosas no teu nome, incluso votar o Sr. Feijoo”, por exemplo). E algún haberá que tivo algún sono premonitorio, ou escoitou voces na sua cabeza co impulsaron a votar ó Sr. Feijoo (“Se non votas o Sr. Feijoo a tua casa arderá atá os cimentos, se te morrerán as bestas,  o Celta baixará a segunda para sempre”; ouvir esto estando a soas ten que impresionar).
            Pero descontando os casos anteriores, e algún outro que agora mesmo non se me ocorre, hai que supór que a maior parte da xente que votou a candidatura en cuestión fixóo porque quixo.
            É neste intre foi cando realmente comencei a me preocupar. O bus ía xa polo Nudo. No Mp3 puxen o disco ese tan bó de Erykah Badu en directo, que sempre me anima bastante, para ver de me distraer, pero nada. Cal torrente impetuoso, a inquietude asologau  a miña ialma (toma!). Por qué un galego normalmente constituído ía querer votar polo PP? Inda mais, qué siñifica votar polo PP?
            Tal como eu o vía entón (e sigo vendo hoxe, que despois de todo só pasaron dous días), votar PP é antepór unha certa idea, moi discutible, de orde, á xustiza ou á igualdade. É situarse do lado do forte fronte ó débil: do patrón fronte ó obreiro, do caseiro fronte ó inquilino, do banco fronte ó xubilado, do policía fronte ó estudante. É pisotear ós que están por debaixo, mentres se é servil cos que están por riba. 
            O mesmo feito de votar xa é, en se mesmo, raro. Introducir un papeliño nunha furna onde están escritos os nomes das persoas que queres que te gobernen é antinatural, rídiculo, triste (porque, entendámonos, escollemos gobernantes, non representantes, o cal é unha diferenza notable). Pero votar o PP é un paso mais aló: é unha irresponsabilidade social.
            É abraiante: milleiros de galegos, alegremente, a golpe de papeleta,  dispostos a pór en perigo a sanidade e a educación  pública,  amosando un profundo desprezo pola propia cultura e lingua, manifestando a sua disponibilidade para secundar políticas surrealistas, apoiando incluso o arrasamento da propia terra se económicamente é rentable. E a cambio de qué? Pois de prolongar catro anos mais o fracaso político, a ruina económica, o deserto cultural, a mediocridade e insulsez extremas, o sometimento a  intereses alleos e extraños, a quebra moral que supón o goberno do Sr. Feijoo. Tal como eu o vexo.
            E da un pouco de medo, a verdade. Erykah Badu seguía aí, nos cascos, pero eu case que non lle prestaba atención. Porque, seguindo o fío do pensamento (que a estas alturas xa non era pensamento nen era nada), tiven unha visión, unha revelación: un terzo dos galego-censados, un exército de mais de seiscentas mil persoas, cada catro anos vanse converter en zombie-votantes, van sair das suas casas coa papeleta das gaivotas na man, van chegar o colexio electoral (non se perden, non) e van a acertar coa ranuriña da furna, onde depositarán o seu voto a favor do Sr. Feijoo ou doutro tipo semellante, e lexitimarán unha e outra vez o goberno da barbarie e o despropósito. É unha maldición, ou algo así.
            O bus chegou as Travesas, baixeime, prendín un pito, respirei un pouco, recupereime. Pensei, “qué boa que é a Badu ésta”. Pensei “teño que me lembrar de cargar a tarxeta do bus”. Pensei, “mira que es cenizo.” Pensei "pensa positivamente de cando en vez, ho". Si, por qué non...
            Tampouco é pra tanto. Porque xa sabíamos o que había, e porque o problema non é quen gañe ou perda unhas eleccións (ímolas perder todas), se non que imos facer  ó respecto. E nestas estamos.
            Confuso e longo, sen moralexa. Tedes razón.
             Vos deixo aí a continuación outra cousa de 2us, que pertence o seu primeiro disco, que, insisto, vos recomendo encarecidamente. Veñen de sacar outro, que todavía non tiven ocasión de escoltar, pero que seguro que tamén é bó. Non vos poño enlace porque non o teño. Aí vai, Jazzmine:


  
            Duas notas aclaratorias. Primeiro, se eu fago un escrito sobre o PP ou sobre as eleccións ou sobre a extinción do gato gris e a continuación poño unha foto ou un video de alguén, non estou relacionando para nada o primero co segundo; por exemplo, neste caso, é evidente que nen o duo de Santiago nen a canción teñen nada que ver coa teima que vai antes, que eu saiba.  Vale. Segundo, teredes observado que   nos videos de You Tube, cando rematan, aparecen unhas fiestras que te remiten a outros videos; boeno, eu fágome responsable, por así decilo, do primeiro, do que poño eu. Se a continuación sae  Miguel Bosé ou algo semellante, sinto. Vos mesmos.
            E xa está. Coidadevos ben, e disfrutade na compaña dos vosos animais domésticos preferidos.

jueves, 18 de octubre de 2012

18 de outubro de 2012. Fine and Mellow

O día 8 de decembro de  1957, domingo,  a cadea de televisión CBS emitiu un programa especial adicado o jazz co imaxinativo título “The sound of jazz”, grabado en directo, e que pretendía dar unha perspectiva de diferentes estilos de jazz dirixido ó gran público. A producción do programa reuniu unha cantidade de músicos considerable (32 en total), que abarcaban dende a gran época (en termos de popularidade) do jazz, o swing, coa presenza da orquestra de Count Basie, a música mais ou menos de vangarda, con Thelonius Monk ou Jimmy Giuffre.
Unha das actuacións presentaba a Billie Holiday cunha banda creada prá ocasión baixo o nome de Mal Waldron All Stars, que incluía a Ben Webster, Roy Elridge, Coleman Hawkins, Lester Young, Gerry Mulligan, Vic Dickinson, Doc Cheatham, Milt Hinton e Osie Jonson, ademais do propio Mal Waldron, pianista habitual de Holiday naquela época. A maior parte deles iniciaran a sua carreira a mediados ou finais dos anos 20 nas mellores orquestras da época (Duke Ellington, Fletcher Henderson, o propio Basie…) antes de se converter en líderes das suas propias bandas; sorprende a inclusión de Mulligan, non por ser o único branco no grupo, se non porque pertence a outra xeración posterior, a de postguerra, e normalmente se move nun parámetros distintos do resto de solistas da banda. En todo caso, expor eiquí a carreira de Hawkins, de Webster, de Dickinson, de Elridge, de Mulligan, a sua aportación á linguaxe do jazz e do blues,  superaría con moito as modestas intencións desta páxina.  Hai excelentes sitios en Internet, cantidade de material publicado e moitísimas grabacións nas que podedes afondar no coñocemento destes grandes músicos, e, sobre todo, disfrutar da súa obra.
            A idea é clara: tratabase de reunir arredor de Billie Holiday unha serie de destacadísimos músicos, que se coñecían dende había décadas e  que nos últimos anos non tiñan ocasión de tocar  xuntos en directo. E, sobre todo por parte do crítico e asesor musical do programa Nat Hentoff,  propiciar e documentar o reencontro entre a cantante e o saxofonista Lester Young, cuia relación interrumpírase moitos anos antes por motivos que inda hoxe se descoñecen.
            A Billie Holiday do ano 57 segue sendo unha figura moi popular e atractiva para o público, malia levar mais de dez anos sen ter un éxito de ventas. Graba con regularidade, sobre todo standards e medios tempos, e algunha das suas actuacións son auténticos acontecementos. Pero o consumo de drogas e alcohol, o acoso do FBI, a retirada do permiso para actuar en locais de New York onde sirvan alcohol (o que a obriga a continuos desprazamentos para contratos de, as veces, unha soa noite), e a convivencia con tipos de carácter violento, que a miudo abusan dela físicamente (suxeitos que polo visto exercen una grande atracción sobre a cantante; o seu marido naquel intre era un matón-cobrador da mafia), teñen deteriorado seriamente a sua saude, e a sua voz.
            Nunca foi unha cantante “potente”; é única e irrepetible polo xeito de frasear, polo control (e a veces desprezo) sobre o tempo da canción, pola sua expresividade, pola sua capacidade para “ler” a canción e “contarnola”. Pero agora, cada vez mais, soa extremadamente fraxil e feble. Ten a reputación de non ser “fiable”.
            Pero hoxe (o 8 de de decembro de 1957) semella estar feliz cos “seus chicos”, algúns dos cais, como Ben Webster, foi amante seu moitos anos antes. Acordan interpretar un blues composto por Billie (“Fine and Mellow”, grabado por primera vez no ano 1933, e cuia cara B era “Strange Fruit”), ensaian pola mañá, e vanse comer a casa da cantante, en Harlem, que cociña para todos. O programa está previsto que se emita ás cinco da tarde.
            A gran dúbida é Lester Young. Dubídabase se ía aceptar tomar parte no programa; despois, se ía aparecer no teatro onde se ía grabar; e, mais tarde, se ía ser capaz de tocar. O seu aspecto e atitude alarman a todos: semella moi enfermo e canso, non fala con ninguén, séntase nun curruncho, non sae a comer cos demais.
            Lester e Billie coñécense dende os primeiros anos 30, e durante moito tempo mantiveron unha relación considerada como moi estreita e moi rara. Seica os alcumes que ambos teñen (“Lady Day” e “Prezz”) foron postos polo outro. Lester é o músico preferido da cantante durante os anos 30 e 40, e os dous aparecen en cantidade de grabacións, ben ó nome do pianista Teddy Wilson, ben ó de Billie Holiday and Orchestra, ou ben na banda de Count Basie. Entre as influenzas recoñocidas por Holiday están Bessie Smith, Louis Armstrong, Ma Raney, e o propio Lester Young, en canto o fraseo e o sentido do tempo. Máis aló diso, moitos coñecidos considerannos “noivos” en certo xeito, a pesares de que cada un pola sua banda casa varias veces e ten numerosos amantes (cousa que eles nunca foron, seica). Para os críticos, aficionados e mitónamos do jazz son a parella (musical) perfecta.
            Young é dende sempre unha persoa extravagante: ultrasensible, maniático, fala moitas veces nunha especie de xerga inventada por él mesmo, móvese como a cámara lenta… A sua traumática experiencia no exército durante a II Guerra Mundial (onde pasa un ano nun batallón disciplinario por se lle ter descuberto marihuana na taquilla) convértenno definitivamente nunha figura tráxica. Inda que volta a música, e para moita xente os últimos anos da década dos 40 son a sua mellor época como músico, non volta se-lo mesmo, e xa nos 50 perde a confianza como músico, alterna grandes actuacións con noites nos que non é capaz de tocar unha soa nota, e alcoholizase completamente, deixando prácticamente de se alimentar e de coidar a sua saude.
            Ninguén sabe por qué, a relación, tanto musical como persoal, entre Holiday e Young interrúmpese nalgún intre dos anos 40.
            E agora (xa sabedes, o 8 de decembro de 1957, un domingo que rexistra nevadas espectaculares en New York ), nos estudos da CBS na 9ª Avenida, Billie Holiday e Lester Young voltan a actuar xuntos.
            A Lester, dada a sua extrema debilidade, se lle suxire que permaneza sentado durante a grabación; so se erguerá para executalo seu solo. Young e Holiday non intercambian palabra durante os preparativos da actuación. Ós cámaras se lle da unha única instrucción: que non molesten ós músicos en       ningún intre.  Billie Holiday séntase nun taburete, e os seus chicos colócanse o redor: van tocar para ela. E ela vai cantar para se mesma. Despois dos dous primeros versos, o primeiro solo é de Ben Webster, antiguo saxofonista da orquestra de Ellington, un antiguo seguidor de Hawkins que chegou a desenrolar un son propio e moi característico; seguidamente, Lester Young érguese e fai… boeno, “ese” solo. Di Hentoff: “…Lester se ergeu e tocou o blues mais puro que eu ouvira nunca, e él e Billie Holiday se miraron… Era como se ambos lembraron o que houbera entre eles –fose o que fose. No carto de control todos choramos…” O seguinte solo e o do trombonista de Chicago Dickinson (“son unha puta do jazz” era a sua frase preferida, seica); despois vai Mulligan, que semella estar bastante colocado pero que toca admirablamente. Tócalle o turno a Coleman Hawkins, o home que converteu o saxo nun instrumento solista, e pecha Roy Elridge, o explosivo trompetista eslabón perdido entre Armstrong e Gillespie. E xa está. “Fine and Mellow” remata. Holiday e Young marchan cada un polo seu lado, sen se falar, e non se  voltarán a ver nunca.
            Boeno, aí vai.
           

            E xa está. No intre desta grabación, Billie Holiday tiña cuarenta e dous anos; Lester Young, cuarenta e sete. Young foi de mal en peor; morreu ano e medio despois,  o 15 de marzo de 1959, básicamente de desnutrición e alcoholismo, se ben inda tivo algúnhas grandes actuacións. O último que se lembra del é que vagaba polos pasillos dun hotel, vestido con pixama e co sombreiro posto, abrazado o seu saxo.
            Billie Holiday inda fixo unhas cantas actuacións, e grabou algúns discos, entre eles o controvertido “Lady in Satin” Acudiu ó enterro de Young, onde non se lle permitiu cantar, e afirmou “A seguinte son eu”. Morreu de cirrose hepática  o día 17 de xullo de 1959 nun hospital de New York, non sen antes ser arrestada polo FBI no mesmo leito de morte por posesión de sustancias tóxicas.
             E vou rematando, que bastante chapa que dín por hoxe. O único que temo é que escriba tan mal sobre os temas que trato que vos afaste deles, en vez de interesarvos ou polo menos entretervos un pouco. Se saides, non esquecer o paraugas. Deica logo.

Engadido o día seguinte.
            No libro “Billie Holiday: unha biografía coral” (disponible na Biblioteca Central de Vigo) hai unha frase que alguén dí para definir a voz e o xeito de cantar de Billie que me semella moi oportuna e que onte me esquecín de incluir nesta entrada. Dí mais ou menos “cando Ella Fitzgerald canta “o meu home foise”, enténdese que baixou a por tabaco e que estará de volta nun anaco. Se é Billie Holiday quen canta “o meu home foise”, podes ver o tipo coa maleta baixando pola rúa, e sabes que non voltará máis.”
            Penso que agora queda un pouco mellor.

lunes, 24 de septiembre de 2012

24 de setembro. Nos ensinamos vida, señor

Boas de novo. Esta entrada ben podía ir a continuación da anterior, xa que leva a mesma data, e, ademais, o poema que recolle o vídeo que vai a continuación foi lido na Festa da CUT do pasado sábado. Pero penso que debe ir así, soa.
Non vou comentar mais nada. Eiquí non caben chistes, nen apreciacións, nen ostias.

Rafeef Ziadah, poeta palestina. “Nos ensinamos vida, señor”, en inglés e con subtítulos en castelán:
  
Unha lembranza moi forte para Miguel da CGT de Pontevedra, que ama e ensina a amar a poesía e a Palestina.

24 de setembro de 2012. ENQUISA: Qué vai votar vostede o vindeiro día 21?

O próximo día 21 botarei unha boa sesta, se me deixan.
Botareille de comer ós gatos.
Botarei unha partida de subastado, se topo con quen.
Botarei unhas moedas , se as teño, a algún músico no  Príncipe ou no arco ese que hai xunto á Catedral, en Santiago, se é que queda algún.
Botarei contas do que debo e do qué me deben.
Botarei a pota, como ven sendo habitual.
Botarei unhas risas, sen motivo.
Botarei en falla a moita xente. Tanta xente.
E botarei un grolo á saúde de esa xente.

E a moza anotou “non sabe/non resposta”

O gato que podedes ver eiquí ó lado é do Cebreiro, ou polo menos alí estaba cando lle tirei a foto. Semella que intentaba mimetizarse (sen moito éxito, todo hai que decilo) co feixe de troncos que agardan o inverno...






E vos deixo cun video con música do cantautor portugues Carlos Clara Gomes, a quen eu (confeso a miña iñorancia) descoñecía ata o pasado sábado, cando tiven ocasión de asistir o seu concerto dentro do “III Festival da Cultura Proletaria” organizado pola CUT no adro da Eirexa de Darbo, en Cangas. Un pouco de orgullo proletario nunca ben mal.




Pois xa está. Coidadevos moito, que veñen tempos duros.
: (
(teño unha amiga que sempre pon cousas coma esa nos correios, pero ten mais graza; saudos e tal)